
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Cristóbal Cuenca Almenar, experto en Intelixencia Artificial e doutor en Física de Partículas pola Universidade de Valencia, estará este venres 20 de setembro en Ferrol, ao abeiro do ciclo Café con Ciencia, para falar da súa experiencia investigadora en sistemas intelixentes e no desenvolvemento de aplicacións fintech innovadoras, rendibles e centradas nas persoas, no ben social e na sustentabilidade. A cita, que vén da man da empresa Ártabro Tech e a Universidade da Coruña, celebrarase no salón do primeiro andar do Casino Ferrolán, ás 19.30 horas.
Segundo nos lembran Ártabro Tech e a UDC, Cristóbal Cuenca conta cunha longa carreira como investigador en España e no estranxeiro. Amais, ao abeiro da startup Clarity AI, na que traballa, desenvolveu unha ferramenta para orientar os investimentos financeiros non só polo seu rendemento económico, senón tamén polo social e ambiental. O seu relatorio convócase baixo o seguinte epígrafe: Ciencia de datos para investir nun mundo mellor.
En palabras de Ártabro Tech, a empresa de Cristóbal Cuenca é un exemplo de como a tecnoloxía pode enfocarse a mellorar o mundo. A súa creadora, Rebeca Minguela (incluída na lista dos 100 emprendedores de menos de 40 anos máis influentes do Foro Económico Mundial) lanzou Clarity AI co convencemento de “que a tecnoloxía pode ser unha ferramenta para combater a desigualdade”. A startup desenvolveu un software que determina, a través da análise dunha enorme cantidade de datos, cal é o impacto ético, social e ambiental dos investimentos, é dicir, busca o mellor lugar para poñer o diñeiro, pensando no ben dos petos propios pero tamén nos petos alleos, no desenvolvemento integral e no beneficio da contorna natural.
Cristóbal Cuenca desenvolveu a súa actividade científica no laboratorio Fermilab, en Chicago, onde realizou a súa tese doutoral, e no CERN como investigador postdoutoural en proxectos para a Universidade Irvine e a Universidade de Yale. Cursou un MBA no IE Business School en Madrid e traballou no eido da Ciencia de Datos en diferentes empresas.
A Concellería de Xuventude de Vilagarcía vai impulsar o mes que vén un curso de balde sobre Deseño Prototipado por Impresión 3D. A actividade formativa, cuxo prazo de inscrición foi ampliado (aínda estamos a tempo para formalizar a nosa participación), desenvolverase entre o primeiro de outubro e o 2 de decembro no Centro Municipal de Formación de Matosinhos (Vilagarcía). O obradoiro está dirixido á mocidade de 16 a 30 anos e ofértase a través do proxecto Millennials da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é mellorar a empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral da mocidade. Os interesados poden anotarse a través da páxina web deste proxecto.
Poderán concorrer até un máximo de dezaoito mozas e mozos en desemprego de idades entre os 16 e os 30 anos. O curso, subvencionado polo Fondo Social Europeo, é unha actividade de gran potencial e interese para fortalecer as opcións dos alumnos de atoparen un traballo, xa que a experiencia en impresión 3D e en moitas das tecnoloxías que rodean esta contorna creativa están a ser requiridas por unha chea de empresas e entidades no mercado laboral. O curso ten unha duración de 316 horas, das cales 200 son horas lectivas, 16 horas de titorías técnicas e de empregabilidade, e 100 horas de carga estimada de traballo do alumnado en proxectos individualizados. A formación será impartida por profesionais/formadores coñecedores do sector e que dispoñen de contactos continuos con empresas do sector e que colaborarán na inserción laboral dos alumnos. Polo que se refire aos contidos, estes son os bloques principais: Módulo de deseño industrial CAD, Módulo de mecanizado CNC, Módulo de impresión 3D e Empregabilidade.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de convocar a selección de 30 novos centros docentes públicos para sumarse ao programa de innovación educativa Club de Ciencia durante o curso 2019/20. Os 91 centros que participaron no curso 2018/19 verán tamén prorrogada a súa continuidade neste programa.
Así mesmo a Consellería vén de convocar a terceira edición dos premios Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado nos centros cos materiais e a formación recibida nestes ámbitos.
Club de Ciencia
O obxectivo do Club de Ciencia – que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020– é estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.
Para iso, funciona como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que podan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. Un dos docentes actuará como coordinador do club.
Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica de 1.250 €. O importe máximo da convocatoria, que conta tamén con orzamento para a continuidade dos centros implicados no curso que acaba de rematar, ascende a 151.250 €.
As actividades vencelladas a este programa desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente, cun mínimo de catro horas ao mes.
Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que impartan ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato. A solicitude e documentación débese presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, remitirase ao correo electrónico clubdeciencia@edu.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 30 de setembro de 2019.
Este é o cuarto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que naceu como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros e que se ampliou a 29 centros no 2017/18 e a 91 centros de ensino público no 2018/19.
Desafíos STEM
Os proxectos que se presenten aos premios Desafíos STEM deberán estar elaborados enteiramente polo alumnado coa dotación que a Consellería realizou aos centros públicos de ensino non universitario dende o curso 2016/17, tales como equipamento de robótica educativa, placas de Comunicación e Programación e equipo de Impresión 3D.
Para empregalos, o alumnado conta cos coñecementos específicos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) presentes nas aulas galegas a través das distintas materias troncais, específicas e máis concretamente nas materias de libre configuración autonómica de Programación para a educación secundaria obrigatoria e Robótica para bacharelato.
Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos de ensino non universitario que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou bacharelato. Cada centro presentará ata un máximo de 6 equipos, configurados por un mínimo de 3 alumnos e un máximo de 6. O anexo de solicitude e a documentación de cada proxecto STEM remitirase ao correo electrónico desafiostem@edu.xunta.gal, antes do 30 de setembro de 2019.
O curso pasado participaron nesta convocatoria, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, un total de 11 centros educativos.
Categorías e Desafíos
A convocatoria establece dúas categorías. A primeira delas, STEM iniciación, para proxectos sinxelos realizados por alumnado de iniciación, vai dirixida ao alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO, FP Básica ou Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR). A segunda, STEM afondamento, para proxectos máis complexos, será para o alumnado de 4º ESO, 1º ou 2º bacharelato.
En cada categoría, cada proxecto poderá presentarse ao Desafío Robots, ao Desafío Programación ou ao Desafío Impresión 3D. Cada proxecto debe presentarse a unha única categoría e un, varios ou todos os desafíos que se propoñen.
O Desafío Robots consistirá nun proxecto no que, nun escenario, un ou varios robots realizan determinadas accións ou tarefas encamiñadas a dar solución a unha situación que teña aplicación na realidade da vida diaria, da industria etc; mentres que a Programación será arredor dun proxecto tecnolóxico que dea solución a unha necesidade concreta onde se utilicen linguaxes de programación.
Pola súa banda en Desafío Impresión 3D presentaranse proxectos tecnolóxicos onde se utilice unha impresora 3D para o deseño e construción de todas ou parte das pezas da maqueta.
Haberá 6 premios, un por cada desafío e categoría de 2.000 euros cada un para o centro docente do equipo gañador. Ademais, a persoa titora de cada equipo gañador recibirá da consellería unha certificación como 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.
A semana pasada falabamos do novo smartphone 8080 de Doro, no que a compañía daba un salto de deseño e potencia. Con todo, Doro non esqueceu que moitas das persoas maiores prefiren móbiles "tradicionais", máis sinxelos, e por iso renovou tamén o seu catálogo de teléfonos funcionais.
Non todas as persoas, especialmente moitas persoas maiores pero tamén persoas con certo tipo de discapacidade, se senten cómodas utilizando un smartphone, tanto pola súa complexidade como polo uso da pantalla táctil.
Por esta razón, Doro, a compañía especializada en teléfonos e dispositivos fáciles de usar pensados para persoas maiores, decidiu renovar esta gama de teléfonos chamados funcionais, nos que prima facilitar a utilización das funcións básicas do terminal.
Así, aproveitando a feira IFA de Berlín, a compañía presentou catro teléfonos incluídos nesta gama: os modelos Doro 6060, 7030, 6620 e 7010.
Os catro dispositivos manteñen a parte nuclear da compañía, é dicir, teléfonos fáciles de usar que incorporan servizos de seguridade e que utilizan unha interface sinxela. Así, os catro modelos incorporan botón de asistencia, GPS e son compatibles con audífonos.
O seu deseño tamén é fundamental, con botóns separados e cunha forma ergonómica para facilitar o agarre.
O Doro 6060 é un teléfono plegable, mentres que o 6620 ten unha pantalla grande e clara para facilitar ver imaxes e texto dunha forma máis grande.
Pola súa banda, os modelos 7010 e 7030 están pensados para utilizar as redes 4G LTE e incorporan unha cámara coa que os usuarios poderán compartir vídeos e fotografías de forma fácil e rápida a través de WhatsApp ou Facebook.
A Cidade da Cultura acolle o vindeiro día 18 de setembro a Xornada “Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso”, na que se darán a coñecer os 17 pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados nesta tecnoloxía. O encontro, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal, afondará nas vantaxes desta tecnoloxía para cuxo despregamento a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso.
O encontro arrancará coa sinatura dun convenio para formalizar a adhesión do Observatorio Nacional do 5G ao Nodo Galego 5G, un punto de encontro para consolidar un ecosistema galego do 5G do que xa forman parte os tres principais operadores, e a Universidade de Vigo. A asistencia é de balde e pode realizarse a través da conta de correo, casosdeuso5G@retegal.gal.
Tras a apertura, que correrá a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira, e o CEO da Mobile World Capital Barcelona Foundation (MWCapital), o responsable do Observatorio Nacional do 5G, Federico Ruiz, exporá a situación do 5G en España, o caso galego e o labor do Observatorio. A continuación, será a quenda dos operadores: Telefónica, Vodafone e Orange abordarán o seu papel na posta en marcha dos pilotos 5G e os retos e vantaxes que suporá esta tecnoloxía.
A segunda parte da xornada centrarase na visión dos responsables de empresas e sectores nos que se aplicarán estes casos de uso. Responsables do CTAG, AXEGA, Portos, universidades, Sergas ou CRTVG, entre outros, exporán as vantaxes dos pilotos 5G na industria, na automoción, na sanidade, na cultura ou o turismo.
Preto dunha vintena de casos de uso 5G en Galicia
A Amtega puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.
Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica, no que se recolle o compromiso dos tres operadores. No marco deste Nodo os operadores comprometéronse a realizar 9 de casos de uso 5G en diferentes ámbitos esenciais para Galicia. A estas iniciativas súmanse outras 8 que realizará Telefónica no marco dun proxecto subvencionado por Red.es. En total 17 casos de uso 5G en Galicia.
Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación e onte comezaba o primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.
O programa formativo ofrece a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G.