main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

01/07/201908:31
Participantes na XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
Santiago de Compostela

O CPEIG celebra a súa Noite e entrega os premios da profesión ante 350 convidados

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o venres a súa XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia cunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Preto de 350 convidados asistiron ao gran evento do sector TIC en Galicia, entre representantes as empresas e profesionais do sector tecnolóxico, da administración pública, e do ámbito universitario, entre os que destacan a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; entre outros. 

O evento tivo como mestre de cerimonias ao actor compostelán Luis Zahera, que amenizou a gala e presentou a entrega dos premios anuais do CPEIG. Contou coa actuación musical de mítica banda La Unión, grupo de pop e new wave español creado na década dos 80 e coñecida internacionalmente polo seu tema Lobo hombre en París, con máis de tres millóns de discos vendidos, recibindo en 2006 un dobre disco de diamante pola súa carreira discográfica.

Segundo lembra o colexio, a Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende “mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros e enxeñeiras en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”. A celebración contou con todo tipo de actividades destinadas a garantir a diversión dos asistentes, como un sistema de realidade aumentada con Chroma Key, lentes de realidade aumentada, un espectáculo de maxia de cerca e diversos sorteos. 

Como reflexión sobre o que aconteceu no último ano no sector TIC e marcar os eixos da súa evolución futura, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, explicou na súa intervención que “a tecnoloxía e as persoas compoñen a ecuación da Sociedade da Información, e a súa progresión dependerá de cuestións como vocación, actitude e talento”. Salientou que esta dixitalización ten “xa un impacto positivo”, achegando respostas a retos sociais e ambientais, mellorando radicalmente a calidade de vida das persoas, a produtividade dos negocios e o crecemento da economía. Alén das oportunidades desta revolución dixital, Fernando Suárez indicou que xorden tamén grandes desafíos, como a fenda dixital, o impacto nos empregos e na educación, o uso axeitados dos datos, a seguridade, a privacidade, ou a distribución da riqueza. O presidente manifestou que para dar resposta a estes retos “son precisos valores e doses de humanismo, xa que todo debe xirar ao redor dos dereitos e obrigas das persoas no mundo dixital”. E engadiu: “Ata agora, o ser humano adicou moito esforzo a aprender a linguaxe das máquinas e poder comunicarse con elas e agora chegou o momento de que sexan as máquinas as que aprendan a linguaxe dos humanos”. A estas oportunidades e desafíos dos avances tecnolóxicos súmanse os principios de xustiza, atribución de responsabilidade e asimetría, transparencia, ética, educación e diversidade. “Só guiándonos polos valores e a ética poderemos capturar todo o potencial da tecnoloxía para construír unha sociedade mellor, máis inclusiva e xusta”, dixo.

E para o futuro, Fernando Suárez compartiu cos asistentes tres desexos: que a tecnoloxía forme parte integral da sociedade para incrementar a calidade de vida da poboación; que Galicia e España invistan máis en I+D+i para converterse en líderes de Europa e ponte con Latinoamérica e África, ademais de investir en formación, atracción e retención do talento, actualización do sistema educativo centrándose nas STEM e fomento da creatividade e innovación; e que cada vez haxa máis nenos e nenas que queiran se enxeñeiros, investigadores, inventores ou innovadores en tecnoloxía. O presidente agradeceu o apoio incondicional do sector á Noite, profesionais e empresas que coa súa presenza axudan a facer máis visible a Enxeñaría en Informática, unha profesión que asegurou ten un “crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza e no desenvolvemento económico do país”. Na súa opinión, “as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática compartimos a profesión máis social que existe, porque estamos obrigados a entendernos con expertos de todos os ámbitos”.

Os premios

Foron dez as distincións anuais que se entregaron o venres na XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática. Fernando Suárez sinalou que as persoas, empresas e institucións distinguidas están a consolidar a Sociedade da Información en Galicia, e subliñou que o colexio está especialmente orgulloso da calidade dos galardoados, “proba do excelente estado do noso sector TIC dentro e fóra das nosas fronteiras”. O director xeral de Mobile World Capital Barcelona –Carlos Grau–, a enxeñeira Mónica Fernández Bugallo, o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) – Carlos Vázquez Mariño–, o enxeñeiro informático Óscar Blanco, o proxecto El Camino de los Satélites, o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, o Club Financiero Atlántico da Coruña, Hijos de Rivera, a asociación Alastria, os Talleres e Axudas á Dixitalización promovidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e as empresas Altia e Everis son as persoas, organismos ou entidades distinguidas nestes premios.

Nomes propios

O CPEIG creou este ano unha nova categoría, o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino que recoñece o labor dun centro de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía entre o alumnado. Na súa primeira edición recaeu no CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete centros seleccionados pola UNESCO para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil. A distinción e-Inclusión foi para El Camino de los Satélites, unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (FUNTESO) destinada a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsables poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo o mundo. O galardón Iniciativa Emprendedora outorgouse ao Club Financiero Atlántico da Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña, o evento internacional máis importante da historia de Galicia que se celebrou na Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018. O Premio Iniciativa Empresarial concedeuse nesta edición a dúas entidades: Hijos de Rivera, polo seu proceso de transformación dixital, e a asociación Alastria polo fomento da economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías descentralizadas/blockchain.

O Premio Ada Byron foi este ano para Mónica Fernández Bugallo (Ferrol, 1975), profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York, ademais de directora do Programa Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE–Women in Science & Engineering).

O CPEIG distinguiu co Premio Iniciativa da Administración ao programa de Talleres e Axudas á Dixitalización, promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O Colexio profesional recoñece a Traxectoria Profesional de Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O Premio Especial CPEIG como distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio á gala A Noite foi para as compañías Altia e Everis. O Premio Colexiado de Honra foi para o director xeral de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau Lara, polo seu labor profesional no ámbito da tecnoloxías da información e as comunicacións. E finalmente, o Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado recaeu no enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa (A Coruña, 1992) polo seu proxecto Sistema domótico de eficiencia enerxética no fogar con interface de realidade aumentada como traballo fin de Mestrado na Universidade da Coruña.

01/07/201908:15
Mans dunha muller sobre o teclado dun portátil.
Santiago de Compostela

A Xunta facilita a implantación de plans de mellora competitiva das pemes a través de solucións TIC

  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das accións do programa ReAcciona TIC, apoia a dixitalización de 48 pemes coa implantación de 51 servizos 4.0 a través das tres primeiras convocatorias do 2019
  • Mediante esa iniciativa, que achegou máis de 230.000 euros durante este ano, búscase optimizar a modernización e innovación tecnolóxica do tecido empresarial
  • O Goberno galego, mediante os programas ReAcciona e ReAcciona TIC, concedeu durante o ano pasado axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 servizos de mellora en empresas galegas

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou, a través das tres primeiras convocatorias de 2019 das accións do programa ReAcciona TIC, a mellora competitiva de 48 compañías coa implantación de 51 servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións da Industria 4.0. En total, ao longo deste ano concedéronse axudas por 232.042 euros.

En 2019 activáronse en total catro convocatorias deste programa desenvolto polo Igape. A última vén de pechar o prazo de solicitudes o pasado día 20 de xuño e falta por coñecer a súa resolución.

Esta iniciativa, cofinanciada ao 80% con fondos Feder, oferta servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0 ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción.

A través dos programas ReAcciona TIC e ReAcciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión de empresas, para ao seu crecemento e internacionalización, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva das pemes galegas en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico.

Das pemes beneficiarias nas tres convocatorias aprobadas no que vai de ano, o 74% acollerase ao servizo de diagnóstico e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0; un 16% recibirá acompañamento para desenvolver esas solucións e o 10% restante disporá de apoio para a xeración dun modelo industrial propio e a súa correspondente simulación.

A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0, posta en marcha pola Xunta en 2015, e que se converteu na folla de ruta do Goberno galego para acadar un novo modelo industrial máis competitivo e cunha maior proxección exterior.

01/07/201908:07
Imaxe da liña braille conectada a unha Raspberry Pi Zero.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía que transforma unha liña braille nun mini computador portátil

Os computadores portátiles integran compoñentes que non son nada útiles para persoas con discapacidade visual, como unha pantalla, mentres que se botan en falta ferramentas para que os dispositivos sexan máis accesibles. Con todo, unha vez máis a tecnoloxía ofrece unha boa solución (e barata).

O programador Mario Lang creou un dispositivo caseiro que transforma dunha forma moi sinxela unha liña braille nun computador portátil especialmente accesible para as persoas con discapacidade visual.

En concreto, Lang conectou unha Raspberry Pi Zero, que custa só 5 euros, a unha liña braille Handy Tech Active Star 40, convertendo este dispositivo nun portátil Linux sen monitor e que se pode cargar mediante USB.

Os dispositivos Raspberry Pi ofrecen opcións moi interesantes para aqueles con nocións de programación xa que teñen un prezo moi baixo e un tamaño moi pequeno, e pódense adaptar ás necesidades de calquera usuario.

28/06/201912:14
Cartel do curso.
Vigo

A UVigo organiza un obradoiro de balde para formar ás mulleres en programación

Vicerreitoría de Estudantes do Campus de Vigo vai organizar un obradoiro de programación para mulleres o vindeiro 13 de xullo, no Edificio Miralles. O curso, que é de balde, organízase en colaboración con Django Girls asociación sen ánimo de lucro que ten por obxecto loitar contra a desigualdade nas TIC e a fenda de xénero. O taller, aberto tamén a menores de idade e con comida incluída, transcorrerá ao longo de toda a xornada e nel as participantes terán a oportunidade de "adquirir as destrezas e competencias básicas en programación web para deseñar un blog e publicalo na Rede". 

Impartido por profesionais do sector, o único requisito para participar é levar un ordenador portátil, amais de ter (recomendable) instalado Django, unha escolma de ferramentas de código aberto e gratuítas que axudan a deseñar sitios web de xeito sinxelo e rápido. A inscrición en Django Girls é gratuíta e o prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 5 de xullo. Segundo informan as organizadoras, aínda que este curso busca fomentar e promover a participación da muller na programación, trátase dun espazo inclusivo, polo que poderá anotarse calquera persoa, pero a preferencia de matrícula será para as mulleres. No caso das menores de 17 anos, os pais/titores legais deben enviar un correo electrónico (vigo@djangogirls.org) autorizando a súa inscrición e, se as nenas teñen menos de dez anos terán que asistir acompañadas dun dos seus pais ou titor/a legal.

28/06/201909:34
Estudantes diante de portátiles.
Santiago de Compostela

Cisco ofrece 400 bolsas para formarse en ciberseguridade, IoT, redes e programación

Cisco convocou as "bolsas Dixitaliza" para que 400 mozos se formen de maneira gratuíta no sector TIC en catro especialidades tecnolóxicas moi demandadas como son redes, ciberseguridade, programación e Internet das Cousas (IoT).

O programa de bolsas diríxese a mozos e consta dun programa formativo que dura cinco meses, desde outubro do 2019 a marzo de 2020. Cúrsase de forma telemática polo que se pode compaxinar con outros estudos ou con traballo.

Os interesados en acceder a unha das 400 prazas dispoñibles deben superar unha proba técnica e completar un curso introductorio de oito semanas que se desenvolve entre outubro e novembro. Nos primeiros días de decembro, enfrontaranse a un proceso de selección que inclúe probas técnicas e de "soft skills" para determinar a adxudicación das bolsas.

Requisitos e prazo de inscrición

Os requisitos para poder acceder a este proceso son estar a cursar o último ano de Formación Profesional ou de Grao Unversitario, ser recentemente graduado ou estar en situación de desemprego, ademais de ter certo nivel de inglés (a partir de B2).

O prazo para realizar este curso introductorio e solicitar a bolsa está aberto desde o pasado martes, 25 de xuño, e pecha o próximo 20 de setembro. Segundo informa Cisco, a formación realizarase a través de Proxecto Universidade Empresa (PUE), Aula Mentor (Ministerio de Educación) e a Universidade Miguel Hernández.

Prácticas e oportunidades

É a segunda convocatoria destas bolsas nas que colaboran outros socios empresariais e clientes de Cisco ofrecendo prácticas remuneradas, orientación laboral, coaching ou formación complementaria en "soft skills". Os alumnos tamén poderán adquirir competencias transversais como capacidade analítica, traballo en equipo e habilidades de autoconfianza e emprendemento.

Ademais, poderán participar en seminarios tecnolóxicos e webinars sobre temáticas como automatización e orquestración de redes, tecnoloxías inalámbricas e de colaboración, etc. e entrarán nunha bolsa de emprego con ofertas de Cisco e das súas partners.

Os 400 alumnos bolseiros o pasado ano tiveron acceso a máis de 100 oportunidades laborais remuneradas ofrecidas por socios e clientes de Cisco. O 66% deles contrataron polo menos a un estudante das Bolsas, despois de que seis de cada dez alumnos que o solicitaron fosen entrevistados. Igualmente, os 60 mellores alumnos foron premiados con certificacións de Cisco financiadas por Fundación Bankia e Cisco.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS