main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/09/201908:16
Moza usando un ordenador e un smartphone.
Vigo

Vigo abre a inscrición para os cursos outonais de eAlfabetización

Concello de Vigo vén de abrir o proceso para participarmos nos vindeiros cursos de alfabetización dixital promovidos, precisamente, polo Goberno local. Os obradoiros impartiranse nos meses de setembro e outubro, con formación en materias como informática, robótica, mecanografía, Internet ou ofimática básica.

As clases celebraranse na aula de formación TIC na Avenida de Beiramar. No mes de setembro será a quenda de materias como a iniciación á folla de cálculo, á informática e á robótica, así como a procura de emprego. En outubro, abordarase a formación en Internet e trámites administrativos, mecanografía e ofimática básica. As persoas interesadas poden informarse e/ou inscribirse no teléfono 010 ou no 986 810 260, cos requisitos de estar empadroado na cidade de Vigo. O Concello concederá preferencia a aquelas persoas que non participaran previamente no mesmo curso solicitado.

26/09/201908:13
Mans dun home sobre o teclado dun portátil.
Santiago de Compostela

O CPETIG abre o prazo para inscribirnos no seu curso de tratamento de evidencias dixitais

Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) vén de abrir o prazo de inscrición para o Curso de Tratamento e análise de evidencias dixitais, que se vai celebrar os días 4 e 5 de outubro na Cidade da Cultura, na aula II. A actividade, organizada polo colexio en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA, terá unha duración de doce horas e contará coa presenza activa de Víctor Salgado, Gonzalo Sotelo, Juan Luis Miguens e Miguel Abal.

A primeira sesión, o venres día 4 en horario de tarde, será impartida por Víctor Salgado, avogado-socio de Pintos&Salgado, que presentará un relatorio xurídico-práctico sobre informática pericial. O sábado día 5 a sesión matinal será impartida por Gonzalo Sotelo, policía xudicial especialista en eCrime, co relatorio Evidencias dixitais, valor probatorio. O contido formativo completarase coa sesión de tarde sobre Informe pericial: modelo normalizado do CPETIG, na que serán relatores Juan Luis Miguens e Miguel Abal, secretario e vicesecretario do Colexio.

As persoas asistentes a este curso poderán solicitar o acceso ao Corpo oficial de peritos do CPETIG, COP. Segundo informa o colexio galego, a oportunidade desta oferta formativa “entronca directamente co carácter determinante do axeitado estudo e análise das evidencias dixitais na informática pericial, consideradas como calquera rexistro xerado ou almacenado nun sistema dixital que poida ser utilizado como proba nun proceso legal”. En palabras do CPETIG, un bo manexo das evidencias é hoxe en día “un reto para os profesionais, peritos informáticos ou telemáticos”, na medida na que utilizar os medios e métodos idóneos resulta imprescindible para que non se malogre a finalidade procesal. O curso dará as claves para traballar de xeito eficaz coas evidencias dixitais, de xeito que sirvan como un instrumento de valor legal en procesos xudiciais ou en investigacións forenses, ofrecendo formación especializada dirixida á adquisición de competencias e coñecemento do catálogo de técnicas que poden ser combinadas para o estudo de casos concretos de evidencias dixitais.

25/09/201908:46
Cartel da iniciativa.
A Estrada

A Estrada e Ordes acollerán obradoiros de banca e comercio electrónico para o apoderamento feminino

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, formará a mulleres en novas tecnoloxías a través da actividade Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica. A actividade consiste en obradoiros cunha duración de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. O número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 (de luns a venres, de 10:00 a 15:00 horas) ou enviando un correo electrónico.

A Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de diminuír a fenda dixital, fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe progresivamente e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día. Entre os obxectivos destes obradoiros de formación está que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e , así mesmo, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos. UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a sociedade da información. 

O primeiro destes obradoiros desenvolverase no Concello da Estrada nas seguintes datas: luns 30 de setembro, mércores 2 de outubro, luns 7 de outubro e mércores 9 de outubro; en horario de 10:30 a 12:30 horas na Aula CEMIT (Edificio de usos múltiples. Avenida Benito Vigo, nº 94 ).

O segundo destes obradoiros levarase a cabo no Concello de Ordes nas seguintes datas: martes 1, xoves 3, martes 15 e xoves 17 de outubro; en horario de 17:00 a 19:00 horas na Aula de Informática de Ordes (Casa da Cultura. Rúa de Galicia, nº 25).

25/09/201908:28
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Como transformar a nosa PEME, ao detalle este xoves da man da Cámara de Santiago

Este xoves 26 de setembro imos poder obter unhas cantas claves de valor para impulsar a dixitalización dos nosos negocios, un fenómeno imprescindible para seguirmos sendo competitivos, rendibles e eficaces. Estamos a falar da Xornada A Dixitalización como Panca da Competitividade da PEME, que se celebra no salón de actos da Cámara de Comercio de Santiago (número 44 da rúa San Pedro de Mezonzo), ao abeiro do Programa TICCámaras. Na sesión, que comezará ás 9.30, daranse a coñecer as principais conclusións do Informe España Empresa Dixital e brindarase un punto de encontro para o intercambio de recursos e achados en materia de transformación: un proceso de cambio que todas as empresas, do sector que sexan, teñen que seguir de preto e asumir.

Amais, a cita acollerá unha mesa redonda sobre a mellora da competitividade e produtividade das pequenas e medianas empresas a través das TIC. As actividades, como dixemos, darán comezo ás 9.30 coa sesión de apertura institucional a cargo de Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral en funcións da Cámara de Comercio de Santiago, quen dará paso, sobre as 9.45 horas, á presentación do Informe España Empresa Dixital, a cargo de Carlos López Blanco, presidente da Comisión de Dixitalización da Cámara de España.

Sobre as 10.00 horas será a quenda de Marta Menéndez Martínez, directora en Galicia de Teléfonica, que achegará o relatorio Senón é agora, cando? É hora de transformarse. De seguido, sobre as 10.15, está previsto que interveña José Manuel Martínez Sainz, subdirector de Desenvolvemento de Negocio de Transformación Dixital de Mapfre, que falará sobre os recentes procesos de innovación da aseguradora.

Ás 10.30 horas será a quenda da presentación do Programa TICCámaras, a cargo de Anselmo Díaz Romero, responsable do Departamento de Innovación da Cámara de Comercio de Santiago. Esta sesión incluirá a exposición de dous casos de éxito: Ausum Asesores e Abogados Asdos, a cargo de Diego Víboras Cabañero. Sobre as 10.45 celebrarase a mesa redonda Como ser máis eficiente traballando na nube, na que van intervir Carlos López Blanco, Marta Menéndez Martínez, Andrés Peral Plaza (director de Seguridade e Medioambiente en Sistemas de Información de Mapfre) e Diego Víboras Cabañero.

Rematarán os relatorios coa clausura institucional, a cargo de Rosa Mary Cardeso Trillo. Máis tarde está prevista unha sesión de networking.

25/09/201908:22
Relatoras da mesa redonda Muller, Ciencia e Igualdade.
Vigo

A Xunta aposta polas políticas de igualdade para acadar a paridade de xénero no ámbito científico e tecnolóxico

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Vigo na mesa redonda 'Muller, Ciencia e Igualdade'
  • López Abella instou a incluír a perspectiva de xénero nas actividades científicas e dar a coñecer as aportacións das mulleres neste sector

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reivindicou unha maior presenza das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos para enriquecer a actividade científica na súa intervención hoxe na mesa redonda Muller, Ciencia e Igualdade, organizada pola entidade Women in Nuclear (WiN).

López Abella instou a promover a eliminación dos desequilibrios na formación científica, tanto na investigación e na innovación como na xestión de I+D+i, así como situar a perspectiva de xénero nas actividades científicas. Por iso, aposta polas políticas de igualdade como vía para reducir as brechas de xénero en tódolos ámbitos, entre eles o científico-tecnolóxico.

Este é o reto do II Programa Galego de Muller e Ciencia, cuxo obxectivo é seguir avanzando na igualdade real no campo científico desde a concepción de que o valor das persoas, no que se refire á súa esixencia e ao seu esforzo debe ser o que determine a súa excelencia.

O VII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes 2017-2020 tamén busca consolidar o enfoque de xénero e das mulleres na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación.

Nas medidas deste plan inclúese o proxecto NIN+NIN-, Iguais que favorece o encontro con mulleres singulares líderes nos seus sectores, como é o caso da ciencia, para que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) teña referentes femininos en ámbitos nos que non existe aínda paridade de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou que dar a coñecer as aportacións das mulleres no ámbito científico e tecnolóxico para romper o teito de cristal contribuirá á redución da brecha no campo das ciencias e da tecnoloxía. Nesta liña, tamén ve preciso consolidar o enfoque de xénero e das mulleres na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación. Galardóns como o Premio María Josefa Wonenburger Planells recoñecen a esas mulleres que se adiantaron ao seu tempo e abriron camiños a moitas outras.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS