
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O concello de Boiro vai recibir esta semana a visita do proxecto itinerante Creactivity, impulsado pola Obra Social La Caixa para facer voar o talento innovador, científico, tecnolóxico e artístico que todas as nenas e nenos levan dentro. A xira, unha xira STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e Maker (argalleira e creativa, baseada no método-principio básico e integrador de Faino coas túas mans), chantará o seu autobús creativo na praza do Concello os días 21, 22 e 23 de agosto.
O vehículo será o centro de operacións dun completo programa de actividades para espertar o enxeño da rapazada, a súa destreza e a súa creatividade. Estas accións van destinadas a escolares de entre 6 e 16 anos, e tamén a grupos familiares. As xeiras terán unha duración de 90 minutos. Os cativos participarán en obradoiros con materiais cotiás e ferramentas para dar vida ás súas propias ideas. O espazo conta con diferentes áreas para poñer en práctica diversas habilidades como unha zona de mecánica, con engrenaxes, máquinas, bolas e pinballs; unha zona de vento, con tubos por onde flúe o ar; outra de electricidade e unha cuarta de luz, co sistema stopmotion.
A xira Creactivity visitou os días pasados as localidades de Rianxo (até hoxe 19 de agosto), Cedeira, Bueu, Mondoñedo, Carballo, Cangas ou Vilagarcía, entre outras vilas e cidades.Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.
A concelleira de Innovación Tecnolóxica de Ribeira, Ana Barreiro Rego, clausurou o pasado venres os primeiros cursos infantís de introdución á informática, que baixo o título Agosto Dixital, está a organizar o Concello este verán na aula CeMIT. A acción formativa estivo dirixida a nenos e nenas de 6 a 9 anos, e nela participaron 21 cativos. Segundo informou o Goberno local, malia que o programa inicial era fornecer á rapazada dun único curso, duplicáronse as prazas dada a demanda, dando cabida a dúas clases diarias con participación de 12 e 9 alumnos respectivamente.
Ana Barreiro entregou aos pequenos cadanseus diplomas acompañada do axente TIC responsable da xestión da aula, Manuel Bello. Do 20 ao 30 de agosto haberá un novo curso sobre novas tecnoloxías, desta vez orientado a rapazada de 10 a 14 anos. A aula CeMIT de Ribeira está situada no número 1 da rúa Cubeliño. As novas instalacións foron inauguradas en 2012, nos baixos da Escola Infantil Municipal. A aula CeMIT de Ribeira ocupa un espazo duns 80 metros cadrados e conta cunha ducia de postos informáticos de traballo, equipo profesional de videoconferencia e proxección de vídeo, entre outros equipamentos tecnolóxicos avanzados.
A Escola Galega de Administración Pública convocou unha nova edición do Curso superior de administración electrónica en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 80 empregados públicos, terá lugar entre o 24 de setembro e o 22 de outubro e será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas presenciais en Santiago de Compostela e 84 en teleformación.
Cómpre destacar que esta actividade é gratuíta e vai dirixida ao persoal empregado público da Administración autonómica e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que pertenzan ao grupos A1 e A2 do persoal funcionario ou aos grupos I e II do persoal laboral. No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes poderán cubrirse por persoal empregado público da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A presentación de solicitudes estará dispoñible na zona de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula) ata o 16 de setembro.
Coas novas tecnoloxías pasa un pouco como co cambio climático: por moito que se insista na necesidade de transformarnos tecnoloxicamente, por unha banda, e de ser máis sustentables e racionalmente enerxéticos, pola outra, sempre hai persoas, empresas e entidades que, polas razóns que sexan, non poden afrontar os cambios. Segundo un informe da Cámara de Comercio de España, feito a través da súa Comisión de Dixitalización, a porcentaxe de empresas que aposta por capacitarse en innovación é menor do que se pensaba. A día de hoxe, menos do 23% das PEME forman en TIC aos seus empregados. Porén, a taxa varía segundo o número de empregados: canta máis envergadura, máis capacitación dixital.
Desta maneira, nas firmas nas que traballan entre 10 e 49 empregados a porcentaxe delas que forman aos seus empregados en novas tecnoloxías ascende a un 18,5%; séguenlle as compañías de entre 50 e 249 empregados cun 37,4%. Estas cifras contrastan co 66,1% das grandes empresas que realizan accións de formación especializada en TIC para os seus traballadores. En canto a empresas que tiran proveito de expertas e expertos en ferramentas dixitais, tamén se aprecian diferenzas segundo o tamaño. De 10 a 49 empregados, só o 13,5% dispoñen dalgún empregado TIC, o 41,4% das PEME entre 50 e 249 empregados contan con eles e o 72% das grandes corporacións teñen nos seus cadros de persoal expertos nesta materia.
O Concello de Tui ten preparado un completo menú tecnolóxico-histórico-social para a recta final do verán, ao abeiro do Programa de Maiores, Mareas de Coñecemento e Experiencia que impulsan a Concellería de Formación e Emprego e a UVigo. Trátase de tres actividades formativas gratuítas para persoas de máis de 55 anos e a realizar do 23 ao 30 de setembro en horario de tarde. Contará cunha duración de 15 horas de ensino teórico e práctico a cargo de profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo. As tres actividades xirarán arredor da Historia de Tui, a vida saudable e as novas tecnoloxías da información.
O primeiro curso, Arte e Historia, celebrarase o luns 23, de 17 a 19 h, cunha sesión divulgativa que abordará a zona monumental, o patrimonio xudeu, os contos e lenda da zona vella, e os pasadizos de canellas. O martes 24, de 16 a 19 h, celebrarase a parte práctica cunha ruta polo conxunto histórico.
O segundo seminario, Saúde, benestar e deporte constará dunha parte teórica o mércores 25 de setembro, de 17 a 19h , sobre a alimentación natural e saúde e unha segunda parte práctica o xoves 26, de 16 a 19 h, que consistirá na realización dunha ruta cardio-saudable pola Senda do Lagartón.
Por último, no terceiro seminario, Tecnoloxía: uso de ferramentas no teléfono móbil,abordarase a configuración de teléfonos móbiles, WhatsApp, Facebook, apps de calendarios de vacinacións e medicacións, aplicacións móbiles de localización de persoas, apps de contaxe de pasos e actividades saudables (calendarios de vacinacións e medicacións, petición de citas médicas, localización de persoas, etc). Será o venres 27 e o luns 30 de setembro combinando parte teórica e práctica.
A parte teórica dos dous primeiros seminarios desenvolverase na aula de San Domingos, e o terceiro seminario na aula CeMIT da Área Panorámica. Ofértanse 50 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Os interesados poden anotarse no Centro Municipal de Formación, de xeito presencial en Guillarei ou por teléfono de luns a venres de 9 a 14h ou no correo electrónico cfo@tui.gal enviando o seu nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto.