
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, volve este mes de xuño con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 20 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e O Porriño. A estas actividades cómpre sumar as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e a media ducia de Cambados, ás que se engadirán en breve as de Lalín, A Estrada e Barro. En total, 33 obradoiros polo de agora. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este os seguintes obradoiros: O teu plan de márketing dixital paso a paso, este martes ás 19 horas. O martes 11, ás 18 horas, celebrarase Crea a túa tenda en liña con Prestashop. O martes da seguinte semana, 18 de xuño, ás 19 horas, impartirase Como presentar a túa idea de forma efectiva en tan só 5 minutos. A seguinte será Motores de reservas para empresas turísticas, o xoves 20 ás 17 horas. A quenda de Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais será o martes 25 de xuño, ás 18 horas. E, xa por último, o xoves 27, ás 19 horas, Crea a túa presentación comercial en menos de 90 minutos será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
A oficina do Porriño inicia os cursos tamén esta tarde, ás 17 horas, co curso Motores de reservas para empresas turísticas. Logo, Vende produtos en liña con campañas de Google Shopping chegará o xoves desta mesma semana ás 19 horas. O martes 11, ás 18 horas, impartirase Crea unha páxina profesional con WordPress. A acción Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM terá lugar o xoves 13 ás 19 horas. O martes 18 de xuño, tamén ás 19 horas, chega Fotografía de turismo: As liñas no espazo. O xoves desa mesma semana, outra vez ás 19 horas, impartirase o curso Mellora a túa presenza en liña promovendo as entradas do teu blog. E, por último, o martes 25, tamén ás 19 horas, terá lugar na sede do Porriño Copywriting aplicado a web e redes sociais. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Por último, as quendas para o mes de xuño na oficina de Ponteareas comezan tamén hoxe, ás 19 horas con Copywriting aplicado a web e redes sociais. A seguinte acción será Todo o que precisas saber sobre G Suite, o xoves desa mesma semana ás 18 horas. O curso Fotografía de turismo: As liñas no espazo chegará a Ponteareas o martes 11 ás 19 horas. O xoves 13 de xuño, ás 17 horas, impartirase Marketing desde cero: conceptos e trucos. O martes da seguinte semana, 18 de xuño, tamén ás 17 horas, será a quenda de Como mellorar o posicionamento local da túa empresa turística. O curso Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chegará o xoves 20 ás 19 horas. E, para rematar, Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing terá lugar o martes 25, tamén ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
O primeiro dos obradoiros de Cambados será O teu plan de marketing dixital paso a paso, que se desenvolverá hoxe martes a partir das 19 h. O martes 11 de xuño, á mesma hora, terá lugar Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM. O seguinte será o xoves desa mesma semana, cando tamén a partir das 19 horas terá lugar o curso Mellora a túa presenza en liña promovendo as entradas do teu blog. O cuarto curso seráObtén o valor dos teus datos con Google Data Studio, que terá lugar martes 18, ás 18 h. O martes 25, esta vez ás 17 horas, Cambados acollerá Empresas de actividades turísticas e plataformas de comercialización en liña. Por último, o xoves desa mesma semana, ás 18 horas, terá lugar o curso Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais.
O programa da sede da Deputación en Pontevedra comeza con Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM, que se desenvolverá hoxe martes a partir das 19 h. O seguinte será o xoves, cando a partir das
17 h terá lugar o obradoiro Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico. O terceiro curso será Como presentar a túa idea de forma efectiva en tan só 5 minutos, que terá lugar o xoves 13 de xuño ás 19 h. A seguinte semana, Pontevedra acolleráDesenvolve a túa propia estratexia de email marketing, o martes 18 de xuño tamén ás 19 h. O obradoiro Fotografía para xoiería, chega o xoves 20, outra vez ás 19 horas. Por último, o martes 25 de xuño ás 18 h terá lugar o curso Obtén o valor dos teus datos con Google Data Studio e o xoves 27, ás 19 h, Google Calendar, moito máis que unha axenda.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A sede da Fundación ONCE en Madrid acolle o vindeiro martes, día 4 de xuño, ás 12 horas, a presentación da nova versión de Medicamento Accesible PLUS, a aplicación para dispositivos móbiles desenvolvida en 2014 polo Consello Xeral de Farmacéuticos, a Fundación ONCE e a Fundación Vodafone España.
A nova versión, máis completa e máis fácil de usar, recolle información accesible sobre medicamentos e facilita aos cidadáns a súa consulta mediante a captura do código de barras e dun modo totalmente accesible para garantir a comprensión independentemente do tipo de discapacidade do usuario.
Entre as novidades destaca un sistema de alertas en función da medicación e o perfil de usuario, por exemplo, para usuarios con intolerancias alimentarias, mulleres embarazadas ou deportistas de competición.
A presentación contará coa participación de Jesús Celada, director de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Jesús Aguilar, presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos; Mª Satur Torre, directora da Fundación Vodafone España, e José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.
A continuación, terá lugar un taller demostrativo das funcionalidades da app no que se mostrará como se instala, a creación dun perfil, a localización dun medicamento, a súa carga na sección As miñas Medicinas, a consulta de información dun prospecto coas súas seccións e o aviso de alertas, entre outras.
Galicia quere ter educación dixital, e cada pouco damos novos pasos no camiño das tecnoloxías plenamente inseridas no ensino, como materia de estudo (e experimentación), como instrumento para mellorar o estudo doutras materias. Turrando desta transformación educativa atópase Abalar, proxecto no que se insire a iniciativa E-Dixgal, que vén de achegar unha serie de novidades. Por exemplo a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual, a iniciativa DIXT. Así nolo contan as impulsoras de E-Dixgal, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Educación.
A orixe destas novidades está no pasado mes de xaneiro, cando se formou un equipo integrado por unha decena de profesores de diferentes materias e centros educativos galegos (co apoio das empresas tecnolóxicas Everis e R) para abordar a xeración de contidos dixitais aproveitando as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual de Galicia, e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego así como as súas necesidades. Nestes meses o profesorado realizou a proposta de contidos e definiu os obxectivos, competencias, esquemas e materiais adicionais. Sobre este alicerce, as empresas TIC e do audiovisual implicadas elaboraron recursos aplicando as tecnoloxías máis innovadoras: Realidade Aumentada, Realidade Virtual, simulación, gamificación, Intelixencia Artificial, aprendizaxe personalizada e adaptativa...
A día de hoxe, xa están elaborados os primeiros contidos que antes do remate do curso serán validados polos propios docentes nas aulas galegas, de xeito previo á posta a disposición gratuíta para toda a comunidade educativa galega a través das plataformas do Proxecto Abalar. En concreto, probaranse varios Snack Experiments para a materia de Bioloxía e Xeoloxía, que ofrecen ao alumnado a posibilidade realizar experimentos a través de vídeo interactivo mostrando distintas secuencias de vídeo en función da interacción do usuario, accesibilidade mediante subtítulos, diversos idiomas e linguaxe de signos.
Amais, elaboráronse contidos de matemáticas con Regletas Cuisinare que ofrecen simulación interactiva para a aprendizaxe a través da manipulación de figuras 3D (prismas de plástico ou de madeira que simbolizan distintos números segundo a súa lonxitude e cor) para realizar diferentes operacións matemáticas (lóxica, indución, estimación e aproximación). Ao abeiro disto, o alumnado pode manexar estas figuras (arrastralas, viralas, etc) na área de traballo, para realizar as operacións que se expoñan nas actividades. Por outra banda, a AMTEGA e Educación informaron de que se está a pechar a creación de novos contidos que empregarán tecnoloxías como o Intelixencia Artificial, analítica de vídeo,Machine Learning (aprendizaxe máquina), vídeo inmersivo 360 e Realidade Aumentada.
Máis sobre DIXIT
A iniciativa DIXIT cingue a capacidade de emprego de tecnoloxías innovadoras do mundo empresarial (obtido a través de licitación pública), coa do profesorado galego (a través da escolma de docentes de referencia por parte da Consellería de Educación). Nesta iniciativa, estanse a desenvolver contidos de 3 ámbitos: Matemáticas, Ciencias Naturais e Idiomas.Con DIXIT súmase unha terceira liña na posta á disposición de e contidos educativos innovadores para que a comunidade educativa poida tirar proveito deles no ensino dixital, ou como recursos complementarios: a través de contidos dixitais producidos polos propios docentes dispoñibles no espazoAbalar, a través de contidos dixitais proporcionados polo sector empresarial produtor de contidos na Plataforma virtual de E-Dixgal; e a través da unión das capacidades de ambos ámbitos, o docente e o empresarial (DIXIT).
O Premio Ada Byron que concede anualmente o CPEIG (co obxectivo de mostrar as importantes e decisivas contribucións das mulleres ao ámbito das novas tecnoloxías da información) irá dar este 2019 á profesora, investigadora e enxeñeira en Informática galega Mónica Fernández Bugallo. O colexio quixo salientar con este recoñecemento o importante labor de Mónica nos eidos divulgativo e investigador, a súa relevante traxectoria internacional, o seu compromiso co fomento de vocacións tecnolóxicas (poñendo o foco no potencial das rapazas) e o salientable traballo como directora do programa Mulleres na Ciencia e na Enxeñaría.
Segundo informa o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o premio será entregado no marco da XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se vai celebrar o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Mónica Fernández Bugallo (Ferrol, 1975) é profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York, ademais de directora do Programa Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE–Women in Science & Engineering) desde 2016.
A profesional centrouse na educación STEM e iniciou varios programas de éxito co obxecto de involucrar aos alumnos e espertar unha serie de emocións en todas as fases académicas da enxeñaría e da investigación, centrándose nos grupos menos representados. É autora de máis de 175 artigos en xornais e relatora de multitude de conferencias.
Polo que respecta a WISE, creouse na Universidade de Stony Brook en 1993, con financiamento da National Science Foundation, para aumentar a participación das mulleres na ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM). Cando cesou este financiamento externo inicial, a universidade institucionalizou o devandito programa, e actualmente atópase no Colexio de Enxeñería e Ciencias Aplicadas (CEAS) e segue a ser un programa emblemático para promover a diversidade en STEM na universidade. WISE foi elevado hai pouco á categoría de Programa de Honores. Os cursos planificados están dirixidos a estudantes universitarias de alto grao que obteñen titulacións tecnolóxico-científicas, que actualmente cursan preto de 370 estudantes e esperan chegar a un total de 400 alumnas. Ademais, organízanse unha serie de experiencias de fomento da investigación con feitura de campamentos de verán e outros programas académicos. Tamén se destinan estes cursos a estudantes de secundaria, onde actualmente participan unhas 150 estudantes e agárdase chegar a un total de 300 alumnas ao ano nos vindeiros dous anos.
“Formar parte de WISE supón estar nunha comunidade de estudantes, profesores e persoal de apoio comprometidos en axudar ás mulleres a perseguir os seus intereses en ciencias, matemáticas e enxeñaría”, explica Mónica Fernández Bugallo. A galardoada este ano co Ada Byron tamén é a investigadora principal de tres proxectos educativos financiados polo National Science Foundation (NSF), incluíndo o proxecto de educación, orientación, avance e aprendizaxe en tecnoloxía e enxeñería Education, Guidance, Advancement, and Learning in Technology and Engineering(ÉGALITÉ), que ofrece un completo programa de divulgación para estudantes, profesores e conselleiros no nivel do ensino medio para involucralos na paixón, o reto e a oportunidade da enxeñaría, unha profesión que promove a mobilidade social e económica, así como unha tecnoloxía innovadora.
Traxectoria profesional
Mónica Fernández Bugallo obtivo o seu doutoramento en informática na Universidade de A Coruña (UDC) en 2001. Desde 1998 a 2000 traballou no Departamento de Electrónica e Sistemas da UDC, onde desenvolveu o seu traballo de investigación sobre a cancelación da interferencia aplicada aos sistemas de comunicación multiusos. Aquí recibiu o Premio á Mellor Estudante e mellor Doutoramento. En 2002 ingresou no Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook. Os seus intereses de investigación están no eido do procesado de sinais estatísticos, con énfase na teoría dos métodos de Monte Carlo e a súa aplicación en diferentes disciplinas, incluíndo a biomedicina, a ecoloxía, as redes de sensores e finanzas. Bugallo é membro senior do IEEE, actúa en varios dos seus comités técnicos e é a vicepresidenta actual do comité de teoría e métodos de procesamento de sinais da IEEE e do equipo de área especial EURASIP sobre tendencias teóricas e metodolóxicas no sinal. Recibiu prestixiosos premios de investigación e educación, incluíndo o premio Chancellor''s Excellence in Teaching (2017) da Universidade Estatal de New York (SUNY); o premio Best Paper no IEEE Signal Processing Magazine 2007 como coautora do traballo titulado Filtro de partículas; o IEEE Outstanding Young Engineer Award (2009) para o desenvolvemento e aplicación de métodos computacionais para o procesamento secuencial de sinais; ou o IEEE Athanasios Papoulis Award (2011) para a divulgación educativa innovadora, que inspirou aos estudantes do ensino medio e ás mulleres universitarias para estudar enxeñaría.
Visibilidade para as mulleres na tecnoloxía
O CPEIG quere, mediante a concesión do Premio Ada Byron, dar visibilidade á participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes do sector das novas tecnoloxías. En opinión do CPEIG, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”.
Quen foi Ada Byron
Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.
A Xunta está a analizar as ferramentas tecnolóxicas que permitan a transcrición automatizada das vistas, unha solución que evitaría a visualización completa dun xuízo cada vez que se precise consultar un testemuño ou un momento concreto da vista. Así o avanzou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na súa intervención no Encontro de presidentes de Salas do Contencioso Administrativo dos Tribunais Superiores de Xustiza de España, hoxe na Coruña.
A directora da Amtega lembrou que Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) e que agora se traballa para conseguir a súa implantación efectiva, con medidas para mellorar tanto a automatización dos procesos como a experiencia dos profesionais do eido xudicial.
Así, xunto coa transcrición automatizada das vistas, Mar Pereira avanzou que se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais e doutros actos procesuais así como a integración electrónica dos expedientes doutras administracións.
Salas de vistas dixitais
A responsable da Amtega sinalou que a implantación da administración xudicial electrónica vai acompañada da dotación e renovación continuada do medios tecnolóxicos e da incorporación de novos servizos dixitais para profesionais e cidadáns
Actualmente, preto do 90% das salas de vistas dispoñen do sistema eFidelius, integrado coa sinatura electrónica e o 100% dos partidos xudiciais contan con acceso a videoconferencia, con 113 equipos distribuídos polo territorio.
En 2018 púxose en marcha unha nova modalidade de salas de vistas (Salas EXE) orientadas á celebración da vista nun contexto completamente dixital. Está implantada en 10 salas e este ano alcanzaranse outras 30.
Demandas e descargas de vistas online
Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica. procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. Está dispoñible no 100% dos partidos xudiciais desde o segundo semestre de 2018 e xa se presentaron máis de 1.100 monitorios online.
A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.
Para os profesionais a sede xudicial está a ofrecer novas funcionalidades como as descargas de vistas online, que se está a pilotar en tres órganos xudiciais.
Sinatura Dixital
O 51% dos órganos xudiciais ten habilitada a sinatura dixital a día de hoxe. Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.
Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial que centraliza nun único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xeran diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.
Plan Senda
Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que se puxo en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros.
As súas actuacións estanse a levar a cabo a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego e nun marco de cooperación interadministrativa co Goberno do Estado.