
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de pór en marcha un programa formativo de empoderamento tecnolóxico-financeiro para as mulleres do noso rural, e faino en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade. Os obradoiros impartiranse en oito concellos galegos (Moaña, A Estrada, Ordes, Boiro, Monforte de Lemos, Monterroso, O Carballiño e o Barco de Valdeorras) entre finais do mes de setembro e mediados de novembro. Nos cursos introducirase ás asistentes en cuestións como os usos e posibilidades da banca electrónica ou o ecommerce. A idea é achegar formación axeitada para compensar a progresiva desaparición da banca tradicional.
En palabras da UCGAL, a Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica constitúe un xeito de “combater a fenda dixital”, fomentar a capacitación financeira e a autonomía económica “nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe de maneira progresiva e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día”.
Entre os obxectivos destes obradoiros está o seguinte: que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e, a maiores, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos. UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca tamén “facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a Sociedade da Información”. Na actividade, achegando recursos prácticos e coñecemento, participarán un completo equipo de instrutoras e instrutores con experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo. As actividades levaranse a cabo nas aulas CeMIT dos devanditos concellos e a súa duración será de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. O número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 ou enviando un correo electrónico a prensa@consumidores.gal.
O obradoiro de Moaña levarase a cabo o 24, 25 e 30 de setembro e o 1 de outubro, en horario de 18.00 a 20.00 horas. O da Estrada será o día 30 de setembro e o 2, 7 e 9 de outubro en horario de 10.30 a 12.30 horas. O obradoiro de Ordes é de 17.00 a 19.00 horas, os días 1, 3, 15 e 17 de outubro. O de Monforte celebrarase en horario de 17.00 a 19.00 horas, os días 7, 9, 14 e 16 de outubro. O curso do Barco de Valdeorras desenvolverase de 17.00 a 19.00 horas, os días 18, 21, 25 e 28 de outubro. O do Carballiño é os días 18, 21, 25 e 28 do mesmo mes, en horario de 16.30 a 18.30 horas. O de Boiro desenvolverase en horario de 17.30 a 19.30 horas, o 23, 24, 30 e 31 de outubro. O de Monterroso celebrase xa en novembro, os días 5, 6, 12 e 13 dese mes, en horario de 16.00 a 18.00 horas.
Baixo o título de Outono Dixital, a aula CeMIT de Ribeira acollerá durante os meses de outubro e novembro novos cursos co obxectivo de introducir á veciñanza nos distintos eidos das novas tecnoloxías. A encargada de detallar a programación foi a concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do axente TIC Manuel Bello. En total, son sete as accións formativas ofertadas a persoas maiores de 18 anos e de distintos tipos de perfís.
Existe un límite de prazas establecido en 12 para cada unha das accións formativas e as inscricións poden formalizarse tanto na páxina web, coma nas propias instalacións da aula, situada debaixo da escola infantil municipal, na rúa Cubeliños 1 e no teléfono 981876043.
Tamén se manifestou a intención de abrir un grupo de WhatsApp co obxectivo de informar das convocatorias para o 2020. Así mesmo, Ana Barreiro anunciou que se celebrarán cursos de balde en tódalas parroquias que o requiran, sempre que a demanda sexa dun mínimo de 5 veciños, con posibilidade de consensuar os contidos.
O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón vén de abrir as inscricións para o curso Formadas no Dixital: Aumenta as oportunidades laborais. Esta acción formativa de empoderamento tecnolóxico ten como principal obxectivo, segundo concretan dende o CIM, “ofrecer ás mulleres formación en novas tecnoloxías orientadas á busca de emprego e potenciar as habilidades dixitais que permitan un desenvolvemento e capacitación dixital óptima”.
As inscricións deberanse formalizar no CIM de Boqueixón enviando un correo electrónico a cim@boqueixon.com ou chamando ao teléfono 981 513 061. A ficha de inscrición pódese descargar na web municipal www.boqueixon.com.
As clases darán comezo o vindeiro 8 de outubro na Aula de Informática do Centro Sociocultural Camilo José Cela de Lestedo (enriba das instalacións da Escola Infantil Municipal Raíña Lupa). As sesións desenvolveranse todos os martes e mércores do vindeiro mes en horario de 17.00 a 19.00 horas. Dende o CIM animan ás veciñas a participaren nesta acción formativa. O curso conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.
O Concello de Ponteareas organiza esta tempada un completo programa de actividades formativas innovadoras, destinadas todas elas a mellorar a empregabilidade e os currículos da veciñanza. Neste feixe de obradoiros sitúase Crea o teu futuro, mocidade creativa e marca persoal, que comeza este venres 20, que aínda ten prazas libres e que se dirixe a achegar á xuventude metodoloxías para darse impulso no mercado laboral. Amais, haberá seis novos cursos na aula CeMIT local: sobre iniciación á informática para maiores, sobre Internet (procura de información), sobre uso básico de teléfono móbil, sobre procesadores de textos, sobre creación de presentacións e sobre mantemento básico do computador.
Volvendo ao obradoiro Crea o teu futuro, vén da man da Concellería de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó e desenvolverase na sala multiusos do Auditorio Municipal. Diríxese, como dixemos, a ofrecer á mocidade ferramentas que “promovan a súa proxección persoal e completen a formación regrada facilitando a inserción laboral”.
Este obradoiro, nun plano máis detallado, fornecerá ás mozas e mozos de recursos para desenvolveren proxectos e para a elaboración de itinerarios que incrementen os seus niveis de eficacia e eficiencia a nivel profesional e persoal. Outra finalidade que persegue é “potenciar unha actitude emprendedora e resolutiva ante os problemas e os obstáculos que se lles poidan presentar”.
Polo que se refire aos cursos da aula CeMIT, están organizados pola Concellería de Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez. Trátase de media ducia de actividades formativas de balde, que están neste intre abertos á participación da cidadanía. Todos e todas as interesadas poderán achegarse ata a aula CeMIT para inscribirse ou contactar no número de teléfono 673 794 88 ou no enderezo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que a “ciberseguridade é un elemento clave” no proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un dos vectores sobre os que se está a elaborar a estratexia dixital de Galicia para a próxima década. A responsable da política tecnolóxica da Xunta inaugurou esta mañá o I Congreso de ISACA en Santiago, que reúne a preto dun cento de profesionais do ámbito da ciberseguridade.
Na súa intervención, Pereira sinalou que “a vida é dixital” e a seguridade e a confianza son elementos fundamentais para que os cidadáns se desenvolvan axeitadamente neste contexto. Lembrou a aposta do Goberno galego pola ciberseguridade cun Plan aprobado no Consello da Xunta, que se acaba de reformar para adaptarse aos últimos cambios normativos e que tamén inclúe máis medidas e un incremento orzamentario.
Segundo recordou a directora da Amtega, este plan contempla alianzas estratéxicas con outras entidades para mellorar e compartir experiencias no eido da ciberseguridade. Neste sentido indicou que se está a pechar unha nova liña de colaboración co Incibe.
Plan de Seguridade TIC
Entre 2015 e 2018 investíronse 6,4 millóns de euros nas actuacións do Plan de Seguridade TIC, que conta cun orzamento de 10,9 millóns de euros ata 2021. O Plan, cuxa ampliación foi aprobada polo Goberno galego o pasado mes de abril, incorpora novas actuacións a nivel formativo, normativo, organizativo e de protección para garantir a prestación duns servizos dixitais de calidade, dispoñibles e seguros para os cidadáns.
Sobre ISACA
Establecida en 1969, ISACA é unha asociación global sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 135.000 profesionais en 188 países, do eido da ciberseguridade. ISACA axuda aos profesionais globais a liderar, adaptar e asegurar a confianza nun mundo dixital en evolución ofrecendo coñecemento, estándares, relacións, acreditación e desenvolvemento de carreira innovadores e de primeira clase.