main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/05/201907:55
Cartel do evento.
Ferrol

Os obradoiros argalleiros de CreaR chegan este sábado a Ferrol

Quen queira pasar a fronteira de ser simple usuaria ou usuario de tecnoloxías avanzadas para converterse, tamén, en argalleira/o, vai ter unha boa oportunidade para evolucionar neste punto da man da operadora galega R. Ao abeiro do seu proxecto educativo-tecnolóxico CreaR para pequenos e maiores, o sábado 1 de xuño comezan en Ferrol (e até finais de ano noutras localidades da nosa terra) os obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora, nas que se vai poñer o foco, novamente, nas bondades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas. 

Como lembraremos, os obradoiros de CreaR están dirixido a pequenos (mostrándolles os beneficios estimularen as súa capacidades pola vía da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente máis nova). A nova andaina do programa comezou os días pasados no Fórum de Carballo e proseguen agora en Ferrol, na Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, en horario de 11.00 a 13.00 horas.

A nova etapa de CreaR, incluída a cita de Ferrol, inclúe varias vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipo ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. 

Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo. A maiores, os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.

Os obradoiros e as charlas do programa CreaR arrincaron a súa andaina o pasado 23 de febreiro en Carballo, e de aí até o final de ano visitan localidades como Ferrol, Viveiro, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Cangas, Cambre ou Lugo. O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes. Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

28/05/201910:30
Logo Codix.
Santiago de Compostela

Nova convocatoria do curso de preparación por teleformación para a obtención do CODIX

  • A súa publicación no DOG prevese para o luns 3 de xuño

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten previsto abrir o martes 4 de xuño o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recollerá na convocatoria que ten previsto saír publicada o próximo luns 3 de xuño no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar a finais do mes de novembro.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame -ou xustificar a súa exención-, tendo preferencia as persoas que non se matricularan na edición inmediatamente anterior desta actividade formativa convocada no pasado mes de xaneiro.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición será de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o martes 4 de xuño ata o luns 10 de xuño inclusive. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas.

As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,37 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a dita taxa.

A preinscrición neste curso e demais trámites relacionados co mesmo realizaranse exclusivamente a través de internet, por medio dun enlace que figurará nesta páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal)

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
28/05/201908:26
Exterior do edificio da Biblioteca Ánxel Casal.
Santiago de Compostela

A Biblioteca Ánxel Casal móstranos como aproveitar as TIC na nosa vida cotiá

Botar luz sobre todas as actividades diarias (comunicacións, busca de datos, trámites administrativos) que podemos facilitar e axilizar por medio das novas tecnoloxías. Este é o gran obxectivo común dos obradoiros que prepara a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago para este mes de xuño: dous talleres de balde parar formar á cidadanía nas vertentes máis prácticas dos novos dispositivos. Segundo informa a biblioteca, os cursos teñen un carácter práctico de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá.

Os cursos Queres perder o medo ao teu smartphone? e Xestións por internet: banca online, e-Administración, e-Saúde, servizos electrónicos serán impartidos por profesorado da academia Tesdai.

A celebración das sesións formativas terá lugar nas salas de traballo en grupo do terceiro andar. Para o curso Queres perder o medo ao teu smartphone? as persoas participantes deberán traer o seu propio teléfono intelixente. No curso Xestións por internet, a biblioteca porá a disposición de cada unha das persoas admitidas un ordenador portátil con conexión a Internet vía Wi-Fi. Ademais, deberán traer un teléfono móbil para acceder á rede sen fíos.

O período de inscrición abrirase o 4 de xuño e prolongarase ata o 14 de xuño. Requírese inscrición previa chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador do andar baixo da biblioteca. Para poder participar é necesario ser socio ou socia da biblioteca.

28/05/201908:23
Participantes na xornada.
A Coruña

Máis de 80 nenas participaron na iniciativa Oracle4Girls no CITIC

Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña converteuse este sábado 25 de maio nun centro de traballo das rapazas e para as rapazas. Estamos a falar da iniciativa Oracle4Girls, na que participaron máis de 80 nenas e arredor dunha trintena de pais e nais. O obxectivo deste proxecto posto en marcha por Oracle é achegar ás pequenas as disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

O evento, que tivo lugar nas instalacións do CITIC no Campus de Elviña, estivo composto por sete obradoiros de circuítos con plastilina condutiva, de iniciación á programación, de controladores de tráfico e de coches teledirixidos, entre outras actividades creativas. Segundo fai saber o centro coruñés, a metodoloxía utilizada nestes talleres de formación baseouse na realización de pequenos proxectos, que permiten ás nenas e adolescentes gañar autoconfianza. En canto ás charlas para pais e nais, a primeira delas desenvolveuse baixo o epígrafe O futuro da tecnoloxía e foi impartida pola investigadora do CITIC e coordinadora do Grao en Enxeñaría Informática da UDC, Laura Castro. Centrouse na importancia da tecnoloxía no presente e no futuro, salientando o papel da educación para promover a vocación científica. A segunda charla, Navega con Rumbo, veu da man da analista forense e membro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Pilar Vila, que achegou recomendacións para un uso seguro de Internet.

O programa Oracle4Girls xa se levou a cabo noutras cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Málaga e Xixón, acadando unha participación de máis de 800 nenas en total.

28/05/201907:53
Funda-guía impresa en 3D para un teclado de portátil.
Madrid

Fundación ONCE presenta "Expo 3D Produtos de apoio" unha mostra de obxectos impresos en 3D que melloran a vida de persoas con discapacidade

  • A mostra "Expo 3D Produtos de apoio" da Fundación ONCE inaugúrase este mércores, 29 de maio, ás 11 horas, na Sala Cambio de Sentido de Fundación ONCE (Rúa Sebastián Herrera, 15. Madrid).

 

Baixo o título de "Expo 3D Produtos de apoio", a Fundación ONCE mostra unha serie de deseños innovadores impresos en 3D que permiten mellorar a vida diaria das persoas con discapacidade . 

A exposición "Expo 3D Produtos de apoio" estará aberta ao público desde o luns 27 de maio ata o venres 7 de xuño na Sala Cambio de Sentido da Fundación ONCE (Rúa Sebastián Herrera, 15), en Madrid.

Inauguración

A inauguración da "Expo 3D Produtos de apoio" terá lugar o mércores 29 de maio, ás 11 horas, e contará coa participación de Jesús Celada, director do Real Padroado sobre Discapacidade, acompañado por José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, e Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE.

Paloma Cid, técnico da Dirección de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, será a encargada de explicar tecnicamente en que consiste o proxecto e ofrecerá unha visita guiada da exposición na que os asistentes poderán ver a impresora 3D en funcionamento.

Proxecto impresión 3D 

O proxecto púxose en marcha dentro do convenio marco que a Fundación ONCE ten co Real Padroado sobre Discapacidade.

A impresión 3D está a converterse nun recurso de indiscutible utilidade en diversos ámbitos, como o industrial e o sanitario, por mencionar dúas das áreas nas que esta técnica ten máis proxección. A Fundación ONCE, ao amparo do convenio co Real Padroado sobre Discapacidade súmase ao uso desta tecnoloxía, deseñando diferentes elementos que faciliten a vida a todas as persoas. Esta modesta exposición mostra algúns dos produtos de apoio sobre os que se estivo traballando durante o pasado ano. O obxectivo é facilitar diferentes tarefas da vida diaria de modo que as persoas poidan executalas da maneira máis independente posible. Todos os deseños da Fundación ONCE son de libre descarga para que quen o necesite, poidan adaptalos ás súas necesidades e imprimilos. https://www.thingiverse.com/fundaciononce/collectionse

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS