
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e Arkitas Robótica S.L., en calidade de aliado dixital da Xunta, traen hoxe ao Gaiás a World Robot Olympiad Galicia 2019 (WRO), unha olimpíada de robótica educativa de alcance internacional, que se celebra anualmente e que, cada ano, xira ao redor dunha temática diferente. Esta actividade enmárcase nas iniciativas do Plan DigiTalent para o fomento das vocacións TIC e a especialización dos perfís dixitais.
Os retos da edición de 2019 están dedicados ás Cidades Intelixentes. Os participantes deben construír, nun tempo récord, un robot innovador que supere un dos distintos retos propostos. As categorías da WRO GALICIA 2019 son: Regular ( WeDo, Elementary e Junior High) e Football. Na xornada de hoxe haberá 70 rapaces e rapazas agrupados en equipos participando en dous retos (Regular e Football) con diferentes categorías, segundo as idades dos participantes, que van desde os 6 ata os 19 anos.
A participación na competición que se celebra en Galicia será clasificatoria para a fase nacional e a final internacional. A fase nacional, organizada pola Fundación educaBOT (https://fundacioeducabot.org), celebrarase en setembro en Platja d’Aro (Girona). Posteriormente, a final internacional terá lugar en novembro deste ano en Hungría. Na edición anterior, tres alumnos do colexio Compañía de María da Coruña xunto cun profesor participaron co seu robot na fase internacional, celebrada en Tailandia.
World Robot Olympiad
A World Robot Olympiad é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de achegarse dunha maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería.
Os estudantes, coa orientación dun entrenador, deben construír un robot innovador que supere un reto en cada unha das categorías propostas. Na categoría Regular, os equipos deben construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas presentadas sobre un taboleiro. Na categoría Football, os equipos de dous robots autónomos enfróntanse co obxectivo de marcar máis goles que o equipo rival.
Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais.
Como novidade, nesta quinta edición, cabe destacar o Reto Lego Wedo. O novo reto consiste en construír un robot que poida recoller aos nenos nas súas casas e transportalos á escola. Ademais, o robot tamén debe poder entregar froita á escola.
Esta actuación, realizada co aliado dixital Arkitas (www.arkitas.es), súmase ás quince iniciativas que veñen desenvolvéndose desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.
Portal de DigiTalent
Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent (https://digitalent.xunta.gal). Esta web é o punto de acceso ao catálogo de actividades e permite unha consulta adaptada ás necesidades dos distintos perfís de usuarios, ofrecendo información personalizada, segundo rango de idades, datas e lugares de celebración, entre outros criterios.
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema.
A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo) está a impulsar unha serie de obradoiros sobre a aplicación didáctica das novas tecnoloxías, tanto no ámbito da docencia en si mesma como no da innovación. O programa formativo, argallado ao abeiro das actividades do Campus Crea, levarase a cabo entre os meses de xullo e novembro na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. Dirixidos ao alumnado, haberá dous talleres sobre impresión 3D e dous cursos sobre o uso da robótica e da gamificación como ferramentas docentes, todos eles de 20 horas de duración e con inscrición de balde, que pode realizarse na plataforma Culturxest.
A primeira destas actividades en celebrarse, entre o 17 e o 24 de xullo, será o taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na didáctica educativa, un obradoiro centrado nunha técnica de ensino que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo coa finalidade de conseguir mellores resultados na aprendizaxe.
O pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información (Osimga) celebrouse esta mañá en Santiago, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, que deu conta das medidas desenvolvidas durante os catro anos de desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), impulsada desde este departamento autonómico. Ademais, informou do Plan de Traballo do Osimga para 2019 e fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, baseado nos últimos datos do Observatorio.
Desde 2015, a ADG2020 mobilizou máis de 900 millóns de euros, dos que máis de 260 se corresponden con capital privado. O sector tecnolóxico ten un papel chave na implantación destas actuacións. En Galicia, o número de empresas do Hipersector TIC con máis de 23.300 empregados e 3.474 empresas, rexistrou un crecemento sostido desde o ano 2013 de case un 10%.
Catro anos de Axenda Dixital 2020
A directora da Amtega destacou as actuacións para mellorar a conectividade do tecido e os despregamentos para a extensión de redes en núcleos de menos de 300 habitantes. En 2018 aprobouse o Plan Galicia 5G que permitirá a realización de 9 pilotos con esta tecnoloxía na Comunidade, aos que se sumarán outros 9 grazas a unha convocatoria estatal
En canto ao proceso de dixitalización da Administración destacou que as xestións online a través da sede electrónica da Xunta incrementáronse un 90% en 2018 e a tramitación telemática supera a presencial.
O ámbito do ensino integramente dixital en Galicia beneficia a 18.000 alumnos. Ao mesmo tempo promovéronse os coñecementos STEM iniciándose o STEMbach de xeito experimental en 14 centros no curso 2018/19. Ademais, no marco do Plan de Inclusión Dixital impulsáronse novas iniciativas coa a colaboración de máis de 820 Aliad@s Dixitais, conseguindo achegar a tecnoloxía a máis de 81.800 galegos a través da Rede de Aulas públicas CeMIT
Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega, afondouse no desenvolvemento de iniciativas tecnolóxicas para posicionar Galicia como destino turístico intelixente, e avanzouse na dixitalización e difusión do patrimonio cultural ao abeiro da Memoria Dixital de Galicia. Por outra banda, apostouse pola transformación dixital do sector primario co Programa Primare, que ten en marcha tres proxectos de CPTi para automatizar as inspeccións no marco das axudas da PAC e, no sector do mar, abordouse a dixitalización de tres lonxas.
En canto ao sector TIC no 2018, púxose en marcha o plan DICO Mindset para impulsar os contidos dixitais en Galicia, destacando o lanzamento do proceso de consultas ao mercado para incorporar novos servizos interactivos na oferta da CRTVG e a 1ª convocatoria da aceleradora de contidos dixitais StartupsR_Dico Challenge, en colaboración co operador R.
Este curso activouse o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para achegar as tendencias tecnolóxicas aos máis novos e reforzar o atractivo vocacional das profesións dixitais, con talleres lúdico-formativos, sesións de mentorado, campamentos tecnolóxicos ou accións informativas e orientativas.
Elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030
A Axenda Dixital de Galicia 2020 está a conformar un marco sólido para articular un modelo de crecemento vinculado á economía dixital e que agora debe ser completado por unha estratexia para reaccionar de xeito áxil e sostible ante os grandes cambios que trae a transformación dixital.
Neste contexto, vén de lanzarse o proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 da que serán participes a cidadanía, as empresas e as administracións, co obxectivo de contribuír ao aumento da calidade de vida e ao desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: económica, social e medioambiental.
Nova liñas de estudo relativa aos egresados STEM
No Pleno do Osimga tamén se presentaron as principais novidades do Plan de Traballo do Observatorio como a elaboración dun novo estudo sobre a traxectoria profesional dos egresados STEM nas tres universidades galegas para poder avaliar a adecuación da formación á demanda laboral e ás expectativas profesionais dos mozos galegos.
Este estudo encádrase na crecente demanda de perfís especializados, por parte do sector TIC galego, e permitirá analizar a adaptación, xeración, retención e atracción de talento dixital para cubrir as demandas do mercado; adiantándose ás necesidades de formación de novos perfís dixitais
Ademais, neste 2019 ampliarase a información relativa a fogares e familias, o que permitirá obter informes complementarios sobre as redes sociais e apps que utiliza a poboación galega.
No ámbito das empresas TIC iniciarase unha nova liña de traballo, engadindo novos indicadores como o uso de impresión 3D e robótica, Ciberseguridade e novas tecnoloxías de transacción económica a través de Internet (blockchain).
O xurado da V edición dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles da Fundación ONCE, presidido por Miguel Carballeda, presidente do Grupo Social ONCE, seleccionou a 9 finalistas do total das 80 candidaturas presentadas entre as tres categorías desta convocatoria, cuxos premios entregaranse nun acto público que terá lugar o próximo 21 de xuño en Madrid.
Os devanditos premios recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, así como ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolvesen un labor continuado no campo da accesibilidade TIC.
Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles da Fundación ONCE
Como na edición anterior, os galardóns estrutúranse en tres categorías: a primeira delas, a A ,premia ao mellor produto ou servizo baseado en tecnoloxías para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade que xa estea dispoñible. Nesta edición o xurado seleccionou como finalistas a:
Na categoría B, o galardón é para a persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade á tecnoloxía. Optan a este premio:
Finalmente, o apartado C recoñece ao mellor proxecto de emprendemento con impacto social para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través das TIC. Nesta ocasión son finalistas:
Premios
En canto á dotación dos premios, este ano será por primeira vez económica en todas as categorías. Desta forma, os galardoados nos apartados A e B recibirán 5.000 euros, mentres que o traballo premiado no C contará con 20.000 euros. Neste último caso, o diñeiro haberá de destinarse integramente ao desenvolvemento do proxecto galardoado.
Na súa V edición, os Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles trataron de fomentar, ademais, a participación de candidaturas procedentes de países non hispanofalantes. Así, o 30 por cento proveñen de fóra de España.
O Centro de Investigación TIC da UDC, emprazado no Campus de Elviña, recibiu a semana pasada (o 6 de xuño) a visita dun dun grupo de alumnos e alumnas da Universidade Senior da Universidade da Coruña, o programa universitario de maiores dirixido a persoas de idade igual ou superior a 50 anos.
O grupo de estudantes, na súa estadía en Elviña, visitou as instalacións do centro da man do subdirector do mesmo, Javier Pereira. Tras unha breve exposición das principais liñas de actividade, os asistentes dirixíronse a cuberta do edificio, onde puideron coñecer o funcionamento dun sensor de predición de precipitacións desenvolvido por investigadores do CITIC. Logo, no edificio CITIC 2 puideron coñecer o Centro de Proceso de Datos (CPD) e o seu funcionamento. Deseguido, visitaron a sala de demostracións, a Show Room, onde se lles mostrou un sistema de monitoraxe dunha unidade de coidados críticos no ámbito médico e outros demostradores de tecnoloxía materializada no propio centro.
Por último, algúns dos asistentes tiveron a oportunidade de experimentar diferentes sensacións a través dunha contorna de realidade virtual, liña na que se está traballando desde o grupo de investigación TALIONIS.