
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Concellería de Transparencia, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá de Redondela quere facer avanzar o coñecemento sobre novas ferramentas e xestión coas institucións públicas a través dunha nova serie de cursos sobre Administración Electrónica. Trátase de actividades de balde dirixidas a entidades e asociacións. Nos obradoiros afondarase no funcionamento do certificado dixital que se require para realizar trámites e solicitudes de axudas ou documentos, así como o uso da sede electrónica do Concello.
Os cursos celebraranse nunha soa xornada cunha duración aproximada de tres horas. Impartiranse os venres 16, 23 e 30 de agosto en horario de 10.30 a 13.00 horas. Aquelas entidades e asociacións que queiran apuntarse deberán enviar un correo electrónico a transparencia@redondela.gal indicando o nome do colectivo, un teléfono de contacto, e o número de asistentes (até un máximo de tres persoas por entidade), con indicación do venres de agosto que prefiran asistir.
Sentarte diante do teu computador ou coller a túa tableta ou smartphone e escribirte co teu médico para controlar o teu estado de saúde e as túas rutinas diarias, de forma inmediata e sen moverte da túa casa. Ese é o obxectivo da aplicación dos chamados Chatbots na saúde, unha tecnoloxía que axudaría a mellorar a calidade de vida das persoas que teñen que manter un control permanente da súa saúde, como moitas persoas maiores ou con discapacidade.
A realidade é que non falas co teu médico, senón que o fas cun sistema de atención baseado en intelixencia artificial que responde as dúbidas e consultas dos pacientes coma se fose o doutor e que permite manter monitorada a situación do paciente e derivar a atención no caso de que sexa necesario.
Atos é unha compañía que apostou por impulsar o uso destes Chatbots no ámbito da saúde, mediante a súa participación no proxecto europeo Medolution.
A idea de Atos é que os pacientes poidan controlar o seu estado de saúde con regularidade e o cumprimento das súas rutinas a través da tecnoloxía.
Aínda que no proxecto Medolution este sistema centrouse en persoas que levan un corazón artificial, a compañía apunta que este tipo de atención pódese estender a outros campos da medicina, como os tratamentos a persoas que sufriron un accidente cerebrovascular ou aqueles con parkinson.
Sen dúbida, facilitar o control médico ás persoas maiores e a moitas persoas con discapacidade que deben acudir con frecuencia ao centro de saúde é unha forma moi clara na que a tecnoloxía pode mellorar a calidade de vida dos usuarios.
Co obxectivo de preparar á veciñanza nos cambios que se aveciñan e que levan anos facéndose notar (a transformación da relación veciñanza-administracións cara o tecnolóxico-dixital), o Concello coruñés da Baña vai organizar un curso sobre sede electrónica do municipio. Segundo informa o Goberno local, neste obradoiro ensinarase aos participantes o funcionamento desta páxina web na que se poden solicitar subvencións, pedir licenzas, consultar e facer xestións durante as 24 horas do día e en calquera dispositivo.
A participación no obradoiro é de balde. O curso desenvolverase durante o mes de setembro, estando aínda pendente de concretarse a data definitiva. O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de setembro, na Casa do Concello da Baña ou chamando a algúns dos seguintes números de teléfono: 981 886 777, 981 886 501, 682 859 367. Segundo informa o Concello acerca da sede electrónica local e das cousas que permite facer de termos un nivel mínimo de formación dixital requirido, a sede fai posible todo tipo de trámites e operacións, de maneira áxil, cómoda, segura e eficaz. E todo, engade o Goberno local, coa vantaxe de permitir que esas consultas e xestións se poidan facer as 24 horas do día e dende o móbil, tableta e computador.
A aula CeMIT do Carballiño vai introducir a residentes e visitantes, este verán, nos mundos das realidades alternativas creadas tecnoloxicamente e nas ferramentas máis populares e creativas para darlles forma. O obradoiro de realidade virtual, organizado por 123 Artes Dixitais e patrocinado pola Deputación de Ourense, desenvolverase entre os días 12 e 16 de agosto. Está concibido para achegar lecer e divulgación tecnolóxica a nenas e nenos de 8 a 15 anos. O número de prazas está limitado a 28, e as inscricións, que son de balde, poden facerse en liña.
O obxectivo do obradoiro é dar forma a “unha experiencia interactiva” que permita a máxima implicación do alumnado, que poderá esculcar nos procesos de creación de mundos dixitais e, tamén, crealos, facer movementos, debuxar sobre eles e enriquecelos. En palabras das entidades organizadoras do obradoiro, a rapazada “terá a oportunidade de gozar das oportunidades que achegan as tecnoloxías para o xogo e a acción”. Entre as tecnoloxías a empregar figura CoSpaces, a plataforma para dar forma, explorar e compartir mundos tridimensionais. Na recta final do curso, as nenas e nenos poderán ver os seus traballos rematados con lentes de realidade virtual e botando man dos móbiles. Os interesados en inscribirse deberán dirixirse á aula CeMIT do Carballiño ou ben a través da ligazón específica habilitada.
A Fundación ONCE mantén aberta a súa liña de axudas ao emprendemento para persoas con discapacidade que na primeira metade do ano permitiu impulsar un total de 14 proxectos, moitos deles ligados á tecnoloxía.
Unha aplicación que facilita o aparcamento de vehículos a persoas con mobilidade reducida, unha clínica dental e unha pastelería que utilizan a realidade aumentada, ou un xogo que favorece a estimulación cognitiva son algúns dos exemplos dos proxectos que participaron nesta liña de axudas no primeiros seis meses de 2019.
O obxectivo destas axudas, cuxo importe base é de 3.000 euros pero que pode alcanzar os 18.000 euros por proxecto, é o de fomentar o emprego e mellorar a empregabilidade e a inserción socio laboral das persoas con discapacidade.
As axudas enmárcanse no Programa Operativo do Fondo Social Europeo de Inclusión Social e Economía Social 2018-2022 (Poises) e, na primeira metade do ano, foron a parar no 57% dos casos a mulleres.
Desde o inicio desta liña de axudas en 1988, un total de 1.746 emprendedores con discapacidade recibiron este impulso para iniciar unha actividade de autoemprego.
Para este período, entre 2018 e 2022, a Fundación ONCE ten previsto destinar 2,6 millóns de euros para o fomento do emprego por conta propia, con criterios específicos para favorecer a colectivos como as mulleres, os maiores de 45 anos ou os parados.
Así mesmo, o programa prima aos proxectos de creación de empresas que xeren emprego para outras persoas con discapacidade ou que impulsen o desenvolvemento rural, a tecnoloxía, o turismo especializado, a agricultura ecolóxica, a saúde, o medioambiente ou a innovación social.