
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Co remate do verán, o Concello da Laracha vai organizar unha actividade formativa que quere pór de manifesto o potencial de coñecemento e divulgación das novas ferramentas dixitais en materia de medio natural. A actividade desenvolverase entre os días 13 e 15 de setembro e, segundo informa o departamento local de Xuventude, “centrarase na dinamización e posta en valor do patrimonio natural a través das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías”. Estará aberta á participación de mozas e mozos de entre 14 e 30 anos, podéndose inscribir de balde no Concello até o 6 de setembro.
En temos concretos, trátase dunha experiencia práctica de lecer formativo nas Fragas do Eume, onde se levará a cabo un completo programa de rutas e xogos, poñendo o foco nos beneficios de traballar colectivamente. A folla de ruta inclúe formación nas posibilidades de varias ferramentas TIC, como por exemplo Wikiloc, a aplicación referencial para os sendeiristas, moi acaida para almacenar e compartir roteiros ao aire libre xeorreferenciadas e puntos de interese de todo o mundo. A experiencia virá acompañada, tamén, dun concurso de fotografía natural no que os participantes poderán subir imaxes á conta Instagram @xuventudedalaracha. As tres contribucións que reciban maior número de gústame serán as gañadoras. Haberá cámaras deportivas a xeito de premio.
A iniciativa vén da man do Concello da Laracha en colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
O sábado 28 de setembro, a asociación Bricolabs vai organizar un obradoiro de introdución ao software libre QGIS e as sas potencialidades para a edición de mapas e datos xeográficos. A cita, abeirada ao programa de sesións Entre Tuxes (integrada á súa vez no programa de actividades da OSHWDem 2019), celebrarase no Espazo Maker de Bricolabs, no museo Domus – Casa do Home da Coruña, en horario de 11.00 a 13.30 horas.
O obradoiro será impartido por Miguel Ángel Rodríguez Muíños (@mianromu no Twitter). QGIS, como lembraremos, é con toda probabilidade o máis referencial e popular Sistema de Información Xeográfica de código aberto (libre e multiplataforma) de cantos temos ao noso alcance. Permite sacar o máximo proveito do universo GIS (Geographical Information System) e co engadido de contarmos, velando polo bo funcionamento do sistema, pola súa evolución e pola súa dispoñibilidade, cunha nutrida comunidade de desenvolvedores e usuarios. As siglas GIS, para quen non o saiba, abranguen recursos tecnolóxicos para avaliar información espacial, dar forma a consultas interactivas e editar información e mapas, entre outras cousas.
O obradoiro de Bricolabs, que nos introducirá no manexo básico de QGIS, está dirixido a persoas maiores de 18 anos e a menores de idade (a partir de 14 anos, pero acompañados dun adulto durante toda a xornada).
O proxecto itinerante Creactivity, impulsado por Obra Social La Caixa, recala en Ribeira co obxectivo de fomentar a aprendizaxe lúdico-construtiva a través de disciplinas científico-tecnolóxicas e artísticas. Esta convértese na última parada nos concellos de Arousa Norte despois de que percorrese Rianxo, Boiro e A Pobra do Caramiñal. Previamente o percorrido pasou por Cedeira, Bueu, Mondoñedo, Carballo, Cangas ou Vilagarcía, entre outras vilas e cidades.
Trátase dun espazo-obradoiro onde se practica a arte de pensar coas mans, con elementos ideados para fomentar a creatividade, o espírito emprendedor, a cooperación e a reflexión. O vehículo alberga o centro de operacións dun completo programa de actividades dirixido a rapazada a partir dos 7 anos. Até o venres 30 o vehículo de La Caixa estará emprazado na avenida do Malecón, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. A infraestrutura móbil será o centro de operacións dun completo programa de actividades para espertar o enxeño da rapazada, a súa destreza e a súa creatividade. Os cativos participarán en obradoiros con materiais cotiás e ferramentas para dar vida ás súas propias ideas. Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.
Os lectores de documentos en formato PDF teñen multitude de usos, pero un dos máis importantes é o recoñecemento de texto para que persoas con discapacidade visual poidan utilizar esta tecnoloxía para acceder ao contido de documentos que non estean en formato accesible. Unha das opcións máis utilizadas, FineReader de Abbyy presentou a súa décimo quinta versión con importantes melloras.
FineReader 15 incorpora unha serie de melloras respecto a as versións anteriores entre as que se atopa un mellor recoñecemento de texto, permitindo a persoas cegas ou cunha perda parcial da visión acceder ao contido dun documento que non estea en formato accesible, así como a unha folla de papel escrita ou en tinta.
O escáner de documentos é un dos aliados que moitas persoas con discapacidade visual utilizan para acceder ao contido de papeis escritos. Con todo, non son os únicos documentos que non son accesibles. Na actualidade aínda hai moita documentación na internet, especialmente en PDF, que non teñen un formato accesible para todas as persoas.
En ambos os casos, FineReader, que está dispoñible para Windows, é unha ferramenta clave xa que axuda a detectar o texto e a recoñecer as palabras escritas, de maneira que o usuario poida acceder ao seu contido.
Neste sentido, a nova versión de FineReader mellorou a precisión da súa ferramenta de recoñecemento de texto para asegurar a accesibilidade de case calquera documento.
Doutra banda, FineReader 15 incorpora tamén melloras da man da intelixencia artificial para detectar as distintas partes dun documento, como o encabezado ou o rodapé, e facilita a edición e o deseño.
A Axencia de Colocación de Mos vai organizar nesta recta final da tempada estival unha acción formativa para derrubar barreiras de empregabilidade: as barreiras que separan os profesionais con coñecementos tecnolóxicos daqueles que non os teñen. Estamos a falar dun Curso de Alfabetización Dixital cuxo desenvolvemento está previsto entre os días 29 de agosto e 5 de setembro, na sede da Axencia de Colocación. As persoas interesadas xa poden inscribirse. O curso é de balde e facilita os coñecementos “básicos e imprescindibles” para o uso dun computador.
Tamén se dirixe a familiarizar aos participantes coas metodoloxías precisas para tirar proveito do seu equipo informático, e coas recomendacións básicas para un uso diario persoal e laboral. Impartirase do 29 de agosto ao 5 de setembro, de 9:30 a 13:30 horas.
Segundo informa o Concello a conto da orixe desta actividade, o curso quere responder a unha demanda crecente: a demanda de alfabetización dixital en todo tipo de sectores e empresas. Amais, engade, “a tecnoloxía xa está presente no día a día de todas as firmas que queiran ser competitivas”, polo que a formación TIC resulta moi aconsellable de cara a unha boa integración no mercado laboral. “Trátase dun curso totalmente gratuíto pensado para persoas que se inician no uso do computador e Internet”, explica o Concello, engadindo que as persoas que queiran inscribirse xa poden facelo nas instalacións da Axencia de Colocación.