main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/06/201908:33
Participantes en "El Camino de los Satélites".
Santiago de Compostela

O CPEIG concede o Premio e-Inclusión a El Camino de los Satélites

O importante traballo do proxecto El Camino de los Satélites en materia de accesibilidade, integración e universalidade das novas tecnoloxías recibirá este ano o Premio e-Inclusión que concede o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que se entrega (xunto con outros nove galardóns) nun escenario igualmente salientable: o da Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco). 

O proxecto distinguido, como lembraremos, é un conxunto de actividades destinadas a mostrar “como as tecnoloxías socialmente responsable poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo mundo”. Ademais, busca promover a participación construtiva a pé de ruta do xacobeo, utilizando o itinerario “como pista de proba para estas tecnoloxías”. El Camino de los Satélites é unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (FUNTESO), que se realiza por primeira vez en 2010 percorrendo o Camiño Francés a pé con Miguel Induráin, Serafín Zubiri e outras 40 persoas que probaron o estado de moitas tecnoloxías nesta época como os GPS, roupa intelixente, etiquetas visuais ou enerxías renovables. 

Segundo lembra o CPEIG, este proxecto pretende fomentar un uso responsable da tecnoloxía, non crear necesidades ao peregrino senón dar apoio a aquel que por un motivo ou outro atopa barreiras á hora de facer o percorrido, convertendo o periplo “nunha experiencia accesible a todo o mundo”. Está orientado a todo tipo de persoas, especialmente aquelas con risco de exclusión tecnolóxica, persoas maiores, con diversidade funcional e con necesidades fóra do común.

O presidente de FUNTESO e coordinador do proxecto, Enrique Varela Couceiro

O presidente de FUNTESO e coordinador do proxecto, Enrique Varela Couceiro, explica que a iniciativa “non é unha guía de empresas ao uso”, senón un banco de análise de recursos de mercadotecnia web onde empresas e profesionais poden actuar como colaboradores.

O proxecto estrela de 2019 apela “á parte moral, espiritual e mística do Camiño de Santiago”. Este ano realizarase o Camiño Francés en trece etapas en bicicleta (desde o 28 de setembro ao 10 de outubro entre Roncesvalles e Compostela), para fomentar o uso deste medio de transporte aplicando tecnoloxía responsable e con vistas a facer máis doado o percorrido, as paradas, o acceso ao patrimonio, cultura, comercio local e hostalería. Participarán un tándem, unha hand bike e algunha outra bici especial para persoas con diversidade funcional, así como bicicletas estándar ata completar o grupo de bicigrinos que percorrerá o Camiño coa organización. Para o seu seguimento e localización contarase coa nova tecnoloxía de G-ME, un sistema innovador, preciso e eficaz de seguimento de persoas, animais e cousas.

17/06/201912:39
Usuarios da aula de CeMIT de Celanova durante un dos cursos.
Celanova

A aula CeMIT de Celanova sumou 105 usuarios este ano

A aula CeMIT de Celanova, un espazo cuxo obxectivo é achegar as novas tecnoloxías aos veciños, recibe cada día entre 7 e 12 usuarios, que acoden á chamada aula aberta utilizando a ducia de ordenadores públicos dispoñibles para navegar por internet. Desde o servizo municipal aseguran que "a resposta de toda a xente é moi boa", mostrándose moi receptivos aos diferentes cursos organizados nela. De feito, "temos unha media de nove usuarios inscritos en tódalas actividades", explica a responsable da aula, Laura Fernández. Neste sentido, no que vai de ano, a CeMIT de Celanova rexistrou 105 novas altas de usuarios. 

"O tipo de actividades é moi variado", explica Laura Fernández, ofrecendo cursos sobre o manexo básico do computador ata outros máis avanzados centrados en programas ou aplicacións concretas. Nesta oferta realízanse propostas tanto para os máis pequenos como para usuarios de 90 anos, aínda que é a franxa de entre 45 e 70 anos a que máis acode á aula, situada no Parque das Triguerizas.

A aula imparte na actualidade tres cursos, que se desenvolverán ata o final do mes. Por unha banda, celebran dous programas formativos de iniciación á informática e a internet con dous grupos, un de maiores de 70 anos e un segundo de entre 60 e 65 anos. Ao mesmo tempo, acollen outro curso de manexo de smartphone con nove usuarios maiores de 65 anos.

17/06/201908:55
Unha muller utiliza un ordanador portátil en cuxa pantalla aparece o logo do dicionario da Lingua de Signos Española.
Madrid

Un dicionario multimedia da Lingua de Signos Española

Despois dun enorme traballo, a Fundación CNSE presentou un dicionario multimedia da Lingua de Signos Española no que se incorporan a normativa e o uso dun total de 3.500 signos, así como a súa definición en lingua española grazas á colaboración da RAE.

A tecnoloxía foi fundamental na elaboración deste dicionario que une as definicións escritas co vídeo para mostrar os signos en LSE.

A fundación subliña que este dicionario é un elemento clave para a preservación desta lingua, que é fundamental para miles de persoas con discapacidade auditiva.

O dicionario está dispoñible a través dunha páxina web que foi deseñada para facilitar a experiencia dos usuarios que queiran acceder a toda esta información.

Na súa elaboración traballou un equipo multidisciplinar co apoio de profesionais xordos expertos en lingua de signos da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE).  

Ademais das xa mencionadas, neste traballo iniciado no ano 2002 participaron entidades como a Fundación ONCE ou a Fundación Vodafone España.

A presentación deste dicionario multimedia coincide coa celebración este venres do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas.

17/06/201908:52
Fotografía de varios participantes no Foro EmpleaTIC.
Madrid

Apostar pola tecnoloxía como nicho de emprego para persoas con discapacidade

Down Madrid está convencida de que o sector da tecnoloxía é un nicho fundamental para o emprego de persoas con discapacidade, en especial persoas con discapacidade intelectual, e por iso celebrou un foro no que quixo mostrar ás empresas deste sector as oportunidades de empregabilidade destas persoas.

Neste "Foro EmpleaTIC", a fundación mostrou como as novas tecnoloxías e a robotización están a crear novas oportunidades laborais que son fundamentais para a inclusión no mercado de traballo de persoas con discapacidade intelectual.

O obxectivo desta xornada celebrada este xoves en Madrid é conseguir que as empresas dedicadas á tecnoloxía que teñan pensado incorporar aos seus cadros de persoal traballadores con discapacidade intelectual obteñan máis información e poidan resolver as súas dúbidas, ademais de axudarlles a buscar candidatos para o posto que queren cubrir.

O foro enmárcase dentro do proxecto "EmpleaTIC" que Down Madrid desenvolve co apoio de Bankia e da Fundación Montemadrid. Esta iniciativa ofrece formación en tecnoloxía, prácticas en empresas con perfil tecnolóxico e contratación ordinaria a través da metodoloxía do emprego con apoio. Ademais, este proxecto ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia de preparar ás persoas con discapacidade intelectual neste sector para que atopen nas novas tecnoloxías un nicho para o emprego.

17/06/201908:41
Imaxe dunha edición anterior da Noite da Enxeñaría Informática.
Santiago de Compostela

O CPEIG entregará dez recoñecementos no marco da Noite da Enxeñaría en Informática

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, celebra este mes a undécima edición da súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, a gran festa das novas tecnoloxías da nosa terra. A nova cita será no Hotel Monumento San Francisco en Santiago de Compostela, o 28 de xuño. A gala contará coa presenza do actor galego Luis Zahera, que oficiará de mestre de cerimonias. Entre os pratos fortes da celebración inclúense os Premios anuais do CPEIG, que veñen con dez categorías. Algunha das entidades e personalidades distinguidas xa foron dadas a coñecer: o IGAPECarlos Vázquez Mariño (AMTEGA) e a enxeñeira Mónica Fernández Bugallo (Premio Ada Byron).

A listaxe de galardóns é a seguinte: 

  • Premio Proxecto Fin de Carreira/Master 
  • Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino 
  • Premio e-Inclusión · Premio Iniciativa Emprendedora
  • Premio Iniciativa Empresarial 
  • Premio Ada Byron (Mónica Fernández Bugallo) 
  • Premio Iniciativa da Administración (os talleres 4.0 para PEME do IGAPE) 
  • Premio Traxectoria Profesional (Carlos Vázquez Mariño) ·
  • Premio Especial CPEIG 
  • Colexiado de Honra

 As actividades darán comezo ás 20.00 horas co cóctel de benvida, que dará paso á entrega dos devanditos premios convocados anualmente polo CPEIG, cos que se distinguen as mellores contribucións das empresas, entidades e profesionais da nosa terra ao impulso tecnolóxico galego, á igualdade e o noso progreso TIC. De seguido, comezarán a cea e (sobre as 23.30 horas) a actuación musical. O evento ten o obxectivo de achegar un punto de encontro para todas e todos os colexiados, estendendo este espazo común de celebración do coñecemento e a innovación aos responsables das empresas TIC da nosa terra e das entidades públicas con competencia directa ou indirecta no dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS