
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O proxecto "Amuse", impulsado pola Fundación ONCE e desenvolvido por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, foi galardoado co Premio da Organización Mundial do Turismo (OMT) á innovación en organizacións non gobernamentais. Os galardóns foron entregados durante a cerimonia de clausura da Asemblea Xeral do organismo internacional que tivo lugar en San Petersburgo.
Os Premios da OMT recoñecen a contribución das institucións públicas e privadas, así como das organizacións non gobernamentais (ONG), ao desenvolvemento dun sector turístico máis competitivo, responsable e sustentable que se esforza por lograr a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable e os seus 17 ODS.
Para Jose Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, este premio supón "o apoio, a través deste proxecto, ao dereito que teñen todas as persoas con discapacidade para gozar da cultura e levar a cabo actividades de lecer como parte do turismo. Neste sentido, animamos ás administracións públicas e entidades culturais, para que impulsen a instalación deste tipo de avances tecnolóxicos que garanten a igualdade de todas as persoas."
Pola súa banda, a directora comercial de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Pilar Soret, sinalou que "este premio da OMT recoñece o valor da accesibilidade como parte integrante das solucións tecnolóxicas ao servizo do turismo, contribuíndo á normalización desta característica, tanto no ámbito do turismo en xeral como no da tecnoloxía aplicada ao turismo".
Ao seu xuízo, esta distinción supón "un recoñecemento á actividade de desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao turismo que desde hai anos leva a cabo ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade e no que a accesibilidade sempre está considerada como condición básica para garantir o seu uso por todas as persoas e asegurar a non discriminación por condicións como a idade, discapacidade ou outras".
Que é "Amuse"?
"Amuse" é un innovador sistema de guiado, baseado na tecnoloxía das balizas intelixentes "beepcons", que facilita ás persoas con discapacidade o acceso á información dos contidos dos museos.
A través de "Amuse" e alí onde estea instalado este sistema, o usuario pode elixir dúas modalidades de visita: Guiada ou libre. En cada unha delas, accederá á información sobre as obras expostas, así como a vídeos e audios explicativos.
Así mesmo, incorpora recoñecemento automático de imaxes para poder acceder á información de calquera obra con só enfocala co dispositivo móbil. Tamén inclúe o modo xogo, co cal o visitante poderá aprender aínda máis e dunha maneira diferente e divertida acerca dos traballos expostos.
Vídeos accesibles
Para as persoas con discapacidade, Amuse inclúe información sobre o tipo de accesibilidade, así como vídeos explicativos en lingua de signos e audiodescritos.
Amuse xa está instalado en Tabacalera – Promoción da arte, espazo dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no que se desenvolve un programa permanente de exposicións temporais e de actividades ao redor da fotografía, a arte contemporánea e as artes visuais.
Actualmente, esta "app" atópase dispoñible para móbiles compatibles con bluetooth de baixa enerxía ("Bluetooth Low Energy") para os sistemas operativos iOS e Android. Tamén conta cunha ferramenta en liña, que permite que o cliente actualice a través de internet os contidos e os xogos cantas veces estime oportuno e dunha forma rápida, sinxela e sen custo adicional.
A Organización Mundial do Turismo premiou a tecnoloxía de Amuse, impulsada pola Fundación ONCE e desenvolvida por Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade, que axuda ás persoas con discapacidade visual a moverse polos museos e a acceder á información dispoñible.
Amuse recibiu o premio á innovación en organizacións non gobernamentais que a OMT entregou na clausura da Asemblea Xeral deste organismo internacional celebrada en San Petersburgo.
Esta tecnoloxía está baseada nas balizas intelixentes Beepcons de Ilunion e ten como obxectivo facilitar e enriquecer as visitas de persoas con discapacidade aos museos.
Amuse é útil aos usuarios tanto a través dunha visita guiada, coma se a persoa con discapacidade se move libre polas instalacións, xa que é capaz de indicar a localización das obras e facilitar o acceso á información.
Nesta información, Amuse incorpora vídeos e audios explicativos da obra que se presenta. Uns vídeos que ofrecen a información tanto en lingua de signos como con audiodescripción para garantir a súa accesibilidade.
A Fundación ONCE abordará os beneficios que a tecnoloxía BCI (Brain-Computer Interface), baseada na interacción home-máquina, pode achegar ás persoas con discapacidade e mellorar a súa calidade de vida. Será no marco do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade que terá lugar en Málaga do 23 ao 25 de outubro.
Ricardo Chavarriaga, profesor e principal investigador da Ecole Polytechnique Fédérale de Lausana, en Suíza, será o encargado de impartir a conferencia inaugural. Disertará sobre a Interacción Cerebro-Computador (Brain Computer Interaction en inglés), unha tecnoloxía que se basea na adquisición de ondas cerebrais para daquela ser procesadas e interpretadas por unha máquina ou computador.
Os beneficios desta tecnoloxía para todas as persoas e como as innovacións neste ámbito poden mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, serán o tema central da súa intervención.
Congreso Tecnoloxía e Turismo
Por segundo ano consecutivo, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña. Nesta terceira edición mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.
O Congreso estará aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo.
Expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de toda índole no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.
O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. "As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen, son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global".
Máis información sobre TTD-Congress 2019.
Ricardo Chavarriaga
Enxeñeiro en Electrónica da Pontificia Universidade Javeriana en Cali, Colombia. É un apaixonado por temas de innovación responsable e o efecto da tecnoloxía na sociedade. Ten máis de 12 anos de experiencia en interfaces cerebrais, neurociencia computacional e intelixencia artificial. O seu traballo enfócase no desenvolvemento de neurotecnoloxías que promoven unha relación simbiótica entre humanos e dispositivos artificiais. Para iso, baséase no estudo dos procesos cognitivos, o desenvolvemento de sistemas artificiais que se adaptan ás capacidades e preferencias dos seus usuarios, así como o uso de técnicas de deseño centrado no usuario.
A Feira Internacional de Galicia Abanca acollerá do 11 ao 13 de outubro a décimo novena edición do histórico encontro informático xuvenil XGN R Encounter, que chega á súa terceira convocatoria con patrocinio e colaboración de R (19 edicións en total). A cita, que tamén contará co apoio da Consellería de Política Social, abriu o seu prazo de pre-inscrición este 10 de setembro.
Pola súa banda, o prazo de reservas comezará ás 10.00 h do martes 17 de setembro. Segundo informan as entidades organizadoras, “será daquela cando os rexistrados poderán tamén seleccionar os seus postos, o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party”. O prezo de participación con reserva será de 35 euros e poderase realizar a través da web, mentres que o custo na billeteira será de 40 euros.
Nesta edición a macro-quedada volve contar coas súas tres zonas: a Intranet, na que os inscritos poderán gozar dun posto con conexión á rede que lles permitirá navegar a 10 Gbps de velocidade e terán dereito tanto a acampar no interior do pavillón como a participar en torneos exclusivos; a Extranet, cun completo programa de actividades tanto para rexistrados como para visitantes, e a súa Zona Expositiva, con presenza de empresas relacionadas co material informático, novas tecnoloxías e lecer electrónico.
A cita abrirá as súas portas de xeito non oficial o día 10 pola tarde. A apertura “oficial” será o día seguinte. Haberá melloras e novidades, co obxectivo de situar o encontro entre os máis importantes de España: na cabeza da clasificación das partys estatais. Segundo informa R, para tal fin “serán determinantes” os vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.
A última edición da cita galega, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo “un gran paso nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa convocatoria anterior e que en 2018 destacou pola notable cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede”, sinalan as entidades organizadoras, que salientan tamén o alto número de inscritos na dita convocatoria, que ascendeu a preto de 900 (fronte aos 800 da cita anterior).
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.
Durante o acto esta mañá de presentación do Piloto 5G, déronse a coñecer os 8 novos proxectos que terán efectos en ámbitos tan relevantes como a asistencia técnica remota ás máquinas do sector naval ou a exploración e diagnóstico oftalmolóxico, e que se suman ás outras 9 iniciativas nas que xa están a traballar os principais operadores adheridos ao Nodo 5G do plan da Xunta.
“En total desenvolveranse 17 proxectos en Galicia de uso en ámbitos de especial interese para a nosa comunidade”, abundou, incidindo en que, despois de que en xuño, Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades en contar con redes 5G de España, Galicia é hoxe, xunto con Andalucía, unha das dúas comunidades que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos 5G subvencionados por Red.es.
“Todas estas decisións que implican a operadores e administracións públicas non son fortuítas, senón que responden ao interese de Galicia e as súas administracións por esta nova tecnoloxía e ao traballo desenvolvido para situarnos como territorio preferente para acollela”, afirmou, facendo fincapé en que non é casual que a comunidade fose a única que presentou a esta convocatoria candidaturas dos tres principais operadores, sendo a de Telefónica a finalmente seleccionada.
Conscientes de que tecnoloxías emerxentes como o 5G permitirán desenvolver novos modelos de negocio e consolidar a especialización tecnolóxica da Comunidade, Feijóo incidiu en que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións europeas en dispor dos servicios avanzados do 5G, que permitirán mellorar aspectos como a calidade dos servizos públicos, incrementar a competitividade das empresas e favorecer o desenvolvemento de cidades intelixentes e vehículos conectados.
Con este obxectivo, subliñou que Galicia foi a primeira comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión desta tecnoloxía: o Plan Galicia 5G. Unha folla de ruta que traballa xa para facilitar aos municipios un modelo de ordenanza tipo que axilice os despregues e, posteriormente, elaborar un catálogo de solucións técnicas para a extensión do 5G en núcleos históricos e contornas protexidas.
Así mesmo, e para consolidar o ecosistema 5G galego, Feijóo confirmou que esta mesma semana empeza o primeiro curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial.
Feijóo concluíu lembrando que a aposta da Administración autonómica polas infraestruturas capaces de mellorar a nosa conectividade, fai posible que Galicia sexa a terceira comunidade con mellor cobertura 4G; e que o 98% da poboación teña acceso a internet a través de redes fixas e sen fíos.