
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Fai xa case dous anos falámosvos da app "Tecuento" desenvovida pola Fundación CNSE que buscaba achegar a lectura a nenos con discapacidade auditiva a través de contos narrados en lingua de signos.
Agora esa aplicación, que foi evolucionando nas súas distintas actualizacións, recibiu un enorme recoñecemento coa concesión do Premio Raíña Letizia 2018 de Tecnoloxías da Accesibilidade, convocado polo Real Padroado sobre Discapacidade.
Esta tecnoloxía para dispositivos móbiles fai accesibles os contos para os nenos xordos ou con discapacidade auditiva a través da lingua de signos cunha aplicación dispoñible de forma gratuíta para dispositivos Android.
Cun funcionamento similar ao dun lector de libros dixitais, "Tecuento" permite visualizar os contos en formato vídeo e cun intérprete en lingua de signos que narra o que ocorre no conto.
A app ten acceso a unha biblioteca virtual e, ademais, permite aos nenos con discapacidade auditiva crear os seus propios contos co obxectivo, segundo a fundación, de promover o hábito lector e a creación literaria entre a infancia e mocidade xorda.
Un premio máis que merecido que recoñece o bo labor nos últimos anos da fundación no desenvolvemento desta aplicación tan importante para os nenos e mozos con discapacidade auditiva.
Os grupos participantes en Galiciencia 2019, a feira científico-tecnolóxica da Tecnópole de Ourense, puxeron onte as súas cartas sobre a mesa. Ou sexa, deron a coñecer os proxectos que se presentan nesta edición do evento, unha serie de talentosas e innovadoras iniciativas que tocan todos os paus tecnolóxicos e investigadores co obxectivo común, todos eles, de mellorar a vida das persoas.
A maior feira científica de Galicia, que se prolongará até mañá, celebra a súa décimo cuarta edición coa previsión de máis de 2.000 visitas. En total, compiten polo premio final 50 propostas (secundaria), con 29 fóra de concurso (primaria) Este ano a Galiciencia bateu récords de participación: presentáronse 134 proxectos, boa parte dos cales proviñan da nosa terra. A alimentación saudable, a mellora calidade de vida, a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental protagonizan gran parte das contribucións (79) que se expoñen no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense).
Alimentación
Segundo informan os organizadores, este ano incrementouse o número de proxectos sobre alimentación, dada a temática central desta convocatoria. Neste eido insírense contribucións como o proxecto para a creación dunha cadea de comida rápida saudable que elabora os menús en función das características de cada persoa (a cargo do alumnado do Colexio SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra), un invernadoiro de patacas para viaxes espaciais que permite o cultivo sen terra e controlado mediante unha aplicación móbil (a cargo do Colexio Montecastelo de Vigo) ou unha app para dispositivos con máis de 30 receitas específicas para persoas cun ril transplantado (IES O Couto).
Calidade de vida
A mellora da calidade de vida está detrás dun bo número de propostas. Dúas alumnas das Aulas Tecnópole (Ourense) presentan unha pulseira con capacidade para facer seguimento dos síntomas dunha crise epiléptica e enviar sinais de alerta. Do IES Menéndez Pidal da Coruña chega un mapa dixital que dá indicacións aos cidadáns para moverse de forma máis saudable e eficiente pola cidade, e dúas alumnas do Colexio San José de Ourense deseñaron un monedeiro antimicrobiano. Amais, do Colexio Compañía de María de Santiago procede un espirómetro deseñado e impreso en 3D que permite detectar anomalías pulmonares, co obxectivo asociado de concienciar a xuventude sobre os riscos do consumo de tabaco.
Programación para estradas máis seguras
No eido das tecnoloxías para a seguridade viaria insírese o sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea cando detecta que o condutor está bébedo, e que vén da man dunha alumna do Colexio Maristas de Ourense. Na mesma liña sitúase o Bikerduino, o casco con luces LED que lle indica aos vehículos que circulan pola estrada, mediante movementos de cabeza, se o ciclista está freando ou que dirección quere coller nun cruce.
Compromiso co medio
O deseño de biomateriais (de orixe orgánica e biodegradables) capaces de substituír o plástico é un reto compartido por dous dos equipos participantes, un do Centro Educativo Galén de Lugo e outro do Colexio Eduardo Pondal de Cangas (Pontevedra). Amais, a biorremediación e o uso de especies vexetais para loitar contra insectos e especies invasoras son aplicados por equipos de Ourense, Lugo e Pontevedra para eliminar contaminantes tóxicos no fogar, erradicar a vespa velutina usando fungos e limpar as plantas de parasitos.
Enxeños robóticos
A maiores de todo o devandito, os enxeños tecnolóxicos teñen especial presenza na edición 2019 da feira. Do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela chega, de feito, unha avanzada neveira portátil baseada nunha célula Peltier. Alumnos do CPR Cemar de Mondariz (Pontevedra) presentan aplicacións dos drons multirrotores en transporte de enfermos e servizos anti-incendios, entre outros. E do IES A Xunqueira, de Pontevedra, procede un téxtil que incorpora electrónica para axudar a comunicarse ás persoas con diversidade funcional.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu á xornada inaugural da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, que se desenvolverá ata o 10 de maio no recinto de Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, na que se expoñen un total de 79 proxectos científicos e de innovación. Díaz Mouteira subliñou a importante contribución deste evento para “cultivar entre os escolares a creatividade e a orixinalidade” contribuíndo a espertar vocacións científicas e emprendedoras.
Coa saúde e os bos hábitos como tema principal, durante estes días pasarán pola décimo cuarta edición de Galiciencia máis de 150 investigadores noveis procedentes de 43 centros educativos, a maior parte deles de Galicia pero tamén hai representación de Asturias, Andalucía e Cataluña. A feira conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).
Este mes de maio, o centro de coñecemento La Molinera, será máis ca nunca un centro de divulgación tecnolóxica para as empresas: unha fonte de recursos para axudalas a abordar a súa adaptación aos novos tempos dixitais. Entre as actividades punteiras do centro de Ourense para este mes de maio salienta Progresa dixitalmente, unha iniciativa baseada na rede social Facebook para persoas de entre 18 e 30 anos (terán prioridade as desempregadas) que “desexen mellorar as súas competencias actuais ou adquirir novas ferramentas para o éxito profesional ou persoal dentro da economía dixital”.
Segundo informa o Concello, trátase da primeira que se imparte esta formación na nosa terra. O Goberno local tamén pon o foco na importancia de mostrar como tirar proveito da dita rede social e na relevancia de ligala ao tecido empresarial da cidade: “Asociar a imaxe de Facebook a La Molinera é un éxito da xestión e do programa formativo deste centro de coñecemento tecnolóxico”, sinala o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, engadindo que Progresa dixitalmente será impartido por Gdoce en colaboración coa Concellería de Emprego e Promoción Económica os días 14, 21, e 28 de maio en horario de 16:00 a 20:00 horas nas instalacións de La Molinera.
A formación será presencial, dentro dun proxecto que chegará a 12.500 persoas en toda España, e adaptada a cada participante. Para garantir os obxectivos de formación, haberá un formador por cada grupo de 30 participantes. O programa de formación basearase en seis módulos dos cales se impartirán 3 unidades de formación en cada un dos eventos. Os eventos terán unha duración total de 4 horas que se estruturarán en bloques de 70 minutos con descansos entre cada un, de maneira que se poidan programar nunha soa xornada de tarde facilitando así a conciliación con calquera horario.
A iniciativa Coruña Hacks (impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña co obxectivo de dinamizar a produción de software libre na comarca e estreitar as ligazóns da comunidade desenvolvedora local), chega este sábado á súa final: a terceira e derradeira sesión da actual andaina de Coruña Hacks. Será no Centro Ágora en horario de 10.00 a 20.00 horas. En boa maneira, prolongarase e intensificarase o frutífero espírito de traballo común e irmandade acadado nas sesións previas de Coruña Hacks, que tiveron o formato de hackatons e nas que se encararon problemas reais da cidadanía con respostas concretas de software libre.
A andaina de Coruña Hacks que remata este sábado comezou o 6 de marzo e materializouse logo en dúas intensas sesións de traballo. Entre os proxectos materializados dende marzo atópanse OpenSmartFitness (plataforma libre para recoller e xestionar a información persoal sobre o exercicio físico realizado a través de sensores tamén libres como unha pulseira ou un velocímetro para a bici), subastasAEAT (aplicación para buscar no BOE as diversas poxas que realiza a AEAT e poder facer algún procesamento interesante sobre estes datos) e Web e Infraestrutura de Coruña Developers (web para xuntar a comunidade tecnolóxica argalleira da Coruña e comarca cun calendario que aglutine todos os eventos relacionados). Nesta última sesión avaliaranse as tarefas realizadas durante as xeiras previas e serán entregados os premios aos proxectos. Esta edición de Coruña Hacks traerá como novidade unha versión do evento para rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. Nesta versión, que se chama Coruña miniHacks, os grupos aprenderán a programar e desenvolver xogos e aplicacións utilizando sobre todo Scratch, pero co punto de mira posto (tamén) en linguaxes e plataformas como Python ou Arduino. A diferenza das outras sesións a deste sábado 11 de maio desenvolverase de 16:00 a 19:00 horas, seguido da gala de presentación e premios.
Que son os Coruña Hacks?
Coruña Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de hackatons nos “que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”. Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores.
Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentables e con capacidade transformadora”.