
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Grupo Stellae da Universidade de Santiago vén de radiografar os hábitos e a capacitación TIC do noso alumnado. Fíxoo a través do estudo Competencia dixital en estudantes de educación obrigatoria. Entornos socio-familiares, procesos de apropiación e propostas de inclusión, realizado coa subvención do Ministerio de Economía e Industria. O obxectivo do traballo foi comprender o nivel de alfabetización tecnolóxica dos nosos menores de idade ao remataren Primaria, segundo explican as investigadoras Adriana Gewerc Barujel e Esther Martínez Piñeiro. No estudo reflíctese un dato preocupante que en certa maneira desmente (ou matiza) o mito dos nativos dixitais: vinte de cada cen estudantes de sexto curso de Primaria teñen unha competencia dixital baixa.
A partir da análise dos resultados dunha proba realizada entre 764 rapaces e rapazas de toda a Comunidade, o grupo de investigación da USC conclúe que “o 67% do alumnado posúe unha competencia de nivel medio, mentres que unicamente doce de cada cen alcanzan un nivel alto”. Como explican as investigadoras da USC, de media o alumnado obtén na proba unha nota final de 6 nunha escala de 10 puntos, “se ben, atendendo aos coñecementos, o alumnado suspende en tres das cinco áreas analizadas”. Concretamente o alumnado suspendería en información (nota media de 4,8), creación de contidos (4,6) e resolución de problemas (4,8). Fronte isto as autoras do estudo sosteñen que é preciso incidir máis nun “mellor manexo de conceptos coñecemento competenciais básicos”. Pola contra, as puntuacións máis altas (por riba de 7,5) están relacionadas coas actitudes do alumnado en todas as áreas da competencia dixital, “especialmente na de seguridade e comunicación”.
O Concello de Ourense ofrecerá, a través da Universidade Popular, unha oferta de 140 cursos formativos en diferentes áreas, incluíndo as múltiples vertentes actuais das novas tecnoloxías da información: redes sociais, robótica, ofimática ou fotografía dixital, entre outros eidos.
Segundo informa o Goberno local, a comisión técnica vén de seleccionar os proxectos do ámbito da educación non formal de cara á súa inclusión no programa 2020, no que participan 80 entidades. Tivéronse en conta parámetros como a calidade dos proxectos, a innovación e maila súa aplicación práctica. Na longa listaxe de obradoiros formativos, que podemos consultar nun documento en PDF específico, inclúense cursos de iniciación á robótica (Safe Educación e Formación), de introdución á mercadotecnia dixital e a plataforma Prestashop (Captioma Galicia), de creación de contidos para YouTube e de series de TV (Gonzalo García Palmeiro), de fotografía dixital nocturna e smartphotos con teléfonos móbiles (Víctor Barro Casal), de Sistemas de Información Xeográfica (Alba Dasairas Bouzada), de redes sociais e creación de blogs e de informática administrativa (Delta PC), de marketing e vendas (Delfina Franqueira), de xestión de perfís profesionais e empresariais en redes sociais (Alba Aldá Lameiras), de Wordpress (Carmen Mª Rúa), e de ofimática e factura electrónica (Pacios Ramón Informática e Formación).
Os dispositivos intelixentes supoñen un gran avance para moitas persoas con discapacidade que poden manexalos desde un smartphone ou a través da voz. Nesta liña enmárcase o acordo entre Ilunion IT Services e Geeksme, que busca o desenvolvemento conxunto de solucións da internet das Cousas en moitos ámbitos distintos.
Estas solucións permiten que todo o que nos rodea se volva intelixente, o que permite incrementar en gran medida a súa accesibilidade para persoas maiores ou persoas con discapacidade.
O adxectivo "intelixente" que actualmente se pon a moitos dispositivos significa, a grandes liñas, que está conectado a Internet ou a algún outro dispositivo.
Esta "intelixencia" permite que ese dispositivo, ou ben se poida utilizar dunha forma máis sinxela e accesible, ou que aprenda a adaptarse ás necesidades, os gustos e os costumes dos seus usuarios.
En calquera caso, trátase de solucións que en xeral, a condición de que estean ben deseñadas e desenvolvidas, supoñerán unha mellor usabilidade para as persoas, en especial para aquelas que en moitos casos teñen dificultades para manexalas, como as persoas con discapacidade e as persoas maiores.
O acordo entre Ilunion IT Services e Geeksme prevé o desenvolvemento conxunto de novos proxectos que utilizan esta tecnoloxía da internet das Cousas en áreas como os servizos, o sector sociosanitario, o hospitalario, o farmacéutico, o de transportes, o da loxística, a banca ou os seguros, entre outros.
Por unha banda, Geeksme achegará o seu coñecemento e a súa capacidade tecnolóxica no deseño, desenvolvemento, fabricación e promoción das solucións, mentres que Ilunion encargarase da instalación, o mantemento e a loxística.
Ademais, o feito de que o acordo de Geeksme sexa cunha empresa como Ilunion, que forma parte do Grupo Social ONCE, é unha mostra da importancia que a accesibilidade e as persoas con discapacidade teñen na colaboración entre as dúas entidades.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) queren sacar proveito á confluencia entre as vacacións de verán e a divulgación tecnolóxica para a rapazada. Con este motivo, organizan estes meses de verán (de xullo a setembro) un completo programa (TechKids) de xornadas de robótica, pilotaxe de drons, creación de apps e videoxogos e animación 3D. Esta semana o programa métese en faena.
Estes luns e martes temos unha xornada sobre robótica nas aulas CeMIT da Fonsagrada (luns 22) en Xunqueira de Ambía (martes 23). Logo será a quenda do obradoiro sobre pilotaxe de drons (nas aulas CeMIT do Carballedo, o mércores 24, e de Ames, o venres 26).Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.
Obradoiro sobre robótica
Entre as cousas concretas que vai achegar o programa para a rapazada, atópase o obradoiro Robótica para tod@, que mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e a AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta os resultados dun xeito diferente”.
A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo de vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo de vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis a AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construíndo un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.
Circuítos de habilidades na pilotaxe de drons
O segundo dos obradoiros será sobre drons, no cal os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de Pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos vehículos aéreos non tripulados, creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves. Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados nisto, probarán unhas gafas FPV para “sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída”, explican as entidades organizadoras, engadindo que “para as máis habilidosas e habilidosos que cheguen a dominar o dron e mailo coche, probarán a pilotaxe FPV nun vehículo aéreo remoto”. Na segunda parte da actividade, programarán un aparello voador e por medio dunha programación por bloques, converterano nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio de Scratch, empregando un dron especial chamado Tello executarán un programa feito polo CPEIG.
A Xunta e o Concello de Santiago abrirán unha consulta ao mercado, despois de verán, para que os operadores presenten proxectos de despregamento de fibra óptica no casco histórico de Compostela, en base ao Catálogo de Solucións Técnicas aprobado recentemente polo Goberno galego.
Así o anunciaron esta mañá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, na inauguración da xornada A conectividade nos cascos históricos, que se celebra no Museo das Peregrinacións.
Segundo se avanzou no encontro, os proxectos que presenten os operadores deberán detallar o modelo despregamento e de financiamento, indicando, se fose preciso, o investimento público que requiriría a actuación.
Os operadores formularán os posibles plans de despregamento baseándose nas alternativas que ofrece o Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. O documento foi presentado durante a xornada e é o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para levar a fibra óptica aos cascos históricos.
Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entre as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.
Medidas xurídicas
O catálogo, que se publica hoxe, vai acompañado de medidas xurídico-administrativas para axilizar a aprobación dos proxectos dos operadores nestas zonas. Neste sentido, a Xunta está a traballar no desenvolvemento normativo de Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia para garantir a simplificación administrativa dos trámites necesarios para aprobar os proxectos de despregamento.
Ademais, a Xunta solicitará ao Estado a clasificación dos cascos históricos como “zonas brancas” para que poidan concorrer ás axudas estatais de despregamento de fibra, xa que só as zonas con esta tipificación, é dicir, sen cobertura, poden ser susceptibles de optar a subvencións públicas.
Cascos históricos vivos
O conselleiro de Cultura sinalou que na actualidade o acceso a internet é algo imprescindible tanto para un uso profesional como para relacionarse coa sociedade e que no caso das cidades a facilidade para dispoñer dun bo servizo de telecomunicacións “é determinante para asentar poboación, xerar riquezas, crear negocios ou fomentar o comercio”.
Nesta liña, destacou que aínda que a principal prioridade da Xunta de Galicia debe ser preservar “o noso legado patrimonial”, débese seguir colaborando entre administracións na procura de solucións que nos permitan garantir que os cascos históricos “estean vivos e teñan futuro”.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, afirmou que unha cidade histórica para ser competitiva e para evitar que se deshabite ten que ser capaz de ofrecer aos seus residentes “unha calidade de vida e servizos semellantes aos que ofrece ao resto do municipio”, entre eles a conectividade. Pero, sinalou o rexedor, “atopámonos con multitude de dificultades”. A principal, “os custes das intervencións que afectan ás infraestruturas do casco histórico”.
Por iso, Sánchez Bugallo aposta por “buscar fórmulas que permitan acometer os investimentos necesarios, acordos entre as administracións públicas e os veciños da zona monumental para buscar solucións economicamente viables e tecnicamente posibles. E desde logo é necesario incorporar as últimas tecnoloxías.”, subliñou.
A directora da Amtega destacou que coa publicación do catálogo e a apertura da consulta aos operadores, Galicia está a abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución. Tamén, avanzou que se traballará nun catálogo de solucións técnicas compatibles coa protección do patrimonio e o medio ambiente para a tecnoloxía 5G nos conxuntos históricos.
A visión dos axentes implicados
Ademais da presentación do catálogo, na xornada afondouse na dificultades e posibles solucións para o despregamento das infraestruturas de telecomunicación nos cascos históricos contando coa visión de todos os axentes implicados.
Baixo o título O estado actual dos servizos de telecomunicacións nos cascos históricos, desenvolvéronse dúas mesas de debate, a primeira ofrecerá a Visión de Patrimonio e posibles solucións coa intervención de representantes da organización non gobernamental, asociada a Unesco, ICOMOS, do Consorcio de Santiago, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Consellería de Cultura e Turismo.
A segunda mesa centrouse na Visión dos operadores e do estado actual coa participación do director-xerente do operador público Retegal e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e R. Finalmente, pechouse o encontro expoñendo as principais conclusións da xornada.