main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/07/201910:54
Fotografía de Elli-Q sobre un moble avisando de que o usuario recibiu varias mensaxes.
Santiago de Compostela

Elli-Q, un robot para acompañar a persoas maiores e mellorar a súa autonomía

Elli-Q é un robot desenvolvido para acompañar a persoas maiores no seu fogar e axudarlos tanto na súa autonomía, como na súa comunicación cos seus seres queridos, o seu tempo de lecer e para manterse activos.

Trátase dun pequeno robot e unha pantalla coa que as persoas maiores interactúan con total naturalidade, grazas á aplicación da tecnoloxía de intelixencia artificial, e que se converte no centro de comunicación e entretemento no fogar.

A través de Elli-Q os usuarios reciben e mandan mensaxes dos seus familiares e amigos, escoitan música, entretéñense ou piden axuda en caso dunha emerxencia.

O robot aínda non está dispoñible comercialmente, pero xa se poden facer reservas a un prezo de 1.500 dólares. E si, falamos de dólares porque, de momento, a opción de facer unha reserva só está dispoñible en Estados Unidos.

Este robot é unha mostra clara do avance nunha das liñas máis interesantes que ofrece a intelixencia artificial tanto para persoas maiores como para persoas con discapacidade, que é a de facilitar a súa comunicación co mundo que os rodea e axudalos na súa autonomía.

Eses dous alicerces do futuro avance da tecnoloxía concéntranse en Elli-Q dunha maneira moi amigable en forma dun entrañable robot que se converte nun compañeiro máis do usuario.

Neste tipo de casos sempre hai dous factores que provocan certas reticencias nos usuarios, que son a seguridade e a privacidade da información que solicita esta tecnoloxía.

Neste caso, os creadores de Elli-Q aseguran que incorporaron sistemas de seguridade punteiros no sector para garantir a seguridade dos datos, e comprométense a nunca vender os datos e a información que o dispositivo almacena e que utiliza para mellorar a experiencia do usuario aprendendo dos seus gustos e preferencias.

15/07/201910:45
Imaxe dunha edición anterior de ICC Kids.
Ourense

A Deputación e as aulas CeMIT de cinco concellos ourensáns achegan obradoiros TIC de verán

Deputación de Ourense, a través da iniciativa ICC Kids, está a fornecer á rapazada este verán dun amplo programa de propostas tecnolóxicas creativas e argalleiras. O programa, que se desenvolve en colaboración con cinco concellos, inclúe obradoiros de deseño de videoxogos, cinema 3D, robótica, realidade virtual, impresión 3D e audiovisual.

Os talleres de verán da ICC Kids teñen como obxectivo “ensinar a pensar a través de distintos programas educativos nos que o emprego da tecnoloxía como ferramenta creativa é o eixo principal da actividade”, en palabras da Deputación, que explica que o programa inclúe cinco obradoiros semanais, con xornadas que durarán desde as 10.00 horas ás 13.00 horas, e levaranse a cabo entre o 29 de xullo e o 30 de agosto cun total de 140 prazas para asistentes con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos. Esta oferta recreativa poderase gozar nos municipios de Ribadavia, Celanova, O Carballiño, Bande e Xinzo de Limia. 

As accións divulgativas son de balde, con prazas limitadas, e requiren de inscrición previa que poderá realizarse online ou nas propias aulas CeMIT dos concellos, a partir do día 9 de xullo. Segundo engade a entidade provincial, “con estes obradoiros preténdese crear unha experiencia interactiva na que os participantes non só observen, senón que tamén constrúan, movan, debuxen e creen o seu propio entorno dixital”. Para isto, “contarán cunha plataforma coa que crear, explorar e compartir mundos tridimensionais”.

15/07/201910:41
Robot manexado desde un smartphone.
Brión

Chegan a Brión os obradoiros TechKids para o fomento da creatividade tecnolóxica

A aula CeMIT do Concello de Brión acollerá o vindeiro xoves 18 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas, o curso-obradoiro TechKids: crea a túa App dirixido a mozos e mozas de 12 a 18 anos. Trátase dunha actividade divulgativa de balde dirixida a mostrar á rapazada local a vertente máis divertida, construtiva, enriquecedora e creativa das novas tecnoloxías. Segundo informa o Concello e a aula CeMIT, o número de prazas é limitado, polo que a admisión farase por orde de inscrición na web da rede autonómica de aulas dixitais ou no teléfono 981 509 908.

Este curso forma parte dun convenio de colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) para fomentar o interese pola tecnoloxía entre a mocidade. En concreto, o obradoiro de Brión permitirá que a mocidade brionesa aprenda como desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles, deseñar e crear o seu propio videoxogo ou crear contidos dixitais. O obxectivo final do curso é impulsar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

15/07/201910:27
5G.
Santiago de Compostela

Santiago acollerá en setembro unha xornada técnica sobre 5G, organizada pola Xunta e o Observatorio Nacional de 5G

  • Neste encontro exporanse os proxectos que se van a iniciar este ano en Galicia con esta tecnoloxía
  • En total, poranse en marcha na Comunidade 18 iniciativas dos tres principais operadores, que aplican o 5G ao ámbito sanitario, turístico, de emerxencias ou á loita contra os incendios
  • Esta semana reuniuse en Santiago a Comisión de seguimento do Nodo 5G ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo

O vindeiro mes de setembro Santiago converterase na capital do 5G, cunha xornada na que se darán a coñecer os 18 pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados nesta tecnoloxía. O encontro, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Observatorio Nacional de 5G, afondará nas vantaxes que esta tecnoloxía para cuxo despregamento a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso.

A celebración da xornada foi un dos temas que se abordaron na última comisión de seguimento do Nodo 5G, ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo. Neste encontro, celebrado esta semana, representantes dos operadores xunto co director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, avanzaron na concreción dos pilotos baseados en tecnoloxía 5G, que se desenvolverán ata o 2020. En total os operadores comprométense a realizar 9 casos de uso cun investimento total de 2 millóns de euros.

A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas por Red.es e Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos 5G. Galicia foi a única Comunidade que presentou candidaturas dos tres operadores a esta convocatoria sendo unha das dúas que finalmente conseguiron a subvención estatal.

Polo tanto, en Galicia desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras. Estas iniciativas dan resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión. 

Casos de uso do Nodo 5G

Cun investimento total de 2 millóns de euros, na comisión concretáronse os casos de uso que se desenvolverán dentro do Nodo 5G, con aplicacións desta tecnoloxía á sanidade, ás nas emerxencias, a extinción de incendios; ao coche conectado; ao control de acceso e vixilancia avanzada; ao campus 5G; ao turismo inmersivo e soporte remoto para atención á urxencia.

Medidas do Plan 5G

A Amtega puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.

Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica, no que se recolle o compromiso dos tres operadores. O Nodo conta cun orzamento mínimo de 2 millóns de euros ata o 2020 e a súa actividade desenvolverase baixo a coordinación do operador público Retegal. 

Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas á adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.

O programa formativo está orientado a ofrecer diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico, capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G. 

O curso, que comezará en setembro, está estruturado en cinco módulos e un proxecto fin de curso. Máis de 200 horas lectivas, que cursadas na súa totalidade outorgarán o título de “Especialista en Tecnoloxías Celulares de Quinta Xeración (5G)” ás persoas cun título de grao ou unha enxeñaría no ámbito das TIC.

11/07/201912:25
Fotografía da entrega dos premios en Almagro.
Almagro

A tecnoloxía de Cóntoche para nenos con discapacidade auditiva, Premio Reina Letizia

Hai un tempo falámosvos da aplicación Cóntoche, desenvolvida pola Fundación CNSE e que busca achegar a lectura a nenos con discapacidade auditiva a través da lingua de signos. Esta tecnoloxía recibiu o Premio Raíña Letizia na súa categoría de Tecnoloxías da Accesibilidade.

A aplicación permite aos nenos ler contos en lingua de signos e crear as súas propias historias, de maneira que lles axuda a achegarse á lectura superando a barreira que en moitas ocasións pode supoñer a súa discapacidade.

A idea de Cóntoche é que esta tecnoloxía se utilice polo conxunto da familia, de maneira que se fomente o hábito da lectura no fogar.

Este concepto e o desenvolvemento da app valéronlle á fundación a recepción deste premio, un dos máis importantes en materia de tecnoloxía accesible que se outorgan en España, nun evento celebrado no Corral de Comedias de Almagro, coincidindo co Festival Internacional de Teatro Clásico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS