main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/08/201908:05
Pantallazo da web xustiza.gal.
Santiago de Compostela

Avogados e procuradores poderán descargar desde a sede electrónica xudicial as gravacións das vistas nas que interveñen

  • Este servizo, que se está a probar desde o mes de abril en Lugo e Pontevedra, activarase progresivamente nos restantes órganos xudiciais a partir de setembro
  • Facilita e axiliza o traballo dos profesionais, que evitan ter que acudir ao xulgado para recoller a gravación nun soporte físico
  • O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos en liña do ámbito xudicial
  • Desde hai un ano, os galegos xa poden presentar desde a sede os procedementos monitorios
  • Tamén poden consultar a situación dos expedientes dos que son parte no espazo “a miña carpeta”
  • Ademais, a sede permite comprobar a autenticidade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia e dar de alta apoderamentos de xeito electrónico

Avogados e procuradores poderán descargar as gravacións das vistas das que son parte a través da sede electrónica xudicial. É unha das novas funcionalidades da sede, que se vén probando desde o pasado mes de abril en xulgados de Lugo e Pontevedra. Tras esta fase de probas, a previsión é habilitar o servizo para o resto dos xulgados galegos, de forma progresiva, a partir do mes de setembro.

O acceso ás gravacións das vistas está restrinxida aos profesionais que interveñen neses procedementos e que poderán descargalas identificándose con certificados dixitais compatibles coa sede electrónica xudicial e cun sistema de códigos facilitado polo órgano xudicial no que ten lugar o procedemento. A posta en marcha deste novo servizo online evita aos profesionais ter que acudir ao xulgado para recoller a gravación nun soporte físico. Cómpre destacar, que nos primeiros seis meses do ano realizáronse preto de 46.000 gravacións de vistas nos xulgados galegos

Preto de 800 monitorios online

A sede electrónica xudicial entrou en funcionamento a finais de 2016 e desde entón foi incrementando os servizos dispoñibles co obxectivo de consolidarse como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos en liña do ámbito xudicial.

Unha das últimas funcionalidades habilitadas foi a presentación dos procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. No que levamos de ano, xa se presentaron preto de 800 escritos en liña. 

Ademais, a través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”.

Na sede tamén se pode comprobar a autenticidade e integridade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia, e dar de alta un aproderamento de xeito electrónico ou rexistrar un apoderamento apud acta. O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.

Cómpre lembrar que a sede está accesible tamén a través do portal xustiza.gal, no que están dispoñibles a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas, a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados 

Plan Senda

A posta en marcha da sede xudicial electrónica foi un dos fitos previstos previstos no Plan Senda 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e os profesionais do eido xudicial. 

Cun orzamento de máis 26,6 millóns de euros, o Plan Senda 2020 é a estratexia para consolidar o traballo previo realizado no Plan Senda 2014 e que sentou as bases do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, onde están en marcha todas as pezas que permitirán unha xustiza integramente dixital.

14/08/201908:29
Dron voando.
Santiago de Compostela

O Instituto Tecnolóxico de Galicia convértese en obradoiro de servizos avanzados para drons

Instituto Tecnolóxico de Galicia, o ITG, vén de pór en marcha unha infraestrutura tecnolóxica de alto valor engadido para o fornecemento de servizos avanzados de UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés), servizos propios ou alleos en colaboración con entidades e empresas. Trátase de UAVLab, laboratorio-obradoiro de experimentación e desenvolvemento cuxo obxectivo, en última instancia, é impulsar a competitividade e a innovación do sector na nosa terra. A Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través de fondos europeos FEDER, co-financiou a materialización do proxecto. 

En concreto, UAVlab achega melloras ao ámbito dron nun amplo abano de vertentes: procesado de imaxe e análise de datos; deseño e desenvolvemento de sistemas de mantemento previsor para operacións autónomas de drons; creación de aplicacións para o segmento terra (GCS, móbil, PC), autopilotos e outros sistemas necesarios; servizos avanzados para o deseño e integración de hardware de control de voo e, en xeral, posta a punto de sistemas aéreos non tripulados, mediante infraestrutura avanzada de previsión meteorolóxica de precisión e en tempo real, sistemas de posicionamento preciso, etc.

Iniciada en 2018, a infraestrutura de UAVlab foi empregada con éxito en proxectos con clientes e colaboradores estratéxicos do Instituto Tecnolóxico de Galicia. O pasado mes de xullo, UAVLab habilitouse para ensaios pioneiros en campo liderados por Enaire e Everis. O proxecto, dende o seu inicio a finais de 2018, empregouse noutros proxectos de I+D do ITG, con empresas como Indra, SDLE ou a galega Balidea Consulting. Segundo informa o instituto coruñés, o plan de explotación contempla un medre no volume de servizos avanzados, propios ou en colaboración con empresas e entidades, en paralelo co desenvolvemento do mercado de aplicacións baseadas en drons. O director xeral de ITG, Carlos Calvo, salienta o que representa o proxecto para un sector en clara proxección: “A entrada en vigor da nova lexislación para vehículos aéreos non tripulados supón un chimpo cualitativo no tipo de traballos que se poden levar a cabo; de feito, espérase que este ano se disparen traballos como a vixilancia nocturna ou servizos en zonas poboadas”. Segundo advirte, malia que está pendente un meirande regulamento da oferta e a demanda (hai un exceso de operadores cualificados para traballos sinxelos mentres que as tarefas de maior complexidade comezan a demandarse máis), os alicerces para o despegue definitivo do mercado están sentados. 

ITG, referente

No ámbito dos drons, o ITG salientou o seu papel de “pioneiro” ao ser o primeiro centro tecnolóxico en Galicia recoñecido por a AESA como operador nacional de UAV con control remoto (RPA). Amais, o instituto é colaborador da Xunta de Galicia na Civil UAVs Initiative, a iniciativa autonómica para crear un polo de referencia internacional no ámbito aeroespacial en Galicia, no que o ITG co-impulsa a unidade mixta Fastfly, centrada en dotar os vehículos aéreos non tripulados de maior autonomía respecto da ofrecida polas solucións comerciais actuais, “o que permite voar ao aparello en escenarios civís onde as distancias son maiores e onde as operacións son máis complexas e/ou repetitivas”, informa o centro coruñés de I+D.

14/08/201908:10
Concello de Ferrol.
Ferrol

O Concello de Ferrol adherirase á historia social única electrónica

O Concello de Ferrol adherirase á Historia Social Única Electrónica, a HSUE, impulsada na nosa terra pola Xunta (axencia AMTEGA, Política Social) e a FEGAMP a través dun convenio de colaboración tecnolóxica no que entran en xogo, activamente, os concellos. Así o comunicou este mes de agosto a Concellería de Benestar Social que dirixe Eva Martínez Montero, salientando que a HSUE é un sistema que reúne toda a información dispoñible sobre os usuarios dos servizos sociais, polo que se trata “dunha ferramenta que axilizará e mellorará o traballo do persoal técnico”, segundo lembrou a edil.

A concelleira insistiu en que a adhesión será “moi importante para a optimización desta área municipal”, que en Ferrol, dixo, “levaba tempo bloqueada”. Amais, engadiu que se trata do “primeiro paso cara unha modernización necesaria na prestación dun servizo esencial, como é o vencellado ao benestar social”, polo que había que sacalo adiante “canto antes”. A Historia Social Única Electrónica, que se estenderá no 2020 aos dispositivos móbiles (como axuda na atención ás persoas maiores, familias e coidadores), é unha iniciativa abeirada aos procesos de afianzamento da eAdministración que contribúe a axilizar a tramitación dos servizos e prestacións e a proporcionar unha atención máis personalizada. Actualmente, a plataforma está dispoñible para os traballadores sociais de máis de 250 municipios e concentra as historias sociais en formato electrónico de máis de 650.000 cidadáns.

14/08/201908:08
Peregrinos en Santiago de Compostela pasando á beira dunha estatua que representa a peregrinos.
Santiago de Compostela

O Camiño de Santiago, máis accesible para as persoas con discapacidade visual

  • Grazas a unha aplicación móbil as persoas cegas e con problemas de visión grave poderán percorrer algúns tramos do Camiño de Santiago Francés.

 

As persoas cegas e con problemas de visión grave poderán percorrer de forma autónoma algúns tramos do Camiño de Santiago Francés grazas a unha aplicación móbil desenvolvida pola Fundación ONCE e Microsoft dentro do proxecto 'Camiño de Santiago: o teu compañeiro do Camiño'.

"Trátase dunha iniciativa global da fundación a nivel estatal, que promocionará o turismo accesible non só en Galicia, senón tamén no resto de comunidades autónomas polas que pasa o Camiño Francés", explicou a Servimedia Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 21, tras destacar o compromiso da Xunta coa accesibilidade universal.

Grazas a este proxecto, apuntou, "as persoas con discapacidade visual disporán dunha aplicación móbil accesible que os guiará mediante audiodescrición. Tamén se desenvolverá unha versión accesible da aplicación do Instituto Xeográfico Nacional do Camiño de Santiago, para facilitarlles o acceso á información que necesitan os peregrinos".

Considerada como un auténtico GPS auditivo, Soundscape é unha aplicación para dispositivos móbiles que utiliza unha combinación de sensores, como o GPS, o compás dixital e a información recibida de balizas Bluetooth, para realizar o guiado mediante sons 3D.

Desta forma, o usuario pode coñecer o sentido e a dirección que ha de seguir para avanzar nun roteiro determinado, algo especialmente útil no caso de persoas con discapacidade visual. A integración desta 'app' con Beepcons -o sistema de balizas intelixentes despregado por Ilunion- fará posible que todas as persoas, incluíndo aquelas con discapacidade visual, poidan percorrer algúns tramos do Camiño de Santiago Francés sen necesidade de axuda.

A Fundación ONCE e Microsoft colaboran neste proxecto con catro ministerios, coas cinco comunidades autónomas que atravesa o Camiño Francés, coa Asociación de Municipios do Camiño de Santiago e coa Asociación de Amigos do Camiño.

Roteiro sen fronteiras

Segundo Pereira, "este plan en concreto está dirixido a persoas con problemas de visión, pero desde a Xunta de Galicia impulsamos tamén iniciativas para persoas con mobilidade reducida, con problemas de audición ou persoas maiores".

"O obxectivo destas medidas é garantir a accesibilidade universal", proseguiu, "porque cremos que un roteiro sen fronteiras como o Camiño de Santiago non debe ter tampouco barreiras. Non é posible unha verdadeira acollida se persisten obstáculos que a dificultan".

De feito, este acordo coa Fundación ONCE complementa o traballo da Xunta en favor dun Camiño inclusivo, indicou, e detallou outras medidas xa en marcha como a posibilidade de que peregrinos en cadeira de rodas poidan contratar un servizo especial para facer diversas etapas do Camiño en Galicia e en León, ou a instalación -levada a cabo tamén en colaboración coa Fundación ONCE- de placas e atrís que dispoñen de indicacións en braille ou pictogramas.

"Na Xunta traballamos para que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva e accesible para todos", recalcou Pereira. Segundo a comisaria, "trátase de algo que desenvolvemos desde hai tempo, pero que na preparación do Xacobeo 21, unha cita internacional na que Galicia volverá ser un referente para culturas de todo o mundo, cobra máis forza que nunca".

En efecto, "a accesibilidade e a súa garantía é unha das principais estratexias do Plan Estratéxico do Xacobeo presentado recentemente", asegurou.

Así mesmo, indicou que as iniciativas postas en marcha pola Xunta de Galicia en relación ao Camiño de Santiago teñen como principal horizonte a celebración do Xacobeo de 2021, pero "sempre coa intención de que sexan duradeiras, perdurables e válidas máis aló do Ano Santo".

Todos peregrinos

Doutra banda, Pereira sinalou o seu propósito de que a 'app' accesible para persoas con discapacidade visual inclúa outros percorridos do Camiño de Santiago.

"Este proxecto en concreto aplícase ao Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España, pero temos iniciativas postas en marcha noutros roteiros", avanzou. "Queremos que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva e que todas as persoas se poidan sentir peregrinos".

"Por iso, non descartamos ampliar o proxecto a outros roteiros", dixo. Con este obxectivo, proseguiu, "impulsamos melloras en toda a nosa rede de albergues públicos, composta por máis de 70 establecementos repartidos nos máis de 1.500 quilómetros dos distintos roteiros xacobeos en toda a comunidade".

13/08/201914:15
Robot mBot.
Santiago de Compostela

TechKids chega esta semana a Cuntis, Valga, Leiro e Burela

Esta semana (e as seguintes) proseguen as actividades divulgativas do CPEIG e AMTEGA para converter corenta concellos da nosa terra, nestes meses de verán (xullo, agosto e setembro), nun gran obradoiro lúdico-formativo sobre as máis prometedoras e enriquecedoras tecnoloxías dixitais. Trátase do novo programa TechKids, xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons, creación de aplicacións móbiles e videoxogos e animación 3D. As accións, abeiradas ao programa DigiTalent da axencia AMTEGA, chegan estes días a Cuntis (onte, co obradoiro Crea a túa app), a Valga (hoxe, na aula CeMIT, a partir das 12.00 horas, co taller de drons Voa con nós), a Leiro (mañá mércores, co obradoiro Robótica para tod@s, a partir das 16.00 horas na aula CeMIT local) e a Burela (o venres 16, co obradoiro de drons, a partir das 16.00 horas na aula CeMIT). 

A semana que vén a actividade TechKids pasará por Boiro (o taller de róbotica, o día 19), O Barco de Valdeorras (día 20), Pontedeume (22) e Betanzos (23 de agosto). 

Programación e robótica

Entre as cousas concretas que vai achegar o programa para a rapazada, atópase o obradoiro Robótica para tod@, que mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta o resultados dun xeito diferente”. 

A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída. 

Circuítos de habilidades na pilotaxe de drons

O segundo dos obradoiros será sobre drons, no cal os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de Pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos vehículos aéreos non tripulados, creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves. Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados nisto, probarán unhas gafas FPV para “sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída”, explican as entidades organizadoras, engadindo que “para as máis habilidosas e habilidosos que cheguen a dominar o dron e mailo coche, probarán a pilotaxe FPV nun vehículo aéreo remoto”. Na segunda parte da actividade, programarán un aparello voado e por medio dunha programación por bloques, converterano nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio de Scratch, empregando un dron especial chamado Tello” executarán un programa feito polo CPEIG. 

Aprender a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles

Os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos poderán asistir a un obradoiro sobre como crear unha aplicación móbil, onde aprenderán a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles. Empregarase a App Inventor, un contorno de desenvolvemento de software creado por Google Labs para elaborar aplicacións para Android. O usuario, dun xeito visual e a partires dun conxunto de ferramentas, irá enlazando unha serie de bloques para crear a ferramenta. Segundo explican o CPEIG e AMTEGA, Google App Inventor destaca por dous grandes factores: a simplicidade de uso e Google Play, factores que permitirán crear un gran número de apps e a maiores poder distribuílas de balde.

A actividade iniciará ás nenas e nenos na programación no sistema operativo Android. Unha vez rematada a sesión, os alumnos terán creada a súa conta e os seus proxectos de app, gardados na nube. Ademais de iniciarse na programación e facilitar eses primeiros pasos, os alumnos poderán seguir na súa casa mellorando a súa aplicación móbil e publicala cando o consideren. 

Na primeira parte da actividade, a rapazada creará unha app onde se comunique vía Whatsapp a súa situación mediante xeolocalización Wi-Fi ou GPS. Na segunda parte, cada quen poderá deseñar e comezar a programar unha aplicación que solucione unha inquedanza propia. Recoméndase que os nenos leven un móbil ou tableta con sistema operativo Android para poder ver en funcionamento nun dispositivo a súa creación. 

O futuro profesional no mundo dos videoxogos e animación 3D

Finalmente, nesta edición do programa organizaranse obradoiros sobre creación de personaxes de videoxogos e animación 3D, en colaboración co congreso internacional Mundos Digitales. As nenas e nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual. Explicaranse tamén cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que se deben ter para poder traballar en empresas deste ámbito de actividade. Ademais, relatarase dunha maneira visual e didáctica as experiencias doutros profesionais, algún deles galegos.

Con esta experiencia, búscase “que os rapaces vexan os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que lles permita converter a súa creatividade, conxuntamente co coñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión, con gran futuro e gran demanda de profesionais especializados”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS