main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/07/201908:26
Interior da sede de Mundos Digitales.
A Coruña

Mundos Digitales abre hoxe as súas portas na Coruña

Congreso Internacional Mundos Digitales, que se celebrará na Coruña do 11 ao 13 de xullo, presentouse onte en PALEXCO como a edición máis ambiciosa en canto a programación e ámbitos que cobre o evento, onde a realidade aumentada para broadcast e a realidade mixta como nova liña de creación de contidos súmanse aos xa habituais como son a animación ou os videoxogos. A cita é todo un referente no seu campo e nesta edición reunirá a máis de 1.500 asistentes, o que supón un aumento dun 30% respecto ao ano pasado. 

Ao acto de presentación conducido polo director do congreso, Manuel Meijide, acudiu tamén a nova alcaldesa herculina, Inés Rey, quen salientou que o sector da animación é «parte do noso presente, pero ten que ser parte importante da Coruña do futuro».
No amplo programa deste ano, cabe destacar presentacións dos proxectos máis importantes do ano como DumboHellboy ou a flamante gañadora do Óscar á mellor película de animación deste ano, Spider-Man: Un Nuevo Universo.

A Sesión Especial de El Parque Mágico, a grande aposta para este ano de Paramount Pictures Animation, cun orzamento de 100 millóns de dólares, será unha mostra da magnífica saúde da animación nacional, da que un dos seus supervisores que participará nesta presentación saíu da numerosa canteira que a Universidade da Coruña ten nos estudos máis importantes do mundo.

Un ano máis, unha das actividades máis esperadas do congreso será a Feira de Emprego, que se consolidou como a segunda máis importante de Europa e que congrega a numerosas compañías ávidas de atopar novo talento para incorporar nas súas próximas producións. Pero sen dúbida, un dos puntos fortes desta edición será a chegada da realidade aumentada en tempo real para producións broadcast, que cambiará por completo a forma de consumir contidos audiovisuais incorporando personaxes virtuais e escenarios tridimensionales en programas televisivos nos que converxerá a imaxe real e virtual como unha única contorna, e todo iso en tempo real.

A realidade virtual ha vindo para quedar de forma definitiva a través dos novos dispositivos gráficos, pero Mundos Digitales vai un paso máis aló e contará os as últimas tecnoloxías e dispositivos (aínda non dispoñibles no noso país) de realidade mixta. Unha nova onda que se une á realidade virtual para conformar o que se coñece como o mercado inmersivo dos contidos. O Premio Especial que cada ano entrega o congreso a un profesional pola súa achega ao sector da animación, recae este ano en Gonzalo Rueda, director do estudo Ilion Animation Studios, responsables de producións como Planet 51Mortadelo y Filemón ou El Parque Mágico.

10/07/201914:10
Blockchain.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza varios retos ao sector tecnolóxico para aplicar o blockchain á administración dixital, o turismo e á trazabilidade alimentaria

  • Ata o 30 de setembro as empresas especializadas neste ámbito poderán presentar as súas propostas iniciais
  • A partir desa data e ata finais de ano abrirase un período de reflexión ata definir a solución más axeitada a cada caso
  • É unha iniciativa impulsada desde a Amtega, que se deu a coñecer hoxe durante a xornada “Retos e oportunidades para Blockchain en ámbitos estratéxicos en Galicia", organizada en colaboración con Alastria
  • A directora da Amtega lembrou na inauguración que o posicionamento de Galicia nas tecnoloxías disruptivas é un dos obxectivos da Estratexia Dixital 2030

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) anunciou hoxe o lanzamento de varios retos para aplicar a tecnoloxía blockchain a iniciativas da administración dixital, o turismo e a trazabilidade alimentaria. Así o expuxeron esta mañá responsables da Amtega durante a xornada “Retos e oportunidades para Blockchain en ámbitos estratéxicos en Galicia", organizada en colaboración con Alastria.

Son un total de sete propostas coas que a Administración autonómica busca mellorar a transparencia e a automatización e cuestións relativas á identificación dixital, a procesos vinculados á carpeta cidadá, á interoperabilidade ou na acreditación das competencias dixitais. Tamén se lanzaron retos vinculados ao sector turístico, en concreto co Camiño de Santiago, para garantir a identidade e mellorar a fidelización dos visitantes; e outro específico para resolver as problemáticas asociadas á trazabilidade alimentaria.

O obxectivo desta convocatoria é identificar tanto as tecnoloxías, como as solucións organizativas e de xestión que dean resposta aos retos formulados, así como os custos asociados e as vantaxes respecto a outras plataformas tradicionais.

As empresas do sector interesadas teñen desde hoxe e ata o 30 de setembro para presentar as súas propostas iniciais. A partir desa data e ata finais de ano abrirase un período de reflexión ata definir a solución más axeitada a cada caso.

Aposta polas tecnoloxías disruptivas

A directora da Amtega, Mar Pereira, que inaugurou o encontro xunto coa presidenta de Alastria, María Parga, destacou que o posicionamento de Galicia nas tecnoloxías disruptivas é un dos obxectivos da Estratexia Dixital 2030, que está en proceso de elaboración neste momento. 

A directora da Amtega sinalou que esta folla de ruta para a vindeira década pivotará sobre o potencial transformador das tecnoloxías disruptivas, e por iso desde a Administración quérese reforzar as capacidades de Galicia nas novas redes de alta capacidade, na análise intelixente do dato, na intelixencia artificial, ou na ciberseguridade.

Casos de uso 

Esta xornada enmárcase nas actuacións previstas no convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo pola Amtega e Alastria, para aplicar a tecnoloxía blockchain a sectores estratéxicos. No encontro presentáronse exemplos da aplicación de blockchain no sector bancario como o de ABANCA e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (Anfaco) propuxo liñas de actuación nas que o blockchain pode axudar ao sector.

Blockchain

Alastria é un consorcio multisectorial sen ánimo de lucro, conformado por preto de 300 entidades, entre empresas, administracións públicas e universidades, que ten como obxectivo fundamental favorecer a implantación, estandarización, protección e utilización do Blockchain en España acorde co regulamento europea. 

O blockchain é unha tecnoloxía que permite gardar “bloques de información” conectados entre si en diferentes equipos, en lugar de condensar toda a información nun só lugar. Así, se se producise un fallo nunha plataforma de almacenamento, existen copias da información noutros lugares, o que o fai máis seguro que un sistema normal.

Ademais, a información está cifrada e non existe a posibilidade de eliminar ou modificar a xa existente, só engadir nova, o que favorece a transparencia. As principais vantaxes desta tecnoloxía son a eliminación de intermediarios, a ausencia de posicións dominantes e o aumento da contorna de seguridade nas operacións.

10/07/201912:00
Nenos nunha aula informática.
Santiago de Compostela

Mañá ábrese o prazo para que os centros educativos se adhiran ao programa de reforzo das competencias dixitais, “Digicraft no teu cole”

  • Ata 50 centros poderán beneficiarse desta iniciativa, dirixida a alumnos de 6 a 12 anos, que emprega unha metodoloxía de aprendizaxe específica baseada no xogo e a experimentación
  • Galicia é a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone pon en marcha este programa, grazas a un acordo asinado coa Consellería de Educación e a Amtega

Hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria para que os centros educativos poidan adherirse ao Programa “Digicraft no teu cole”, promovido pola Fundación Vodafone en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Segundo se recolle no DOG, os centros interesados poden realizar a súa solicitude desde mañá e ata o vindeiro 30 de setembro.

Ata 50 centros escolares poderán beneficiarse desta iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Galicia é a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone pon en marcha “Digicraft no teu cole”, que terá unha duración de dous anos e enmárcase no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia ‘DigiTalent’ impulsado pola Amtega.

Os centros que se adhiran a Digicraft terán acceso a formación para que os profesores poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos, que permitirán aos docentes e alumnado desenvolver as actividades establecidas.
 
O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específico baseado no xogo e a experimentación, deseñada pola Universidade de Salamanca para a Fundación Vodafone España para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece. 

Plan Digitalent

“DigiCraft no teu cole” enmarcase nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. O Plan, que se puxo en marcha este curso está a desenvolver 15 iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital

Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal.

10/07/201911:53
Cartel da iniciativa.
Pontevedra

A rede SmartPEME achega en xullo 27 obradoiros TIC

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, continúa a súa actividade este mes de xullo, con novas accións encamiñadas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 14 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e O Porriño. A estas citas cómpre sumar as catro previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras catro en Cambados, ás que cómpre engadir os cinco obradoiros de Lalín. En total, 27 obradoiros polo de agora. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este mes de xullo os seguintes obradoiros: Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais, o xoves 11 de xullo, ás 19 horas. O martes 16, ás 17 horas, terá lugar Crea unha Páxina Profesional con Wordpress. O xoves 18 de xullo, ás 17 horas, impartirase Como Mellorar o Posicionamento Local da túa Empresa Turística. A última acción formativa deste mes será Woocommerce: a Solución que Buscabas para Vender por Internet, o martes 23, ás 18 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.

A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes 9, ás 19 horas, o curso O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram. Logo, Pluggins de Wordpress para Mellorar a túa Web chegará o martes 16, ás 19 horas. O xoves 18, ás 19 horas, impartirase Emprego de Vídeo nas Redes Sociais: Youtube. A acción Como Mellorar o Posicionamento Local da túa Empresa Turística terá lugar o martes 23, ás 17 horas. E, por último, o martes 30, ás 19 horas, celebrarase Fotografía para Xoiería. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

Por último, as quendas para o mes de xullo na oficina de Ponteareas comezan o xoves 11, ás 17 horas con Empresas de Actividades Turísticas e Plataformas de Comercialización en Liña. A seguinte acción será O teu Plan de Márketing Dixital Paso a Paso, o martes da semana seguinte, día 16, ás 19 horas. O curso Obtén Valor dos teus Datos con Google Data Studio chegará a Ponteareas o xoves 18, ás 18 horas. O martes 23 de xullo, ás 19 horas, impartirase Vende Produtos en Liña con Campañas de Google Shopping. E, para rematar, Crea unha Páxina Profesional con Wordpress terá lugar o martes 30, ás 18 horas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.

No que se refire a Cambados, a primeira cita é este martes 9 de xullo, ás 17:00 horas, coa acción Motores de Reservas para Empresas Turísticas. O martes 16 levarase a cabo o obradoiro Fotografía Gastronómica co Teléfono Móbil, ás 19:00 horas. A terceira acción, Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop impartirase o martes, 23 de xullo, ás 18:00 horas. E, por último, Xestiona o teu Negocio desde o Móbil impartirase o martes 30 de xullo, ás 19:00 horas. A oficina SmartPEME de Cambados atópase no Centro ExpoSalnés, no paseo da Calzada s/n.

O programa da sede da Deputación en Pontevedra comeza con Crea unha Páxina Profesional con Wordpress, que se desenvolve este 9 de xullo a partir das 18.00 horas. O seguinte será o martes 16, cando a partir das 19.00 horas terá lugar o obradoiro Plugins de WordPress para Mellorar a túa Web. O terceiro curso será Crea a túa Tenda en liña con Prestashop, que se celebra o martes 23 de xullo, ás 18.00 horas. Por último, o martes 30, ás 18.00 horas é a quenda do curso Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais.

A nova cita do mes na oficina SmartPEME de Lalín será este xoves 11 de xullo, ás 19.00 horas, en concreto o curso Mellora a túa Páxina Web e Posiciónaa en Buscadores. O martes 16, ás 17.00 horas, levarase a cabo o obradoiro Motores de Reservas para Empresas Turísticas. A seguinte cita será o xoves 18, cando a partir das 19.00 horas terá lugar Mide os teus Obxectivos en RRSS: Análise de Estatísticas. O martes 23, ás 19.00 horas, é a quenda de Google Calendar, Moito máis que unha Axenda. Por último, o mércores 31, ás 19.00h chegará o obradoiro O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
 

Datos sobre o Proxecto SmartPEME

SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

10/07/201909:38
Barra de direccións dun navegador.
Santiago de Compostela

O Parlamento aproba a Lei de Administración Dixital de Galicia que busca universalizar o uso e o acceso aos servizos públicos dixitais

  • Galicia acada un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva
  • Para achegar a administración dixital a todo o mundo a Lei contempla a transformación das Oficinas de rexistro en espazos de atención á cidadanía para a xestión online e a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa
  • Formula, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais para a cidadanía e un plan de capacitación dixital do empregado público
  • Regula a infraestrutura dixital da Administración autonómica e garante a seguridade, continuidade e dispoñibilidade dos servizos públicos
  • Incorpora a configuración dixital de procedementos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico
  • O primeiro desenvolvemento normativo deste Lei, será a tramitación do Decreto de ampliación automática de prazos por incidencia técnica

O Parlamento de Galicia deu onte o visto e prace á Lei da Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), o marco xurídico para consolidar unha administración integramente dixital e universalizar o seu uso e acceso a toda a cidadanía. Complétase así o trámite parlamentario, tras o período de exposición pública e tras ser aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais.
A lei adapta á realidade do sector público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 e aséntase en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten do cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades; e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.

Oficinas de atención á cidadanía e funcionario habilitado

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro en espazos de asesoramento e apoio, nos que prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.

Nesta liña, a Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. 

A sede electrónica e a carpeta do cidadán

A lei consolida a sede electrónica da Xunta como o punto de acceso único, sinxelo e accesible na rede a calquera recurso ou servizo da Administración. A lei dá especial relevancia a carpeta do cidadán, na que poden xestionar online toda a información referente aos seus trámites administrativos e consultar o estado dos mesmos con todas as garantías de seguridade. Baseándose nesta información a Administración poderá prestar servizos personalizados e proactivos, evitando reclamar a petición daquela documentación que xa consta na carpeta do cidadán. 

En relación coa tramitación online, un dos primeiros desenvolvementos normativos desta Lei será a tramitación do Decreto de ampliación automática de prazos, que garantirá a ampliación do prazo daqueles procedementos que se vexan afectados por unha incidencia técnica durante a súa xestión. 

Capacitación dixital 

A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apoio importante.

Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. 

Posto de traballo dixital

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns. 

Regulación para o funcionamento dixital interno

A lei regula o Arquivo Electrónico Administrativo como o elemento que albergará todos os expedientes do sector público autonómico en tramitación e os finalizados e a plataforma de interoperabilidade pasaXe! como o nodo para o intercambio de datos e documentos entre administracións públicas. 

Entre as novidades que incorpora a lei está a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico e ofrecer aos cidadáns uns servizos homoxéneos, personalizados e fáciles de utilizar. As directrices, de obrigado cumprimento, recóllense nas Guías para a habilitación electrónica de procedementos e servizos.

Infraestrutura dixital

Establece que o Centro de Proceso de Datos (CPDI) e a rede corporativa da Xunta constitúen a infraestrutura dixital básica necesaria para dar soporte á administración dixital, que deberán asegurar a prestación de todos os servizos dixitais a nivel de posto de traballo.

A Lei establece que a Xunta disporá dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas e o establecemento de responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos servizos dixitais. 

Avaliación e seguimento

Para facilitar o seguimento dos avances na dixitalización e o seu impacto tanto no funcionamento interno como na relación cos cidadáns a norma contempla a creación dun sistema de indicadores da administración dixital. A análise da información que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá introducir melloras na implantación dos servizos.
 
Ademais, aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS