
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O proxecto Youtubeir@s, destinado a converter YouTube e outras redes sociais en fervedoiros de creatividade audiovisual en galego, afronta este mes de setembro a recta final da súa terceira edición. Segundo informa a organización (unha nutrida fronte común de entidades galegas formado polos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña), o día 27 deste mes remata o prazo para inscribirnos nos premios coas nosas contribucións, que este ano repartirán 6.500 euros nas diferentes categorías do certame.
Amais, o 3 de outubro celébrase en Santiago o acto Lista de reprodución ao vivo, unha oportunidade para ver as facianas e escoitar os puntos de vista das creadoras e dos creadores que conforman a comunidade youtubeira, cada día maior e con mellores altofalantes.
A organización colectiva do concurso tamén informa que o certame Youtubeir@s foi recoñecido co galardón Mil Primaveras, concedido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, na categoría de proxecto máis innovador. Por certo que estes premios entregaranse oficialmente este sábado ás 11.30 h. nun acto que acollerá a Sala de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Lista de reprodución ao vivo
Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seareir@s, a Lista de reprodución ao vivo emula, segundo os impulsores do proxecto, “ás bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas”, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal. O prazo remata o 30 de setembro. A cita será o 3 de outubro entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, a gran liña de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en YouTube en galego. A organización lembra que “cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición”. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Amais destas catro modalidades, entregaranse distincións á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, recoñecementos decididos todos por un xurado “de recoñecido prestixio” que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6.500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar en www.youtubeiras.gal.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organiza este mes de setembro, os días 25 e 26, unhas xornadas directamente encamiñadas a facer un repaso das tecnoloxías que están a marcar un antes e un despois na liña de evolución científica, empresarial, social, comercial ou cultural. Ou sexa, un repaso por algúns dos principais recursos que cambiaron o rumbo da historia recente. O Ciclo Avances en Ciencia e Tecnoloxía: TIC disruptivas, que chega á súa edición 22, celebrarase no salón de actos da sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), no 54 da rúa do Vilar en Santiago.
As xornadas, que se levan a cabo en horario de tarde (a partir das 16.30 horas), teñen amais o obxectivo de “debater a situación actual de Galicia no que se refire á formación de profesionais nestas tecnoloxías, así como os atrancos cos que se vai atopar o noso tecido produtivo para a súa implantación”. Na cita participarán investigadoras e investigadores galegos de primeira liña, como por exemplo Richard Duro, do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), que presentará o seu relatorio Robots Cognitivos; Marcos Curty, profesor titular da Universidade de Vigo, que falará da Segunda revolución cuántica, da computación á criptografía; ou Susana Reboreda Morillo, profesora e investigadora da UVigo, quen abordará a cuestión de As Humanidades Dixitais. O coordinador do ciclo é José Juan Pazos Arias, académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias.
O ciclo de conferencias, apoiado pola CEG e a Deputación da Coruña (patrocinio), está destinado, en palabras da RAGC, a “un público diverso, ben sexan estudantes de grao e doutorado ou investigadores e profesionais de empresas e administracións públicas”. A inscrición, que é de balde, pódese facer na ligazón específica habilitada.
Un total de 90 axentes do sector agrogandeiro participaron hoxe en Forcarei na primeira xornada “Primare Demo-Days”, na que se abordaron as oportunidades e os retos do proxecto piloto de innovación ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ da Xunta para automatizar os controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC).
O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, que avanzaron que a iniciativa pilotarase, inicialmente, nunhas 3.000 parcelas do territorio galego, para comprobar a súa viabilidade técnica, económica e fiabilidade.
A plataforma Primare
Representantes da Administración autonómica e das empresas adxudicatarias da iniciativa explicaron en detalle o funcionamento da plataforma Primare, que integra tres tipos de solucións:
A directora da Amtega lembrou que Primare é o primeiro proxecto de Compra Pública Innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario a nivel estatal e recalcou que a implantación de adquisición de solucións dixitais innovadoras proporcionará un impulso esencial para un sector primario intelixente e sostible.
Mar Pereira indicou que, ademais da automatización das inspeccións, Primare ofrecerá outros servizos de valor engadido para os agricultores como unha aplicación móbil para capturar e enviar imaxes xeorreferenciadas como probas adicionais aos controis da PAC e unha aplicación web para xestionar o caderno de explotación, que permita mellorar a toma de decisións no futuro.
Neste senso, o director xeral de Gandaría destacou que a tecnoloxía desenvolvida dentro do programa Primare podería ter evidentes aplicacións prácticas para os empresarios agrarios como, por exemplo, obter datos case instantáneos da humidade ou da altura dos cultivos poden axudar na xestión máis eficiente da auga e dos fertilizantes, na loita contra pragas e enfermidades, na valoración dos datos da fauna silvestre, entre outras posibilidades.
Así, José Balseiros insistiu en que “cómpre apostar por ferramentas como as deste programa para axudar na evolución tecnolóxica e dixital do noso agro”, sinalando que o sector agrario galego segue evolucionando cara explotacións máis grandes e extensivas, nas que o manexo do territorio exixe cada vez máis tempo, atención e precisión.
Nova xornada en outubro
O de hoxe é o primeiro dos dous encontros previstos para dar a coñecer a responsables de explotacións agrarias, en especial dos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC), o potencial do uso de medios tecnolóxicos para aumentar a eficiencia e reducir a complexidade da realización dos controis asociados ás axudas da PAC.
No mes de outubro está prevista unha segunda convocatoria da xornada que terá lugar no concello de Meira (Lugo). A asistencia a calquera das xornadas é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/
Proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas
O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro e, en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados e outros sistemas tecnolóxicos).
Primare conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative“.
Estes 21 e 22 de setembro vaise falar no Campus de Pontevedra como acubillos web accesibles e dispoñibles para todo o mundo: de información universal e internautas universais e de como tirar abaixo atrancos entre uns e outros coa axuda do xestor WordPress. Todo isto vén a conto porque a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vai acoller nas devanditas xornadas a segunda edición da WordCamp Pontevedra, no que van participar arredor de trinta expertas e expertos en diferentes aspectos vinculados co desenvolvemento web. En total, haberá 28 coloquios. O evento (o único WordCamp da nosa terra) porá o foco no WordPress e nas súas posibilidades.
Organizado por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra, co apoio da organización internacional WordPress Foundation, o foro ampliou este ano a súa capacidade aos 275 asistentes. Así mesmo, ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a WordPress Foundation, resérvanse 55 entradas a un prezo reducido de 10 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria. A WordCamp verase precedida, na xornada do venres 20, polo coloquio Emprende con WordPress, inserido na programación do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento que a Universidade promove, no marco do Campus Crea, entre o 19 e o 21 de setembro.
Xa o sábado, CCSS e da Comunicación acollerá ao longo da xornada unha serie de coloquios que, como explica Juan Hernando, presidente da comunidade WordPress Pontevedra, permitirán afondar de cheo neste xestor de contidos “tanto desde o prisma do usuario como do desenvolvemento”. Ao abeiro do congreso combinaranse unha serie de relatorios de 25 minutos cun bloque de charlas rápidas de 10 minutos, tanto de iniciación como de nivel medio e avanzado. Nos coloquios tocaranse temas como a mercadotecnia en liña, a visualización en buscadores, a Internet das Cousas (IoT), a elaboración de blogs e podcasts, o comercio electrónico ou aspectos de deseño e lexislación.
Un total de 16 expertos e 14 expertas, profesionais especializados, foron seleccionados para dar forma ao programa deste evento. Entre eles figuran, entre outros, Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre WordPress máis visitado, e Ana Cirujano, únicos representantes españois na WordCamp Europe 2019, que o pasado mes de xuño reuniu máis de 3.000 persoas en Berlín. Un dos seus organizadores, José Ramón Padrón, participará no evento de Pontevedra, ao igual que o profesor da facultade Xabier Martínez Rolán. O domingo 23 o evento completarase coa celebración do Día do Contribuídor, no que as e os participantes aprenderán a colaborar co proxecto de WordPress en labores de tradución, soporte, deseño, mercadotecnia ou desenvolvemento.
O Concello de Santiago vai organizar, cunha subvención autonómica de 180.000 euros, un novo obradoiro de emprego TIC para favorecer a empregabilidade e a formación avanzada da xuventude local. En total, beneficiaranse dezaseis alumnas e alumnos en situación de busca de traballo. A actividade adestrará aos participantes en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web. O obradoiro Santiago Sustentable ten, tamén, o obxectivo de deseñar e construír un portal temático sobre eficiencia na xestión de recursos, coidado do medio ambiente, xestión smart e participación cidadá.
A información sobre a actividade xa está publicada na web da Axencia Local de Colocación. Segundo se fai saber na páxina, o obradoiro é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas polo vieiro das TIC, co-financiando pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello. O programa de adestramento terá unha duración de medio ano. Implicará a contratación das alumnas e alumnos como traballadoras/es.