main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/07/201910:21
Dúas persoas probando o dispositivo Parrotron.
Santiago de Compostela

A ferramenta de IA de Google para axudar a salvar as dificultades da fala

  • Google presentou o seu proxecto Parrotron, unha aplicacion de intelixencia artificial que estuda os patróns de fala de cada persoa para convertelos nunha linguaxe sintetizada e fluída.

 

Google presentou o seu proxecto Parrotron, unha rede neural de extremo a extremo que transforma patróns de fala atípicos nunha linguaxe sintetizada e fluída, e que esta dirixido a persoas con discapacidades da fala, segundo informa a compañía no seu blogue corporativo.

O proxecto Parrotron está centrado na fala, e logra este proceso sen a necesidade de producir texto e omitindo o paso de recoñecemento de sinais da linguaxe (como o movemento dos beizos). O obxectivo é que esta tecnoloxía se poida empregar entre humanos e con motores de recoñecemento de linguaxe automática (ASR, polas súas siglas en inglés).

Esta ferramenta é parte do proxecto Euphonia, que, segundo Google, demostrou "que os modelos de recoñecemento de voz poden mellorarse significativamente para transcribir mellor unha variedade de fala atípica e disártrica". Google, así, partiu dos asistentes virtuais e servizos de recoñecemento de voz, ferramentas que estas persoas non poden usar debido ás súas dificultades.

Como explica Google nun comunicado publicado no seu blogue de Intelixencia artificial, Parrotron foi adestrado en dúas fases utilizando dúas recompilacións paralelas de pares de voz de entrada/saída.

Para iso, os investigadores construíron un modelo de conversión de voz a voz para a fala fluída estándar. Posteriormente personalizaron o modelo, adaptándoo aos patróns de voz atípicos da persoa con dificultades. Recorreron a datos paralelos derivados automaticamente cun sistema de síntese de voz a texto (TTS). Un sistema text-to-speech (TTS) converte a linguaxe de texto normal en fala; outros sistemas recrean a representación simbólica lingüística como transcricións fonéticas en fala. Unha das persoas máis famosas que usaron estes sistemas foi o ciéntífico Stephen Hawking.

Google desenvolveu varias probas do sistema Parrotron, entre elas, unha cun investigador e matemático de Google, Dimitri Kanevsky, de orixe rusa e profundamente xordo de pais con audición normal, e con Aubrie Lee, unha defensora da inclusión de discapacitados que ten unha distrofia muscular.

No caso de Dimitri, graváronse 15 horas de discurso, que se utilizaron para adaptar o modelo base aos matices específicos do seu discurso. O sistema Parrotron axudoulle a ser comprendido tanto polos investigadores como polo sistema ASR de Google por igual. O funcionamento do motor ASR de Google na saída de Parrotron reduciu significativamente a taxa de erro de palabra do 89% ao 32%.

Aubrie, pola súa banda, achegou 1,5 horas de gravacións de voz que foi clave para exemplificar o éxito esta tecnoloxía de voz.

Ler na fonte orixinal da noticia

22/07/201908:31
Impresoras 3D.
Santiago de Compostela

A Consellería de Educación abre a convocatoria para incorporar os Espazos Maker a outros 10 centros educativos públicos

  • A decena de centros que xa contan con este recurso poderán continuar a súa permanencia no programa

 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica no portal educativo a convocatoria para incorporar os Espazos Maker a outros 10 centros educativos públicos. Ademais, darase continuidade aos 10 centros que participaron neste programa educativo durante o curso 2018/19.

O programa Espazos Maker pretende a creación nos centros educativos, de lugares que fomenten a creatividade e a formación de alumnado nun contexto de aprender facendo, isto é, baseándose na aprendizaxe activa e manipulativa, a través do deseño, a solución de problemas e a aprendizaxe entre iguais.

Estes espazos funcionarán como centros de actividades nos que mediante distintas dinámicas como obradoiros tanto alumnado como profesorado, e no seu caso as familias, poden desenvolver proxectos mediante a experimentación, o prototipado e a construción. Poden ser desde pequenas prácticas de investigación a proxectos baseados na abordaxe de problemas reais, e mesmo cun enfoque Fab Lab de fabricación e innovación a pequena escala.

Dotación de material

Os 10 centros que se incorporen ao programa recibirán unha dotación de material necesario para organizar o espazo Maker no centro, que estará formada por un equipo de procesado audiovisual (composto por estación de procesado, pantalla grande de calidade e 2 tabletas), e equipamento audiovisual (cámara dixital de foto e vídeo con obxectivos intercambiables e trípode, trípode de alta estabilidade, gravador de audio, cascos auriculares, sistema de gravación completo, equipo multifunción color tamaño A3 e escáner 3D).

A dotación material incluirá tamén mobiliario metálico (carro para desprazar pequena equipación e banco de traballo ou superficie fixa de traballo para maquinaria) e un kit de pequena maquinaria e ferramenta formada por trade eléctrico e accesorio para uso en columna, trade de batería, mini trade de bricolaxe con set de consumibles e accesorio para uso en columna, lixadora delta e set completo de lixas de diferente grao e para materiais distintos, caladora con set completo de follas de corte, sistemas de aspiración de seco e húmido semiprofesional, cortadora-fresadora CNC, conxunto de ferramenta manual, soldador de estaño, conxunto de coitelos de precisión pistola de pegamento termofusible con consumibles, pistola de aire quente con consumibles, pistola de aire quente regulable e máquina de coser.

Cada centro educativo ao que vai destinado esta convocatoria, dentro da súa autonomía, poderá integrar este programa educativo de acordo coa dispoñibilidade de espazos e a organización escolar que mellor se axuste ao desenvolvemento do mesmo.

O programa, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020), vai dirixido ao alumnado que curse educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, polo tanto poderán presentar solicitude os centros públicos que impartan estas ensinanzas. A solicitude e a documentación débese presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, tanto o anexo como a documentación remitiranse ao correo electrónico espazostem@edu.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes e documentación finalizará o 30 de setembro de 2019.

20/07/201910:18
Tubos para soterrar fibra.
Santiago de Compostela

O vindeiro luns a Xunta presenta en Santiago o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos históricos

  • O conselleiro de Cultura, o alcalde de Santiago e a directora da Amtega inauguran unha xornada na que se abordarán as dificultades para despregar as redes ultrarrápidas nestas zonas
  • Participarán representantes da Administración autonómica, do Concello compostelán, do COAG, da organización internacional ICOMOS e dos operadores
  • O documento, elaborado pola Amtega, Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio ofrece alternativas como o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento

O vindeiro luns 22 de xullo a partir das 10.30 o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acollerá a Xornada “A conectividade nos cascos históricos”, na que se presentará o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nestas zonas.

O encontro será inaugurado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira. 

Primeiro catálogo a nivel europeo

O documento, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o operador público Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio é o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para o despregamento de fibra óptica en cascos históricos. É unha problemática que existe en toda a Unión Europa e é cada vez máis limitante para a dinamización tanto comercial como de habitabilidade destas zonas

Para a elaboración desta Guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica, elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entres as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.

A visión dos axentes implicados

Ademais da presentación do catálogo, na xornada afondarase na dificultades e posibles solucións para o despregamento das infraestruturas de telecomunicación nos cascos históricos contando coa visión de todos os axentes implicados. 

Baixo o título “O estado actual dos servizos de telecomunicacións nos cascos históricos”, desenvolveranse dúas mesas de debate, a primeira ofrecerá a “Visión de Patrimonio e posibles solucións coa intervención de representantes da organización non gobernamental, asociada a Unesco, ICOMOS, do Consorcio de Santiago, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio”.

A segunda mesa centrarase na “Visión dos operadores e do estado actual” coa participación do director-xerente do operador público Retegal e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e R. Finalmente, pecharase o encontro expoñendo as principais conclusións da Xornada.

A xornada está dirixida aos profesionais, tanto do ámbito dos despregamentos, como operadores, fabricantes de equipos, instaladores, como a empresarios e profesionais dos concellos das áreas de Urbanismo e Patrimonio. Os interesados en participar deben inscribirse a través da conta de correo electrónico cascoshistoricos@retegal.gal.

19/07/201918:38
Un mozo con discapacidade xoga a videoxogos utilizando o Xbox Adaptive Controller.
Málaga

A Fundación ONCE impulsa a accesibilidade dos videoxogos en Gamepolis 2019

Málaga acolle esta fin de semana a feira Gamepolis 2019 na que a accesibilidade terá un papel importante grazas á Fundación ONCE, que quere mostrar como as persoas con discapacidade tamén poden gozar da tecnoloxía baixo o lema "Se eu podo, ti podes".

A accesibilidade na tecnoloxía tamén está a avanzar no sector dos videoxogos con dispositivos como o Xbox Adaptive Controller de Microsoft, un mando totalmente configurable para cubrir as necesidades de cada xogador e, cuxas posibilidades, a Fundación ONCE mostrará nesta feira.

Esta fin de semana Málaga convértese na capital dos videoxogos en España e é fundamental que a accesibilidade estea representada na feira, grazas á Fundación ONCE que quere impulsar a tecnoloxía deseñada para todas as persoas.

Esta é a sétima edición de Gamepolis, unha feira na que as principais compañías do sector de videoxogos se reunen para mostrar as últimas novidades.

18/07/201908:43
Participantes nos cursos.
Carballo

Até 280 persoas participaron nos obradoiros sobre móbiles de Carballo

Este mes de xullo remataron en Carballo os cursos de manexo do teléfono móbil impartidos pola Cruz Vermella e organizados polo Concello. Nas actividades, que remataron na parroquia de Ardaña (coa presenza do concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo), participaron 280 persoas. Amais de en Ardaña, houbo actividades formativas en Vilela, Sofán, Sísamo, Rus, Lema, Entrecruces, Noicela, Cances, Artes e Carballo. Os 280 participantes repartíronse nunha vintena de grupos.

Na xornada de peche, o Concello agradeceu a colaboración da Asemblea Local da Cruz Vermella, que se encargou de preparar os manuais que se entregaron a todos/as os/as participantes, de formar ás monitoras e de impartir os obradoiros. Tamén se enxalzou a elevada implicación dos consellos parroquiais e do movemento asociativo das diferentes localidades do termo municipal para achegar a información á veciñanza, recoller as follas de inscrición e ter a punto os locais sociais. Os talleres de manexo do teléfono móbil constaron de tres sesións de dúas horas de duración cada unha, que se impartiron todos os martes e os xoves (agás festivos) dende o 7 de febreiro ata este mes de xullo. Ao abeiro destes obradoiros, o Concello quixo permitir aos maiores familiarizarse coas novas tecnoloxías de uso cotiá e cada vez máis estendido entre persoas de todas as idades.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS