main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/07/201914:37
Presentación do catálogo de perfís profesionais de futuro.
Santiago de Compostela

Máis da metade dos perfís profesionais de futuro para Galicia teñen como base as competencias STEAM

  • O Catálogo de perfís profesionais de futuro identifica os 30 roles que máis demandarán as empresas no medio prazo
  • Para a súa elaboración fíxose unha exhaustiva análise sectorial do territorio e consultáronse máis de 400 expertos
     

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o director da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), Javier Pereiro, presentaron esta mañá o Catálogo de perfís profesionais de futuro elaborado por encarga do departamento educativo da Xunta de Galicia para adaptar a oferta universitaria ás ocupacións estratéxicas de cara a 2030. Segundo o estudo, contemplado xa no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia, máis da metade destes perfís profesionais que demandarán os sectores estratéxicos galegos no medio prazo terán como base as competencias STEAM, isto é, competencias tecnolóxicas e científicas combinadas coas asociadas á arte e á creatividade e o deseño.

Carmen Pomar quixo destacar que o seu departamento leva xa tempo traballando nesta liña, tanto no ensino universitario coma no non universitario. De feito, o Mapa de Titulacións acordado entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas xa ten en conta esta tendencia, de tal forma que o vindeiro curso se incorporarán ao sistema 4 novas titulacións moi relacionadas con estas competencias: o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos no Campus da Coruña, o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos no Campus da Coruña, o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación no Campus de Ferrol, e o Grao en Robótica no Campus de Lugo.

Así mesmo a Consellería está a desenvolver a estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado, enmarcada en Edudixital 2020, onde a robótica e a formación nas TIC están xa presentes nos centros educativos de primaria e secundaria de Galicia, “precisamente para espertar todas esas vocacións científico tecnolóxicas que precisaremos no futuro para dar cobertura aos sectores que máis emprego van xerar”. Non en balde, o Catálogo presentado hoxe sinala que unha característica común de todos os roles profesionais que están por vir é que necesitarán dispoñer de sólidas competencias dixitais.

Competencias persoais

Carmen Pomar fixo fincapé tamén na importancia que o Catálogo concede ás competencias persoais (soft skills) como un factor crítico nos roles profesionais do futuro, que se caracterizarán polo seu elevado grao de cualificación e especialización. “serán as competencias persoais (soft skills) as que funcionen como elemento diferencial e determinen a empregabilidade dos titulados universitarios, así como as competencias asociadas a valores”, destacou.

Neste sentido lembrou que o desenvolvemento destas aptitudes (traballo en equipo, pensamento crítico, intelixencia emocional ou responsabilidade medioambiental e social, entre outras) non se realiza só no ensino universitario, senón que é preciso nas idades máis temperás. “A través dos contratos-programas e de diferentes iniciativas estamos a traballar na xestión do talento entre os máis novos de cara ao seu futuro”, sinalou.

Linguas estranxeiras

Por outra banda a conselleira destacou que o estudo conclúe que as competencias en inglés deixarán de ser unha cualidade a valorar do candidato, para converterse nun requisito sine qua non para a súa contratación.

A este respecto explicou que xa se está a avanzar no bo camiño, tanto nas idades máis temperás coa estratexia Edulingüe 2020, como a través da posta en marcha de grupos en inglés nos graos universitarios, unha medida establecida no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia para implantar. De feito, no pasado curso xa se habilitaron 4 graos con grupos en inglés nas universidades galegas.

Un estudo pioneiro

O Catálogo de perfís profesionais de futuro enmárcase no proxecto Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias. O Catálogo é o resultado da primeira fase desta iniciativa, que se completará cunha análise exhaustiva do mapa actual de titulacións do Sistema Universitario Galego e o seu cotexo co Catálogo, unha análise internacional de universidades e titulacións de interese, a definición preliminar de novas titulacións e especialidades, así como con novas actividades participativas e de contraste con expertos do ámbito empresarial e académico que contribuirán a afinar a proposta definitiva de novas titulacións e especialidades universitarias no horizonte temporal 2030.

Para elaborar o Catálogo identificáronse as 19 principais macrotendencias tecnolóxicas, medioambientais e socioeconómicas que inflúen na actividade económica e no emprego e seleccionáronse os 22 sectores estratéxicos con maior capacidade de tracción da economía e o emprego na nosa Comunidade, que abranguen un volume de arredor do 75% do emprego e do 90% do PIB galego.

Tras isto, elaborouse unha ficha sectorial para cada un deles, na que se inclúe a futura tipoloxía de emprego, os roles profesionais máis demandados nos próximos anos e algunhas conclusións ou recomendacións achegadas polos expertos; e fíxose unha identificación preliminar de competencias e novos perfís profesionais de futuro, para configurar 30 roles profesionais. Toda a información recollida contrastouse con máis de 400 expertos en diferentes actividades colaborativas e sectoriais.

Trátase, polo tanto, dun estudo moi exhaustivo e pioneiro polo elevado número de expertos e entidades empresariais, sociais e institucionais que colaboraron, polo seu carácter sectorial, partindo dun coñecemento profundo do territorio e das súas posibilidades; así como por identificar as necesidades futuras en materia de formación e emprego transmitidas en primeira persoa polo tecido empresarial da nosa Comunidade. “A seriedade, a profundidade, a rigorosidade, o número de actividades, e as ferramentas utilizadas dan a este estudo un plus sobre os realizados ata o momento, o que o vai converter no referente a nivel nacional para orientar un mapa de titulacións universitarias na vindeira década”, sinalou a conselleira.

Adiantarse ao futuro

A conselleira explicou que este proxecto é froito da decisión da Xunta de Galicia de dar un paso adiante para anticiparse ao entorno cambiante no que vivimos, no que as empresas precisan cada vez profesionais máis cualificados e especializados. “A capacidade de anticipación a estas demandas é un aspecto crítico para todo sistema educativo que aspire a ser efectivo en termos de empregabilidade e retención do talento”, sinalou.

Carmen Pomar comprometeuse a seguir traballando, xa na segunda fase deste estudo, para construír xunto coas tres universidades galegas un novo Mapa de Titulacións que cumpra as características que se revelan como fundamentais neste estudo. Desta forma, o proxecto “permitirá á Universidade galega manterse á vangarda do coñecemento e seguir desempeñando o seu papel chave como motor de desenvolvemento do territorio e principal xerador de talento cualificado”, dixo.

02/07/201909:07
Inauguración de Xuvenciencia.
Lugo

Até 150 mozas e mozos participan no Campus Xuvenciencia de Lugo

Onte comezou a nova edición (a sétima) do Campus de Verán Xuvenciencia, que se celebra ata este 5 de xullo convertendo a cidade da Muralla na capital galega, estatal e europea do que se vén coñecendo como universo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Na iniciativa, impulsada pola Universidade de Santiago (Campus de Lugo) e o Concello e a Deputación, participan 150 alumnos e alumnas preuniversitarios de España e Portugal. As actividades de Xuvenciencia (todo tipo de obradoiros e proxectos divulgativos) buscan estimular vocacións científicas entre o alumnado máis novo e dar a coñecer as importantes vantaxes de estudar no campus local.

Na inauguración concorreron a deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Lugo, Marta Barreiro Castro. Ao abeiro da edición 2019 de Xuvenciencia, unha das principais novidades é a actividade Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en acoso e violencia. Neste obradoiro, aprenderase a combater o ciberbullying “coas súas propias armas”, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.

As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos da USC en Lugo e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, FINSA, CETAL), e a realización de obradoiros relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas.

A contribución da Deputación

A deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, avanzou na súa intervención de onte que “é moi importante achegar aos rapaces este tipo de actividades que contribúen a coñecer a ciencia e a tecnoloxía como xeito de fomentar a curiosidade, e que fomenta o interese do alumnado pola actividade científica, que é un motor da sociedade e do seu desenvolvemento”.Segundo fixo saber, un profesor do Centro de Formación do SdeA (o CFA da Deputación de Lugo) impartirá o obradoiro Como elaborar vídeos para YouTube, e técnicos do Centro de Produción do Servizo (CPS), prestarán apoio ao alumando durante a edición dos vídeos sobre os seus proxectos científicos. Ademais, durante toda a semana, un equipo de profesionais gravará as actividades para a peza audiovisual que sirva de resumo da semana. Proxectarase no acto de clausura, o 5 de xullo.

Un obradoiro impartido no Centro de Formación Audiovisual 

O obradoiro de contidos para YouTube, que impartirá un profesor do SdeA nas instalacións do CFA, forma parte, por terceiro ano consecutivo, da programación de Xuvenciencia. Segundo lembra a Deputación, trátase dun taller que tivo moi boa aceptación nas anteriores convocatorias, e, de feito, foi o propio alumnado quen pediu que se volvese organizar. Ademais de ensinarlles como subir vídeos a esta plataforma, crearase unha canle propia para pendurar un audiovisual que os estudantes gravarán e editarán durante o obradoiro. Por outra banda, técnicos do SPA prestarán apoio técnico e asesoramento aos alumnos de Xuvenciencia na edición dos audiovisuais que elaborará cada grupo, cos que presentarán os seus proxectos e participarán no concurso de vídeos que convoca a USC. A achega da Deputación complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos mais salientables.

02/07/201909:01
Cartel da iniciativa.
Boiro

A rapazada de Boiro ten en agosto unha cita coa robótica e a programación

Concello de Boiro e a aula local CeMIT (AMTEGA) queren que este verán sexa un verán enriquecedor e construtivo para a rapazada local con interese na robótica e na programación. Esta é fórmula que acompaña o Campamento Tecnolóxico que se celebra entre os días 1 e 23 de agosto no primeiro andar do Centro Social de Boiro: a fórmula de xuntar lecer e espírito creativo arredor das novas ferramentas. A actividade, que ten aberto prazo de inscrición (até o 11 de xullo), ten dous piares temáticos básicos: comezar a aprender a construír robots e, tamén, programar aplicacións e ferramentas. Scratch e as súas posibilidades centrarán parte do programa de actividades. 

Scratch, para quen non o saiba, é unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade.

02/07/201908:51
Miriam Fernández.
Madrid

A Fundación ONCE lanza a canle "EmprenYOUtuber", unha ferramenta de comunicación para emprendedores con discapacidade

  • Promove material audiovisual de apoio a emprendedores con discapacidade dentro da súa canle de Youtube

 

A Fundación ONCE puxo en marcha unha nova campaña para animar ás persoas con discapacidade a desenvolver o seu propio proxecto de negocio. Trátase da canle "EmprenYOUtuber", unha ferramenta de comunicación dirixida a emprendedores con discapacidade dentro do proxecto "Por Talento Emprende".

 

Segundo explicou Sabina Lobato, directora de Formación e Emprego, Operacións e Transformación da Fundación ONCE, esta iniciativa enmárcase no labor que vén realizando a Fundación ONCE de apoiar a emprendedores con discapacidade co obxectivo de xerar novas oportunidades de emprego. "Como sabemos a taxa de emprego é moi baixa, só 1 de cada 4 persoas con discapacidade en idade laboral ten traballo", subliña.

 

A través desta canle os interesados poden atopar catro vídeo titoriais protagonizados por Miriam Fernández. É cantante, actriz e emprendedora, e desde este proxecto como "emprenyoutuber", ofrece a súa axuda para emprender. "Estou á vosa disposición a través desta canle para axudarche a lograr os teus soños. Para contarche todas as claves para lanzarte ao emprendemento", sinala.

 

A campaña conta co apoio do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, a través da Dirección Xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das Empresas.

 

Apoio a emprendedores

Desde a súa creación en 1988, a Fundación ONCE concedeu máis de 10 millóns de euros en axudas a case 1.800 emprendedores con discapacidade. Na actualidade mantén aberta unha convocatoria pola que destinará 2,6 millóns de euros a impulsar proxectos de emprendemento de persoas con discapacidade. A Dita convocatoria permanecerá aberta ata que se esgoten os fondos destinados a este programa, cuxo período de execución alcanzará o ano 2022. 

 

Trátase de axudas a fondo perdido que van desde os 3.000 ata os 18.000 euros cofinanciados no marco do Programa Operativo do Fondo Social Europeo de Inclusión Social e Economía Social.

 

As axudas teñen en conta a situación sociolaboral do solicitante e a súa contorna familiar. Poderán recibir ata 2.000 euros máis os colectivos con discapacidade con especial dificultade, entre eles persoas con parálise cerebral, enfermidade mental ou discapacidade intelectual. Tamén se primará a vítimas de violencia de xénero, mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, inmigrantes e fogares en situación de vulnerabilidade.

01/07/201914:00
Momento da primeira xornada para a elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030.
Ourense

A Xunta aborda hoxe con axentes económicos e sociais os retos do territorio intelixente no primeiro Foro da Estratexia Dixital 2030

  • A directora da Amtega e o reitor da Universidade de Vigo inauguraron esta mañá en Ourense a primeira das catro xornadas de debate previstas
  • Máis de 500 profesionais de distintos ámbitos están convocados esta semana a estes encontros, que se celebran en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas
  • É o primeiro dos fitos previstos no proceso participativo, que está aberto a cidadanía a través da web da Amtega e que terá continuidade na creación dun comité de expertos
  • O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital

 

Profesionais do sector primario, forestal, turístico e tecnolóxico, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordan hoxe en Ourense as liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edg2030) para aplicar a tecnoloxía á xestión territorial intelixente. Nesta primeira xornada o debate xirará en torno á conectividade de altas capacidades, ao incremento da competitividade do sector primario, o reto demográfico, os novos modelos de transporte e a eficiencia enérxica.

 

O primeiro dos Foros de Debate profesional da edg2030, foi inaugurado hoxe pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, na Escola Superior de Enxeñaría en Informática no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

 

Mar Pereira sinalou que a aplicación das tecnoloxías disruptivas ten un importante potencial para o desenvolvemento económico pero tamén implica enfrontarse a importantes dilemas éticos, que precisa dun enforque multidisciplinar. Neste sentido, Pereira, quixo recalcar que, no proceso de elaboración da edg2030, ademais da colaboración do sector tecnolóxico, terán un papel chave outros ámbitos como o humanístico e ético, o xurídico ou o económico.

 

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, agradeceu que o inicio deste debate se produza na institución académica. Recoñecendo que “é moi difícil saber cara onde vai o futuro”, o reitor salientou como “unha mirada múltiple, na que participemos todos, seguramente será moito máis acaída”. Así, Reigosa fixo fincapé en que ante os retos que ten Galicia, como o demográfico ou o do desenvolvemento rural, “se queremos favorecer a vida das persoas precisamos unha sociedade que sexa máis próspera, máis xusta e máis igualitaria e todo iso non se vai poder facer se non damos un paso adiante que ten que ver co coñecemento, co espallamento das novas tecnoloxías e con non perder o ámbito humanístico”.

 

Primeiro dos fitos previstos

Estes Foros de Debate, organizados pola Amtega en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia.

 

En total, celebraranse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregarán aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.

 

Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da Amtega (https://amtega.xunta.gal/edg2030-participa), así como dun comité de expertos que trasladen as súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital. 

 

Workshops en torno a catro temas

Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo farán as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.

 

A edg 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

 

Metodoloxía

Para a elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades.

 

Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego... entre outras.

 

Ademais, constituirase unha comisión permanente de expertos que participen tanto nas funcións de vixilancia tecnolóxica como de análise do impacto das diferentes liñas de acción da transformación dixital en Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS