main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/07/201908:29
Logo Alastria.
Santiago de Compostela

Alastria e a Amtega abordan nunha xornada as oportunidades e os retos da tecnoloxía blockchain para sectores estratéxicos da economía galega

  • O vindeiro mércores a Cidade da Cultura acolle o encontro, organizado por ambas entidades, no que se presentarán casos de uso e retos no sector bancario, alimentario e da Administración

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Alastria organizan o vindeiro mércores, na Cidade da Cultura, unha xornada sobre os retos e oportunidades que ofrece a aplicación da tecnoloxía blockchain en distintos ámbitos estratéxicos de Galicia.

No encontro, que será inaugurado pola directora de Amtega, Mar Pereira, e a presidenta de Alastria, María Parga, presentaranse exemplos da aplicación de blockchain no sector bancario, da man de ABANCA. Ademais, lanzaranse distintos retos por parte do sector público e privado nos que o blockchain pode ofrecer solucións que melloren a transparencia e a seguridade.

Desde a Administración autonómica as propostas orientaranse á aplicación do blockchain á trazabilidade alimentaria, así como as posibilidades que ofrece esta tecnoloxía para mellorar a transparencia e a automatización da Administración. Desde o ámbito privado, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (Anfaco) proporá liñas de actuación nas que o blockchain pode axudar ao sector.

Os interesados en asistir á xornada, poden escribirse mediante un correo electrónico á dirección solucions-sectoriais.amtega@xunta.gal cos datos do asistente, e a organización ou empresa á que pertence.

Difusión da tecnoloxía blockchain

Esta xornada enmárcase nas actuacións previstas no convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo pola Amtega e Alastria, para o obxectivo de aplicar a tecnoloxía blockchain á xestión pública.

Entre os compromisos adquiridos por ambas as entidades está o de sumar esforzos para facilitar un mellor coñecemento e difusión do blockchain no ecosistema dixital galego así como explorar as posibilidades de mellora da actuación administrativa e a prestación dos servizos públicos a través da utilización desta tecnoloxía.

Alastria é un consorcio multisectorial sen ánimo de lucro, conformado por preto de 300 entidades, entre empresas, administracións públicas e universidades, que ten como obxectivo fundamental favorecer a implantación, estandarización, protección e utilización do Blockchain en España acorde co regulamento europeo.

Blockchain

O blockchain é unha tecnoloxía que permite gardar “bloques de información” conectados entre si en diferentes equipos, en lugar de condensar toda a información nun só lugar. Así, se se producise un fallo nunha plataforma de almacenamento, existen copias da información noutros lugares, o que o fai máis seguro que un sistema normal.

Ademais, a información está cifrada e non existe a posibilidade de eliminar ou modificar a xa existente, só engadir nova, o que favorece a transparencia. As principais vantaxes desta tecnoloxía son a eliminación de intermediarios, a ausencia de posicións dominantes e o aumento da contorna de seguridade nas operacións.

05/07/201915:32
Maker Faire Galicia 2019.
Santiago de Compostela

A comunidade argalleira xunta recursos de transformación na Maker Faire Galicia

Comezou finalmente a Maker Faire Galicia, quinta edición, a gran feira galega e estatal sobre tecnoloxías participativas, inclusivas, accesibles e colaborativas. A cita, unha boa oportunidade para iniciarnos como creadores de recursos tecnolóxicos de toda índole, celébrase estes días en Santiago, na Cidade da Cultura, artellándose en dúas vertentes: a vertente profesional (que comezou o mércores 3 de xullo e desenvólvese até a última hora de hoxe) e a vertente aberta a todos públicos (a partir de mañá e até o domingo). 
A feira recibiu hoxe a visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen participou na xornada Empresas con alma de startup reivindicando as empresas innovadoras e as persoas con talento, “que son as impulsoras da transformación dixital”.

Na súa intervención, Conde felicitou á organización da Maker Faire por unha iniciativa que “se está a consolidar e que sitúa a Galicia no mapa, converténdoa nun escaparate de creatividade e innovación", xa que nas catro edicións anteriores acudiron a este evento mais de 40.000 persoas, tanto no eido profesional como público xeral que puido participar nos obradoiros que se organizan para achegar o movemento maker á sociedade.

Durante os tres días profesionais que culminan hoxe podemos atopar charlas e mesas redondas onde se tratan temas tan de actualidade como a robótica, a ciberseguridade, o Open Data, a enerxía, a mobilidade ou a Intelixencia Artificial. Son, en total, tres temáticas por día. Participan empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Siemens; e empresas galegas de recoñecido prestixio como FINSA, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, que presentarán os seus proxectos. 

Na xornada de hoxe venres desvelaranse os 3 mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores. As xornadas organízanse en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financeiro de Galicia e enmárcanse dentro do Proxecto Capacita Directivos.
A Maker Faire Galicia vén da man de VermisProject, o Concello de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura.

Xornadas Abertas

As xornadas abertas a todos os públicos celebraranse os días 6 e 7 de xullo. Durante toda a fin de semana no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, de 10 da mañá a 8 da tarde, nenos, adultos e maiores poderán gozar de numerosas charlas e actividades para todos os gustos.

Entre os relatores destaca a figura de Soledad Ayuso, unha avoa maker que imprime todo o que se imaxina en 3D, desmitificando a idade como un factor limitador para converternos en argalleiras e argalleiros de tecnoloxía. O programa compleméntase coas charlas autoorganizadas sobre tecnoloxía que xestionan desde Compostela Tech e na parte máis científica os rapaces e rapazas de UDC Big Bang falarán sobre o 150 aniversario da táboa periódica.

No tocante ás actividades e obradoiros que se desenvolverán durante a feira o abano temático é ben amplo: pilotaxe de drons, creación de microscopios caseiros, mistura de papiroflexia e electrónica, Arduino, programación… E outra das actividades con maior participación será a Hebocon, unha competición de robots absurdos que na pasada edición captou a atención de pequenos e maiores e na que este ano animamos a todos a participar e axudarnos a convertela na maior Hebocon de España.

05/07/201914:15
Momento da cuarta xornada para a elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030.
A Coruña

A Xunta pecha os foros de debate profesionais da Estratexia Dixital 2030 facendo foco nas tecnoloxías de vangarda e no talento TIC

  • A directora da Amtega e o reitor da Universidade da Coruña inauguraron esta mañá a última das catro xornadas de debate con axentes económicos e sociais previstas
  • Profesionais de distintos ámbitos participaron esta semana nestes encontros, que se celebraron en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas 
  • O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital

 

Representantes do hipersector TIC, de grandes empresas, asociacións empresariais, centros tecnolóxicos, colexios profesionais, e de grupos de investigación, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordan hoxe na Coruña posibles liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edg2030) para posicionar a Galicia nas tecnoloxías de vangarda e impulsar o talento dixital.

O cuarto e último dos foros de debate con profesionais da edg2030 foi inaugurado esta mañá na Facultade de Informática pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde.

Nesta xornada farase foco nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía; na necesidade de atopar solucións para diminuír a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas e no impulso ao emprendemento tecnolóxico.

Primeiro dos fitos previstos

Estes Foros de Debate, organizados pola Amtega en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia Dixital para a vindeira década.

En total, esta semana celebráronse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregaron aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.

Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da Amtega (https://amtega.xunta.gal/edg2030-participa), así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.

Workshops en torno a catro temas

Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo están a facer as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.

A edg2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade, tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

Metodoloxía

Para a elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades.

Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego... entre outras.

Ademais, constituirase unha comisión permanente de expertos que participen tanto nas funcións de vixilancia tecnolóxica como de análise do impacto das diferentes liñas de acción da transformación dixital en Galicia.

05/07/201908:22
Foto do equipo BiCAReful de Vigo.
Vigo

Un equipo vigués, galardoado co Premio Innovación Sustentable de HackForGood 2019

Xa sabemos os nomes dos equipos premiados no certame HackForGood 2019 de Telefónica, que ten o obxectivo de mostrar e recoñecer as mellores contribucións tecnolóxicas dos nosos desenvolvedores hackers en materia de traballo social, médico, sanitario, medioambiental, activista ou solidario en xeral. Segundo puidemos saber, o Premio de Innovación Sustentable de Telefónica da edición HackForGood 2019 foi para o equipo BiCAReful de Vigo por ter creado un hack para emerxencias orientado a resolver o problema de posibles esquecementos en vehículos de nenos ou mascotas

A aplicación galega permite medir a temperatura interior do vehículo e avisar ao propietario ou ao 112, se o primeiro non responde, para que actúen. Telefónica, a través da súa Rede de Cátedras, co apoio da Fundación Hazloposible, Fundación Telefónica, MashmeTV e a Universidade Politécnica de Madrid, ademais da colaboración especial de EFIC e OpenWebinars, convocou unha nova edición deste histórico hackaton estatal que celebrou o pasado mes de marzo a súa sétima convocatoria. Nela participaron Vigo (novamente a través da UVigo), Cáceres, Cidade Real, As Palmas de Gran Canaria, Madrid, Murcia, Salamanca, Sevilla, Valencia e Valladolid. Concorreron, en total, máis de 600 estudantes e 16 universidades.

Segundo salientou Alejandro Chinchilla, responsable de Relacións con Universidades e Cátedras de Telefónica, “España xa é o cuarto destino europeo para o talento tecnolóxico, consolidándose como o segundo país da UE en atracción de emprendedores internacionais para lanzar novas compañías”. Neste senso, lembrou que HackForGood supuxo “o trampolín de saída para unha chea de startups nos seu sete anos de historia”.

Tres premios nacionais e máis de 48.000 euros en premios 

Este ano 2019 repartíronse máis de 48.000 euros en premios nas súas tres modalidades: locais, nacionais e Big Day. Os tres gañadores absolutos nacionais foron os equipos YUMI de Madrid, VUI Makers de Valencia e Sevilla 4 de Sevilla. Ademais do Premio de Innovación Sustentable para o equipo BiCAReful de Vigo, tamén se outorgou o Premio Blockchain For Good ao equipo ATLAS de Madrid pola creación dun sistema de identidade dixital baseado en tecnoloxía de cadea de bloques e biometría para refuxiados internacionais. 

03/07/201921:00
Coworking da Cidade da Cultura.
Santiago de Compostela

A Xunta anima aos emprendedores do coworking de Santiago a seguir apostando polas TIC e o impulso á industria cultural

  • O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe na Cidade da Cultura na clausura da aceleradora, onde 24 emprendedores presentaron as súas iniciativas que apoia a Administración autonómica coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI)
  • Salienta que os novos empresarios apostan pola calidade dos seus produtos e servizos e pola implantación de tecnoloxías 4.0
  • Entre as actividades escollidas polos participantes desta cuarta edición resaltan as enfocadas a servizos tecnolóxicos, audiovisuais ou do sector da moda

 

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na Cidade da Cultura os servizos e axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das novas empresas no peche do coworking de Santiago, onde os 24 emprendedores participantes nesta cuarta edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.

Os novos empresarios, que desenvolveron 19 iniciativas neste espazo de emprendemento, que impulsa a Xunta, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por diferentes sectores de actividade como o dos servizos tecnolóxicos e formativos apoiados nas TIC, empresas de apoio e fomento á cultura galega, iniciativas do ámbito da comunicación e produción audiovisual, do turismo ou da moda, entre outros.

O coworking de Santiago, que nas tres edicións anteriores apoiou 65 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, en colaboración coa EOI. O obxectivo fundamental das iniciativas da aceleradora, que contan con cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

Desde o comezo da súa actividade no 2016 ata a actualidade, dos proxectos acelerados na coworking da Cidade da Cultura xa están en marcha 38 e a finais de ano está previsto que comecen a funcionar oito máis. Ademais, estas iniciativas levan asociadas a creación ou mantemento de 54 postos de traballo.

Durante a súa intervención na clausura do demoday, Cividanes subliñou a importancia de que as ideas innovadoras dos emprendedores adecúen as súas propostas ás novas necesidades do mercado actual, así como a aposta pola calidade dos produtos e servizos que ofrecen e pola implantación de tecnoloxías 4.0.

Cividanes resaltou os instrumentos de apoio que ofrece o Goberno galego para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá dos proxectos dos emprendedores. Así, a través do Igape, poden acceder a programas como o Galicia Emprende, que ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes, así como os préstamos directos como os activados no programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

A través da última convocatoria do programa Galicia Emprende, do que permanece aberto o prazo de solicitudes, ata o vindeiro 10 de outubro, e do Galicia Rural Emprende, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará en total axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros.

Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Celanova-Terras de Limia, Costa da Morte, Ferrolterra, Mariña Lucense, Ribeira Sacra, O Salnés e Ourense, nos que no conxunto das actuais edicións, se apoiaron 167 iniciativas de emprendemento.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS