main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/08/201908:22
Cartel da iniciativa.
A Coruña

As bibliotecas da Coruña proseguen en verán e outono o seu labor de formación TIC

As bibliotecas municipais da Coruña queren contribuír este ano á alfabetización e capacitación tecnolóxicas da cidadanía. E faino cun programa de formación que inclúe unha manchea de obradoiros e que está dirixido a “proporcionar os coñecementos básicos para desenvolvernos no mundo dixital”. 

O programa, que aínda estará en activo nesta recta final de 2019 (ofrecendo en agosto, setembro, outubro, novembro e decembro máis actividades formativas en diferentes emprazamentos, dos que se dá conta nun documento PDF en liña), bota luz sobre diferentes ámbitos TIC de gran utilidade para o noso día a día: comunicación, correo, emprego, participación cidadá, compras, trámites administrativos, etc. Asemade, pon o foco nas utilidades dos dispositivos actuais: computador, móbil, libro electrónico e tableta.

Os cursos son os seguintes:

  • Iniciación á informática e Internet e correo electrónico: dirixidos a persoas cun descoñecemento absoluto do manexo dun computador e Internet (quedan pendentes citas en setembro na Biblioteca Infantil e Xuvenil e en outubro na Biblioteca Ágora, no Forum Metropolitano e máis na Sagrada Familia).
  • Empregabilidade: para persoas interesadas na busca e mellora de emprego (desenvolveuse en febreiro).
  • Procesamento de textos: para o deseño, elaboración e impresión de documentos con procesadores de textos (volverase celebrar en setembro na Sagrada Familia).
  • Configuración de teléfono móbil: para persoas sen coñecementos sobre as posibilidades de personalizar o seu dispositivo (quedan pendentes obradoiros para outubro nos Rosales e para novembro no Ágora e no Forum Metropolitano)
  • Seguridade en Internet: para pais, nais, educadoras e persoas usuarias preocupadas polas implicacións non visibles do ámbito dixital (celebrouse en marzo).
  • Libro electrónico (celebrarase novamente en outubro, no Forum Metropolitano, en novembro nos Rosales e en decembro na Biblioteca Infantil e Xuvenil). 

Os emprazamentos onde están a ter lugar estes obradoiros son a Biblioteca Ágora, Biblioteca Fórum, a Biblioteca Os Rosales, a Biblioteca Monte Alto, a Biblioteca Sagrada Familia e a Biblioteca Infantil e Xuvenil.

23/08/201908:17
Pantalla que mostra sinais dixitais.
Santiago de Compostela

A Xunta apoia 132 proxectos cun programa de axudas á dixitalización da Industria 4.0

  • O programa, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, contará cun investimento de preto de 2,30 millóns de euros
  • O obxectivo primordial desta iniciativa é apoiar a capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais mediante procesos de innovación e modernización a través da interconexión dixital
  • O programa apoia o investimento en equipos e software, cubrindo entre o 20% e o 30% do material necesario
  • A segunda convocatoria de 2019 estará aberta ata o vindeiro 20 de setembro

A Xunta de Galicia apoia a 132 beneficiarios dentro do programa de axudas á dixitalización da Industria 4.0. Este programa, cofinanciado entre o Igape e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, comprenderá un investimento de preto de 2,30 millóns de euros. Estas axudas servirán para apoiar a adquisición de equipos e software, así como as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.

O obxectivo primordial destas axudas é mellorar o traballo das pemes nos mercados rexionais, nacionais e internacionais, facilitando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados. Deste xeito, os proxectos no eido dixital destas compañías serán financiados ao 30% no caso das pequenas empresas, e ao 20% para as medianas, facilitando a súa modernización e mellorando a súa competitividade a través da interconexión dixital entre as empresas vinculadas pola súa actividade. A segunda convocatoria destas características permanecerá aberta para a presentación de proxectos ata o vindeiro 20 de setembro.

Esta resolución súmase á recente concesión de axudas por valor de 376.000 euros coas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, apoia o desenvolvemento de 23 plans de formación nos que se prevé que participen ata 200 pemes. Neste caso, a organización de clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos activará espazos de colaboración desenvolvidos por un mínimo de 6 empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais.

Axenda Industria 4.0

No abeiro do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, a liña de apoios á dixitalización permitiu en 2018 chegar a un total de 170 empresas que recibiron prestacións por parte da Xunta, con axudas de 3,8 millóns de euros, que mobilizaron investimentos por valor de 9,3 millóns á súa vez.

O programa total da Axenda destinará 350 millóns de euros en catro anos co obxectivo de anticiparse aos cambios, aumentar o tamaño das empresas, favorecer o talento dixital e a reinvención da industria. Ademais da activación de novas rutas e proxectos, esta folla de ruta prevé o reforzo dos programas xa en funcionamento e a posta en marcha de novas liñas de actuación que faciliten a transformación dixital, co desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0 para as pemes galegas como obxectivo.

Deste xeito, o propósito é afondar no impulso á mellora da competitividade do tecido empresarial como parte dunha economía global e afectada, habilitando a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns entre 2019 e 2022.

22/08/201913:45
Interpretación automática da lingua de signos por parte dunha máquina.
Santiago de Compostela

Un algoritmo que 'le' o movemento das mans abre a porta a que os smartphones poidan traducir a linguaxe de signos

Varias compañías, como Kintrans ou Signall, tentaron nos últimos anos desenvolver software capaz de interpretar a linguaxe de signos, permitindo así aos seus usuarios comunicarse facilmente con calquera persoa. Pero o certo é que non tiveron gran éxito ata agora.

Con todo, un novo algoritmo desenvolvido polos Google AI Labs, podería ser a clave para materializar ao fin un sistema usable de tradución simultánea entre persoas xordas e oíntes. E bastaría, para iso, con usar un smartphone.

Este novo algoritmo é capaz de seguir o movemento das mans do usuario unha vez que tivo a ocasión de mapealas enfoncándoas coa cámara do seu móbil. "A nosa solución utiliza aprendizaxe automática para calcular os 21 puntos clave en 3D dunha man dentro dun fotograma de vídeo".

A 'lectura de mans' é máis problemática do que parece

Pero este aspecto do algoritmo non foi fácil de desenvolver: os diferentes tamaños de cada man, a velocidade dos seus movementos e o feito de que, durante a conversación, uns dedos poidan obstruir a visión doutros... todos estes aspectos constituíron interesantes retos para os investigadores.

Para reducir os requirimentos de hardware do algoritmo, apostaron por reducir a cantidade de datos que o algoritmo necesitaba analizar, para que así o tempo de resposta fose menor. Así, abandonaron a idea de detectar a posición e o tamaño de toda a man como conxunto, e empezaron por detectar a palma (a parte máis distintiva e regular da mesma).

A continuación, o sistema detecta os cinco elementos que brotan da mesma (os dedos). Para lograr todo isto, fixeron que a IA analizase 30.000 imaxes (cada unha con diferentes poses e condicións de iluminación) e aprendese de todas elas, aínda que iso requiriu que un equipo de humanos etiquetase manualmente os 21 puntos clave en cada unha desas imaxes.

Agora, é capaz de recoñecer o tamaño e ángulos das palmas das mans,** asignándolles coordenadas en base á posición estimada dos dedos e cotobelos**. O algoritmo tamén permite calcular a profundidade dos elementos da imaxe.

No seu blogue corporativo, os investigadores de Google AI Labs explican que a novidade da súa proposta reside en que rompe co enfoque ata agora vixente, baseado en potentes contornas de escritorio, logrando un rendemento en tempo real a pesar de funcionar en teléfonos móbiles.

Desde Google afirman que seguirán traballando en mellorar a súa precisión e anuncian a dispoñibilidade do código fonte do algoritmo para outros investigadores que queiran consultalo.

22/08/201913:39
Mesa nunha biblioteca na que enriba hai un portátil e unha pila de libros.
Vigo

O Concello de Vigo achega un completo programa de obradoiros de alfabetización dixital

A cidadanía de Vigo vai ter ao seu alcance un completo programa formativo destinado a facilitarlle o emprego básico das novas ferramentas tecnolóxicas, de gran utilidade para fortalecer a súa empregabilidade, a súa comunicación e mesmo a súa relación coas administracións públicas. Segundo vén de informar o Concello, xa está aberto o proceso para participar nos cursos de alfabetización dixital que promove o Goberno local e dos que informou este mércores o alcalde, Abel Caballero. Impartiranse nos meses de setembro e outubro, con formación sobre informática, robótica, mecanografía, Internet e ofimática básica.

As clases terán lugar na aula de formación TIC na Avenida de Beiramar e en setembro abordarán materiais como a procura de emprego e a iniciación á folla de cálculo, á informática e á robótica. En outubro, Internet e trámites administrativos, mecanografía e ofimática básica. Os interesados poden informarse e/ou inscribirse no teléfono 010 ou no 986810260, cos requisitos de estar empadroado na cidade de Vigo. O Concello concederá preferencia a aquelas persoas que non participaran previamente no mesmo curso solicitado.

21/08/201908:30
Ferramentas que se usan en TechKids.
Santiago de Compostela

TechKids chega nesta segunda quincena de agosto a unha decena de concellos

TechKids, o itinerario galego de empoderamento dixital da mocidade, segue adiante o seu periplo nesta segunda quincena de agosto. Esta mesma semana e a seguinte, os obradoiros (actividades formativas e divulgativas sobre robótica, drons, aplicacións e videoxogos e animación en 3D) chegarán a Boiro (19 de agosto), O Barco de Valdeorras (20 de agosto), Pontedeume (22) e Betanzos (23). Todas as sesións desta semana xirarán arredor da robótica participativa e construtiva (Robótica para tod@s).

A semana que vén proseguen as quendas en Barreiros (26 de agosto, co obradoiro de drons Voa con nós), en Santa Comba (o 27, novamente baixo a temática da robótica creativa), en Ortigueira (29 de agosto, continuando o fío divulgativo da robótica), en Cuntis (29 de agosto, co obradoiro Videoxogos e animación 3D), en Guitiriz (novamente a robótica) e en Padrón (novamente os videoxogos e a animación en 3D). 

O programa TechKids é unha escolma de actividades divulgativas e lúdicas (un total de 40 xeiras para estimular o talento da rapazada) impulsadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a axencia autonómica AMTEGA, abeirado o plan DigiTalent desta última entidade.

Programación e robótica

Entre as cousas concretas que vai achegar o programa para a rapazada, atópase o obradoiro Robótica para tod@, que mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presentan os resultados dun xeito diferente”. 

A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída. 

Circuítos de habilidades na pilotaxe de drons

O segundo dos obradoiros será sobre drons, no cal os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de Pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos vehículos aéreos non tripulados, creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves. Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados nisto, probarán unhas gafas FPV para “sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída”, explican as entidades organizadoras, engadindo que “para as máis habilidosas e habilidosos que cheguen a dominar o dron e mailo coche, probarán a pilotaxe FPV nun vehículo aéreo remoto”. Na segunda parte da actividade, programarán un aparello voado e por medio dunha programación por bloques, converterano nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio de Scratch, empregando un dron especial chamado Tello executarán un programa feito polo CPEIG. 

Aprender a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles

Os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos poderán asistir a un obradoiro sobre como crear unha aplicación móbil, onde aprenderán a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles. Empregarase a App Inventor, un contorno de desenvolvemento de software creado por Google Labs para elaborar aplicacións para Android. O usuario, dun xeito visual e a partires dun conxunto de ferramentas, irá enlazando unha serie de bloques para crear a ferramenta. Segundo explican o CPEIG e AMTEGA, Google App Inventor destaca por dous grandes factores: a simplicidade de uso e Google Play, factores que permitirán crear un gran número de apps e a maiores poder distribuílas de balde.

A actividade iniciará ás nenas e nenos na programación no sistema operativo Android. Unha vez rematada a sesión, os alumnos terán creada a súa conta e os seus proxectos de app, gardados na nube. Ademais de iniciarse na programación e facilitar eses primeiros pasos, os alumnos poderán seguir na súa casa mellorando a súa aplicación móbil e publicala cando o consideren. 

Na primeira parte da actividade, a rapazada creará unha app onde se comunique vía Whatsapp a súa situación mediante xeolocalización Wi-Fi ou GPS. Na segunda parte, cada quen poderá deseñar e comezar a programar unha aplicación que solucione unha inquedanza propia. Recoméndase que os nenos leven un móbil ou tableta con sistema operativo Android para poder ver en funcionamento nun dispositivo a súa creación. 

O futuro profesional no mundo dos videoxogos e animación 3D

Finalmente, nesta edición do programa organizaranse obradoiros sobre creación de personaxes de videoxogos e animación 3D, en colaboración co congreso internacional Mundos Digitales. As nenas e nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual. Explicaranse tamén cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que se deben ter para poder traballar en empresas deste ámbito de actividade. Ademais, relatarase dunha maneira visual e didáctica as experiencias doutros profesionais, algúns deles galegos.

Con esta experiencia, búscase “que os rapaces vexan os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que lles permita converter a súa creatividade, conxuntamente co coñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión, con gran futuro e gran demanda de profesionais especializados”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS