
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Unha aplicación para mellorar os comedores sociais, outra para detectar e frear as noticias falsas e unha terceira para mellorar a evacuación de persoas en edificios ante situacións de emerxencia foron as gañadoras da sétima edición do HackForGood2019, o hackaton para desenvolver solucións tecnolóxicas para un mundo mellor que organiza a Rede de Cátedras de Telefónica .
Cáceres, Cidade Real, As Palmas de Gran Canaria, Madrid, Murcia, Salamanca, Sevilla, Valencia, Valladolid e Vigo foron as cidades elixidas para acoller aos máis de 600 estudantes e 16 universidades que participaron na edición 2019. Nesta ocasión repartíronse máis de 48.000 euros en premios nas súas tres modalidades: locais, nacionais e Big Day. Os tres gañadores absolutos nacionais foron os equipos YUMI de Madrid, VUI Makers de Valencia e Sevilla 4 de Sevilla.
Gañadores absolutos nacionais
O equipo YUMI de Madrid foi o gañador desta edición co primeiro premio pola súa aplicación para mellorar os comedores sociais que será de gran axuda tanto aos centos de voluntarios de toda España que desexan colaborar con Ong como a entidades que xestionan comedores sociais para os colectivos máis vulnerables da sociedade.
O segundo premio correspondeu ao equipo VUI Makers de Valencia por desenvolver unha aplicación para detectar e frear as "fake news" grazas a un controlador e unha App para filtrar noticias.
En canto ao terceiro premio, asignouse ao equipo Sevilla 4 grazas a unha aplicación que serve para mellorar a evacuación de persoas en edificios ante situacións de emerxencia. O máis novo é que o fai por medio de paneis LED dinámicos (varían a sinalización) e unha rede de sensores comunicados por wifi e outros sistemas auxiliares. Así pódese xestionar unha evacuación que garanta a seguridade das persoas moito mellor que cos sistemas de sinalización fixa.
Innovación e blockchain
Ademais, o Premio de Innovación Sustentable de Telefónica foi para o equipo BiCAReful de Vigo por desenvolver un "hack para emerxencias" orientado a resolver o problema de posibles esquecementos en vehículos de nenos ou mascotas. Esta aplicación permite medir a temperatura interior do vehículo e avisar ao propietario ou ao 112, se o primeiro non responde, para que actúen.
En canto ao premio Blockchain For Good, o Centro de Competencia de Blockchain propuxo varios retos aos hackers participantes sobre economía circular e tokenización; identidade soberana e trazabilidade. O gañador deste premio foi o equipo Atlas de Madrid coa creación dun sistema de identidade dixital baseada en blockchain e biometría para refuxiados internacionais.
Na entrega de premios, o responsable de Relacións con Universidades e Cátedras Telefónica, Alejandro Chinchilla, destacou que "España xa é o cuarto destino europeo para o talento tecnolóxico, consolidándose como o segundo país da UE en atracción de emprendedores internacionais para lanzar novas compañías. HackForGood supuxo o trampolín de saída para moitas start-ups nos seus sete anos de historia".
O Concello de Boqueixón entregou os diplomas dos cursos de informática para maiores a unha trintena de veciñas e veciños. No acto participou o alcalde, Manuel Fernández Munín, que presidiu a entrega de acreditacións. Esta acción formativa foi impulsada polo Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón e contou, en palabras dos organizadores, “cunha excelente acollida por parte da trintena de participantes, que amosaron a súa vontade de seguir ampliando coñecementos nesta materia”.
As sesións desenvolvéronse nas instalacións da aula de usos múltiples do Concello de Boqueixón. O alumnado dividiuse en tres grupos, nos que se impartiron nocións básicas sobre informática. Entre os coñecementos adquiridos durante os 3 meses de clases (20 horas lectivas) atopáronse os seguintes contidos: compoñentes dun equipo informático, sistema operativo (escritorio, barra de tarefas, iconas e cartafoles), Internet, navegadores e buscadores, tratamento de datos (como almacenalos con seguridade), correo electrónico, uso das novas tecnoloxías no fogar (novas, a web do Concello, cita previa do SERGAS, compras online, etc).
O proxecto Millennials da Deputación de Pontevedra está a levar a formación tecnolóxica aos concellos da provincia, poñendo o foco nas novas xeracións e nas potencialidades de empregabilidade e formación das TIC. Millennials, que se enmarca no convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (Programa Operativo de Garantía Xuvenil), achega accións formativas e asesoramento de balde para mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.
Desenvólvese en Ponteareas (programación web con software libre), en Pontevedra (creación e xestión de tendas en liña, mercadotecnia dixital, fidelización), en Vigo (deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, creación de contidos dixitais, creación de aplicacións móbiles, organización e xestión da produción, xestión de empresas turísticas) e en Vilagarcía de Arousa (especialista en turismo activo e actividades no medio natural).
A formación en Ponteareas
A Concellería de Mocidade de Ponteareas que dirixe Miguel Bouzó informa que xa esta aberto o prazo de inscrición para a acción formativa Programación web con software libre. Web development bootcamp. O curso, de 316 horas, realizarase no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) na aula de informática entre o 17 de xullo e o 17 de outubro en horario de 9 a 14 horas. Miguel Bouzó explica que esta formación permitirá ás mozas e aos mozos mellorar a súa empregabilidade para acceder ao mercado laboral e recibir formación e asesoramento gratuíto.
Doce persoas con discapacidade participaron na primeira edición do programa formativo Desenvolvemento de aplicacións para móbiles en sistema operativo Android que organizou a Fundación ONCE co apoio de EVO Banco.
A formación supuxo un total de 180 horas lectivas das cales 40 dedicáronse ao desenvolvemento de aplicacións para móbiles de forma real, é dicir, desenvolvendo un prototipo de app financeira de fácil accesibilidade.
Os doce alumnos organizáronse en tres grupos de traballo que presentaron as súas respectivas propostas durante a clausura do curso, que contou coa asistencia de Sabina Lobato, directora de Formación e Emprego, Operacións e Transformación da Fundación ONCE, e José Carlos Méndez, responsable de Comunicación e Redes Sociais Corporativas de EVO Banco.
Acto de clausura do programa sobre desenvolvemento de aplicacións para móbiles
No acto de clausura tamén participou Belén Sandoval, Academy director de Opinno, entidade responsable da execución do programa formativo, o cal incorporou técnicas de Design Thinking, introdución ao sector financeiro na era dixital, formación en programación na contorna Android, Web Apps e deseño de Experiencia de Usuario e Accesibilidade.
A formación completouse con talleres de habilidades persoais e profesionais para incentivar a incorporación ao mercado laboral dos participantes.
O obxectivo do programa formativo é facilitar a capacitación tecnolóxica e o emprego en sectores relacionados coas novas tecnoloxías.
Ademais dos coñecementos teóricos adquiridos, os alumnos tiveron a ocasión de deseñar e publicar a súa propia aplicación de planificación financeira básica.
A XVIII edición de Mundos Digitales terá lugar entre os días 11 e 13 na Coruña, e a xeito de anticipo o vindeiro mércores na sede de Afundación celébrase un obradoiro xuvenil organizado en colaboración co CPEIG no que se achegará a rapaces de máis de 14 anos os segredos da creación da animación 3D e os videoxogos. Esta actividade, encadrada no programa TechKids do CPEIG e a AMTEGA, desenvolverase de 16:00 a 19:00 horas e será completamente de balde.
Os participantes no Kids & Teens Lab coñecerán os trucos e métodos precisos para a creación de personaxes de animación 3D e efectos visuais feitos por ordenador. Aprenderán como se crean os personaxes virtuais, a animación 3D ou os efectos dixitais que vemos en películas a través de exemplos reais de efectos visuais de todo tipo, pasando pola animación, a publicidade, o cine e o mundo dos videoxogos. Os interesados en participar teñen que remitir o seu formulario de inscrición por correo electrónico a info@mundosdigitales.org.