
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A aula CeMIT da Guarda vén de ampliar a cantidade dos cursos ofertados sobre novas tecnoloxías da información e faino cunha programación continua de actividades ao longo do ano, tanto para perfís básicos coma avanzados e para todas as idades. Así o vén de informar o Concello, que lembra que o devandito espazo de formación e divulgación tecnolóxico-dixital, que se atopa no primeiro andar do Centro Cultural da Guarda, tamén pon a disposición de residentes e visitantes a posibilidade de acceder libremente a Internet.
Entre os cursos que programa con regularidade o espazo CeMIT local e que veñen de ser obxecto de ampliación figuran os seguintes: informática básica para nenos e para adultos, mecanografía, procesador de textos, follas de cálculo, redes sociais, manexo desmartphones, entre outros.
O Concello engade que todas aquelas persoas que desexen estar informadas sobre a oferta e programación de actividades TIC da Guarda poden contactar a través do enderezo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal ou chamando ao 986 61 1850. A aula CeMIT local conta coa presenza dun técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.
A Biblioteca Municipal do Centro Ágora da Coruña vai organizar en outubro, entre os días 14 e 25, unha actividade formativa de alfabetización dixital para a cidadanía. Trátase, máis en detalle, dun curso de iniciación á informática, Internet e correo electrónico, dirixido a maiores de catorce anos e de trinta horas de duración. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse entre o 7 e o 14 de outubro. A formalización da matrícula pódese facer de maneira presencial na Biblioteca Pública do Centro Ágora, que é onde se vai desenvolver a actividade formativa, en horario de 9.00 a 12.00 horas.
O curso vai especialmente encamiñado a persoas sen coñecementos tecnolóxicos que queiran tirar partido das ferramentas dixitais, comezando polos usos máis básicos e subindo logo novos chanzos no seu coñecemento TIC. “Neste curso”, sinala a organización, “adquiriremos as habilidades básicas para o manexo do teclado e do rato, para a administración e uso de arquivos e cartafoles, para a procura de información na Internet, o acceso a servizos e trámites en liña e a creación e xestión dunha conta de correo electrónico”. A actividade incluirá unha aproximación á historia de Internet e os seus conceptos básicos; explicacións e prácticas co teclado e co rato; creación, denominación e emprazamento de carpetas; prácticas en buscadores, uso de arquivos e coñecemento sobre os seus formatos, descarga de ficheiros ou conceptos sobre como visitar web de interese e tirarlles o máximo proveito. Tamén se introducirá ao alumnado en correo electrónico, en xestión de contactos ou no uso dos dispositivos móbiles, entre outros moitos contidos.
En verán a nosa terra énchese de oportunidade de lecer, propiamente dito, pero tamén de lecer científico e tecnolóxico. Nesta liña de achegar diversión creativa e enriquecedora á rapazada é onde se insire a xira Creactivity da Obra Social LaCaixa, que está percorrer os concellos da nosa xeografía cun amplo abano de actividades STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Este mes de agosto a iniciativa fai unha recalada en Rianxo, os días 19 e 20, logo das súas arribadas a Cedeira, Bueu, Mondoñedo ou Vilagarcía, entre outras localidades.
O horario da cita rianxeira será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Trátase dun espazo de experimentación e divulgación activa para nenas e nenos a partir de 7 anos onde se practica, en palabras da Obra Social LaCaixa e o Concello de Rianxo, “a arte de pensar coas mans, con elementos ideados para fomentar a creatividade, o espírito emprendedor, a cooperación e a reflexión”. Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.
Esta finde (o sábado 10 e o domingo 11) celebrarase na Coruña unha nova edición dos obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora, os obradoiros CreaR. Será no marco da Mercado da Colleita da Coruña e a través desta cita porase o foco nas posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas. A cita será no número 1 do paseo das Pontes, no marco do mercado ecolóxico e de produtos naturais que impulsa a compañía cervexeira galega Hijos de Rivera. As actividades do operador de cable irán destinadas a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos. Logo da recalada na Coruña, CreaR arribará en Pontevedra, Cangas, Cambre e Lugo.
A presenza de R no Mercado da Colleita ten que ver cunha temática que é lindeira da innovación e a calidade: a sustentabilidade. En base a isto, informa a operadora, “este ano quixemos que os peques da casa tivesen unha participación máis activa a prol da contorna natural”. Por iso, os nenos poderán redeseñar o medio co apoio da súa creatividade: empregando materiais naturais (terra, area, palla e auga) construirán estruturas ou espazos de xogo e aprenderán a facer unha casa ou calquera outro elemento sustentable mediante a técnica da bioconstrución. Os obradoiros, para un máximo de 20 nenos por sesión, desenvolveranse nas mañás do sábado 10 e domingo 11 de agosto, organizados en dúas quendas: para nen@s de 5 a 7 anos, de 11:00 a 12:00 h; e para nen@s de 8 a 10 anos, de 12:00 a 13:00 h. Para formalizar a inscrición nas actividades, cómpre que nos acheguemos a recoller a nosa entrada, previo convite, na tenda R da rúa Compostela, 8 da Coruña (de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:30 h; e os sábados, de 10:00 a 14:00 h).
Ademais dos talleres CreaR, no Mercado da Colleita a compañía de cable celebrará outras actividades abertas a todo o mundo, para as que non será preciso dispoñer de convite previo. “Así”, explica a empresa, “viaxaremos no tempo con xogos tradicionais coma, entre outros, caldeiros colgados, carreiras de tartarugas ou carreiras de coches”. No espazo de R, ademais, “os non tan peques poderán evocar a súa nenez botando man dalgún dos xogos populares de toda a vida”. Os obradoiros de CreaR proseguirán o seu periplo até final de ano para visitar as localidades de Pontevedra, Cangas, Cambre e Lugo. En todos os casos, os talleres están abertos ao público xeral, tanto a clientes coma a non clientes do operador galego. Toda a información para participar, no blog de R.
Digitalent 2020
Os obradoiros CreaR son outra das accións de R como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e colaborador do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent), que desenvolve a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
A Fundación ONCE pon en marcha unha formación online gratuíta para emprendedores con discapacidade que xa teñen a súa empresa en funcionamento.
Este curso axudará aos alumnos a desenvolver o seu negocio con maior viabilidade, grazas á aplicación de técnicas e ferramentas de márketing dixital. Permitiralles ter unha identidade dixital notable, con maior presenza activa na internet, e poder destacarse ante a súa posible competencia.
Doutra banda, os emprendedores, ademais de ser expertos na súa propia actividade, é necesario que dispoñan de coñecementos suficientes sobre a xestión eficiente da súa empresa, de forma que a toma de decisións económico-financeiras da súa actividade se base en criterios sólidos e analizados.
Neste curso aprenderán conceptos clave para a xestión de calquera modelo de negocio, todo iso mediante a realización de casos prácticos aliñados coa actividade profesional de cada un dos participantes.
Prazas limitadas!
Prazo de solicitudes de inscrición ata o 6 de setembro.
DURACIÓN: 100 horas
Data de inicio: 16/09/2019 - Data de fin: 20/12/2019
Información xeral do curso
Obxectivos
Bloque 1
Marketing dixital para emprendedores e pequenas empresas
Bloque 2
Xestión do teu negocio
A formación desenvolverase de maneira online nunha plataforma exclusiva e accesible. Incluirá seminarios online en directo, con relatores especializados, para afondar nos conceptos tratados no curso. Se tes algunha dúbida ou consulta, podes poñerte en contacto connosco a través dos seguintes medios:
Para realizar este curso será necesario acreditar o Certificado de discapacidade.