main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

07/06/201909:08
Un garda civil de tráfico de costas nunha estrada.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía SVIsual achega á Garda Civil ás persoas con discapacidade

  • A Garda Civil será máis accesible para as persoas con discapacidade auditiva grazas á tecnoloxía SVIsual, que facilitará a comunicación do teléfono de axuda 062 a través da lingua de signos.

 

As persoas xordas signantes que se poñan en contacto coa Garda Civil poderán acceder á plataforma de videointerpretación de SVIsual para poder comunicarse mediante a lingua de signos.

Esta iniciativa forma parte do protocolo xeral de actuación asinado entre a Garda Civil e a Confederación Estatal de Persoas Xordas co obxectivo de garantir a accesibilidade das persoas xordas.

Desta forma, as persoas con discapacidade auditiva que sexan signantes poderán chamar ao 062 a través do servizo SVIsual, que contará cunha plataforma de acceso específico para estas emerxencias dispoñible as 24 horas do día.

SVIsual non só ofrece a interpretación en lingua de signos, senón que tamén axuda ao usuario con outras modalidades de comunicación como pode ser a utilización de signos e voz, ou a escritura mediante chat.

Ademais da creación desta plataforma en SVIsual, o acordo tamén prevé outras actuacións como a celebración de conferencias e xornadas de portas abertas dirixidas a persoas xordas, ou a impartición de cursos de lingua de signos aos membros da Garda Civil.

 

06/06/201908:38
Unha muller maior sentada xunto á xanela no seu fogar.
Santiago de Compostela

Smart Assist, teleasistencia intelixente para persoas con discapacidade e maiores

Moitas veces o gran logro da tecnoloxía é axuntar distintas solucións nunha única plataforma para integrar o mellor de cada unha delas. Ese é o obxectivo de Smart Assist, un sistema pioneiro de teleasistencia intelixente e accesible desenvolvido no últimos tres anos entre a Fundación Vodafone España, Televés, a Universitat Politècnica de Valencia e Tecsos, co apoio da Cruz Vermella Española.

Desta forma, Smart Assist integra os beneficios dos actuais sistemas de teleasistencia (teleasistencia en domicilio, móbil e videoatención) nunha única plataforma co obxectivo de facilitar e mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade e as persoas maiores.

Smart Assist está composto por unha Unidade Domiciliaria Intelixente, que é o elemento central desta tecnoloxía e que conta co sistema CarLife, un modelo intelixente de teleasistencia avanzada que garante o coidado e a calidade de vida das persoas no fogar.

CareLife permite recoller información individual de cada persoa no fogar para detectar anomalías que poidan reflectir situacións de risco.

Un segundo dispositivo do modelo Smart Assist é o Terminal de Teleasistencia Móbil, un smartphone que garante de maneira inclusiva e universal a accesibilidade de todas as persoas, incluídas as que teñan unha discapacidade.

Este terminal é compatible cos produtos de apoio que hai no mercado e permite iniciar unha comunicación directa a través da rede Wifi ou da rede móbil a Unidade Domiciliaria Intelixente.

A terceira pata de Smart Assist son os periféricos que facilitan a accesibilidade do sistema e que están compostos por sensores e por actuadores adaptados ás necesidades de colectivos con discapacidade.

Por último, unha plataforma intelixente integra a información xerada polo sistema con outras fontes de datos para mellorar a xestión integral dos usuarios.

Para validade esta solución, os desenvolvedores realizaron un piloto no que participaron 13 persoas con discapacidade e 12 persoas maiores que probaron Smart Assist no seu domicilio.

06/06/201908:34
Fotografía do taller dedicado ao Xbox Adaptive Controller de Microsoft.
Madrid

A tecnoloxía, protagonista da Madrid Accessibility Week da Fundación ONCE

A tecnoloxía dirixida a persoas con discapacidade ten esta semana unha cita moi importante en Madrid, onde a Fundación ONCE xunto á Universidade de Xaén organizan a Madrid Accessibility Week (MAW), unhas xornadas centradas na accesibilidade en áreas como as cidades intelixentes, os videoxogos ou a saúde.

No marco desta Accessibility Week, a fundación xunto a Microsoft realizaron un taller para presentar a utilidade do seu mando adaptado, o Xbox Adaptive Controller, e como pode axudar a nenos, novos e adultos con discapacidade a seguir gozando dos videoxogos.

Ademais, tamén tivo lugar a presentación dunha renovada versión da app Medicamento Accesible Plus. Esta app axuda a persoas con discapacidade a tomar medicamentos utilizando o smartphone para ler o código de barras do produto e ofrecendo información totalmente accesible.

Esta nova versión é aínda máis fácil de utilizar e incorpora un sistema de alertas para avisar a usuarios con intolerancias alimentarias, a mulleres embarazadas ou a deportistas en competición.

Esta app, que é moi útil tanto para persoas con discapacidade como para aquelas que non teñen discapacidade xa que ofrece información útil dunha forma moi sinxela, foi desenvolvida entre a Fundación ONCE, o Consello Xeral de Farmacéuticos e a Fundación Vodafone España.

Esta Madrid Accessibility Week, que é unha iniciativa do Máster Online en Accesibilidade para Smart City da Universidade de Xaén, é unha idea magnífica que esperamos que se converta nunha cita habitual para a tecnoloxía accesible en España.

06/06/201907:57
Cartel do evento.
Ferrol

As mulleres nos videoxogos, protagonistas dunha mostra no Campus de Ferrol

A partir deste 6 de xuño as mulleres van ser as protagonistas indiscutibles do sector galego, estatal e internacional do lecer dixital. O motivo? A inauguración da mostra Mulleres detrás dos videoxogos, na sala anexa ao salón de actos Concepción Arenal, da man das profesoras da Facultade de Ciencias da Comunicación. A mostra, un notable repaso por boa parte das contribucións femininas máis relevantes ao ámbito gamer, será inaugurada a partir das 12.00 horas. 

Participarán no acto a vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño; a concelleira en funcións da Área de Mocidade, Benestar Social, Igualdade e Muller de Ferrol, Saínza Ruíz; e o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás Costa. Tamén intervirán dúas das comisarias da mostra, as profesoras Luz Castro e Rocío Mihura; o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez Casal; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luis Hernández; a directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, Ana Xesús López; e o coordinador do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Antonio Seoane. 

Argallada polas profesoras da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luz Castro, Rocío Mihura e Teresa Piñeiro, a exposición quere pór en valor o papel das mulleres na industria do videoxogo, un sector que, segundo lembran, segue a ter unha excesiva presenza masculina, “xa que tan só o 17% das persoas que traballan nel son mulleres”. O obxectivo das profesoras, tamén, é achegar recursos para dotar á xente nova de referentes femininos nesta industria. Nesta liña, as promotoras destacan a colaboración de varias alumnas do Grao en Comunicación Audiovisual e dun grupo de bolseiras do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC (CEFEX) para a posta en marcha do proxecto. 

A mostra aglutina a 15 das mulleres máis relevantes do eido dos videoxogos como son Carol Shaw, Roberta Williams, Brenda Laurel, Doris Self, Dona Bailey, Amy Briggs, Lucy Bradshaw, Brie Code, Rihanna Prathett, Rieko Kodama, Siobhan Reddy, Amy Henning, Kim Swift, Aya Kyogoku ou Yoko Shiomura. Poderase visitar de balde até o vindeiro venres 28 de xuño.

06/06/201907:43
Cables RJ45 enchufados nun switch.
Santiago de Compostela

Máis de 1.800 empresas e autónomos teñen acceso a internet de ata 600 Mpbs grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

  • Investíronse 4,4 millóns de euros na mellora da conectividade en polígonos industriais e en axudas directas a empresas situadas fóra destas áreas
  • A Amtega vén de adxudicar máis de medio millón de euros para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas a 51 empresas e autónomos de zonas illadas
  • Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30 Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas

A mellora da conectividade do tecido empresarial é unha das liñas de actuación do Plan de Banda Larga 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). En catro anos as medidas do Plan posibilitaron o acceso a redes de ata 600 Mbps a máis de 1.750 empresas de 81 polígonos industriais e outras máis de 80 situadas fora destas áreas.

A Amtega vén de adxudicar as axudas da última convocatoria para empresas illadas, da que se beneficiaron un total de 51 empresas de 33 concellos distintos. Cun importe total de 588.000 euros a Axencia autonómica subvenciona entre o 70 e o 100% dos gastos necesarios para que as empresas teñan acceso a redes de entre 30 e 600 Mbps.

Na primeira convocatoria investíronse preto de 400.000 euros cos que se mellorou o acceso a internet doutras 31 empresas. En total, a Amtega destinou preto de 1 millón de euros en axudas para empresas, fundamentalmente de zonas rurais, con especiais dificultades para acceder a conexións ultrarrápidas. Estas axudas están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Máis de 130 polígonos con máis de 100 Mbps

A primeira medida do Plan foi a mellora da conectividade nos polígonos industriais. En colaboración co operador R facilitouse a cobertura de redes de 350 Mbps a 81 que albergan a máis de 1.750 empresas. Para conseguilo instaláronse un total de 55 centrais de cabeceira de fibra óptica que permiten, non só atender aos polígonos, senón tamén estender estes servizos de banda larga ultrarrápida ás poboacións próximas a estas centrais.

Estes 81 polígonos cubertos, sumados aos que xa dispoñían de cobertura ou foron cubertos polos operadores, fan un total de 131 polígonos con acceso a redes de máis de 100 Mbps, que concentran o 93% da superficie empresarial ocupada. 

Ademais, as empresas dos polígonos cubertos no Plan teñen acceso a servizos avanzados de R como os de industria 4.0 e servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (Big Data), entre outros, integrándoos en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. 

Estas actuacións contribúen a eliminar a barreira existente á hora de contratar servizos axeitados de alta velocidade por parte das empresas e autónomos situados en zonas illadas que non dispoñen desta cobertura. Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30 Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS