
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O 66% dos usuarios da sede electrónica da Xunta cualifica o seu funcionamento de bo ou moi bo. Así se recolle a través das enquisas realizadas entre os usuarios nos últimos meses e que serven á Administración para coñecer o seu grao de satisfacción, recoller suxestións e definir futuras liñas de actuación para evolucionar o funcionamento da sede.
A mellora máis reclamada polos usuarios é o autocompletado de campos, para evitar duplicar datos en distintas fases do procedemento; a inclusión de novos procedementos, a implantación dun asistente virtual ou permitir comentarios nas solicitudes.
A sede electrónica, que foi renovada hai un ano para mellorar a súa usabilidade e accesibilidade, concentra a maior porcentaxe de xestións online que realizan os galegos, seguida das oficinas virtuais de o rexistro electrónico.
Máis dun 50% de xestións online
A xestión online está a consolidarse entre os galegos como a opción para relacionarse coa Administración. Entre xaneiro e xuño de 2019 máis do 50% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica da Xunta ou das oficinas virtuais, ou no rexistro electrónico. Este é un dos datos que recolle un informe sobre o sistema de indicadores do Plan de Goberno e Administración Dixital de Galicia 2020, elaborado pola Amtega.
O sistema de indicadores do Plan de Administración Dixital ten como obxectivo dar conta da evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais para comprobar o nivel de adaptación ás obrigas da Lei 39/2015. Esta información achega valor para a toma de decisións relativas á implantación das medidas do Plan. O sistema de indicadores recolle tanto información de uso por parte de cidadáns e empresas como a nivel interno.
Indicadores de uso
De feito constata o incremento por parte dos empregados públicos da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, con 4,7 millóns de consultas no primeiro semestre do ano e 64 servizos. Esta plataforma que lle evita aos cidadáns documentos que xa están en poder da administración como o DNI, certificados de familia numerosa ou discapacidade, títulos universitarios... experimentou un aumento no número de consultas de máis do 32% no último ano.
As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 41%, pasando de máis de 137.000 en 2018 a máis de 233.800 en xuño de 2019.
Aínda que se segue a asinar en papel o uso da sinatura dixital continúa a estenderse no funcionamento interno da Administración e na relación con outras administracións e entidades, que poden empregar a Sala de Sinaturas para rubricar documentos. No primeiro semestre deste ano rexistráronse na Xunta máis de 1,8 millóns de documentos asinados electrónicamente fronte a algo máis de 1 millón de 2018.
Lei de Administración Dixital
Aínda que o uso dos servizos dixitais está cada vez máis estendido, as xestións online non poden supoñer unha barreira para ningún cidadán na súa relación coa administración. Por iso, a recentemente aprobada Lei de Administración Dixital de Galicia establece a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de Oficinas de Atención á Cidadanía, nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital.
En liña co anterior está a figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.
Ademais, a norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais
A Administración do futuro máis inmediato busca ter unha visión integral do cidadán, que estea no centro de todo o proceso e que non sexa un actor máis. Conseguilo dará resposta a demanda da sociedade de ter ao seu alcance unha administración máis transparente, proactiva e con máis e mellores servizos.
Tras varios anos de experimentación, un equipo de investigadores e desenvolvedores da universidade sueca de Boras crearon un novo modelo de chaqueta que incorpora pequenos motores hápticos que producen unha vibración localizada, permitindo a comunicación con persoas cunha discapacidade visual e auditiva.
As persoas xordocegas adoitan necesitar a axuda doutra persoa que se comunica con elas mediante o tacto, xeralmente na palma da man ou nas costas.
O obxectivo da tecnoloxía desenvolvida pola universidade sueca é mellorar a autonomía destas persoas creando tecidos que se poidan comunicar co usuario mediante vibracións localizadas.
O último modelo creado por este centro universitario é unha chaqueta que na parte frontal ten un tecido formado por distintos cadrados de tea brancos e negros, como un taboleiro de xadrez. Cada un destes cadrados incorpora un pequeno motor que vibra para comunicarse co usuario xordocego.
Esta tecnoloxía sumarase a outros proxectos no programa Suitceyes da Unión Europea, liderado pola Universidade de Boras, para crear solucións para o guiado de persoas sordociegas.
Estoutros proxectos son, por exemplo, unha tecnoloxía para recoñecer obxectos e caras nas que traballa un equipo grego; ou sensores para detectar obstáculos e traducilo a vibracións que están a ser desenvolvidos por un equipo inglés en Leeds.
Todos estes proxectos que se unen no programa Suitceyes teñen un obxectivo común, axuntar a última tecnoloxía para impulsar a autonomía das persoas xordocegas.
Un total de 51 centros de educación primaria e secundaria de A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense participaron durante este primeiro semestre do ano nun programa da confederación COGAMI (Promoción de Educación Inclusiva) para formar a profesores e alumnado sobre as persoas con necesidades específicas, por unha banda, e sobre as novas tecnoloxías accesibles e o seu potencial para favorecer a integración das primeiras, pola outra. O programa, que incluíu actividades de sensibilización, contou coa participación de 232 docentes e 1.115 alumnas e alumnos.
Este proxecto que realiza COGAMI en Galicia faise a través da confederación estatal COCEMFE e é financiado a través dos fondos do 0,7% do IRPF que chegan cando as persoas contribuíntes marcan o recadro de Actividades de Interese Social cando fan a declaración da renda. As temáticas das formacións impartidas polas tres profesionais que levan a cabo este proxecto son sobre Diversidade afectiva-sexual e de xénero, Dinamización de patios de recreo inclusivos, Boccia e outros deportes adaptados ademais de sobre Produtos de apoio para as Actividades da Vida Diaria e acceso ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC.
A través deste proxecto constituíuse unha rede de titores tecnolóxicos de apoio ao profesorado destinados á atención dos estudantes con necesidades específicas por motivo das súas características e diversidades. A finalidade é a de promover as melloras na aprendizaxe e previr o fracaso ou abandono escolar en ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios. Segundo informa COGAMI, isto acádase coa introdución de metodoloxías e tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do alumnado. Este programa conta con titoras e titores que teñen por misión motivar, sensibilizar, acompañar, informar e formar no uso das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que conta nas aulas con estudantes que requiren este tipo de soporte.
Este sábado 3 de agosto temos en Lugo unha nova cita coas vertentes máis construtivas e participativas das novas tecnoloxías. Estamos a falar do obradoiro de montaxe de impresoras 3D con Ender 3 que organiza a asociación Makers Lugo, en horario de 10.30 a 13.30 horas. Está previsto complementar o taller de montaxe cunha serie de actividades abertas a todos os públicos que terán o obxectivo común de formar aos participantes en deseño e impresión 3D.
Ao longo da xornada o programa da asociación pasa polo seguinte: montar tres impresoras da marca Creality, máis polo miúdo do modelo Ender 3. Os aparellos resultantes do traballo colectivo ficarán no local de Makers Lugo para usos posteriores, complementando o labor de divulgación e experimentación achegado pola impresora 3D coa que xa conta o colectivo. A intención é tirar partido de todos estes enxeños para elaborar o planningformativo do ano nas devanditas materias.
Makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, co ánimo de contribuír á construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Dende a asociación organizan quedadas, obradoiros e charlas para introducir á xente no movemento Maker e nas súas amplas posibilidades de desenvolvemento, participación e democratización da tecnoloxía e a innovación.
O Concello de Lugo ampliou até mañá, dous de agosto, o prazo para inscribirnos no curso Aprende a ser Instagramer, que organiza o Goberno local (área de Novas Tecnoloxías) a través da iniciativa Tecnoloxíza-T. O curso, que se levará a cabo no Edificio de Novas Tecnoloxías emprazado en pleno casco antigo da cidade da Muralla, é cen por cen de balde e diríxese a mostrarnos as oportunidades, desafíos e modos de emprego de Instagram, a popular rede social de fotografía e vídeos, cada vez máis usada non só con fins creativos e comunicativos, senón tamén como instrumento de primeira orde para complementar un currículo e impulsar a nosa empregabilidade e os nosos contactos.
O horario do curso é de luns a venres de 11.00h a 13.00h, do 5 ó 9 de agosto. O número total de prazas é de 15, para menores de idades comprendidas entre 14 e 16 anos. O obradoiro está encamiñado a usuarios/as cun nivel informático medio. Como dixemos, forma parte do programa Tecnoloxíza-T do Concello de Lugo, que foi presentado o pasado mes de maio pola concelleira Rosana Rielo e que vén constituído, este ano, por un total de 19 e obradoiros, con 225 prazas, a desenvolver na Aula do Castiñeiro e na de María Balteira, así como no Edificio de Novas Tecnoloxías. O obxectivo: mellorar os coñecementos da cidadanía no eido das TIC e as súas múltiples e variadas vertentes.