
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O proxecto Youtubeir@s, un xeito creativo e participativo de transformar YouTube e outras redes sociais en fervedoiros de creatividade audiovisual en galego, chega este xoves 3 de outubro a un dos intres álxidos desta súa terceira edición, que xa está na recta final, impulsada polos concellos de Rianxo, A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña. A terceira edición do certame, que repartirá 6.500 euros nas diferentes categorías (que teñen o prazo de presentación pechado dende o 27 de setembro), celebra este xoves en Santiago o acto Lista de reprodución ao vivo.
Trátase, en palabras das entidades organizadoras, dunha oportunidade para ver as facianas e escoitar os puntos de vista das creadoras e creadores que conforman a comunidade youtubeira, cada día maior e con mellores altofalantes.
Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seareir@s, a Lista de reprodución ao vivo emula, segundo os impulsores do proxecto, “ás bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas”, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). A cita será entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s establecen este ano un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Amais destas catro modalidades, entregaranse distincións á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, recoñecementos decididos todos por un xurado “de recoñecido prestixio” que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6.500 euros en galardóns.
SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, comeza este outono de 2019 con novas e importantes accións encamiñadas a facer avanzar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, trátase de 18 novas accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e Porriño. A estas citas cómpre sumar as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras tantas (sete) en Cambados, ás que hai que engadir seis obradoiros máis en Lalín. En total, 37 obradoiros dados a coñecer.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este mes de outubro os seguintes obradoiros: Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita coma un Profesional, que se desenvolverá o martes 1 de outubro, de 18 a 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de E-mail Marketing, que será o martes 8 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea unha Campaña de E-mail Marketing con MailChimp, programado para o martes 15 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; Social Media Listening: o que se di de ti en Internet, que se realizará o martes 22, entre as 19 e as 21 horas; Motores de Reservas para Empresas Turísticas, o xoves 24 de outubro, de 17 a 19 horas; e, finalmente, Optimiza a túa Páxina de Facebook, que será o martes 29 de outubro, de 18 a 21 horas. Estes obradoiros impartiranse na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (rúa Oporto, núm. 3).
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: Aprende a Promover a túa Empresa con Pinterest, que se desenvolverá o martes 1 de outubro de 19 a 21 horas; Optimiza a túa Páxina de Facebook, que será o xoves 10 de outubro de 18 a 21 horas; Así Funciona Whatsapp Business, o martes 15 de outubro de 19 a 21 horas; Como Impulsar o teu Negocio cun Podcast, que terá lugar o xoves 17 de outubro de 19 a 21 horas; Motores de Reservas para Empresas Turísticas, que será o martes 22 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, Apps de Edición: Sácalle Partido ó teu Instagram, que se desenvolverá entre as 18 e as 21 horas do martes 29 de outubro. A totalidade destes obradoiros será impartida no Multicentro do Concello do Porriño (Ribeira, s/n, Torneiros).
Polo que se refire á oficina de Ponteareas, as quendas son: Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet, que se desenvolverá o 1 de outubro entre as 18 e as 21 horas; Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores, que será o martes 8 de outubro de 19 a 21 horas; O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram, cuxa realización será entre as 19 e as 21 horas do xoves 17 de outubro; Emprego de vídeo nas redes sociais: Youtube, que se desenvolverá o martes 22 de outubro de 19 a 21 horas; Copywriting para a promoción de tours, experiencias e actividades, o martes 29 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional, que se impartirá o mércores 30 de outubro entre as 18 e as 21 horas. A totalidade destes obradoiros será impartida no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea, Ponteareas).
No que se refire a Cambados, o programa inclúe os obradoiros Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, que este martes 1 de outubro, de 19.00 a 21.00 horas; Social Media Listening: O que se di de ti en Internet, programado para o martes 8 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; Apps de Edición: Sácalle Partido ó teu Instagram, o xoves 10 de outubro, de 18 a 21 horas; Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que será o martes 15 de outubro, entre as 17 e as 19 horas; Deseña Sinxelamente Imaxes Abraiantes e Profesionais, que será na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa, o xoves 17 de outubro, de 19 a 21 horas; Guía de Boas Prácticas para Redes Sociais, o xoves 24 de outubro, desde as 19 ata as 21 horas; e, finalmente, Aprende a Usar Correctamente Facebook para Empresas, que terá lugar o martes 29 de outubro, de 19 a 21 horas. Estes obradoiros impartiranse no Centro Exposalnés de Cambados (paseo da Calzada, s/n), agás Deseña Sinxelamente Imaxes Abraiantes e Profesionais, que terá lugar na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa.
O programa da sede da propia Deputación en Pontevedra abrangue os seguintes cursos: Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que se desenvolverá o martes 1 de outubro, de 17 a 19 horas; Fotografía Gastronómica co Teléfono Móbil, que será o xoves 3 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop, programado para o xoves 10 de outubro, entre as 18 e as 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Marketing, que se realizará o martes 15, entre as 19 e as 21 horas; Crea unha Campaña de Email Marketing con MailChimp, o xoves 17 de outubro, de 19 a 21 horas; Iniciación ó SEO I: Conceptos, Palabras Clave e Primeiros Pasos, que se desenvolverá o 24 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; e, finalmente e en relación co anterior, Iniciación ó SEO II: Optimiza a túa Páxina Web para Gañar Visibilidade, que será o martes 29 de outubro, de 19 a 21 horas. A totalidade destes obradoiros será impartida no edificio administrativo da Deputación (avenida de Montero Ríos, s/n. Pontevedra).
As novas citas do mes na oficina SmartPEME de Lalín serán as seguintes: Optimiza a túa Páxina de Facebook, este xoves 3 de outubro, entre as 18 e as 21 horas; Fotografía de Produto: Todo o que Debes Saber, que será o martes 8 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea unha Páxina Profesional con WordPress, que está programado para o martes 15 de outubro, de 18 a 21 horas; Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, o xoves 17 de outubro, de 17 a 19 horas; Plugins de WordPress para Mellorar a túa Web, cuxo horario será de 19 a 21 horas do martes 22 de outubro; e, finalmente, Mellora a túa Presenza online Promocionando o teu Blog, que se desenvolverá no viveiro de empresas da Estrada, o mércores 30 de outubro, entre as 19 e as 21 horas. Estes obradoiros impartiranse no Viveiro de Empresas de Lalín (Polígono Lalín 2000, parcela E), a excepción de Mellora a túa Presenza online Promocionando o teu Blog, que será no viveiro de empresas da Estrada.
A aula CeMIT de Ames vén cun completo programa de actividades para estes meses de outubro e novembro, todas elas co nexo común de ser actividades anti-fenda dixital. Trátase dunha ducia de actividades, a desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns (sede da aula CeMIT), entre as que destacan un ciclo de introdución á informática para adultos (con prazas cubertas pero con opción de inscribirnos en listaxe de agarda), un curso de iniciación a Internet (con prazas libres) e outro de iniciación ás redes sociais.
Ademais, ofértase un ciclo de ofimática co desenvolvemento de tres obradoiros dende mediados de outubro ata principios de novembro. Segundo explican dende a aula CeMIT local, tamén se ofertarán cursos de follas de cálculo con LibreOffice Calc I e II (con prazas cubertas pero con posibilidade de facer a inscrición para a lista de agarda) e de presentacións con LibreOffice Impress (a desenvolver a principios de novembro e con prazas vacantes). Isto complétase en novembro cun ciclo de empregabilidade: dous cursos centrados na mellora da empregabilidade dos alumnos e alumnas mediante a creación dun currículo adaptado as súas necesidades e a busca de emprego a través de Internet. Para ámbolos dous casos aínda hai prazas libres.
A programación para outubro e novembro abrangue tamén tres cursos destinados aos nenos e nenas: un de informática de nivel básico e dous de mecanografía, un para nenos e nenas menores de 10 anos e outro para maiores desta idade. Para os dous primeiros aínda hai vacantes, mentres que o curso de mecanografía para maiores de dez anos admite inscricións para a lista de agarda.
A IX Xornada de Informática Xudicial, Iuristicgal19, terá lugar o día 23 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.
A xornada, convocada baixo o título “Intelixencia artificial e xustiza”, vai dirixida a profesionais da xustiza, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral. Ten como obxectivo informar e concienciar dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial mediante as novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.
A edición deste ano terá carácter condensado, con dous relatorios e unha mesa redonda que se desenvolverán en sesión de mañá, e será inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPETIG, Marcos Mata. Intervirán como relatores Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro “Dereito dos robots”, que presentará o relatorio “A intelixencia artificial ante o Dereito”; e Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, que exporá “Evolución da proba electrónica no ámbito xudicial: o presente e as perspectivas de futuro”. A xornada completarase cunha mesa redonda sobre “As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos”, moderada por Víctor Salgado, director técnico da xornada.
Como novidade, este ano o acceso a Iuristicgal é gratuito, previa reserva da praza. Máis información e inscricións en http://iuristicgal.cpetig.gal.
Oportunidade
Considerando a complexidade técnica e casuística destas tecnoloxías así como a innovadora lexislación aplicable, a xornada pretende dar resposta á necesidade de formación dos profesionais da xustiza, profesionais forenses e xuristas en xeral, ao obxecto de que coñezan esta lexislación e a nova realidade tecnolóxica que a orixina, así como as novas ferramentas dispoñibles para interpretala correctamente e aplicala ao caso concreto.
A iniciativa Coruña Dixital, retoma esta semana a súa liña de actividade, que promete ser especialmente intensa esta tempada, ademais de particularmente técnica e divulgativa
A iniciativa Coruña Dixital, programa de actividades de divulgación e impulso TIC posto en marcha polo Concello, retoma esta semana a súa liña de actividade, que promete ser especialmente intensa esta tempada, amais de particularmente técnica e divulgativa. O programa, concibido por Coruña Dixital en colaboración coa ampla comunidade de colectivos tecnolóxicos da cidade, inclúe entre outras cousas unha nova edición do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, un máis que relevante espazo de traballo sobre Internet, narrativas populares, creatividade ou humor viral na Rede (estas foron algunhas das temáticas tratadas en profundidade nas anteriores edicións do laboratorio).
A curto prazo, estes 4 e 5 de outubro celébrase na Facultade de Informática a primeira edición de AtlánticaConf, un evento creado de maneira conxunta por varias comunidades técnicas e no que colabora Coruña Dixital.
A devandita actividade compleméntase co congreso TechLing, que, como se indica no seu nome, abriranos unha xanela ás principais novidades do momento en materia de tecnoloxías e ensino de linguas. As inscricións, lembra Coruña Dixital, están abertas ata o 4 de outubro.
Por outra banda, o 9 de novembro a Domus vai acoller a oitava edición da Feira das Tecnoloxías Libres OSHWDem, que organiza a asociación Bricolabs. Trátase dun encontro maker e argalleiro aberto a todos os públicos, cunha morea de proxectos tecnolóxicos e moitos robots en competición.
Amais, Coruña Dixital lembra que até o venres 4 de outubro os centros escolares poden inscribirse en A Coruña Educa, unha ampla oferta municipal de propostas orientadas a dotar ao alumnado de ferramentas e estratexias no eido dixital.
A maiores, a asociación TADEGA celebra un congreso adicado á educación e á atención á diversidade, con presenza tecnolóxica nos obradoiros que ofrece aos seus participantes. A inscrición está aberta e ten desconto ata o 30 de outubro.