
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura (CCG), vén de poñer o punto de mira nos hábitos das galegas e os galegos ao abeiro dunhas tecnoloxías cada vez máis presentes nas nosas vidas: as tecnoloxías dixitais. Froito da investigación do CCG é o documento de traballo Tecnoloxías da información e a comunicación, que guinda unha máis que completa listaxe de datos interesantes sobre os nosos puntos fortes e as nosas eivas en materia TIC. Entre os datos máis positivos, figura o noso dominio dos chamados Entornos Virtuais de Aprendizaxe, un modelo educativo novo no que estamos á cabeza do Estado (colexios públicos).
Tamén destacamos en uso de redes sociais (o 81,9% da poboación está presente nelas e úsaas para comunicarse e obter información), sendo máis maioritaria a aposta polo Facebook, seguida de lonxe por Instagram e Twitter. O estudo adica unha parte relevante do seu miolo a coñecer a situación de equipamento e uso nos centros escolares. Segundo fai saber o Observatorio, os indicadores constatan unhas cifras en aumento, xa que a ratio de alumnas e alumnos por computador no curso 2016-2017 é de 2,3, no canto dos 3,1 puntos de cinco cursos antes.
No informe tamén hai datos relativos á docencia que cómpre mellorar. Por exemplo, que Galicia está nas Comunidades que teñen a media de alumnos por ordenador máis baixa, fronte á Comunidade de Madrid, que ten 5 escolares por cada aparello informático, unha taxa que cae aínda máis na nosa terra se atendemos ao ao equipamento do profesorado: Galicia está neste punto en peor posición có conxunto de España, dado que a media é de 2,2 profesores por cada equipo e na media de España é de 1,9. Porén, o informe constata “que a conectividade dos centros a Internet é moi positiva”. Así, dise que “practicamente a totalidade dos centros educativos teñen conexión”, poñéndose Galicia, neste eido, en 1,2 puntos sobre a media estatal, cunha taxa do 95,8%.
No que atinxe ao que se fai con eses equipamentos, o estudo sinala que o 91,6% dos centros educativos da Comunidade galega dispón de páxina web, pero o uso máis salientable ten que ver co emprego de Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA), que implica a entrada en xogo de tecnoloxías no proceso educativo (realización de exercicios, interacción co profesorado ou traballo en equipo). Neste eido, Galicia está á cabeza de todas as Comunidades e supera a media estatal en 34 puntos porcentuais. A desigualdade de uso é grande entre centros públicos (87,1%) e privados (28,8%), o contrario do que acontece no resto do Estado.
Polo respecta ás redes en si mesmas, o estudo do CCG constata as boas sinerxías que teñen establecido coa poboación de aquí. Así, oito de cada dez galegos úsanas e, dentro delas, Facebook é a máis empregada. O 81,4% das e dos internautas galegos elixen esa rede para comunicarse, informarse e subir fotos, comentarios e opinións. Xa, a moita distancia, Instagram é a segunda opción (55,3%), seguida de Twitter (47,3%) e LinkedIn (25,2%). O emprego deste servizos de comunicación en liña sitúanos por riba da media no conxunto de España.
Polo que respecta aos blogs, seguen un vieiro en caída, sexan da índole que sexan. Das páxinas web, Google segue a ser a páxina máis consultada tanto en Galicia (28,7%) coma no conxunto de España (28,1%). A segunda cun meirande índice de acceso na nosa terra é La Voz de Galicia, cun 18,1%. YouTube, Amazon, Marca, El País, Faro de Vigo, Meteogalicia e Xunta de Galicia tamén están entre os sitios en liña máis visitados.
Con respecto aos servizos de mensaxes instantáneas, WhatsApp é o preferido, cun 95,1% dos usuarios. Séguenlle outros como Telegram ou Facebook Messenguer con taxas do 24,6% e o 13,7% respectivamente. Skype baixou o seu uso desde 2016 pois pasou do 36,6% ao 24,3%.Respecto dos motivos para conectarnos, ler novas segue a ser o obxectivo principal (o 87% dos usuarios fano por ese motivo).
No que atinxe ao comercio electrónico, en 2018 houbo en Galicia 148.000 usuarios máis ca en 2015. Pola Rede mercamos sobre todo roupa e artigos deportivos. No informe tamén se di que o ano pasado un 94,2% das nenas e nenos galegos de 10 a 15 anos usou o computador, un 95,3% accedeu a Internet e un 66,5% dispuxo de teléfono móbil.
O programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ concedeu hoxe 35.000 euros aos mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2018. Estes recoñecementos foron outorgados no acto de clausura da terceira edición do programa, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura.
‘Connecting for Good Galicia’ é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores.
Os seis proxectos participantes da súa terceira edición foron Atlante Medical, CropDeal, Feedcoo, Fisioadvisor, MyOpen e Quiero un abuelo. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), concedeu unha axuda de 25.000 euros ao mellor proxecto da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido foi Atlante Medical, un proxecto orientado ao sector da medicina e baseado na obtención de modelos tridimensionais, que ten o obxectivo de proporcionar directamente ao profesional médico un produto final físico, extraído do modelo tridimensional do paciente, co que diagnosticar ou tratar, aumentando a precisión e reducindo os tempos de espera e de tratamento.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade” ao proxecto Quiero un abuelo con 10.000 euros, por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal. Quiero un Abuelo é un proxecto interxeneracional para conectar a persoas maiores con nenas e nenos, co obxectivo de paliar a soidade das persoas maiores e as dificultades de conexión coas novas xeracións.
Todos os proxectos participantes recibiron o diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e mentoring que se impartiu no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
Esta iniciativa enmárcase no Pacto Dixital de Galicia, impulsado pola Amtega, e na rede de aceleradoras de empresas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia apoia a través da plataforma StartIN Galicia, que desde 2014 ten impulsado máis de 900 proxectos. Ademais, esta aceleradora de innovación social está aliñada coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, que persegue a través do seu reto 3 acadar un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo, especialmente no ámbito da terceira idade.
Este xoves 30 de maio comeza o prazo de presentación de candidaturas dun dos eventos creativos máis importantes do ámbito peninsular: a feira Pont-Up Store, centrada na innovación, no emprendemento e no pulo da nosa xente por transformar o mercado e os servizos que lle dan alicerce. A sexta edición da feira pontevedresa desenvolverase baixo un epígrafe que reivindica o espírito visionario a afouto das nosas emprendedoras e emprendedores: O impulso da xente valente. A xeito de novidades, incluirase unha “romaxe creativa” e un espazo adicado ao emprendemento senior. Amais, achegaranse unha chea de iniciativas sobre a industria dos videoxogos.
A feira celebrarase en Pontevedra, coa praza de España como centro de operacións, os días 19, 20 e 21 de setembro. Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands de balde dispoñibles; propoñer actividades de demostrativas dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés (no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos as súas propostas a representantes de importantes empresas e entidades galegas).
Nesta edición contarase co apoio das firmas EDISA, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xanceda. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades desde mañá 30 de maio ao 7 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 23 de xullo.
Polo que respecta á campaña deste ano (O impulso da xente valente), quere poñer en valor “o risco que asumen as persoas que deciden emprender para agradecerlles a valentía de apostar por unha idea, entregando o seu tempo e o seu esforzo para facer realidade proxectos que tantas veces contribúen a mellorar a vida da nosa sociedade”. A imaxe da campaña é obra da ilustradora galega Iria Prol.
Como dixemos, o evento vai poñer o foco no eido dos videoxogos, amplificando algunha das actividades xa iniciadas en edicións previas. Haberá, con respecto ao ano pasado, máis espazos de exposición onde os visitantes poderán conversar con profesionais do sector, meirande número de obradoiros de formación e charlas, e competicións de eSports nas plataformas máis concorridas. Todo isto formará parte desta edición do Espazo Gaming Pont-Up Store 2019. Asemade, presentarase o evento Pont-Up Hobbypont 2019 by Hobbycon, unha actividade rebordante de videoxogos, animación, cómics e xogos de mesa, entre outras vertentes do lecer.
O Pont-Up Store está liderado polo Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello local como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores, co obxectivo común de converter Pontevedra “na capital galega das mellores iniciativas empresariais”. Este ano, súmanse a este gran equipo FINSA, Gadis, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.
O Concello de Ourense, a través da Concellería de Promoción Económica no Centro de Innovación e Coñecemento La Molinera, organiza unha nova edición dos Campamentos Tecnolóxicos de Verán La Molinera Kids 2019, unha aposta municipal pola educación non formal e, tamén, por introducir dunha forma lúdica e eficaz á rapazada nas prometedoras vertentes da investigación tecnolóxica e científica.
Estas actividades están destinadas a mozos e mozas entre 8 e 16 anos co obxectivo de que empreguen o seu tempo de lecer no verán participando nas actividades de carácter lúdico, cultural, tecnolóxico e formativo, “que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital”, informa o Concello. Ofértanse 150 prazas para todos os obradoiros, 30 por cada campamento.
Poderán solicitar praza rapazas e rapaces nacidos entre os anos 2003 e 2011, ambos incluídos. As peticións deberán presentarse online a través do formulario do espazo web de La Molinera. O prazo será dende o luns, 27 de maio, até o mércores, 5 de xuño, ás 24:00h. As prazas asignaranse por sorteo público, e as persoas admitidas publicaranse na páxina web de La Molinera e no taboleiro da mesma.
A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Nieves Rodríguez Brisaboa, vén de recibir un moi relevante recoñecemento ao seu labor e contribucións. Máis en detalle, foi distinguida co Premio Nacional de Informática, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.
Segundo informa o CITIC, este galardón é un dos máis prestixiosos a nivel nacional no ámbito da Enxeñería Informática e está dirixido a recoñecer o traballo de investigadoras, investigadores e entidades na área da informática que dedican a súa carreira profesional ao estudo, fortalecemento e divulgación deste ámbito profesional. Nieves Rodríguez Brisaboa é catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña e investigadora principal do Laboratorio de Bases de Datos (LBD), adscrito ao CITIC. O xurado desta terceira edición dos Premios Nacionais de Informática recoñece á investigadora do CITIC co Premio Ángela Ruiz Robles “polos seus traballos de investigación e innovación relacionados coa Xestión de Datos, así como as súas iniciativas nos eidos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e institucións públicas e a creación de empresas de base tecnolóxica”.
Investigadores do CITIC premiados na edición anterior
O CITIC lembra que a liña de recoñecementos recibidos pola SCIE é unha liña de continuidade. Así, na edición anterior, en 2018, o investigador do CITIC Ramón Doallo recibiu o Premio Nacional de Informática “polas súas sobresaíntes contribucións á arquitectura e á tecnoloxía de computadores” e “pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.Pola súa banda, o investigador David Vilares foi condecorado co Premio Jóvenes Investigadores Informáticos “polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación ao análise de sentimentos en redes sociais”.