
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, a empresa Estación de Servizo J.R Vilariño, unha das empresas beneficiadas polas axudas da última convocatoria para dotar de banda larga ultrarrápida ás empresas illadas, da que se beneficiaron un total de 25 empresas da provincia da Coruña de 17 concellos distintos.
Este plan subvenciona entre o 70 % e 100 % dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 € por proxecto. O custo mínimo do proxecto será de 2.000 €. Cun importe total de máis de 360.000 euros na provincia a Axencia autonómica apoia económicamente para que as empresas teñan acceso a redes de entre 30 e 600Mbps.
Ovidio Rodeiro destacou que concretamente na comarca de Santiago beneficiáronse destas achegas 9 empresas dos concellos de Melide, Arzúa, O Pino, Val do Dudra, Frades e Toques. Estas axudas, que ascenden nesta área a 135.000 euros, están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.
Máis de 130 polígonos con máis de 100Mbps
A primeira medida deste Plan foi a mellora da conectividade nos polígonos industriais. En colaboración co operador R facilitouse a cobertura de redes de 350Mbps a 81 que albergan a máis de 1.750 empresas en Galicia. Para conseguilo instaláronse un total de 55 centrais de cabeceira de fibra óptica que permiten, non só atender aos polígonos, senón tamén estender estes servizos de banda larga ultrarrápida ás poboacións próximas a estas centrais.
Estes 81 polígonos cubertos, sumados aos que xa dispoñían de cobertura ou foron cubertos polos operadores, fan un total de 131 polígonos con acceso a redes de máis de 100 Mbps, que concentran o 93% da superficie empresarial ocupada.
Estas actuacións contribúen a eliminar a barreira existente á hora de contratar servizos axeitados de alta velocidade por parte das empresas e autónomos situados en zonas illadas que non dispoñen desta cobertura. Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas
A mellora da conectividade do tecido empresarial é unha das liñas de actuación do Plan de Banda Larga 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). En catro anos as medidas do Plan posibilitaron o acceso a redes de ata 600Mbps a máis de 1.750 empresas de 81 polígonos industriais e outras máis de 80 situadas fora destas áreas.
O Plan de Banda larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta e asume os obxectivos de Europa, complementando as actuacións do Estado. A Axenda Dixital para Europa establece o deber de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación.
A rapazada que queira dar o paso de usuaria a desenvolvedora de tecnoloxías vai ter unha boa oportunidade para facer evolucionar os seus coñecementos prácticos TIC da man da operadora galega R. Ao abeiro do seu proxecto educativo-tecnolóxico CreaR para pequenos e maiores, a segunda fin de semana de agosto (o sábado 10 e o domingo 11) celebrarase na Coruña unha nova edición dos obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora. Será no marco da Mercado da Colleita da Coruña e a través desta cita porase o foco nas posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas.
A presenza de R no Mercado ten que ver cunha temática que é lindeira da innovación e a calidade: a sustentabilidade. En base a isto, informa a operadora, “este ano quixemos que os peques da casa tivesen unha participación máis activa a prol da contorna natural”. Por iso, nunha edición estival desta acción lúdica e didáctica, os nenos poderán redeseñar o medio co apoio da súa creatividade. Utilizando materiais naturais (terra, area, palla e auga) construirán estruturas ou espazos de xogo e aprenderán a facer unha casa ou calquera outro elemento sustentable mediante a técnica da bioconstrución. Os obradoiros, para un máximo de 20 nenos por sesión, desenvolveranse nas mañás do sábado 10 e domingo 11 de agosto, organizados en dúas quendas: para nen@s de 5 a 7 anos, de 11:00 a 12:00 h; e para nen@s de 8 a 10 anos, de 12:00 a 13:00 h.
Para formalizar a inscrición nas actividades, cómpre que nos acheguemos a recoller a nosa entrada, previo convite, na tenda R da rúa Compostela, 8 da Coruña (de luns a venres, de 10:00 a14:00 h e de 17:00 a 20:30 h; e os sábados, de 10:00 a 14:00 h). Ademais dos talleres CreaR, no Mercado da Colleita a compañía de cable celebrará neste marco outras actividades abertas a todo o mundo, para as que non será preciso dispoñer de convite previo. “Así”, explica a empresa, “viaxaremos no tempo con xogos tradicionais coma, entre outros, caldeiros colgados, carreiras de tartarugas ou carreiras de coches”. No espazo de R, ademais, “os non tan peques poderán evocar a súa nenez botando man dalgún dos xogos populares de toda a vida”.
Digitalent 2020
Os obradoiros CreaR son outra das accións de R como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e colaborador do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent), que desenvolve a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
O Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA) e a Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), ofertarán o curso de accesibilidade audiovisual: as claves do subtitulado, que será impartido do 1 outubro ao 30 de novembro de 2019.
O CESyA, centro dependente do Real Padroado sobre Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, xestionado pola UC3M, ofrecerá un curso de accesibilidade audiovisual e subtitulado, que terá lugar do 1 de outubro ao 30 de novembro. O período de admisión finalizará o 23 de setembro.
Obxectivo do curso de accesibilidade audiovisual
O obxectivo desta formación é concienciar aos novos profesionais da comunicación, a tradución e o xornalismo para que comprendan a necesidade de crear contidos accesibles para as persoas con discapacidade auditiva.
Estes estudos online realizaranse de forma telemática a través da plataforma de ensino virtual Aula Global, que conterá tanto os contidos teóricos como as tarefas prácticas.
Para a realización dos exercicios do curso de accesibilidade audiovisual, utilizaranse ferramentas informáticas de software libre que non requiran a adquisición de licenzas.
O profesorado estará composto polos investigadores do CESyA, Israel González (departamento de Informática da UC3M), Mónica Souto e Gonzalo Martín.
Os docentes realizarán un seguimento de cada alumno mediante a corrección dos traballos realizados, estando sempre dispoñibles para resolver dúbidas ou cuestións relacionadas coa temática do curso.
Máis información sobre o curso e a matriculación: Web da UC3M
Se es unha persoa con discapacidade visual seguramente utilizas ou oíches falar de Jaws, o lector de pantallas desenvolvido por Freedom Scientific que se converteu nunha das tecnoloxías para persoas cegas máis utilizada en todo o mundo.
En calquera caso, ou por se non coñeces as novidades das últimas versións desta tecnoloxía, os compañeiros de Orientatech, o proxecto posto en marcha a través da Fundación Tecsos, da Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España, analizaron Jaws en profundidade.
Na súa análise destacan que Jaws é un dos lectores de pantallas máis potentes e personalizables do mercado, polo que se converte nunha das ferramentas de accesibilidade máis útiles para os usuarios de Windows con discapacidade visual.
Ademais, trátase dunha tecnoloxía completa xa que, ademais do lector de pantallas tradicional, incorpora outras opcións moi interesantes e sen custo adicional como un lector de texto en imaxes (OCR) ou Jaws Tandem, que permite controlar o computador en remoto.
Podedes ler a review completa nesta ligazón.
O espírito creativo, argalleiro e maker non se vai de ferias este verán, de feito as vacacións estivais semellan un bo caldo de cultivo para crear novos enxeños e confraternidades arredor das tecnoloxías libres. Así o entenden pola banda das Pontes, onde a Asociación Amigus vén de convocar un campamento tecnolóxico en colaboración con Ciencia Kids.
Será unha experiencia para mergullar á rapazada nas vertentes máis enriquecedoras da ciencia e tecnoloxía, a desenvolver entre o 26 e o 30 de agosto no Pavillón Polideportivo Municipal de As Pontes en horario de 9:00 a 14:00. Está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, e ten un prezo de inscrición de 50 €. O programa contará con obradoiros participativos e innovadores adaptados á devandita franxa de idade, todos eles co obxectivo de proporcionar ás mozas e mozos participantes unha base de pensamento lóxico dedutivo e espertar o seu interese pola investigación, “favorecendo así o desenvolvemento da nosa sociedade”, en palabras de Amigus. Tamén haberá actividades interactivas onde se farán experimentos científicos axustados en contidos que todos os participantes poderán levar a cabo e que terán a finalidade de fomentar “o traballo en equipo, a elaboración de hipóteses e a experimentación con materiais”, para despois desenvolver pensamentos que boten luz sobre o acontecido nas ditas actividades e así reflexionar sobre os resultados.