main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/07/201908:36
Cartel da iniciativa.
Pontevedra

Millennials 2019 ofrece á mocidade pontevedresa dez destacados cursos TIC

Aínda estamos a tempo para participar nas actividades formativas (dez cursos) programadas ao abeiro do Proxecto Millenials 2019 da Deputación de Pontevedra, un plan dirixido á mocidade da provincia para mellorar a súa empregabilidade con, basicamente, un amplo abano de contidos TIC (cada contido, un xeito de reforzárense perante o mercado laboral). 

O programa, impulsado tamén pola Escola de Organización Industrial, desenvolverase até decembro en Pontevedra, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía. Está dirixido a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos. Abordaranse, de cheo, cuestións como o comercio electrónico, como visualizar empresas en buscadores, como dar forma a un videoxogo ou como dominar a impresión 3D. En Pontevedra desenvolveranse tres cursos: Creación e xestión de tendas en liña, que será no Edificio Administrativo da Deputación do 23 de xullo ao 22 de outubro, e de 316 horas; Márketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análises de tráfico web, no Centro Príncipe Felipe, do 23 de xullo ao 8 de outubro, de 266 horas e Xestión de fidelización de establecementos turísticos, que tamén terá lugar no Príncipe Felipe do 23 de xullo ao 10 de setembro, con 166 horas.

Por outra banda, Vigo acollerá cinco accións formativas, que serán na sede da Deputación na cidade. Trátase de Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, de 316 horas e que se desenvolverá do 16 de setembro ao 16 de decembro; Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo), da mesma duración, entre o 23 de xullo e o 17 de outubro; Creación de aplicacións móbiles (aplicacións para Android e iOS), tamén de 316 horas e que se desenvolve entre o 23 de xullo e o 22 de outubro; Organización e Xestión de Produción: Lean Manufacturing 4.0, de 312 horas entre o 16 de setembro e o 16 de decembro e, por último, Xestión de empresas turísticas. Deseño e desenvolvemento de produtos, con 166 horas repartidas entre o 16 de setembro e o 31 de outubro.

En Vilagarcía (Matosiños) celebrarase o curso Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, cun total de 316 horas, entre o 16 de setembro e o 19 de decembro, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa Programación web con software libre. Web development bootcamp do 23 de xullo ao 23 de outubro, cun total de 316 horas.

As inscricións poden facerse a través da web da EOI e as persoas interesadas poden obter maior información a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267).

17/07/201913:44
Participantes no Demo Day.
Santiago de Compostela

As catro iniciativas participantes na aceleradora de contidos dixitais 'startups R DiCo Challenge' preséntanlle os seus avances ao sector

  • Esta mañá celebrouse na Cidade da Cultura a xornada 'Demo Day', que pecha a primeira edición do programa desta aceleradora, enmarcada no Plan de Impulso aos Contidos Dixitais, Dico Mindset, da Amtega
  • Tras seis meses de mentorización, os 4 proxectos exhibiron os seus avances ante empresas e potenciais clientes dos seus servizos
  • Foron os finalistas das 42 propostas que se presentaron aos cinco retos tecnolóxicos lanzados o pasado mes de decembro

 

Esta mañá celebrouse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o Demo Day, a xornada que pecha a primeira edición do programa de startups R DiCo Challenge. O xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Amtega, Eladio Otero, e máis o responsable de servizos de Transformación Dixital de R e do Grupo Euskaltel, Alberto Díaz Freire, abriron a “demo”, na que os 4 proxectos desenvolvidos expuxeron, ante representantes do sector TIC e audiovisual, os logros e avances obtidos tras o seu paso pola aceleradora.

Eladio Otero, xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Amtega lembrou que "startupsR Dico Challenge se enmarca no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia; unha estratexia impulsada dende a Administración Autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”.

Pola súa banda, Alberto Díaz Freire salientou que “xunto aos retos de referencia dos 4 proxectos desenvolvidos con éxito durante estes meses, consideramos igualmente acadado o reto primeiro de R: levar adiante esta primeira edición do programa startupsR DiCo Challenge, un plan con vocación de futuro para atopar talento emprendedor en Galicia e fornecer dun novo empurre os contidos dixitais na nosa comunidade”.

Ao remate das presentacións, o responsable de Audiovisuais de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez, puxo o acento na “importancia da relación entre os equipos dos proxectos e os mentores, factor que ten sido o verdadeiro motor do traballo ao longo dos catro meses da fase de aceleración, co foco sempre posto en solucións viables e aplicables ao sector dos contidos profesionais e pensando, en suma, nos usuarios finais”.

As catro ideas “aceleradas”

Durante algo máis dun hora, da man de mentores e voceiros dos equipos dos proxectos, o auditorio coñeceu o detalle das ideas desenvolvidos no programa startups R DiCo Challenge: xogos para a mente, teatro en realidade virtual, trámites áxiles e intelixencia televisiva.

Na contorna das aplicacións para Android TV, Norman Suárez, de Cuicui Studios defendeu o proxecto Brain Games, unha proposta de xogos e dinámicas deseñadas por pedagogos e validados cientificamente, para público infantil e adulto, que potencian a parte lúdica e nos permiten xogar, co mando da tele, a enredos para aumentar a nosa axilidade mental”.

Na área dos contidos formativos e divulgativos innovadores, Jorge Algora, de Adivina Producciones, explicou o proxecto Teatro Go. Trátase dun servizo de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180ª.

Míkel Díaz, do centro tecnolóxico Gradiant, falou polo miúdo do proxecto ALiCE (www.alicebiometrics.com), un sistema de recoñecemento facial pensado para os clientes de R e doutras compañías.

Finalmente, no eido do Big Data aplicado ao consumo televisivo, Mario Pérez –‘Galopiño’- de Datanimbo Consulting, mostrou os avances da súa proposta Visualización Big Data, que consiste na posta en marcha dun sistema de machine learning orientado a profundar no coñecemento das comunidades de programas de televisión.

5 retos, 6 meses e 4 gañadores

Un total de 42 propostas (startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e algún centro tecnolóxico e universitario) responderon aos 5 retos tecnolóxicos lanzados o pasado decembro nos inicios da primeira edición de startups R DiCo Challenge, que se pecha arestora tras 6 meses de traballo intenso.

En febreiro, o comité avaliador (dous representantes de R, dous da Amtega e máis un da CRTVG, patrocinadora dun dos retos) escolleron 20 propostas que pasaron á fase de preaceleración. Durante varias semanas, os emprendedores escollidos mantiveron contacto directo cos seus mentores en obradoiros para preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada Pitch Day da que saíron os 4 proxectos definitivos que pasaron á fase de aceleración.

Daquela comezaron os procesos de mentorización, titorización, formación e seguimento durante 4 meses nos que os proxectos contaron tamén coa axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento do traballo. Utilizaron, así mesmo, o espazo startups R no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura e traballaron man a man con operador galego, podendo acceder á súa infraestrutura e modelo de negocio e ás súas instalacións, ademais de camiñar a carón de R durante este tempo, gañando en visibilidade. Paralelamente, quen traballaron no reto patrocinado pola CRTVG contaron cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.

Tras a xornada Demo Day celebrada esta mañá na Cidade da Cultura, onde os proxectos gañadores recolleron un premio en recoñecemento ao seu traballo ao longo destes seis meses, ábrese agora un período de saída progresiva da aceleradora de todos eles.

Plan DiCo Mindset

O programa startups R DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.

17/07/201909:31
Smartphones mostrando pantallas de NeuroFit.
Santiago de Compostela

Lánzase NeuroFit 2.0, a app para persoas con Parkinson que inclúe novidades como novos exercicios e outros consellos

  • NeuroFit está impulsada pola Fundación Curemos o Parkinson e UCB, e foi realizada pola doutora Nerea Foncea.

 

A app gratuíta NeuroFit tivo, en tan só un ano, preto de 4.000 descargas de persoas afectadas por esta enfermidade neurolóxica, coidadores e familiares.

A Fundación Curemos o Parkinson e a biofarmacéutica UCB acaban de lanzar a versión 2.0 de NeuroFit, desta app gratuíta especialmente deseñada para persoas afectadas pola enfermidade de Parkinson .

A nova edición inclúe novos exercicios de rehabilitación enfocados a diferentes áreas que ven afectadas, principalmente, por esta enfermidade neurodexenerativa como as costas, o fala e a respiración.

A app, deseñada pola neuróloga especialista en trastornos do movemento do Hospital de Galdakao, a doutora Nerea Foncea, conta coa supervisión dun traumatólogo. Nesta edición 2.0, conta co aval e a recomendación da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) e tamén está dispoñible en inglés.

"Os pacientes con enfermidade de Parkinson necesitan tratamento farmacolóxico, pero tamén moito movemento en moitos ámbitos nos que está implicada a musculatura lisa e estriada", asegura a doutora Foncea.

Exercicios de rehabilitación na app NeuroFit

En canto ás principais novidades, NeuroFit 2.0 inclúe novos consellos e recomendacións didácticas e visuais, con numerosas imaxes en movemento que facilitan a formación do paciente facendo que sexa fácil, sinxela e accesible, desde o punto de vista da usabilidade.

En canto ao contido, os novos exercicios orientados a:

  • Mellorar a mobilidade das costas
  • Exercicios de respiración (estes pacientes tenden a ir moi ríxidos o que lles limita a capacidade torácica e fai que se fatiguen)
  • E exercicios de fonación para axudarlles a vocalizar e a exercitar a voz con praxias bucofaciales, intelixibilidade e prosodia.

"Os pacientes con Parkinson teñen unha voz hipofónica, cústalles articular, non se lles entende e con NeuroFit, ademais de exercicios, ofrecémoslles trucos para que poidan manter unha conversación, de forma adecuada, sen forzar o seu organismo tendo en conta as súas limitacións", explica a doutora Foncea.

NeuroFit 2.0 tamén conta cuns sinxelos exercicios enfocados a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta patoloxía neurolóxica. Tamén inclúe consellos sobre actividade física, hábitos posturais, mobilidade, equilibrio ou exercicios de relaxación, faciais e de mans que permiten aos pacientes con Parkinson exercitar os seus músculos para combater síntomas da enfermidade como a rixidez, a lentitude de movementos e o tremor.

Como adaptar o fogar con NeuroFit

Outra gran novidade que inclúe NeuroFit 2.0 son os consellos para adaptar as diferentes habitacións da casa ás necesidades específicas dos pacientes con enfermidade de Parkinson, especialmente o salón, o dormitorio e o cuarto de baño. Eliminar as alfombras, poñer pasamáns, adaptar a ducha, etcétera son algúns das recomendacións.

Desde a Fundación Atlético de Madrid realizaron este vídeo para axudar á difusión da app.

Aquí está unha das ligazóns para descargala en Google Play.

17/07/201908:16
Tubos para soterrar fibra.
Santiago de Compostela

A Xunta presenta en Santiago o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos históricos

  • O vindeiro 22 de xullo o Museo das Peregrinacións acollerá unha xornada na que se abordarán as dificultades para despregar as redes ultrarrápidas nestas zonas
  • Participarán representantes da Administración autonómica, do Concello de Santiago, do COAG, da organización internacional ICOMOS e dos operadores
  • O documento, elaborado pola Amtega, Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio ofrece alternativas como o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento

O vindeiro luns 22 de xullo a partir das 10.30 o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acollerá a Xornada “A conectividade nos cascos históricos”, na que se presentará o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nestas zonas.

O documento, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o operador público Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio é o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para o despregamento de fibra óptica en cascos históricos. 

Para a elaboración desta Guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica, elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entre as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.

A visión dos axentes implicados

Ademais da presentación do catálogo, na xornada afondarase na dificultades e posibles solucións para o despregamento das infraestruturas de telecomunicación nos cascos históricos contando coa visión de todos os axentes implicados. 

Baixo o título “O estado actual dos servizos de telecomunicacións nos cascos históricos”, desenvolveranse dúas mesas de debate, a primeira ofrecerá a “Visión de Patrimonio e posibles solucións coa intervención de representantes da organización non gobernamental, asociada a Unesco, ICOMOS, do Consorcio de Santiago, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio”. A segunda mesa centrarase na “Visión dos operadores e do estado actual” coa participación do director-xerente do operador público Retegal e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e R. Finalmente, pecharase o encontro expoñendo as principais conclusións da xornada.

A xornada está dirixida aos profesionais, tanto do ámbito dos despregamentos, como operadores, fabricantes de equipos, instaladores, como a empresarios e profesionais dos concellos das áreas de Urbanismo e Patrimonio. Os interesados en participar deben inscribirse antes do 20 de xullo a través da conta de correo electrónico cascoshistoricos@retegal.gal.

16/07/201912:20
Un usuario de aplicacións de mobilidade, a piques de subirse ao autobús 133 de Madrid, nas inmediacións de Moncloa. A ONCE.
Madrid

Os ollos dixitais

  • As tecnoloxías facilitan a independencia dos invidentes ao guialos polas redes de transportes públicos

 

Camiñar pola rúa, parar un taxi, subir a un autobús ou facer un transbordo de trens son accións que forman parte da cotidianidade da maioría, pero, imaxínase necesitar un billete sen saber onde compralo, en que estación baixarse ou, simplemente, onde está a plataforma?

Ana Llauredó ten un pequeno resto de visión e necesita utilizar o móbil para desprazarse soa por Madrid. Usa os comandos de voz do seu dispositivo e un ampliador de pantalla. "A aplicación que máis manexo é EMT (Empresa Municipal de Transportes de Madrid) para consultar sobre todo o código do meu autobús", asegura Llauredó. Desta maneira sabe cantos minutos quedan para que chegue. A moza de 25 anos é a Responsable de Unidade de Braille da ONCE e desprázase a diario ás oficinas do Paseo do Prado de Madrid desde Moratalaz.

Android ten instalado Talkback e Apple a app Voice Over. Son lectores de pantalla que transmiten as mensaxes con voz. "É moi útil para desprazarse por calquera parte, por exemplo no suburbano escoitas: diríxete á cola ou á cabeza do metro e así sabes a saída", explica Llauredó.

Javier Álvaro carece totalmente de visión e vive en Albacete coa súa cadela guía. Apenas usa aplicacións para a mobilidade porque vive a 15 minutos do seu traballo. "Ademais vou andando a todas partes", afirma. Ten 27 anos e é o director da ONCE en Albacete. Para calquera desprazamento en pequenas e grandes cidades existen aplicacións móbil moi útiles que a maioría de discapacitados visuais sen can guía usan a diario.

Moovit

Saber a que hora vai pasar o próximo autobús, tren, metro ou ferry na parada desexada, recibir un aviso de cando hai que apearse do vehículo e elixir o mellor roteiro cara ao destino son as funcións principais de Moovit. "A maioría de persoas sen visión que coñezo en Madrid utilizan esta aplicación xunto á da EMT", sinala Llauredó.

Moovit está dispoñible en 2.700 cidades de 86 países de todo o mundo. Os pasaxeiros acceden aos horarios de metro, de trens actualizados, aos mapas de metro lixeiro e de toda a rede de transporte e ás chegadas das diferentes liñas a tempo real. Sitúa as paradas de autobús e estacións de tren e metro próximas, viaxa cunha guía de navegación en vivo e recibe alertas de cando baixar para garantir unha viaxe sen incidencias nin atrasos. Ademais, traballa cos operadores principais de bicicletas públicas.

Este asistente persoal permite que os usuarios utilicen o transporte como un habitante local: gardar localizacións e liñas que se usan con frecuencia en favoritos e instalar alertas. En España, Moovit está dispoñible en máis de 50 cidades. app, dispoñible en Android e Apple pódese descargar en 44 idiomas.

App&Town é unha aplicación parecida a Moovit e desenvolvida pola Universidade Autónoma de Barcelona. O programa mostra o  transporte público para calquera usuario. Con todo, engade unha función que moitas outras apps non inclúen; unha guía enfocada nos invidentes.

Navilens

Adif puxo en marcha na estación madrileña de Porta de Atocha unha experiencia piloto para que os discapacitados visuais poidan chegar á porta de embarque sen necesidade de axuda externa (mediante unha locución) a través dunha aplicación no móbil.

O proxecto, desenvolvido pola Universidade de Alacante e a empresa Neosistec en colaboración coa ONCE, está destinado a facilitar a accesibilidade ás persoas invidentes e a información ao público en xeral. O sistema atópase en fase de probas e utiliza un sistema de sinalética dixital, que permite aos discapacitados visuais o acceso (de forma independente) ás salas de embarque desde a mesma entrada da estación.

Os usuarios poderán capturar os sinais e información recollida nos marcadores mediante lixeiros movementos do seu teléfono móbil. Desta maneira, obteñen a localización exacta onde se atopan e as áreas e servizos máis próximos de forma locutada e autodescritiva.

O novo dispositivo entrou en funcionamento este mes, co comezo do período de máxima afluencia de viaxeiros á estación. Adif quere avaliar a pleno rendemento a utilidade do sistema e posibilitar o feedback cos usuarios. A app pódese descargar en Android (App Navilens) e Apple (App Navilens GO).

O sistema braile para os desprazamentos

Unha das creacións máis útiles para os invidentes é o sistema de lectura braille e a app máis utilizada é Google Brailleback. Simplemente hai que conectar unha pantalla braille a través de bluetooth e utilizala xunto ao lector Talkback que ofrece un servizo combinado de voz e braille.

Tamén é moi conveniente Braille Titor, unha aplicación para aprender este sistema de lectura de forma sinxela. Só tecleando Braille na pantalla do teléfono, é posible descargar un tradutor de texto estándar á linguaxe Braille.

Eye-D é unha aplicación que detecta a posición do usuario e axuda a navegar de maneira máis cómoda e segura. Detecta que obxecto temos preto ou onde estamos. Esta app de segue en desenvolvemento e actualización continua.

Tecnoloxía de inclusión

Os avances tecnolóxicos teñen unha estreita relación coa inclusión dos discapacitados. A tecnoloxía converteuse nun aliado imprescindible para o 66% dos enquisados do Informe de Tecnoloxía e Discapacidade de Adecco e Keysight Technologies.

Ademais, o informe reflicte que as aplicacións máis descargadas polos discapacitados son as plataformas de procura de emprego (62%) e as redes sociais (66%). Estas últimas convértense nunha xanela ao mundo para as persoas con algunha minusvalía. De feito, o 77% dos enquisados admiten que as redes aumentan as posibilidades de atopar traballo.

 

Ler na fonte orixinal da noticia

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS