
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A semana pasada, o Living Lab do CITIC (o laboratorio colaborativo de probas tecnolóxicas do Centro de Investigación TIC da UDC), recibiu a primeira visita dunha persoa con diversidade funcional para avaliar a experiencia que transmite unha contorna de realidade virtual. Segundo informou o centro emprazado no Campus de Elviña, foi a primeira proba realizada na contorna do convenio de colaboración asinado entre o CITIC e COGAMI, salientando algúns dos seus obxectivos fundamentais: traballar conxuntamente no impulso de ferramentas que melloren a participación e autonomía dos colectivos con diversidades funcionais a través de solucións baseadas nos principios do deseño universal e centrado nas necesidades e capacidades dos usuarios.
Na proba fundacional do proxecto levada a cabo a semana pasada botouse man dunhas lentes HTC para experimentar con varios escenarios dixitais, entre os que se incluíron un escenario móbil (simulación de montaña rusa) e outro de posicionamento espacial (GoogleEarth). Os resultados, segundo informou o CITIC, “foron moi positivos”, xa que “a realidade virtual permitiu á persoa experimentar diferentes sensacións que nunha contorna real non podería realizar”. A partir desta primeira proba, evolucionarase até chegar a contidos que permitan traballar de maneira específica con estes colectivos as actividades da vida diaria e promover a participación en actividades de lecer que, doutra forma, non poderían ter acceso. Desde o CITIC comezarase a traballar na creación e proba de contornas particulares e personalizados con contidos significativos para cada participante.
O Concello de Lugo quere seguir afondando na formación tecnolóxica ligada ao emprego, un camiño consolidado con iniciativas como o Obradoiro TIC Arqueolóxico ou coa posta en marcha (este mes de maio) de Desenvolvelugo.org. Segundo vén de anunciar este mes de xuño o propio Goberno local, este ten proxectado impulsar dúas novas accións formativas para favorecer a inserción laboral de 36 veciñas e veciños. O ámbito temático será a posta en valor do importante patrimonio lucense a través da dixitalización, da preservación e da divulgación.
Con este obxectivo, o Concello de Lugo solicitaralle á Consellería de Economía a posta en marcha dos dous ditos obradoiros por un importe conxunto duns 498.000 euros. Trátase dos proxectos Lethes.TIC e Atrium.TIC, que foron dados a coñecer pola edil de Economía e Emprego, Ana Prieto, que emprazou estas actuacións na “responsabilidade do Concello e na súa obriga de facer todo o posible, con recursos propios ou con investimentos doutras entidades, a prol de paliar o desemprego no municipio”.
Lethes.TIC
Cun orzamento de 324.896 euros,e dirixido a 20 persoas, contará con dúas especialidades formativas: Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais, por unha banda, e Produción fotográfica, pola outra. Cada unha destas especialidades contará con 10 alumnos/as traballadores/as, que ao finalizar terán acceso a un certificado de profesionalidade de nivel tres. Cunha duración de 9 meses, incidirá na aplicación das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) na difusión e promoción da rede museística do Concello de Lugo. A finalidade, en palabras do Consistorio, será “dinamizar o patrimonio histórico da cidade; fomentando a súa xestión mediante a aplicación das novas tecnoloxías, cun tratamento específico para favorecer a súa preservación de cara ao futuro e a mellorar a súa difusión e acceso por parte do conxunto da cidadanía”.
Entre as súas actividades principais figura o desenvolvemento de visitas virtuais e percorridos 360º aos espazos expositivos do Concello, o deseño e desenvolvemento do programa cultural Lugo na memoria. Un percorrido pola historia da cidade (que “permita poñer en valor o importante pasado da cidade máis aló da súa significativa relevancia en época romana”) e, tamén, o desenvolvemento dunha campaña de difusión e valorización do comercio histórico coa creación do selo Establecemento singular de Lugo.
Atrium.TIC
Este obradoiro vai dirixido a rapaces e rapazas menores de 30 anos e conta cun orzamento total de 173.553 euros. A actividade formativa estará integrada por: 1 director/a, 2 monitores/as e 16 alumnos/as, repartidos nas seguintes especialidades formativas: xestión documental e dixitalización de documentos. O proxecto executarase durante 6 meses, dende setembro de 2019 a marzo de 2020. Este obradoiro inclúe a organización e informatización dos arquivos de oficina de distintos servizos municipais, así como a dixitalización de expedientes ou actas.
A Historia Social Única Electrónica (HSUE) estenderase no 2020 aos dispositivos móbiles como axuda na atención ás persoas maiores, familias e coidadores. Así o adiantou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, durante a visita ao Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (CETISS) de Minsait, a filial de Indra, desde o que a compañía desenvolverá esta iniciativa. No acto participou tamén a conselleira directora xeral de Tecnoloxías da Información de Indra, Cristina Ruiz.
Segundo se avanzou no acto, a Xunta porá en marcha o vindeiro ano a plataforma “Asiste”, que integrada na Historia Social Única Electrónica (HSUE), facilitará aos profesionais sociais, coidadores e familiares, o seguimento das actuacións sociais, así como outros servizos de valor promovidos desde a Administración. “Asiste” contará cun asistente virtual, que a través de pictogramas e ferramentas de recoñecemento de voz facilitará a comunicación de xeito intuitivo.
Esta plataforma, que estará dispoñible para todos os cidadáns que teñan aberta unha historia social na Comunidade e se rexistren nela, facilitará a monitorizacion dos parámetros da súa actividade, biomedidas e xeolocalizacion. Os familiares e os coidadores autorizados terán acceso seguro a esta información e recibirán avisos e alertas en tempo real ante calquera anomalía nos patróns de actividade da persoa.
A Historia Social Única Electrónica (HSUE) contribúe a axilizar a tramitación dos servizos e prestacións e a proporcionar unha atención máis personalizada. Actualmente, a plataforma está dispoñible para os traballadores sociais de máis de 250 municipios e concentra as historias sociais en formato electrónico de máis de 650.000 cidadáns.
CETISS
A posta en marcha Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (CETISS) na Cidade da Cultura enmárcase no Pacto Dixital de Galicia, asinado por Indra xunto con outras 12 empresas tecnolóxicas en 2013. O Centro, no que actualmente traballan 40 persoas, concentra o desenvolvemento de iniciativas de innovación tecnolóxica para o envellecemento activo e o empoderamento do paciente, a historia sociosanitaria, a tarxeta social ou o Fogar Dixital, entre outros.
Ademais, o CETISS está concibido como un centro demostrador de produtos e solucións orientados a mellorar a asistencia e calidade de vida dos cidadáns, nalgúns dos cales Minsait e a Xunta de Galicia traballan na actualidade. É o caso da Historia Social Única Electrónica e da solución de Fogar Dixital.
Outro obxectivo do CETISS é actuar como elemento dinamizador para a creación dunha comunidade estable entre empresa, universidade, institucións sanitarias e centros de I+D+i galegos, que promova a mellora continua e a innovación, tanto a nivel local como internacional. Ademais, prevese prestar servizos baseados nas solucións desenvolvidas no centro a clientes doutras comunidades autónomas e países.
Impulso ao emprendemento en ámbito sociosanitario
No acto desta mañá anunciouse, ademáis, o lanzamento dunha convocatoria para detectar ideas disruptivas que impulsen o emprendemento tecnolóxico e o desenvolvemento de novas empresas (startups) no ámbito sociosanitario. A convocatoria será lanzada ao longo deste ano desde Indraventures, o vehículo en torno ao cal se articula a innovación corporativa de Indra, contará coa colaboración da Amtega e será canalizada desde o CETISS,
Esta convocatoria estará aberta a todo o ecosistema innovador nacional e mesmo internacional, desde emprendedores ou estudantes a universidades, empresas xurdidas doutras (spinoffs) e centros tecnolóxicos, entre outras, para a presentación de iniciativas de negocio de base tecnolóxica en distintas fases de madurez, incluídas as que se atopan en fase semente. As propostas gañadoras recibirán apoio económico e asesoramento para a súa aceleración durante seis meses, dentro e fóra de Galicia
Desde a súa posta en marcha en 2017, Indraventures analizou máis de 700 startups e facilitou a Indra acordos con algunhas delas. A través de Indraventures, Indra tamén lanzou coa Xunta de Galicia a primeira edición da aceleradora especializada no sector aeroespacial BFAero e co Cabildo de Gran Canaria unha convocatoria para apoiar ideas innovadoras vinculadas aos seus retos como illa intelixente.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desenvolverá ao longo de xuño e xullo unha nova acción de sensibilización en materia de reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) nalgúns dos municipios máis poboados de Galicia. A iniciativa percorrerá un total de 24 concellos cunha acción de street marketing ou marketing de rúa na que se contará tamén coa colaboración dos Bolechas, os protagonistas da popular serie de contos que se ocuparán da parte de sensibilización dirixida ao público infantil.
Concretamente, en cada unha das localizacións programadas montarase unha carpa inchable tipo iglú na que haberá monitores especializados para informar a todas as persoas que se acheguen ata o posto sobre a reciclaxe dos RAEE. No interior da carpa, instalarase unha gran pantalla central con xogos interactivos e varias pantallas laterais nas que se proxectarán vídeos informativos sobre o tema. Tamén se despregarán valados e bicicletas na zona, que se utilizarán como soporte publicitario.
Ademais, buscarase que cada acción de sensibilización sobre os RAEE coincida cunha festa ou evento relevante para o municipio e que atraia unha gran afluencia de público. Así, o street marketing realizarase en Santiago durante os días da celebración de O Son do Camiño e en Viveiro, coincidirá co festival Resurrection Fest. Esta fin de semana, por exemplo, a campaña desprazarase ata a cidade da Coruña para desenvolverse en paralelo ao Gran Premio Internacional Marcha Cantones.
Obxectivo: máis información e mellor xestión
Os obxectivos xerais desta nova iniciativa de carácter divulgativo son fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo actuais e como inciden na nosa contorna, contribuíndo para evitalo a un mellor tratamento dos RAEE a través do incremento das actuais taxas de recuperación. Así mesmo, proxectarase a imaxe de Galicia como pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a infancia, como vía para contaxiar ao resto da sociedade dese mesmo impulso sustentable e ecolóxico.
Estas novas accións de street marketing arrincaron o pasado fin de semana en Marín e durante os próximos dous meses percorrerán 24 concellos galegos nos que está previsto organizar medio cento de xornadas de carácter divulgativo durante as que se combinarán as actividades no iglú coa Expedición RAEE dos Bolechas, que cubrirán o apartado de sensibilización dirixido ao público infantil.
Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña O que se enchufa, recíclase, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coas entidades de responsabilidade ampliada de produtores de RAEE co obxectivo de mellorar a xestión deste tipo de materiais e sensibilizar á cidadanía para implicala no incremento das actuais cotas de reciclaxe.
Desde a súa posta en marcha, a finais do ano pasado, son varias as accións desenvolvidas baixo o paraugas desta campaña. Así, Os Bolechas percorreron xa 350 colexios de educación infantil e primaria de toda Galicia propoñendo aos cativos actividades educativas relacionadas cos RAEE e tamén se convocou un concurso escolar de debuxo infantil –ao que se podían presentar traballos individuais ou grupais- para que os nenos puideran expresar de forma creativa a súa visión da reciclaxe, o coidado do medio ambiente ou o respecto pola súa contorna.
O prazo para poder participar neste certame rematou o pasado 31 de maio e en breve coñeceranse os gañadores, para os que haberá premios económicos, ordenadores portátiles e coleccións completas dos contos de Os Bolechas.
Todos os centros educativos públicos de Galicia terán acceso o vindeiro curso de forma gratuíta á plataforma Office 365 de Microsoft, que inclúe a ferramenta de colaboración Microsoft Teams. Máis de 280.000 alumnos e máis de 28.000 docentes poderán aproveitar os recursos da plataforma, que estará dispoñible en galego e castelán, grazas a un acordo entre a Xunta e Microsoft.
Esta plataforma educativa na nube proporciona unha contorna de aprendizaxe segura e innovadora e dota aos alumnos de habilidades dixitais, como a colaboración, creatividade e o pensamento computacional, claves para facer fronte aos requirimentos laborais propios da era dixital.
O acordo de colaboración foi rubricado esta mañá en Santiago, pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e a presidenta de Microsoft España, Pilar López.
A Xunta e Microsoft tamén colaborarán para completar a formación nos ciclos de Formación Profesional da familia de Informática e Comunicacións, poñendo ao dispor dos 27 centros públicos nos que se imparten estes ciclos, plataformas e ferramentas de Microsoft que permitirán a máis de 3.000 alumnos traballar con programas e aplicacións presentes no mercado e demandados no sector profesional
Adicionalmente, como medida de acompañamento, os máis de 360 profesores destes ciclos de FP recibirán formación especializada, impartida por profesionais de Microsoft en colaboración con partners do ecosistema dixital galego.
Incrementar as competencias dixitais
Durante a súa intervención Carmen Pomar sinalou que un dos eixos do modelo educativo galego é a integración real das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino. “O noso alumnado é nativo dixital e temos a responsabilidade de implantar un ensino tecnolóxico que combine os equipamentos coa adquisición de competencias científicas”, dixo. Neste sentido lembrou que o seu departamento está a desenvolver a Estratexia STEM para fomentar entre o alumnado galego as competencias en ciencias, tecnoloxía e matemáticas, ao tempo que se procura romper a fenda de xénero nestas vocacións.
En relación ao acordo asinado hoxe, Pomar indicou que vai estimular o desenvolvemento de actividades nas escolas relacionadas coas TIC, ao tempo que se promoven actuacións de formación dos docentes, “posto que eles son o piar básico da comunidade educativa e deles depende o aproveitamento eficaz de todas estas novas ferramentas”. “Estamos a facer unha aposta seria pola educación, para fomentar un factor clave no seu éxito colectivo, o capital humano, conscientes de que unha sociedade formada e informada promove o progreso dun país”, destacou.
Pola súa banda Mar Pereira afirmou que este acordo “permítenos ampliar o abano de ferramentas ofimáticas coas que traballan os alumnos dos centros públicos galegos e as aulas Abalar, nas que a actividade educativa se desenvolve con ofimática e sistemas operativos de código aberto e súmase ás medias para consolidar unha educación integramente dixital.
Pilar López, presidenta de Microsoft Ibérica sinalou que “este acordo é un magnífico exemplo da importancia de expor esquemas de colaboración público-privados co obxectivo de preparar e capacitar aos estudantes e docentes coas competencias que require a nova Sociedade Dixital”.
Aulas Dixitais
O acordo asinado esta mañá súmase as medidas da Xunta para consolidar unha educación integramente dixital, que facilite ao alumnado a adquisición das competencias dixitais que require o contexto actual.
A Administración autonómica puxo en marcha en 2010 o Proxecto Abalar, concibido como unha iniciativa para transformar a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa. Actualmente, máis de 900 centros e 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato, son Abalar, beneficiando a máis de 120.000 alumnos
Neste curso 2018-2019 a iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar permitiu que preto de 18.000 alumnos estudan exclusivamente con contidos dixitais, dispoñibles on e offline e gratuítos para as familias e teñen acceso a novos contidos colaborativos (SMART). Ademais, está en marcha o servizo de creación de contidos educativos dixitais innovadores, DIXIT, que proporcionará aos docentes a capacidade de crear contidos con ferramentas e tecnoloxías innovadoras, obtendo contidos personalizados e con capacidade de adaptación ao alumnado
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional puxo en marcha en 2017 a Estratexia galega de educación dixital, Edudixital 2020, co obxectivo de que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que ao finalizar os estudos acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.
Enmarcada no Edudixital, o departamento educativo da Xunta de Galicia desenvolve a estratexia STEM máis ambiciosa do Estado, con 15 centros impartindo por primeira vez o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, o STEMbach, 91 centros con Clubs de Ciencia en centros educativos e 10 centros con Espazos Maker, entre outras iniciativas.