main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

31/07/201908:19
Unha imaxe do vídeo gañador do IES de Brión.
Santiago de Compostela

Os centros educativos galegos copan o palmarés do festival eMove

Un ano máis, haberá notable presenza galega no palmarés do festival de audiovisual eMove, cuarta edición. Trátase, para empezar, dos vídeos Maruxa, do CEIP do Carballal de Marín (Pontevedra), que gañou na categoría de primeiro ciclo de Primaria, Mais eu non son eu, do IES de Brión (A Coruña), que se proclamou campión na modalidade de primeiro ciclo da ESO, e máis Back:ground, do IES de Cacheiras (Teo), que foi o mellor vídeo da categoría de segundo ciclo da ESO. Todos os vídeos están dispoñibles nas redes, en YouTube e en Vimeo, onde están a ser obxecto dunha chea de reproducións. 

Ademais, o CEIP do Carballal tamén obtivo premio (na sección primeiro ciclo de Primaria) pola súa reportaxe sobre As praias de Marín, e o IES de Cacheiras co documental Espazos abertos, na categoría de Bacharelato e ciclos formativos. A esta importante presenza galega cómpre engadir o papel despregado polas rapazas e rapaces do IES Agra de Orzán, que conseguiron o primeiro premio das reportaxes (modalidade Bacharelato e ciclos) coa súa reportaxe Hoxe dicimos basta. 

Na sección de spots, o IES de Cacheiras logrou outro recoñecemento coa peza anti-violencia de xénero Non prescindas de ti (modalidade de Bacharelato e ciclos). 

O certame eMove, tamén coñecido como Festival Escolar e Universitario das Artes Audiovisuais, está impulsado pola Federación de Academias e Produtoras e na última edición competiron centros educativos de toda España. Dende a organización deste certame salientaron “o alto nivel de calidade audiovisual das pezas participantes. Un gran traballo o dos estudantes que participaron, que fixeron que a tarefa de elixir os gañadores sexa máis complicada ca nunca”. Tanto os centros da nosa terra como os do resto do ámbito estatal recibirán cadanseus galardóns o vindeiro 19 de outubro en Kinépolis (Madrid).

31/07/201908:10
Unha das fotografías incluídas en Soñadores, de Gabriel Tizón.
San Sadurniño

San Sadurniño ultima os detalles do seu novo (o sexto) Chanfaina Lab

O Concello de San Sadurniño segue adiante cos seus obradoiros de Chanfaina Lab, o proxecto de creatividade e dinamización socio-rural materializado a través das novas tecnoloxías e os seus diferentes dispositivos e linguaxes. Estes días o concello atópase nun punto de inflexión: está na súa recta final o quinto encontro audiovisual e participativo Chanfaina Lab (no que participaron preto de tres ducias de realizadoras e realizadores) e atópase a piques de arrancar a seguinte edición. A convocatoria en curso (por pouco tempo) chega á súa recta final da man do fotoxornalista Gabriel Tizón, que achegou “unha peza audiovisual que vén reflectir a esencia do encontro a través de instantáneas do que non se ve, o que está detrás das cámaras”, en palabras da organización.

Segundo engaden dende o Goberno local, o autor compuxo unha pequena montaxe de clausura que salta a Youtube (con nome de Soñadores) a pouco máis dun mes do arranque dun novo Chanfaina que trae “numerosas novidades”. A principal será a súa duración da súa quenda oficial, do 3 ao 8 de setembro, ampliando a oferta de obradoiros pola semana que se veñen sumar á actividade do sábado e o domingo reservada para as rodaxes.

O vídeo achegado por Tizón serve como antesala do seu obradoiro en Chanfaina Lab, Editar coa mirada, que se celebra este sábado 3 de agosto no local social da Seara, en Ferreira. Trátase dun taller para amantes da fotografía en xeral no que, segundo o autor, “insistirase no valor da mirada, o resultado de fotografar como pensamos e a edición final”. A sesión durará desde as 10.00h. até as 20.00h, “nun entorno tranquilo e de natureza”. A asistencia está limitada a 20 prazas cun prezo por persoa de 85€, incluído o xantar. As inscricións hai que facelas a través de info@gabrieltizon.com.

En setembro, máis Chanfaina

Como dixemos, o último vídeo do Chanfaina 2018 dá o chimpo á Rede cando xa comezou a conta atrás da edición 2019. Segundo informa o Concello, a totalidade dos detalles sobre esta nova convocatoria está practicamente pechada”, con 32 nomes confirmados de aquí e de acolá que acudirán á cita para mostraren outros puntos de vista de San Sadurniño, sexan documentais, ficticios ou experimentais”. As datas serán as seguintes: do 3 ao 8 de setembro. Serán seis días dos que catro están reservados para obradoiros e outros dous para rodaxes. O martes 3 (de 16 a 20.00h) a realizadora e por dúas veces chanfaineiraSandra Sánchez ofrecerá un obradoiro sobre técnicas de montaxe audiovisual. O mércores 4 tocará un obradoiro sobre videoxogos e animación 3D dentro do programa TechKids que desenvolven a AMTEGA e o Colexio profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Esta sesión desenvolverase entre as 10 e as 14.00h., ao igual que a do xoves 5, cando a rapazada de 12 a 18 anos poderá entrar en contacto coa creación de apps para dispositivos Android.

O venres 6 achegarase un curso acelerado sobre fotografía 3D impartido polo experto Anxo Santomil (de 10 a 14.00h) e, a partir do serán, está previsto darlle a benvida aos creadores e creadoras que participarán no VI Chanfaina Lab gravando as súas curtas tanto na xornada do sábado coma na do domingo.

30/07/201909:21
Cartel do evento.
Málaga

A Fundación ONCE presenta o seu Congreso de Tecnoloxía e Turismo

  • O Camiño de Santiago para todos e a aposta polos videoxogos accesibles, dous dos temas que se abordarán neste encontro

 

Málaga acollerá do 23 ao 25 de outubro o "Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade", organizado pola Fundación ONCE. Unha vez presentados todos os traballos a entidade ultima o número de relatores e o contido das mesas redondas cos temas que se abordarán neste encontro. 

 

Por segundo ano consecutivo, o evento terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña, onde mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes e os produtos e servizos accesibles melloran a vida de todas as persoas.

 

Así, na súa terceira edición, o congreso está aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo. 

 

Unha vez finalizado o prazo para presentar as comunicacións, o Comité Científico está a seleccionar as que se presentarán no congreso, que se incluirán no Libro de Comunicacións que se colgará na web. As mellores valoradas publicaranse na Revista sobre Accesibilidade e Deseño para Todos "JACCES".

 

O congreso expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade. O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas.

"As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atendelas necesidades individuais dentro dunha oferta global", consideran os organizadores do encontro.

 

Mesas e relatores

O encontro estrutúrase en mesas redondas e paneis de debate onde se abordarán cuestións como o Camiño de Santiago Accesible ou a aposta polos videoxogos accesibles. 

 

As novas tecnoloxías aplicadas ao turismo e a necesidade do xogo libre en nenos con discapacidade tamén serán tratadas neste encontro en Málaga, onde igualmente terán a oportunidade de mostrar o seu traballo en favor da accesibilidade as administracións públicas e as empresas. 

 

Por último, haberá tempo para explorar as tendencias internacionais, abordar as experiencias de usuarios e os casos de éxito e para dar conta do traballo realizado en materia de formación e no papel da normalización. 

 

No programa provisional do congreso, destaca a presenza de Inmaculada Placencia, experta sénior en Discapacidade e Inclusión na Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea. Como coordinadora das políticas europeas para as persoas con discapacidade, intervirá na mesa "Tendencias Internacionais", na que expoñerá o que se está facendo a nivel europeo en materia de discapacidade e accesibilidade. Placencia foi unha das gañadoras na V edición dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles da Fundación ONCE, entregados pola raíña Letizia no mes de xuño, onde se recoñeceu a súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade á tecnoloxía. 

 

O encontro tamén contará coa presenza de Victor Calise, comisionado da Oficina de Persoas con Discapacidade do alcalde de Nova York. Intervirá na mesa sobre "Accesibilidade en Smart Cities" para falar das estratexias levadas a cabo na súa cidade para implementar a accesibilidade. 

 

Outro dos expertos internacionais que viaxará á cidade de Málaga é o doutor Christopher M. Lee. Participará na mesa sobre "Modelos formativos" e achegará a súa visión como director Executivo da Asociación de Profesionais da Accesibilidade. O doutor Lee fundou e dirixiu o maior Centro de Investigación e Servizos en Educación Superior nos Estados Unidos. 

 

Máis información na páxina web http://www.ttd-congress.com/es

30/07/201908:32
Construción dun robot segueliñas.
Santiago de Compostela

Os obradoiros de robótica de TechKids chegan esta semana a Oroso e Fisterra

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) están a xuntar forzas, novamente, para ofrecer á comunidade de estudantes da nosa terra un verán plenamente tecnolóxico: divulgación e lecer para facer abrollar as moitas capacidades creativas que levan dentro. Con este motivo, organizan estes meses de verán (de xullo a setembro) un completo programa (TechKids) de xornadas de robótica, pilotaxe de drons, creación de apps e videoxogos e animación 3D. Esta semana ábrese coas actividades de robótica de Oroso (luns 29) e Fisterra (martes 30). Será nas aulas CeMIT das dúas localidades.

Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade. TeckKids, para quen non o saiba, abéirase ao Plan Digitalent da axencia AMTEGA, e está destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Respecto do obradoiro Robótica para tod@s, que é o que se celebra en Oroso e Fisterra (en ámbolos casos en horario de 10.00 a 14.00 horas), mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta os resultados dun xeito diferente”. 

A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido á máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis a AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.

29/07/201910:26
Manuel Bello e Ana Barreiro na presentación dos cursos.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira achega este verán dous novos cursos TIC para a rapazada

A aula CeMIT de Ribeira vai organizar este mes de agosto dous cursos de balde con software libre sobre novas tecnoloxías dirixidos aos máis novos e impartidos por Manuel Bello, novo axente TIC encargado da xestión desta dependencia. A concelleira de Administración, Innovación Tecnolóxica e Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Ana Barreiro, manifestou na presentación destes cursos que se trata “dunha aposta pola alfabetización dixital e inclusión tecnolóxica dos cidadáns e cidadás e, como estamos en temporada estival, tócalle aos máis pequenos da casa.” Deste xeito, dixo, contribúese á conciliación.

O primeiro comprende o tramo de idade de 6 a 9 anos e desenvolverase do 6 ao 16 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Entre a materia impartida atópase o manexo básico do sistema (accesorios do sistema, crear carpetas e ordenar datos), coñecer o teclado, edición básica de texto, debuxar co ordenador, buscar imaxes en Internet, ordenar fotos e crear unha montaxe de imaxes. O segundo treito comprende a rapazada de 10 a 14 anos, desenvolvéndose do 20 ao 30 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Os asistentes aprenderán a manipulación de imaxes (descargar fotos de Internet, retocar e crear montaxe de imaxes), editar son e vídeo (descargar de Youtube, editar as descargas e engadir son). O Concello explicou que existe un límite de prazas establecido en 12 para cada unha das accións formativas e as inscricións estarán abertas desde o 29 de xullo ao 2 de agosto, podendo formalizarse tanto na páxina web do Concello www.ribeira.gal, dentro do apartado Aula CeMIT, coma nas propias instalacións situadas debaixo da escola infantil municipal, na rúa Cubeliños 1.

Por outra banda, a concelleira lembrou que a aula CeMIT está aberta para calquera persoa que queira facer consultas ou suxestións sobre aspectos relacionados coas novas tecnoloxías.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS