
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Eye-D é unha aplicación moi completa que ofrece diferente tecnoloxía moi interesante para persoas con discapacidade visual, como un lector de textos (OCR), un identificador de imaxes ou un localizador GPS para axudar a situarnos, todo reunido nunha aplicación moi accesible.
Sen dúbida Eye-D é unha aplicación interesante mesmo na súa versión gratuíta, xa que a maioría das persoas con perda de visión atoparán ferramentas que lle sexan útiles. Con todo, tamén ten puntos de mellora.
Así o mostra en exhaustiva análise que como sempre realizaron os nosos compañeiros de Orientatech, que destaca a utilidade de moitas destas ferramentas pero tamén algúns aspectos negativos.
Por exemplo, lamentan que a versión iOS só estea en inglés, que a identificación de texto poida ser mellorable, sobre todo en Apple, e que nas imaxes non se ofreza unha descrición do que capta a cámara.
No caso da identificación de texto, a análise de Orientatech sinala que os resultados foron mellores en Android, aínda que admiten que iso pode depender tamén da cámara do terminal, e engaden que debería de ter algún sistema para indicar ao usuario se está a captar ben todo o texto, xa que os seus principais usuarios son persoas con discapacidade visual.
Para coñecer todo sobre esta tecnoloxía, o mellor é que vos leades a análise de Orientatech nesta ligazón.
A empresa tecnolóxico-dixital Coremain, con sede principal en Compostela (no Polígono de Costa Vella) vén de obter un máis que relevante recoñecemento polos seus esforzos en materia de fendas sociais e laborais. Máis en detalle, foi elixida polos responsábeis do Informe Ardán, edición 2019, como a empresa co índice de igualdade de xénero máis alto de toda Galicia. A investigación (un máis que referencial xeito de tomar o pulo ao noso tecido produtivo, salientando os seus puntos máis innovadores, referenciais e competitivos) foi elaboradora, novamente, polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, en colaboración coa Universidade.
Segundo informa Coremain, o dito recoñecemento conseguiuse “grazas ao plan de igualdade transversal que vimos desenvolvendo de maneira colaborativa e para o que creamos unha Comisión de Igualdade encargada de avaliar e realizar o seguimento das diferentes medidas postas en marcha”. A día de hoxe, Coremain está integrada por 403 persoas, das que o 37% son mulleres, sendo no 63% dos casos contratacións de carácter indefinido. Ademais, o 46% dos postos de responsabilidade son ocupados por mulleres. A empresa TIC tamén lembra que se trata do segundo ano que Ardán incorpora este indicador no seu informe, para o que se analizaron 393 empresas do ámbito galego con valoracións de entre 0 e 1.000 puntos. Para dar forma á resolución deste parámetro, avaliáronse indicadores na igualdade por funcións, retribucións e actuacións, como a calidade da contratación, o treito salarial, o tipo de xornada, a posición xerárquica e outras medidas como a formación, promoción ou conciliación laboral. A partir da devandita análise, déuselle forma a un ranking coas 22 empresas que sobranceaban por acadar un nivel de igualdade laboral “moi superior á media, con máis de 800 puntos acumulados”. A firma TIC de Compostela, Coremain, resultou ser a compañía con mellor puntuación.
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, xunto coa directora da Amtega, Mar Pereira, participou esta mañá na xornada formativa que congrega a uns 400 coordinadores deste proxecto de educación dixital co fin de abordar e coñecer as novidades para este curso, que teñen que ver cos novos contidos dixitais e melloras no Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA), entre outros.
Na súa intervención, Carmen Pomar defendeu que o proxecto E-Dixgal posto en marcha polo Goberno galego é unha ferramenta fundamental no desenvolvemento do potencial do alumnado na medida en que lles vai permitir unha aprendizaxe “responsable e intelixente” das tecnoloxías, á vez que actúa como instrumento “de equidade” entre o rural e o urbano.
“Non imos ensinarlles ás nosas rapazas e rapaces como manexar as novas tecnoloxías, porque son nativos dixitais, pero si lles temos que ensinar como usalas de xeito apropiado, para que poidan facelo con seguridade e, ao tempo, tirarlles todo o partido no eido formativo”, abondou a conselleira, quen subliñou que o E-Dixgal “non pon o foco na tecnoloxía en si mesma, senón no seu uso no proceso de ensino-aprendizaxe”.
Pomar agradeceu o esforzo formativo do profesorado e o seu compromiso pola innovación educativa que, xunto coas liñas de impulso da Xunta, fan de Galicia unha das comunidades máis avanzadas de España na aposta global polo uso da tecnoloxía nas aulas.
Pola súa banda a directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que “a transformación dixital das aulas é un proceso vivo e en constante evolución” e destacou as últimas novidades da iniciativa como a incorporación de novos provedores de contidos curriculares, aos que se suman, por unha banda, os novos contidos SmartClasroom, que permiten aos docentes crear contidos personalizados e adaptados ás necesidades do alumnado; e, por outra banda, a Iniciativa DIXIT, na que a colaboración de empresas tecnolóxicas e docentes posibilita a creación de contidos educativos innovavores.
A directora da Amtega destacou tamén a boa resposta do Servizo de Atención Premium para familias, alumnado e docentes, que entrou en funcionamento o curso pasado con atención remota as 24horas, presencial en máis de 60 puntos de atención e, incluso no domicilio. Mar Pereira agradeceu o labor e o esforzo dos docentes e recalcou “a nosa disposición para continuar avanzando e colaborar con vós”.
80 novos centros E-Dixgal neste curso
Neste novo curso que comeza o mércores, o proxecto E-Dixgal chega a 347 centros escolares (80 deles que se incorporan por primeira vez este ano) e 27.000 alumnas e alumnos.
Cómpre lembrar que a iniciativa -que naceu con carácter experimental no curso 2014/15 con 84 centros e 2.300 alumnos- vai dirixida aos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas (con EDI, proxector, equipo no posto do docente e conexión á rede de datos do centro).
Os centros de primaria incorporados ao E-Dixgal deben impartir a totalidade das materias en modalidade dixital; mentres que os de secundaria o fan en, polo menos, 6 materias. Ademais, todos os adscritos a este proxecto contan coa conexión á rede axeitada e os medios tecnolóxicos necesarios na aula, así como para o profesorado e alumnado; e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Consellería. Así mesmo, terán acceso aos máis de 3.300 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar.
Canto ao profesorado dos centros educativos que acceden a E-Dixgal no curso 2019/20, reciben unha formación específica no propio centro que se articula a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado, para o que recibirán o asesoramento da Rede de Formación do Profesorado. Ademais, realízase formación específica nos Centros de Formación e Recursos (CFR) e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) específica para o profesorado participante e coordinador no programa E-Dixgal, como é o caso da xornada de hoxe.
O 30 de setembro péchase o prazo para que os centros educativos poidan adherirse ao Programa “DigiCraft no teu cole”, promovido pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Ata 50 centros escolares poderán beneficiarse desta iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Galicia é a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone España pon en marcha “DigiCraft no teu cole”, que terá unha duración de dous anos e enmárcase no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia ‘DigiTalent’ impulsado pola Amtega.
Os centros que se adhiran a DigiCraft terán acceso a formación para que os profesores poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos, que permitirán aos docentes e alumnado desenvolver as actividades establecidas.
O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específico baseado no xogo e a experimentación, deseñada pola Universidade de Salamanca para a Fundación Vodafone España para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.
Plan Digitalent
“DigiCraft no teu cole” é unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. O Plan, que se puxo en marcha este curso está a desenvolver 15 iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital
Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, impartirá un Obradoiro de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos no Concello de Santiago de Compostela. Mediante esta iniciativa a Xunta investirá na provincia da Coruña 1,4 millóns de euros para formar a 135 alumnos-traballadores de 23 concellos en 9 talleres de formación e emprego.
Concretamente, na cidade de Santiago este curso de formación e emprego permitirá que 16 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. A duración deste obradoiro será de 6 meses.
Este taller de formación constará da especialidade de Desenvolvemento de Aplicacións con Tecnoloxía Web. A parte práctica consistirá na análise, deseño e construción dun portal temático da sustentabilidade e participación cidadá.
Ademais deste curso na cidade, na comarca de Santiago terán lugar dous obradoiros de garantía xuvenil organizados pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos de Rois agrupado con Padrón e Dodro e de Val do Dubra agrupado con A Baña, Santa Comba e Negreira. O obradoiro de Rois se centrará na especialidade de Confección e Publicación de Páxinas Web e contará cun investimento da Xunta de 112.000 euros. O obradoiro de Val do Dubra constará das especialidades de Agricultura Ecolóxica e Animación Físico-Deportiva e Recreativa cun investimento de 180.000 euros.
Cando se abra o proceso de selección para o próximo ano realizarase a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.