main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/05/201907:59
Momento de entrega dos premios dunha anterior celebración.
Oleiros

Todo listo para a celebración este venres da Noite das Telecomunicacións 2019

Este venres 24 de maio celébrase en Oleiros, na Finca Montesqueiro, a 24 edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, organizada novamente polo Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). Na cita participarán arredor de 300 profesionais TIC. O decano do colexio, Julio Sánchez Agrelo, intervirá ao inicio do evento, no decurso do cal entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019. A Noite dará comezo ás 20.00 horas. 

A nova convocatoria da celebración tecnolóxica (a número 24) desenvolverase baixo a temática da tecnoloxía 5G, o novo estándar de comunicación móbil chamado a ser o impulso definitivo da gran revolución tecnolóxica que estamos a piques de presenciar.... e vivir: a revolución da Internet das Cousas, da análise da información a gran escala e mesmo da robótica e da Intelixencia Artificial. A cita, engade a organización, contará coa presenza activa de empresas pioneiras na implantación desta tecnoloxía 5G en Galicia e outras relacionadas. O fito principal do acto estará marcado, precisamente, pola entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019, cuxa gala estará conducida polo célebre actor galego, Manuel Manquiña. O evento desenvolverase seguindo este plan: 

  • 21,40 h. (aprox).- Intervención do decano do COETG, Julio Sánchez Agrelo. 
  • 22,10 h. (aprox).- Intervención do Enxeñeiro do Ano, Rafael Moya. 
  • 22,15 h. (aprox).- Intervención da directora da AMTEGA, Mar Pereira.
23/05/201917:00
Relatores de Galicia TIC.
Santiago de Compostela

Os expertos reunidos en GaliciaTIC coinciden en alentar a transformación

Hoxe celebrouse en Santiago, na Cidade da Cultura e ante a presenza duns 250 asistentes, a nova edición (a 27) de GaliciaTIC, o senlleiro encontro tecnolóxico galego. No congreso, organizado pola asociación de empresas dixitais Ineo, participaron relatores de primeiro nivel, até 30, como por exemplo Ed Gabrys, experto analista da consultora Gartner, quen pronunciou a conferencia inaugural. Gabrys asegurou que para que a transformación dixital “sexa efectiva” é preciso que as organizacións e empresas aposten “polo cambio cultural”. E engadiu: “Coido que o problema real non é que a cultura da organización sexa resistente ao cambio, senón que os líderes de transformación dixital carecen con frecuencia dos métodos ou das ideas para cambiar os comportamentos culturais”. 

A XVII edición de GaliciaTIC 2019 congregou a preto 250 asistentes e abordou os retos aos que se enfronta o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na nosa terra. Así, nos intres previos á intervención de Gabrys, celebrouse un debate no que participaron expertos da denominada tripla hélice da innovación (administración, universidade e empresa) e que foi moderado polo director do foro, Miguel Merino. Segundo asegurou Merino, “atopámonos ante un momento clave debido á maduración de tecnoloxías que marcan un antes e un despois na liña do desenvolvemento innovador, que son cada vez máis coñecidas e empezan a ser aplicadas ao mundo empresarial e á sociedade en xeral”. No debate participaron Mar Pereira, directora da AMTEGA; Miguel Merino, en representación da Universidade de Vigo; Fernando Vázquez, director executivo e fundador de Imatia; Ramón Ares, director executivo de Ozona e Luis Sestelo, presidente de Ineo. Os cinco abordaron os desafíos do sector TIC galego e temas como a importancia da internacionalización ou as solucións á escaseza de talento tecnolóxico-dixital. Mar Pereira, directora de AMTEGA, arrincou o debate falando do impacto que ten a tecnoloxía en todos os aspectos e incidiu en que hai que reforzar o ecosistema dixital coa especialización e as alianzas: “Necesitamos perfís que xestionen e lideren proxectos de transformación dixital que son os que nos sitúan de maneira diferencial en todo o mundo”.

Merino, pola súa banda, explicou que o sector TIC en Galicia representa o 5% do total de España, e que isto só se reflicte nun 2,7 % da súa contribución ao PIB nacional. A este respecto, Fernando Vázquez, de Imatia, apuntou a que “o problema do medre pasa polo investimento” e fixo fincapé na importancia de capitalizar as empresas “para que estas poidan crecer e apostar pola creación de produtos”. Para Luis Sestelo, é fundamental a colaboración empresarial: “Precisamos que as compañías poidan traballar de maneira colaborativa, fai falta gañar tamaño e especializarse”. Ramón Ares, CEO de Ozona, salientou que “en Galicia cústanos ceder a propiedade. A maior parte das empresas son froito de iniciativas profesionais que se concretaron en empresas, que son dirixidas polas mesmas persoas que as crearon e ás que lles custa ceder parte da xestión”. Ares animou a todas as tecnolóxicas a “traspasar fronteiras” e fixo fincapé “na calidade das empresas galegas que están internacionalizadas”. 

Ao longo da mañá, GaliciaTIC 2019 acolleu outras mesas de debate nas que participaron especialistas de empresas de renome como Orange, Microsoft, Nokia, R, Abanca, Telefónica, Hijos de Rivera, Sanitas ou Deloitte, entre outras moitas. Tratáronse cuestións como a Intelixencia Artificial na empresa, o traballo dixital, a computación na nube, as tecnoloxías 5G, as Cidades Intelixentes, a aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito sanitario, a escaseza do talento TIC e a Industria 4.0, automatizada, sustentable e eficiente.

23/05/201912:13
Impresora 3D.
As Pontes

Os vehículos solares centran unha nova sesión dos Amigus Labs

Este vindeiro mes de xuño as argalleiras e argalleiros que queiran avanzar nas súas capacidades e coñecementos van ter unha ocasión ideal para facelo: unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros maker que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes. A cita será os días 1 e 2 de xuño na Biblioteca Profesional de Música das Pontes. Será a edición 19.2 dos Amigus Labs. Avanzarase nos tres proxectos que levarán á comunidade Amigus á cuarta Regata Solar que organiza Marine Instruments en Baiona o vindeiro 22 de xuño.

Trátase de tres proxectos abertos, realizados ao abeiro do Fab Lab de Amigus, nos que calquera pode participar para fomentar a creatividade en común e a colaboración. En todos eles empréganse software e hardware libre ou de código aberto. As tarefas pendentes son as seguintes:

  • Por unha banda, cómpre rematar a programación e configuración dun banco de probas, para analizar de forma sinxela a eficiencia de distintos motores e hélices e verificar cal achegará un meirande rendemento. O prototipo desenvolveuse con dous Arduinos Nano, sensores de IR e UV, un sensor de carga e un voltímetro mediante un divisor de corrente. Os valores que se avaliaron nos Amigus Labs previos foron en parte os empuxes que fornecen cada conxunto de hélices e o motor en función de diferentes condicións de corrente simuladas que se obteñen coa placa solar. 
  • Outro dos labores a retomar é a construción do barco solar, de novo deseñado e impreso en 3D e que está xa nun avanzado estado de desenvolvemento: restan uns derradeiros retoques de pintura no casco, e falta engadirlle a electrónica e mecánica e comenzar as probas de navegación no Lago das Pontes. Segundo informan dende Amigus, “este ano o buque ten un deseño máis eficiente, baseámonos unha vez máis no deseño dun trimarán con hydrofoil, que esperemos que nos faga un excelente rendemento, tal e como fixo nas probas do simulador”.
  • O terceiro dos proxectos é un coche solar, que se está acabando de imprimir en 3D, evitando botar man (no posible) de pezas comerciais. Durante a Amigus Labs montaranse e deseñaranse as partes de hardware e software libre para o control. Tódalas actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para xantar de 14:00 a 16:00 o sábado e de 10:00 a 14:00 o domingo.
23/05/201908:00
Cartel do evento.
A Coruña

Youtubeir@s convoca dúas xuntanzas para impulsar máis vídeos en galego nas redes

O certame Youtubeiras.gal, dirixido a encher as redes de vídeos en galego da nosa mocidade, vai coller impulso con dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube. O obxectivo: motivar a súa vinculación e crear redes conxuntas de traballo. Cómpre lembrar que o concurso atópase a día hoxe na súa terceira edición, baixo o epígrafe Conéctate á comunidade e multiplícate

O certame vén da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Unha das grandes novidades deste ano foi a posta en marcha de recursos extra para facer medrar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, amais de fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido en Youtube. Froito destes obxectivos convocáronse as dúas xuntanzas das que falamos ao comezo deste artigo. A primeira delas, Youtubeir@s en conexión, celebrarase o vindeiro 8 de xuño na Coruña e estará aberta á participación de todas as persoas que no panorama galego creen vídeos no Youtube.

A finalidade é achegar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. Esta xornada de convivencia, dinamizada por Ben Curiosa (equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e a creatividade en común) celebrarase entre as 10.30 e as 13.30 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (Rúa da Veeduría, 2). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal.

O segundo evento, Lista de reprodución ao vivo, será o 28 de xuño entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela). Esta cita quere emular o espírito das bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Esta será a metodoloxía: cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá facer preguntas e interactuar cos chamados “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.

22/05/201916:15
Asistentes ao acto da primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial.
Tui

Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispoñer dos servizos avanzados que posibilitará o 5G en eidos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios

  • Feijóo asevera que a Comunidade quere seguir aproveitando as oportunidades desta tecnoloxía para mellorar tamén a calidade dos servizos públicos básicos, como a sanidade –coa prestación de servizos médicos a distancia- ou a educación
  • O presidente da Xunta incide en que Galicia conta, entre outros aspectos, cun hipersector TIC, formado por 3.400 empresas e máis de 23.000 profesionais
  • O titular da Xunta avoga por seguir apostando pola formación e lembra que só en España o impacto económico do 5G nos sectores da automoción, saúde, transporte e servizos públicos será de máis de 14.600 millóns antes do 2025
  • Afirma que a cidade de Vigo e a cidade da Coruña converteranse nas dúas primeiras cidades de España e das poucas de Europa que van ter cobertura 5G

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispoñer dos servizos avanzados que posibilitará o 5G en eidos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios.

Durante o acto celebrado con motivo da primeira conexión 5G Vodafone en mobilidade (roaming) a nivel mundial, entre Tui e Valença do Minho, Feijóo aseverou que a comunidade galega quere seguir aproveitando as oportunidades desta tecnoloxía para mellorar a calidade dos servizos públicos básicos, como a sanidade –coa prestación de servizos médicos a distancia- ou a educación; incrementar a competitividade das empresas; e favorecer o desenvolvemento das cidades intelixentes e os vehículos conectados.

Para isto, resaltou que a Comunidade conseguiu conformar un nodo 5G, co compromiso dos tres principais operadores -Vodafone, Telefónica e Orange- para realizar 9 casos de uso de 5G ata o 2020. Ao respecto, destacou, a modo de exemplo, os tres proxectos piloto de Vodafone: un en materia de extinción de incendios. Outro sobre a ambulancia 5G, conectada en tempo real a través de redes sen fíos de alta capacidade que permite a monitorización do paciente crítico remoto. E, en relación á terceira iniciativa, Feijóo destacou a aposta polo coche conectado, para a mellora na xestión do tráfico en interseccións coa comunicación entre vehículos e viandantes, entre outros aspectos.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que Galicia non só quere estar presente nesta revolución cotiá que imos vivir, senón que conta ademais con capacidade e fortalezas para posicionarse: con empresas tractoras en sectores como a automoción, o téxtil ou a alimentación; cun hipersector TIC, formado por 3.400 empresas e máis de 23.000 profesionais; con universidades e centros tecnolóxicos en ámbitos como as telecomunicacións, a supercomputación e a automoción, ou a Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo; con proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G, como o corredor entre Vigo e Porto para realizar ensaios transfronteirizos en torno ao vehículo conectado; e co operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos en rede.

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé na importancia de ofrecer formación neste eido, mentres os diversos sectores profesionais toman conciencia das oportunidades e cambios que pode supoñer o 5G en conxunción con outras tecnoloxías, referíndose á posta en marcha, en setembro, do novo Curso de Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial. Non en van, estímase que só en España o impacto económico do 5G nos sectores da automoción, saúde, transporte e servizos públicos será de máis de 14.600 millóns de euros antes do 2025.

Feijóo concluíu reiterando que Galicia aspira a seguir posicionándose no eido do 5G como a única Comunidade en presentar iniciativas dos tres operadores ás axudas estatais para subvencionar pilotos 5G. “E a cidade de Vigo e a cidade da Coruña converteranse nas dúas primeiras cidades de España e das poucas de Europa que van ter cobertura 5G” abundou.

Primeira conexión transfronteriza con 5G a nivel mundial

Vodafone España e Vodafone Portugal, xunto a Ericsson levaron a cabo hoxe a primeira conexión 5G de datos transfronteriza do mundo, entre as localidades de Tui e Valença do Minho.

Deste xeito, dous xogadores profesionais do equipo Giants Vodafone (Fox y Tojor) completaron o traxecto entre Tui e Valença en dous coches mentres xogaban en sendas tablets a PUBG Mobile.

Durante o traxecto os gamers desfrutaron das vantaxes do 5G, con valores de latencia inferiores a 10ms e velocidades superiores aos 700Mbps.

O gaming é un dos sectores que se verá máis beneficiado desta tecnoloxía, xa que proporciona as latencias necesarias para xogar en tempo real en calquera momento e en calquera lugar. O 5G reducirá notablemente os tempos de resposta das apps móbiles, permitindo a aparición de novas categorías de xogos móbiles, así como de potenciais campionatos e ligas profesionais nestas plataformas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS