main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

20/06/201908:10
Alumnas formándose en robótica educativa.
Pontevedra

30 estudantes fórmanse en robótica educativa en Pontevedra

Até 30 estudantes están a participar estas semanas nun curso de robótica educativa en Pontevedra. A actividade, que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (Campus de Pontevedra), lévase a cabo baixo un epígrafe que fala por si só dos seus obxectivos e da relevancia dos contidos tratados: Ensinar ciencias con programación e encerado dixital interactivo. Un achegamento ao pensamento computacional. A tecnoloxía creativa que centra boa parte do curso serve para atopar retos científicos a problemas concretos. Por exemplo a contaminación dos océanos, a sobreexplotación dos recursos pesqueiros, a deforestación ou como substituír as enerxías contaminantes polas limpas e sustentábeis.

Inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do Campus, o curso diríxese a mostrar o mellor xeito de integrar as TIC nas clases de ciencia de maneira transversal, como explica María Lorenzo. Xunto á profesora María Álvarez Lires, Lorenzo é a responsábel de impartir este obradoiro dirixido polo profesor Uxío Pérez ao que asisten estudantes dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria e que busca pór de relevo que “a tecnoloxía é un aspecto transversal, que está presente nas nosas vidas e que tamén pode estalo no ámbito educativo”. Con ese obxectivo, 28 alumnas e dous alumnos estanse a capacitar en programación, no manexo de diferentes recursos de robótica educativa como Lego We-Do ou os robots Sphero SRPR e Mouse e no uso do software do encerado dixital para o deseño de actividades. 

Ao igual que nas últimas edicións deste curso, as e os participantes traballan en grupos na elaboración dunhas maquetas que integren os contidos que foron realizando na aula e que nesta ocasión “teñen como novidade que todas están ligadas a algúns dos obxectivos da Axenda 2030”, a iniciativa de fomento do desenvolvemento sustentábel impulsada pola ONU. Desta maneira, entre os proxectos nos que traballan figuran maquetas que abordan a contaminación que supón a presenza de plásticos nos océanos ou as contribucións das mulleres á sustentabilidade do mar exemplificadas en mariscadoras e redeiras. O curso complétase cun blog no que os diferentes grupos relatan o seu proceso de traballo nas diferentes sesións. “Cada grupo leva o nome dunha muller sobranceira relacionada coa ciencia e a tecnoloxía, da que contan á súa historia ao mesmo tempo que van presentando o que fixeron”, explica Lorenzo dunha proposta que pon en valor as figuras de Ada Lovelace, Hedy Lamarr, Edith Clarke, Ángela Ruiz Robles e Amalie Emmy Noether.

19/06/201908:33
Mans sobre un teclado.
Santiago de Compostela

A Xunta e Vodafone poñen en marcha en Galicia o programa "DigiCraft no teu cole" para reforzar as competencias dixitais dos rapaces

  • Ata 50 centros poderán beneficiarse desta iniciativa dirixida a alumnos de 6 a 12 anos
  • Nos vindeiros días publicarase no DOG a convocatoria para que os centros interesados podan adherirse ao programa, que se enmarca no Plan ‘DigiTalent’ da Administración autonómica

 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Fundación Vodafone España veñen de asinar un convenio para reforzar as competencias dixitais nas aulas coa programa “DigiCraft no teu cole”, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Galicia é a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone pon en marcha esta iniciativa.

Nos vindeiros días publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria que permitirá a un máximo de 50 centros escolares adherirse ao programa, que terá unha duración de dous anos e enmárcase no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia ‘DigiTalent’ impulsado pola Amtega.

Os centros que se adhiran á iniciativa terán acceso a formación para que os profesores poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de material para cada centro, que permitirá aos docentes e alumnado desenvolver as actividades establecidas: tabletas e kits tecnolóxicos

O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, unha metodoloxía de aprendizaxe específica baseada no xogo e a experimentación, deseñada pola Universidade de Salamanca para a Fundación Vodafone España para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.

Plan DigiTalent

“DigiCraft no teu cole” enmárcase nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. O Plan, que se puxo en marcha este curso está a desenvolver 15 iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital

Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent https://digitalent.xunta.gal/.

19/06/201908:23
Imaxe do público asistente á Maker Faire do ano pasado.
Santiago de Compostela

A nova Maker Faire Galicia inclúe tres días de xornadas profesionais

A celebración dunha nova edición da Maker Faire Galicia, a feira de inventoras e inventores máis sobranceira da nosa terra e do ámbito estatal, vai ser un dos grandes eventos tecnolóxicos desta tempada. Entre os engadidos extra deste acontecemento figura a celebración dunhas xornadas profesionais, a desenvolver os días 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. Trala organización da feira atópase VermisProject. A celebración en si mesma da Maker Faire Galicia estenderase no tempo tres días máis: até o 7 de xullo no mesmo lugar. 

O obxectivo destas xornadas profesionais é achegar ás empresas o potencial que ofrece o ecosistema maker e xerar novas sinerxías entre as dúas comunidades. Ao igual que na edición anterior, a feira volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. As xornadas profesionais organízanse coa colaboración de APD (Asociación para o Progreso da Dirección).

Durante os tres días as persoas asistentes poderán consultar os stands das empresas expositoras, ademais das argalleiras e argalleiros que participan na xa habitual competición de proxectos. Na xornada do mércores as temáticas a tratar serán a enerxía, a mobilidade e a Intelixencia Artificial, a través de mesas de debate nas que participarán empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Indra entre outras. O xoves 4 de xullo abordarase a robótica, a ciberseguridade e o Open Data, tamén a través de empresas de referencia como KUKA, Siemens, NEC ou Balidea.

O broche final ás xornadas profesionais celebrarase o día 5 de xullo, no que se explorará a conexión entre o mundo maker e a Industria 4.0 a través de charlas con relatores de referencia internacional como Justin Berger, de Ikea, ou Mariano Silveyra, de Cabify. Na mesa de tecnoloxías de automatización intelixentes participarán empresas galegas de recoñecido prestixio como FINSA, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, que abordarán a súa traxectoria e o paso “do garaxe ao mercado”. Tamén se inclúe unha mesa onde estarán as aceleradoras de Telefónica, Airbus, F. Iniciativas e Cuatrecasas, que analizarán as oportunidades que ten a comunidade argalleira para levar os seus proxectos ó mercado.

Nesta xornada tamén se darán a coñecer os tres mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores.
 

Galicia Maker Faire

Este ano o evento celebra a súa quinta edición buscando consolidarse como o máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes. Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 creadores de enxeños expuxeron as súas creacións e proxectos. 

A fin de semana, o sábado 6 e o domingo 7 de xullo, abriranse as portas do Museo Gaiás para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades programadas e que, en palabras da organización, “buscan sorprender aos visitantes”. Para quen queira máis datos sobre a cita e xeitos de formar parte dela, dicirlle que xa está dispoñible na súa páxina web, galicia.makerfaire.com.

Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de MakerMinimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).

19/06/201908:08
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Youtubeir@s colle impulso cunha biblioteca vivinte de creadoras e creadores

A nova edición do certame Youtubeir@s, o concurso dos nosos concellos e universidades para invadir as redes con vídeos en galego de creadoras e creadores de todas as idades, chega os días vindeiros a un novo punto de inflexión: unha pausa colaborativa para coller impulso definitivo. Estamos a falar do encontro Lista de reprodución ao vivo, que se desenvolve o 28 de xuño no edificio CEA da Universidade de Santiago, entre as 18.00 e as 20.00 horas. Será unha nova cita para intercambiar coñecemento, recursos e habilidades entre as/os integrantes da longa e frutífera comunidade youtubeira: creadoras, creadores e, como non, público seareiro. 

Como lembraremos, o concurso vén da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña . O número de prazas para participar na actividade do día 28 é limitado, polo que os e as interesadas deberán inscribirse antes do 26 de xuño enviando un correo electrónico a formacion@youtubeiras.gal.

Terceira edición

Youtubeir@s chega este ano á súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate, co que busca non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade youtubeira. Con este obxectivo, nos últimos meses desenvolvéronse varios obradoiros e charlas en diversos centros de secundaria, e programáronse dous encontros durante este mes de xuño.

O segundo destes obradoiros celebrarase o 28 de xuño, entre as 18.00 e as 20.00 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC, situado na Finca de Vista Alegre de Santiago de Compostela. Segundo informan as entidades organizadoras, esta Lista de reprodución ao vivo emulará as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as espectadores/as. Desta maneira e seguindo o fío desta fómula, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos vídeos vivos. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todos os seareiros para poñer en común e compartir experiencias. Nesta ocasión, o acto estará dinamizado por Xandobela, un grupo de profesionais da educación e da dinamización sociocultural. O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.

Esta xornada é a última quedada organizada para este mes de xuño, despois de que o sábado 8 tivese lugar na Coruña o evento Youtubeir@s en conexión, un espazo para reflexionar sobre temas como o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. A actividade foi dinamizada por Ben Curiosa.

18/06/201908:41
Alumnos do colexio Ponte dos Brozos usando portátiles nunha clase.
Arteixo

O Colexio Ponte dos Brozos de Arteixo, premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino do CPEIG

Os esforzos en innovación educativa e inclusión dixital do Colexio Ponte dos Brozos de Arteixo veñen de obter un importante recoñecemento: o Premio Iniciativa Tecnolóxica que concede (por vez primeira) o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) xunto con outros nove galardóns máis xa consolidados, a entregar no marco da Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco). 

O premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino é unha nova categoría creada este ano polo CPEIG para distinguir o traballo dos centros de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía entre o alumnado. Respecto das razóns de terse elixido ao Ponte dos Brozos de Arteixo para a estrea oficial desta edición, a entidade de profesionais informáticos lembra que o arteixán foi un dos sete centros seleccionados pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), entre os máis de 100 presentados en todo o mundo, para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil (o colexio galego figura nesta listaxe xunto a outros centros de Reino Unido, Rusia, Portugal, Israel e China).

“Grazas a este feito”, sinala o CPEIG, “o colexio participou na Mobile Learning Week, celebrada na sede central da UNESCO en París do 4 ao 8 de marzo de 2019, que tiña como obxecto de estudo a Intelixencia Artificial”. Neste marco, dúas das profesoras do CEIP Ponte dos Brozos, Begoña Codesal e Verónica Iglesias, presentaron a experiencia do centro nunha das mesas de comunicacións e nunha mesa redonda co resto dos colexios seleccionados.

No CEIP Ponte dos Brozos existen a día de hoxe diferentes grupos de traballo que investigan sobre Intelixencia Artificial e a súa utilización no ensino, mostrando ao alumnado como se pode crear e educar un bot que funcione na Google Home. Outros grupos investigan sobre o uso da tecnoloxía maker e como crear booktrailers. Ademais, durante os recreos existe un Club de Ciencia onde o alumnado pode aprender a programar utilizando unha aplicación que se chama Cospaces e que permite programar e crear universos en 3D.

A directora do CEIP Ponte dos Brozos, Patricia Galán Gómez, explica que “para conseguir este fito é preciso contar cun profesorado ilusionado, motivado, preparado e disposto a asumir grandes retos e horas de formación”, ademais dun equipo directivo que favoreza o traballo dentro do centro, e unha institución como o Concello de Arteixo que a través do proxecto Arteixo Innovación financia gran parte do equipamento necesario para que se poidan realizar as actividades. “Non somos un dos sete mellores colexios do mundo, somos a demostración de que no ensino público de Galicia se poden facer grandes cousas”, lembra o coordinador TIC do colexio, Fernando Moreno González.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS