main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/09/201914:00
Rolda de prensa de presentación dos primeiros resultados do Creative Loci Iacobi.
Santiago de Compostela

Unha nova app sobre o patrimonio xacobeo en 3D e tours virtuais promoverá os Camiños de Santiago en Europa

  • A directora de Turismo asistiu hoxe á presentación dos resultados do proxecto europeo Creative Loci Iacobi no que a Xunta participa desde 2018
  • Deseñáronse ferramentas dixitais como visitas 360º, que en Galicia están narradas polo Mestre Mateo, e editouse unha publicación para ver monumentos en tres dimensións de Bélxica, Francia, Lituania, Polonia, Portugal ou España
  • Ás portas do Xacobeo 21, Nava Castro salientou a importancia deste proxecto por contribuír a manter instrumentos de cooperación en materia turística co resto de Europa e por aliñarse cos obxectivos do Goberno autonómico co ‘Smart Turismo’

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na rolda de prensa de presentación dos primeiros resultados do Creative Loci Iacobi, un dos proxectos europeos nos que a Xunta vén participando nos últimos anos coa vista posta no vindeiro Xacobeo 21 e que permite aplicar novas tecnoloxías para promover o Camiño de Santiago en Europa, tanto entre os peregrinos e potenciais turistas como entre os investigadores.

Como explicou, trátase dunha iniciativa coa que o Goberno galego continúa a “establecer instrumentos estables de cooperación europea en materia turística” co resto de Europa ao tempo que divulga a Ruta Xacobea dando resposta ás necesidades actuais da peregrinación e aliñándose cos obxectivos do Smart Camiño que busca aproveitar ao máximo a experiencia do Camiño grazas ás vantaxes da tecnoloxía. Neste sentido, Nava Castro tamén fixo referencia ao Plan estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta que está a marcar o traballo para o vindeiro ano santo e que busca ofrecer a mellor Galicia no plano cultural, turístico, económico e social.

Na rolda de prensa, a directora de Turismo de Galicia estivo acompañada por Covadonga Riesco, da empresa Malvado Group, e Xoel Vázquez da empresa Xoia, dous dos socios do proxecto encargados de deseñar e desenvolver varias das ferramentas dixitais das que deron todos os detalles neste acto.

Como explicaron, ao abeiro do Creative Loci Iacobi Galicia estará incluída nos diferentes tours virtuais creados en Europa dos que forman parte diferentes puntos de España, Bélxica, Francia, Lituania, Polonia ou Portugal. Son viaxes audioguiadas, con música e sons que teñen como guía un personaxe histórico destacado en cada un dos oito territorios do proxecto. No caso de Galicia o narrador é o Mestre Mateo.

Ademais, deseñouse unha app audioguiada de realidade aumentada e editouse unha revista divulgativa con modelos en 3D de diferentes valores patrimoniais de cada territorio que permiten ver a través do teléfono móbil versións practicamente reais, en 3D e en miniatura, de patrimonio como o Pedrón da Igrexa de Santiago de Padrón, o Santiago Maior da Porta Santa da Catedral de Santiago, o Santiago Peregrino do Colexio de San Xerome ou varias pezas do Museo das Peregrinacións, entre outras.

Peregrinos e potenciais turistas

Como explicou Nava Castro, o proxecto Creative Loci Iacobi contribúe a seguir posicionando a Galicia en Europa a través do Camiño de Santiago grazas a unha iniciativa “transversal, innovadora e tecnolóxica” que crea ferramentas útiles tanto para o impulso da investigación ao redor da Ruta Xacobea, como para os peregrinos e potenciais turistas. “O Camiño de Santiago é un elemento clave na marca Galicia e debemos coidalo, mantelo e tamén poñelo a disposición e coñecemento de todos”, dixo.

Nava Castro recordou ademais, a importancia que estas ferramentas terán tendo en conta o alto nivel de fidelidade dos peregrinos ao Camiño e o seu papel como futuros turistas xa que, segundo o Estudo do Impacto Socioeconómico do Camiño de Santiago elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), o 98% recomendaría facer a ruta e o 85% afirma que volverá a Galicia como turista.

Ferramentas dispoñibles online

Ademais de Galicia -que foi o socio coordinador-, o proxecto Creative Loci Iacobi contou como socios coa Federación Europea do Camiño de Santiago, a Asociación de Municipios dos Camiños de Santiago en Lituania, a Federación do Turismo da Provincia de Namur en Bélxica, o municipio de Vila Pouca de Aguiar en Portugal, o Voivodato de Kujawkso-Pomorskie de Polonia, así como as empresas Malvado Group e Xoia.

Todas estas utilidades así como mapas creativos e outras ferramentas que están en desenvolvemento estarán dispoñibles nas plataformas dixitais de Turismo de Galicia e nas de todos os socios e serán, ademais, facilmente transferibles a outros países polos que transcorren os Camiños de Santiago e a outras rutas transnacionais europeas ao contar entre os nosos socios coa Federación Europea do Camiño de Santiago, que está en permanente crecemento coa adhesión de novos membros.

22/09/201912:00
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Amtega pon en marcha unha nova edición do plan DigiTalent con 36 iniciativas para o curso 2019/2020

  • O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia incorpora 13 novas actividades para impulsar as vocacións tecnolóxicas, os perfís dixitais e a formación dos profesionais
  • Ata 2.500 rapaces de 6 a 12 anos poderán participar en talleres e charlas divulgativas, sobre robótica ou o uso seguro de internet
  • En breve dará comezo o programa DigiCraft no teu cole, para achegar aos máis novos as posibilidades que ofrece o mundo dixital
  • Ademais, está previsto o lanzamento das as Bolsas DigiTalent para facilitar a adaptación dos profesionais non TIC á contorna dixital
  • Desde a súa posta en marcha DigiTalent promoveu 23 actuacións das que xa se teñen beneficiado máis de 5.300 persoas
  • Toda a información sobre as actividades do Plan están dispoñibles na web de DigiTalent

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha unha nova edición do Plan DigiTalent para o curso 2019/2020 con 36 iniciativas, 13 máis que na anterior edición, para impulsar as vocacións tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital.

As liñas do Plan para este curso pecháronse nunha xuntanza de traballo que tivo lugar esta semana coas empresas tecnolóxicas do pacto dixital, que se adheriron ao Plan, Indra, everis, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC, Orange e o Clúster TIC.

Novas actuacións para o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas

Para motivar e potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, este curso desenvolveranse 9 iniciativas diferentes, que posibilitarán que máis de 1.600 nenos e nenas en idade escolar participen en talleres e actividades lúdico-formativas en torno á robótica, o uso seguro de internet ou desafíos tecnolóxicos.

Ademais, levaranse de novo aos centros educativos charlas e actividades divulgativas para achegarlles aos máis novos o interese polos estudos científico-tecnolóxicos, prestando especial atención ás nenas, ofrecendo máis de 900 prazas.

Neste eixo cabe destacar a posta en marcha este curso do programa da Fundación Vodafone “DigiCraft no teu cole”, ao que se poderán adherir 50 centros educativos, para reforzar as competencias dixitais de nenos e nenas de 6 a 12 anos. Ademais, desenvolverase a terceira edición de Tecnólog@ por un día con máis de 60 prazas no que os participantes experimentarán un día de traballo no marco das profesións dixitais.

Adicionalmente, celebraranse novas edicións do concurso The North Codes e da competición World Robot Olympiad Galicia que porán a proba o enxeño e coñecementos TIC dos participantes.

Novo impulso aos perfís dixitais

No segundo eixo do Plan orientado a impulsar os novos perfís dixitais, porase en marcha programa de Bolsas DigiTalent, que ofrecerá 50 bolsas para realizar prácticas non laborais en empresas do sector TIC a estudantes de carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais, Xurídicas, Arquitectura e Enxeñaría matriculados en calquera das tres universidades galegas superados o 75% dos créditos.

Impulsaranse, ademais, novas actividades de sensibilización e asesoramento (talleres, sesións inspiradoras, concursos, premios, etc.) no marco de iniciativas lideradas pola empresa everis como a Cátedra de Transformación Dixital ou a Cátedra R de Ciberseguridade.

Así mesmo, este mes de setembro comezou o Curso de Especialista en 5G impulsado pola Amtega en colaboración coa Universidade de Vigo e o operador público Retegal para a capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico.

Reforzo das capacidades de e-liderado para a transformación dixital

Por último, para promover as capacidades de e-liderado que permitan ás persoas identificar, crear e explotar oportunidades derivadas da innovación dixital, darase continuidade ás actuacións de acompañamento no proceso de transformación dixital e como accións formativas a través do Centro Demostrador TIC, o programa AceleraTIC ou o Reacciona TIC.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.

Máis de 5.000 beneficiarios

En concreto, ata o de agora promovéronse nestes tres eixos un total de 23 actuacións, 13 delas orientadas á impulsar as vocacións científico-técnicas entre os máis novos. Ademais, o Plan contou con outras 5 iniciativas orientadas a impulsar os novos perfís dixitais e as 5 restantes están orientadas a formar a perfís directivos para liderar a transformación dixital da súa empresa. No seu conxunto, as distintas actividades desenvoltas chegaron ata o momento a máis de 5.300 persoas.

21/09/201913:01
Presentación da iniciativa.
Noia

A Xunta de Galicia promove o coñecemento e o ocio ao redor dos videoxogos co primeiro torneo autonómico de League of Legends

  • Este proxecto pioneiro na comunidade terá lugar nos 12 Espazos Xoves
  • Poderán participar mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que se organizarán en equipos de 5 persoas

 

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social promove o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos a través da organización do primeiro torneo a nivel autonómico do coñecido xogo LOL (League of Legends). A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou esta iniciativa hoxe no Espazo Xove de Noia acompañada por representantes da Asociación Xuvenil La Grotta, que se encargarán de xestionar in situ o programa.

Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que terá lugar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación de mozos e mozas da zona e da contorna próxima.

Antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos. Posteriormente dará comezo o encontro, cuxo número de equipos dependerá da poboación do concello onde se sitúa cada Espazo Xove. Deste xeito, nos concellos con máis habitantes poderán participar ata un máximo de catro equipos, mentres que nos de menos poboación a competición será entre dous equipos. Cada equipo estará conformado por cinco mozos/as, dos cales unha persoa actuará como capitán.

Tras esta fase inicial, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Xunta de Galicia.

Inscrición

Neste programa poderán participar mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, ambos inclusive, que se organizarán en equipos de 5 persoas, ata un máximo de 32 equipos. A admisión dos equipos para poder participar nesta competición realizarase por estrita orde de inscrición a partir de hoxe ás 16.00 horas.

As inscricións, que se poderán rexistrar ata tres días antes do inicio da competición en cada Espazo Xove, realizaranse a través do formulario correspondente na web de Xuventude. A persoa que actúe como capitán do equipo deberá cubrir este formulario, achegando o DNI dos demais membros do grupo. A maiores dos cinco membros de cada equipo, poderanse rexistrar outros cinco suplentes.

Toda a información do programa pode consultarse no seguinte enderezo web xuventude.xunta.es.

20/09/201921:23
Presentación da iniciativa.
Santiago de Compostela

Talentia Summit 2019 (Santiago) contará coa participación dun centenar de empresas

O Concello de Santiago vai organizar en outubro, a partir do 21, o encontro Talentia Summit 19, unha xuntanza de talento, emprego e innovación que acollerá preto dun centenar de empresas punteiras e personalidades de relevancia, como a ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou hoxe os detalles do evento que, segundo fixo saber, insírese no compromiso firme do Concello por “crear emprego cualificado e empresas no ámbito tecnolóxico e cultural”.
Acompañou ao rexedor na presentación o técnico municipal responsable da área de Emprego, Xavier Ferreiro, quen destacou “o salto cualitativo e cuantitativo” que dá a feira este ano, co obxectivo de internacionalizala xa en 2020. Sobre o programa, salientou os dous días “de feira aberta”, que será "non só un espazo de encontro entre empresas e posibles traballadores, senón tamén entre as empresas e provedores de servizos". Ademais, respecto á edición pasada, citou o incremento de postos de traballo ofertados (preto de 850), de empresas presentes (sobre 100) ou de certificados (máis de 25).

Segundo engadiron, esta edición porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030. Sobre este horizonte estará presente, como conferenciante no Foro Talentia, Federico Buyolo, director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030. Durante tres xornadas (do 21 ao 23 de outubro), a clave do encontro será a potenciación do talento, “dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento”. Doutra banda, os/as participantes poderán presentarse as empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, e asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego. O luns 23 de setembro abrirase o prazo para reserva de prazas a través da web talentiasummit.com. Dende a organización prevén superar as 3.500 persoas asistentes que participaron na edición do pasado ano, polo que avisan de que as prazas se completarán axiña.

20/09/201918:10
Participantes na inauguración celebrada hoxe na carpa da praza de España en Pontevedra.
Pontevedra

O emprendemento feminino e a sustentabilidade, grandes protagonistas de Pont-Up Store 2019

Hoxe inaugurouse a sexta edición da Pont-Up Store, escaparate mundial do emprendemento galego e mostra referencial de achados e propostas innovadoras do noso. Na apertura das actividades, en plena praza de España de Pontevedra, o director da feira, Pedro Figueroa, lembrou a importancia da sustentabilidade como piar temático fundamental dos proxectos exhibidos este ano e recordou a presenza salientable das mulleres á fronte das diversas iniciativas seleccionadas neste edición: o 66% das mesmas (case medio cento) están impulsadas por mulleres. Pont-Up Store vén da man do Campus CREA (UVigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal.

Respecto de outras novidades relativas a esta sexta edición, Figueroa tamén destacou a relevancia do rural nos proxectos achegados (case a metade dos mesmos procedendo das vilas e das aldeas). No acto tamén participou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen enxalzou o gran potencial da feira para contribuír “á creación de riqueza a través do empuxe dos emprendedores”. Na súa intervención, Reigosa lembrou como nun momento “no que a nosa xuventude ten moitas veces que emigrar para buscar un futuro económico mellor e no que temos unha caída demográfica preocupante”, a universidade pública, “como institución inserida na sociedade”, aspira a que Galicia sexa “un lugar mellor para vivir, agarimoso co medio ambiente, igualitario”. O acto de apertura contou tamén coa presenza activa do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e das vicerreitoras de Transferencia, María Consuelo Pérez, e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, así como de representantes das diferentes institucións e empresas que colaboran co evento. “O Pont-Up Store é xa un referente, dentro e fóra de Pontevedra”, salientou o tenente de alcalde, Tino Fernández, nun acto no que o deputado provincial Gregorio Luís Agís, destacou que esta iniciativa “tense convertido nun evento fundamental para o emprendemento en Galicia”, e no que tamén interveu o presidente de AEMPE, José María Corujo, en representación dos diferentes patrocinadores.

Un escaparate para as novas empresas

Produtos orientados a reducir os residuos plásticos, moda sustentable, mobiliario artesanal realizado a partires de materiais recuperados, motocicletas eléctricas ou zapatillas veganas son algunhas das propostas que os emprendedores e emprendedoras presentan á cidadanía nun recinto no que tamén contan cun espazo a Área de Captación de Alumnado da Universidade e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Un espazo no que tamén están presentes proxectos empresariais xurdidos nas aulas, como a spin-off da Universidade MycoaGalicia Plantae, que centra a súa actividade “en dar a coñecer os recursos micolóxicos dos montes galegos”, e que foi impulsado polas/os tituladas/os en Bioloxía María Cabaleiro, Andrés Cordeiro, Paula Estévez e Hugo Fernández, impulsores desta empresa xunto coa profesora Marisa Castro.

46 exemplos da “xente valente”

O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que están dando a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. Así, 36 delas contan cun espazo de balde na carpa da praza de España e algunhas delas participan, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenden os seus proxectos diante dos e ás responsables de catro empresas, ou ben serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto da orixe e ámbito temático dos proxectos empresariais seleccionados (elixidos de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición) veñen todos eles de diferentes recunchos da nosa xeografía e céntranse sobre todo, como dixemos, no medio ambiente e na sustentabilidade.

Laboratorio creativo, economía social ou videoxogos

Grazas ao apoio activo de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas en diferentes bloques, por exemplo o Laboratorio Creativo, que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde está previsto celebrar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns obradoiros tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital. Outro bloque é o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría, ao que cómpre engadir o Espazo de Economía Social e Creativa ou unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por AJE Pontevedra, AEMPE e Cámara de Comercio. Como novidades desta sexta edición, figuran propostas como o Espazo de Igualdade (que inclúe, entre outras cousas, un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas) ou o Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural Lab e Vulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS