
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Comeza o verán e a tecnoloxía non cesa, increméntase. Sobre todo, e está ben que así sexa, as vertentes máis construtivas, formativas, sustentables, solidarias e enriquecedoras da tecnoloxía. Todo isto estará representado os días 6 e 7 de xullo no evento Maker Faire Galicia, que se celebra na Cidade da Cultura da man (principalmente) de VermisProject. Hoxe puidemos coñecer unha chea de detalle sobre o programa de actividades. Será completo, diverso e para todas as idades.
Así, haberá charlas de diferentes temáticas, por exemplo a que dará Soledad Ayuso na que desbaratará o factor “idade” como un factor determinante para sermos argalleiras ou argalleiros dixitais (makers), pois ela mesma é un exemplo disto: con 75 é unha experta en impresión 3D.
Tamén participarán os mozos e mozas de UDC Big Bang que ofrecerán unha charla interactiva con motivo do 150 aniversario da orixe da táboa periódica. Amais, tamén se contará coa presenza activa de Compostela Tech, achegando interesantes charlas sobre a longa listaxe de enxeños tecnolóxicos que podemos facer coas nosas mans. Entre as actividades que se poderán atopar o 6 e 7 de xullo atópase a Hebocon, unha competición de robots absurdos para a que non fai falta ter coñecementos previos de tecnoloxía, aberta a todas as idades e que este ano aspira a converterse “na máis grande de España”, en palabras da organización. Tamén haberá unha exhibición e un espazo interactivo de drons onde se poderán ver e pilotar estes dispositivos, ou un recanto para a creación de “auténticas galiñas robóticas, ou pitabots”, coas que poderán participar en concursos e espectáculos ao longo da fin de semana. En canto a expositores este ano repite Bruno Moya, finalista na pasada edición, que virá para presentar a evolución do seu proxecto Glassear. Por outra banda o equipo As Acacias Bot, composto por 10 alumnas de ESO, que conseguiron o terceiro premio na Final Internacional First Lego Plan Ceibal, acudirán para debullar o seu proxecto.
O programa complétase con obradoiros para a rapazada e para nais e pais. Un deles é o desenvolvido por Guille Martínez, que consistirá na realización de próteses en impresión 3D para envialas posteriormente á xente que as necesite, como fai co seu proxecto Axúdame 3D. Aprender sobre Arduino, realizar actividades de artesanía ou crear experimentos científicos son outras das actividades propostas. A entrada é gratuíta para menores de 14 e maiores de 65 anos, para os demais terá un custo de 5 euros para os dous días que dura o evento.
O mundo da tecnoloxía de apoio para persoas con discapacidade conta xa cun novo actor chamado a cobrar un papel moi importante no sector. Trátase da Fundación Romper Barreras, impulsada desde BJ Adaptacións, que nace coa idea de apoiar e poñer en marcha proxectos nos que a tecnoloxía mellore a calidade de vida das persoas con discapacidade.
O promotor da fundación foi Joaquín Romero, quen soñou con esta fundación cuxos primeiros pasos comezaron en marzo de 2017, aínda que os premios que levan o mesmo nome lévanse entregando desde hai máis anos.
Agora é o seu irmán, Borja, director de BJ Adaptaciones, quen preside a fundación cuxo padroado está constituído por un total de sete profesionais dedicados á tecnoloxía de apoio.
A fundación nace co obxectivo de crear sinerxias e impulsar proxectos compartidos nos que a tecnoloxía apoie e mellore a calidade de vida das persoas con discapacidade.
Así, a Fundación Romper Barreras poñerá en marcha acciones en ámbitos como a formación, a investigación ou o financiamento de proxectos que aposten por unha sociedade máis inclusiva.
O fin principal desta nova entidade é desenvolver, promover, potenciar e facilitar o uso da tecnoloxía de apoio e das melloras de accesibilidade para aumentar a calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas contornas, e poñer en valor ás persoas que usan esta tecnoloxía.
Nesta quinta edición os Premios Discapnet recoñeceron ao produto "Irisbond Duo", da empresa Irisbond Crowdbonding, polo desenvolvemento dunha tecnoloxía de comunicación que permite manexar aplicacións coa mirada; a Inmaculada Placencia, experta senior en Discapacidade e Inclusión da Comisión Europea, pola súa traxectoria, e a "Marsi Care", da empresa Marsi Bionics, creadora de dous exoesqueletos personalizados para terapias de nenos con enfermidades neurolóxicas.
O acto de entrega dos Premios Discapnet contou coa presenza, entre outros, da secretaria de Estado de Servizos Sociais en funcións, Ana Lima, e o presidente do Grupo Social ONCE, Miguel Carballeda.
Na súa intervención, Carballeda felicitou aos galardoados e asegurou que son "uns premiados excelentes que achegan o mellor como persoas, empresas e entidades e que coas súas propostas melloran a nosa vida. Son a nosa mellor tarxeta de presentación ante o mundo", recalcou. Por último, agradeceu a presenza da raíña. "O feito de que nos acompañe a nosa raíña é un síntoma do compromiso da Casa Real coa discapacidade".
Como preámbulo da entrega destes premios os asistentes gozaron do espectáculo "Soños reais de corpos posibles" da compañía José Galán de flamenco inclusivo no que se funde tecnoloxía e arte.
Premiados
"Irisbond Duo", da empresa Irisbond Crowdbonding, é unha tecnoloxía de comunicación alternativa mediante interacción cos ollos desde a que existe compatibilidade con aplicacións de uso convencional, como son as plataformas de redes sociais, e con solucións de domótica. Beneficia especialmente a persoas con mobilidade reducida e dificultades na fala.
Pola súa banda, Inmaculada Placencia, experta senior en Discapacidade e Inclusión da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Igualdade da Comisión Europea, é un referente internacional en materia de accesibilidade TIC. As accións que impulsou mostran o seu alto nivel de compromiso co colectivo de persoas con discapacidade, destacando especialmente as relacionadas co desenvolvemento de normativa técnica e legal nesta materia.
Por último, "Marsi Care", da empresa Marsi Bionics recibiu o premio ao mellor proxecto de emprendemento con impacto social para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través das TIC. En concreto polo deseño dos exoesqueletos ATLAS e MAK para personalizar a terapia de enfermidades neurolóxicas. Aplicáronse desde 2015 a 11 nenos nos hospitais Sant Joan de Déu (Barcelona) e Ramón e Cajal (Madrid). O premio destinarase á creación dun centro para o desenvolvemento desta terapia.
Todos eles recibiron unha escultura, obra do artista cego afiliado á ONCE Juan Torre, inspirada nun traballo sobre fotografía accesible que leva a cabo desde o ano 2009.
V edición dos Premios Discapnet
Nesta V edición o xurado seleccionou un total de 9 proxectos entre as tres categorías desta convocatoria. Na primeira delas, que recoñece ao mellor produto ou servizo baseado nas TIC para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, tamén resultaron finalistas "Mínimo: App para adestramento da discriminación auditiva" da Fundación Dálles a Palabra, orientada a estimular o sentido auditivo mediante a comprensión da fala, e "Shriya Srinivasan", que deseñou un método de enxerto muscular rexenerativo que restaura a función neural dos pacientes.
Así mesmo, na segunda categoría, que distingue á persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade TIC, foron seleccionadas a Empresa Malagueña de Transportes, e The Trace Research & Development Center, centro internacional de investigación e desenvolvemento referente en materia de accesibilidade TIC.
Por último, na categoría referida ao proxecto de emprendemento que destaque por potenciar a accesibilidade TIC, tamén resultaron finalistas o Tradutor LSE Showleap Technology, tecnoloxía que traduce automaticamente a voz a lingua de signos, e Aisoy Robotics, que conta cun robot que pode axudar a potenciar a comunicación de persoas con discapacidade intelectual, especialmente a nenos con autismo.
A Xunta avanza no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 coa celebración na primeira semana de xullo do foros de debate profesional aos que están convocados axentes sociais e económicos da Comunidade. Estas xornadas, organizadas pola Amtega en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia.
En total, celebraranse catro sesións de traballo que congregarán aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, contando coa participación de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.
Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da Amtega (https://amtega.xunta.gal/edg2030-participa), así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.
Workshops en torno a catro temas
Máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo abordarán nestes encontros as liñas de actuación en torno a catro áreas temáticas. Así no encontro Territorio Verde e Conectado, abordaranse medidas en torno á conectividade, ás infraestruturas intelixentes e o sector primario. Baixo o epígrafe Vida Dixital e Intelixente debaterase en torno a saúde e o benestar, a cultura e a educación dixital de cara a vindeira década. No foro sobre Economía Aberta, analizaranse as necesidades do mundo laboral cambiante e a economía verde dixital. A xornada sobre Especialización Tecnolóxica centrarase nas novas tendencias tecnolóxicas, o talento dixital e o emprendemento.
A Estratexia Dixital de Galicia 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.
Metodoloxía
Para a elaboración da Estratexia Galicia 2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades.
Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego... entre outras.
Ademais, constituirase unha comisión permanente de expertos que participen tanto nas funcións de vixilancia tecnolóxica como de análise do impacto das diferentes liñas de acción da transformación dixital en Galicia.
O Concello de Abegondo organiza na súa aula CeMIT o curso "Deseña a túa marca persoal dixital" do 1 ao 5 de xullo de 9:00 a 14:00 horas. As clases están dirixidas á mocidade de Abegondo de entre 16 e 30 anos.
Con este curso preténdese dotar de ferramentas aos mozos e mozas do municipio para que poidan ter unha boa marca persoal dixital para proxectar a imaxe convinte. Deste xeito tamén se pretende que os asistentes se coñezan máis a si mesmos e empregar as novas tecnoloxías para a búsqueda de emprego, acompañamento e titorización persoal para a prospección de emprego.
As persoas interesadas poden inscribirse na casa do Concello ou na OMIX. Tamén o poderán facer enviando un correo a adl@abegondo.gal ou a xuventude@abegondo.gal, ou chamando aos teléfonos 981 647 996 ou ao 608 366 854.
Para formalizar a inscrición no curso os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a tarxeta como demandantes de emprego e asinar o compromiso de aceptación do curso na ficha modelo.