main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

13/09/201913:48
Mar Pereira na inauguración do primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G de Galicia.
Vigo

Máis dunha vintena de profesionais e estudantes inician o primeiro curso de especialista universitario en 5G de Galicia

  • A directora da Amtega e o reitor da Universidade de Vigo inauguraron hoxe a primeira edición desta formación especializada, enmarcada no Plan Galicia 5G
  • Será impartido por expertos de multinacionais de telecomunicacións, fabricantes de tecnoloxías e docentes da Universidade
  • A Xunta puxo en marcha o Plan 5G o ano pasado para situar á Comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía
  • Xa están pechados 17 casos de uso 5G en ámbitos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación

Os 23 matriculados no primeiro Curso de Especialista Universitario en tecnoloxías de Quinta xeración 5G recibiron hoxe a benvida da directora da Axencia para Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, na xornada inaugural que se celebrou esta mañá na Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións.

 

A posta en marcha deste Curso é froito dun acordo subscrito este ano entre a Amtega, a Universidade de Vigo, e o operador público Retegal o pasado mes de febreiro. Este programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, ofrece a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G. 

 

Impartido por expertos

Os alumnos son, maioritariamente, profesionais do sector tecnolóxico cunha experiencia laboral de entre cinco e dez anos, aos que suman estudantes de Master ou nos últimos anos de Grao e persoas en situación de desemprego.

 

O curso, con 200 horas lectivas, estrutúrase en 6 módulos, que se impartirán presencialmente os xoves e venres polas tardes na Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións durante os meses de setembro a decembro máis o proxecto fin de curso. Superadas todas as fases, os alumnos obterán o título de “Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G)”.

 

O cadro docente está integrado, tanto por profesores da Universidade como por profesionais expertos do sector, tanto de operadores (Movistar, Orange, Vodafone), como fabricantes (Nokia Spain, Ericsson) e desenvolvedores de solucións verticais (PSA, RTVE, CTAG, SERGAS). 

 

Plan Galicia 5G

O Plan Galicia 5G é a ferramenta estratéxica da Xunta de Galicia para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes en Galicia. Coa sinatura do acordo, o pasado mes de xaneiro, para a posta en marcha deste Curso, a Universidade de Vigo, formalizou a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia. En novembro formalizábase a adhesión ao nodo dos operadores Vodafone, Orange e Telefónica para realizar casos de uso con esta tecnoloxía en ámbitos de especial interese para Galicia.

 

Preto dunha vintena de pilotos 5G

A Comunidade foi a primeira do Estado en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.

 

No último ano as diferentes medidas do Plan autonómico foron conformando un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G:

  • No primeiro trimestre do ano pechouse o compromiso de Vodafone, Orange e Telefónica para realizar 9 casos de uso con tecnoloxía 5G.
  • En maio a Comunidade acolleu a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial
  • En xuño Vigo e A Coruña foron das primeiras cidades en contar con redes 5G.
  • e, xunto con Andalucía, Galicia é unha das dúas comunidades, que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos de 5G, subvencionados por Red.es.

 

En total, impulsados polo Plan da Xunta e polo Estado, desenvolveranse 17 casos de uso en 5G en ámbitos de especial interese para Galicia como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.

13/09/201910:54
Logo Pont-Up Store.
Pontevedra

R recunca cos seus obradoiros formativos en Pont-Up Store

A operadora galega R vai ser unha das empresas colaboradoras de Pont-Up Store, a feira de emprendemento e innovación que se celebra en Pontevedra, con epicentro na praza de España, a partir do 18 de setembro. A compañía de cable, que acode ao evento co gallo de deixar constancia da súa aposta “pola cultura emprendedora en Galicia” (unha aposta da que abrollou unha aceleradora propia, DiCO Challenge), estará presente en Pontevedra coas actividades do seu programa CreaR, o seu proxecto educativo, divulgador e dinamizador para a rapazada.

Ao abeiro disto, R achegará obradoiros de stop motion nos que, xogando, as nenas e nenos participantes aprenderán as bases da que sería, en palabras da operadora, “unha das técnicas de animación máis antigas da historia do cinema”. En paralelo e simultaneamente impartiranse as charlas didácticas dirixidas á xeración que non naceu na era dixital; pais, avós, titores e educadores.

Lugar e hora

As actividades serán o sábado 21 de setembro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Rúa Maestranza, 2). Haberá un obradoiro para nenas e nenos de 7 a 9 anos (e máis charla educativa) en horario de 10.00 a 12.00 horas, e un obradoiro para a rapazada de entre 10 e 12 anos (máis charla) en horario de 12.00 a 14.00 horas. O máximo de prazas é de 30.

13/09/201908:31
Imaxe dunha pantalla mostrando sinais cerebrais dunha muller sentada ao fondo.
Málaga

Controlar a tecnoloxía co cerebro, o futuro para as persoas con discapacidade

A capacidade de detectar e interpretar as ondas cerebrais abre un campo enorme para facilitar o uso da tecnoloxía a moitas persoas con discapacidade, especialmente cunha discapacidade física, que teñan problemas de mobilidade para manexar os dispositivos.

Os beneficios e bondades desta liña de investigación e desenvolvemento son tan importantes que será o tema inaugural do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade que a Fundación ONCE celebra entre o 23 e 25 de outubro en Málaga.

Nesta conferencia inaugural, o profesor Ricardo Chavarriaga explicará como a innovación neste ámbito pode mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.

Esta tecnoloxía, denominada Brain-Computer Interface baséase na detección das ondas cerebrais para que sexan procesadas e interpretadas por unha máquina, permitindo así manexar os dispositivos co cerebro.

Sen dúbida trátase dunha das tecnoloxías máis interesantes para as persoas con discapacidade e problemas de mobilidade que teñan problemas para interactuar cos dispositivos.

12/09/201918:05
Presentación de Pont-Up Store.
Pontevedra

A nova edición de Pont-Up Store virá con máis de 60 actividades

O 18 de setembro vai comezar en Pontevedra a nova edición (a sexta) dunha das feiras de emprendemento de meirande prestixio e renome do ámbito galego e estatal, sobre todo polo que ten de diversa, vistosa, participativa e reivindicadora da aventura (non sempre reivindicada como se merece) do emprendemento e da innovación. Trátase de Pont-Up Store, que presentou hoxe nos seus detalles en Pontevedra e que se desenvolve, con epicentro na praza de España até o día 21, achegando un programa de máis de 60 actividades e visualizando os achados e propostas novas de 46 empresas. O lema: reivindicar a afouteza da xente valente que se lanza a materializar, contra vento e marea, unha idea de negocio.

Na cita de hoxe participou o profesor do Campus de Pontevedra Pedro Figueroa, director da feira, quen dixo que o obxectivo desta edición (e das que están por vir) é “facer da cidade o centro da innovación e do emprendemento de Galicia”. Asemade, puxo o foco no carácter descentralizado do evento, que, se ben ten o centro de operacións na praza de España (onde terán emprazamento de seu as case 50 empresas innovadoras que participan na feira), achegará actividades neste e noutros recantos da cidade: máis de 60 accións, coloquios, obradoiros ou presentacións, agrupados nos diferentes espazos que conforman o programa deste evento promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, co Concello como patrocinador principal. Tamén concorreron na presentación o vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, e o deputado provincial Gregorio Luís Agís, salientando que se trata dunha “iniciativa crucial no ano académico e no ano social e económico de Pontevedra”, como lembrou o vicerreitor, destacando a importancia dun evento que achega “oportunidades ás persoas que están a facer innovación e economía social, que están a crear pequenos laboratorios creativos dentro das súas empresas” e constitúe para a Universidade “unha oportunidade” para proxectarse como “parte da cidade”.

46 exemplos da “xente valente”

O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que darán a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. Así, 36 delas contarán cun espazo de balde na carpa da praza de España e algunhas delas participarán, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenderán os seus proxectos diante dos e ás responsables de catro empresas, ou ben serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto da orixe e ámbito temático dos proxectos empresariais seleccionados (elixidos de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición) veñen todos eles de diferentes recunchos da nosa xeografía e céntranse sobre todo no medio ambiente e na sustentabilidade.

Laboratorio creativo, economía social ou videoxogos

Grazas ao apoio activo de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas en diferentes bloques, por exemplo o Laboratorio Creativo, que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde está previsto celebrar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns obradoiros tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital. Outro bloque é o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría, ao que cómpre engadir o Espazo de Economía Social e Creativa ou unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por AJE Pontevedra, AEMPE e Cámara de Comercio. Como novidades desta sexta edición, figuran propostas como o Espazo de Igualdade (que inclúe, entre outras cousas, un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas) ou o Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural Lab e Vulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes.

12/09/201912:45
Logo PuntoGal.
Santiago de Compostela

A Xunta estuda novas liñas de colaboración coa asociación PuntoGal

  • A directora de Sociedade Dixital da Amtega participou hoxe no encontro dos GeoTLDs, o grupo que integra arredor de 90 rexistradores de dominios de cidades, rexións ou comunidades lingüísticas
  • A Asociación PuntoGal é a organizadora desta xuntanza, que achega, por primeira vez a Galicia, a representantes de dominios como “.berlin”, “.paris”, “.amsterdam”, “.cat” ou “.eus”, entre outros
  • A Administración autonómica apoiou a candidatura do “.gal”, institucional e financeiramente, e adoptou o dominio de maneira preferente para a súa presenza na Rede

A Xunta de Galicia analizará novas liñas de colaboración coa Asociación PuntoGal, segundo avanzou hoxe a directora da Área de Sociedade Dixital da Amtega, Rosa Méndez, na apertura do encontro dos GeoTLDs, esta mañá en Santiago de Compostela.

GeoTLDs, integra arredor de 90 rexistradores de dominios de cidades, rexións ou comunidades lingüísticas, que abordarán ata o día 13 diferentes temas de interese para o colectivo como a lexislación relativa á protección de datos, ou liñas estratéxicas de márketing.

Durante a xuntanza a directora de Sociedade Dixital recalcou o compromiso da Administración autonómica co dominio galego na rede e a intención de seguir colaborando para consolidar a presenza do “.gal” en internet. Rosa Méndez participou neste encontro, organizado pola Asociación galega PuntGal en Santiago de Compostela, e que achega, por primeira vez a Galicia, a representantes de dominios como “.berlin”, “.paris”, “.amsterdam”, “.cat” ou “.eus”, entre outros. 

Apoio da Xunta ao “.gal”

O 25 de xullo de 2014 entraron en funcionamento os primeiros dominios “.gal”, resultado dun proceso de oito anos, impulsado pola Asociación PuntoGal, que contou coa implicación de diversas institucións, entre elas a Xunta de Galicia, que apoiou a iniciativa institucional e financeiramente. A Administración autonómica foi unha das entidades pioneiras que nesa xornada activou 9 dominios “.gal” en internet.

En coherencia con esta implicación, e entendendo que o dominio .gal é unha oportunidade para o posicionamento de Galicia e da lingua galega en internet, a Administración autonómica galega tomou a decisión de adoptar de maneira preferente o dominio .gal para a súa presenza na Rede.

Logro histórico

A consecución do dominio “.gal” foi un fito histórico, froito do apoio de toda a sociedade galega. Ao obxectivo de acadar un dominio en galego se adheriron máis máis de 14.000 cidadáns, 114 institucións das máis diversas disciplinas, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS