main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

01/10/201912:51
Caseta da Fundación ONCE.
Madrid

A Fundación ONCE presenta o seu proxecto de aceleradora de startups de innovación social

  • O seu obxectivo é impulsar o deseño de solucións que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade 

 

O próximo 3 de outubro terá lugar, dentro da feira sobre emprendemento South Summit 2019, a presentación do proxecto "espacIA". Trátase dunha iniciativa de aceleración de startups de innovación social posta en marcha pola Fundación ONCE co obxectivo de promover iniciativas empresariais que dean resposta ás necesidades das persoas con discapacidade.

 

O proxecto será presentado por Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE, xunto con María Benjumea, fundadora e CEO do South Summit, quen intervirá nun "Dialogo sobre impacto social e discapacidade" moderado polo xornalista Juanma Romero.

 

Ademais, tamén estarán presentes Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, xunto con tres emprendedores: Faustino Cuadrado, CEO de Mass Factory; Rafael Olmedo, de Geko Navsat, e Marco Palacios, de The Sideways Project. Todos eles recibiron o apoio da Fundación ONCE. 

 

Xunto a eles, participarán Alberto Tornero, director da área de empresas de alto potencial de PWC, e Elena García, máxima responsable de Marsibionics, unha startup e spinoff do CSIC adicada ao deseño de exoesqueletos pediátricos.

A presentación terá lugar o próximo 3 de outubro no marco do South Summit baixo o epígrafe "The Next big think: Closing the Gap, acelerando capacidades".

 

Exposición de produtos

Por outra banda, a Fundación ONCE contará cunha caseta propia onde os visitantes poderán ver diversos modelos de exoesqueletos desenvolvidos por Marsibionics, así como a cadeira de rodas xiratoria de The Sideways Project. Ademais, gozarán dunha demostración por parte de Geko Navsat da aplicación de guiado de contornas naturais que se está utilizando no proxecto Camiño de Santiago.

 

South Summit é unha plataforma de innovación que conecta startups, investidores e corporacións, centrada en oportunidades de negocio e tendencias disruptivas. O seu obxectivo principal é o de crear conexións entre os actores do sistema. Este ano a feira celébrase do 2 ao 4 de outubro en La Nave (Rúa Cifuentes 5, en Madrid).

 

O evento inclúe un programa de conferencias, unha competición de startups e ferramentas de networking e un Marketplace, onde as startups mostran as súas solucións ao público.

En 2018, o South Summit contou con máis de 16.000 asistentes e máis de 500 representantes dos medios de comunicación, 6.800 empresas e 750 investidores. Trátase dun evento de referencia internacional no mundo do emprendemento. 

 

01/10/201908:14
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Ampliado o prazo de presentación de candidaturas ao premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre

  • O prazo de presentación de candidaturas amplíase ata o 4 de outubro
  • O acto de resolución do premio será o vindeiro 25 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela
  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2018-2019

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía o prazo de presentación de candidaturas á XII edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de facilitar a aqueles que teñan presentado o seu proxecto nos recentes tribunais do mes de setembro teñan algo máis de tempo para participar neste premio (inscrición, preparación da memoria, etc). Así as persoas interesadas terán ata o vindeiro venres día 4 de outubro para completar a súa inscrición.

Lembramos que os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

As e os estudantes interesados en participar neste premio deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes do día 4 de outubro:

  1. Inscribir o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ao mellor PFC con Software Libre > 2019
  2. Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa
  3. Darse de alta na lista de correo do premio onde se resolverán todas as dúbidas que poidan ter os participantes, así como se realizará a coordinación do acto de resolución do premio.
  4. Cubrir o formulario de inscrición

Finalistas e acto de resolución

Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado seleccionará os finalistas que deberán acudir ao acto de resolución do premio, que se celebrará o último venres de outubro, o día 25 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Os finalistas deberán realizar unha breve presentación do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das perspectivas de futuro … Os criterios de valoración que terá en conta o xurado á hora de tomar a súa decisión son os seguintes aspectos:

  • Nivel de actividade pública do traballo. Valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.gal ou calquera outro medio web, coma por exemplo blogs persoais; a colaboración con outros proxectos de software libre, a creación de comunidade, etc.
  • Uso adecuado dunha licenza libre: valorarase a correcta elección dunha licenza libre e posterior aplicación da mesma ao código do proxecto.
  • Calidade do proxecto: deseño e implementación.

Este premio ten por obxectivo non só recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre. Está dotado con 2.250€, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750€, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

30/09/201914:14
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A AMTEGA e AGASOL organizan un ciclo de charlas con mulleres líderes en ciencia e tecnoloxía para impulsar as vocacións STEM

  • Esta iniciativa, enmarcada no Plan DigiTalent, ofrece do 4 ao 14 de outubro diversos encontros dirixidos a estudantes de ESO, especialmente ás rapazas
  • Na iniciativa participarán referentes como Monsterrat Guardia (Directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell); Yaiza Rubio (Analista de Intelixencia de ‘Elevens Paths’, empresa de ciberseguridade de Telefónica); Mar Capeáns (Científica senior no CERN-Centro Europeo de Investigación Nuclear); e Beatriz Martínez (Enxeñeira de Solutions Architects na sección de Cloud e Infraestrutura de RED HAT)
  • Búscase incentivar a vocación das rapazas nas carreiras científicas e tecnolóxicas, onde as mulleres tan só representan o 25% das persoas matriculadas

 

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), poñen en marcha a segunda edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', que ofrece catro encontros con mulleres referentes no ámbito tecnolóxico e científico e seis obradoiros durante o mes de outubro. É unha das iniciativas do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.

O obxectivo do GIRL STEM consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Cómpre lembrar que o alumnado feminino nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), apenas se sitúa en torno ao 25%, segundo os datos achegados polo Informe ‘El Desafío de las Vocaciones STEM’ publicado hai unha semana pola Asociación Española para a Digitalización DigitalES.

Do 4 ao 14 de outubro GIRL STEM ofrecerá diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnólogas referentes nos seus sectores. Ademais dos encontros, levaranse a cabo seis obradoiros en centros de primaria, nos que se desenvolverán dinámicas orientadas a familiarizar ás nenas e nenos coa ciencia e normalizar o seu coñecemento e o seu uso dentro de xogos e actividades cotiás.

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía

Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal.

Montserrat Guardia (4 de outubro na Coruña) | Experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos anos, é neste momento a directora xeral de Alastria, o consorcio de Blockchain no que participan máis de 420 membros de primeira liña procedentes da industria, o sector público e o mundo académico de España. Anteriormente foi directora xeral de Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002.

Yaiza Rubio (9 de outubro en Ourense) | É analista de Intelixencia en Elevens Paths (a unidade de ciberseguridade de Telefónica). Ten pasado por importantes empresas no ámbito da intelixencia como S21 ou Isdefe. Ademais é membro do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e colaboradora do Centro de Análise e Prospectiva da Gardia Civil. É docente universitaria en cursos de posgrao sobre análise de intelixencia, seguridade e fontes abertas. Publicou xunto a Félix Brezo o libro ‘Bitcoin; a tecnoloxía blockchain e a súa investigación. Participou como poñente en prestixiosas convencións de hackers como DefCON e Black Hat.

Beatriz Martínez (11 de outubro en Lugo) | Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architects de RED HAT para apoiar as actividades de Cloud e Infraestrutura. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, ocupando diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os diferentes retos e necesidades do cliente tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.

Mar Capeáns (14 de outubro en Pontevedra) | É científica senior no CERN (Xenebra, Suiza), onde leva liderando distintos grupos de traballo desde 1992, e onde actualmente exerce como Coordinadora Técnica das melloras tecnolóxicas do experimento LHC, coñecido popularmente como acelerador e colisionador de partículas, un proxecto fundamental dentro do campo da investigación nuclear. Ten publicado máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST) e participou como asesora en Consellos Científicos e na avaliación de finaciamento competitivo de programas de Física de partículas a nivel internacional e para programas da Comisión Europea.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.

30/09/201914:09
Momento dun dos cursos.
A Estrada

A Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia forman a mulleres do rural en comercio e banca electrónica

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, visitaron hoxe un destes cursos que se está a desenvolver na Estrada
  • A iniciativa chegará a un total de 8 concellos

A Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia veñen de poñer en marcha a Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica, que se desenvolverá durante os meses de setembro, outubro e novembro.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, visitaron hoxe na Estrada un destes cursos, que contan cunha duración de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. En total, a iniciativa chegará a oito concellos. Ademais da Estrada, programáronse sesións en Ordes, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Carballiño, Boiro, Monterroso e Moaña.

A escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego co fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.

Así, durante o obradoiro, as participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para exercer estes dereitos.

30/09/201914:03
Rapazas participantes nas xornadas.
Ourense

A Tecnópole achega tres xornadas para impulsar as vocacións STEM das rapazas

Máis de 150 escolares de Ourense participarán a partir desta semana en tres xornadas organizadas pola Tecnópole co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. O programa de citas de divulgación da Tecnópole, que o ano pasado constou de dúas xornadas, amplía en 2019 a participación do Parque Tecnolóxico de Galicia na iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) e na que teñen parte activa 17 parques de toda España.

A primeira xornada será este venres 4 de outubro, coa participación de estudantes do Colexio Maristas de Ourense. Os días 10 e 17 de outubro serán senllos grupos do Colexio Plurilingüe Divina Pastora e do IES Ramón Otero Pedrayo os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para ter presenza activa na iniciativa, deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). O programa de actividades deseñado por Tecnópole porá o foco en dotar de referentes e modelos de inspiración para as rapazas. Por unha parte, visitarán unha exposición que fai un percorrido por 19 mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos e, por outra, terán ocasión de compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous obradoiros nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As ganadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS