
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia preparou para este outono un completo programa de actividades arredor das novas tecnoloxías e as súas vertentes máis directamente relacionadas coa ciberseguridade, a investigación policial, a avogacía e o dereito. Así, ao Curso de tratamento e análise de evidencias dixitais que se celebra estes días na Cidade da Cultura, cómpre engadir a preparación da novena entrega dun clásico dos nosos eventos tecnolóxicos: a Xornada de Informática Xudicial, Iuristicgal19, que se celebra o 23 de outubro, tamén na Cidade da Cultura e, do mesmo xeito có devandito curso, organizada polo CPETIG en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA.
A xornada, convocada baixo o título Intelixencia artificial e xustiza, vai dirixida a profesionais da xustiza, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral. Ten como obxectivo, en palabras do CPETIG, “informar e concienciar dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial mediante as novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.”
A edición deste ano terá “carácter condensado”, con dous relatorios e unha mesa redonda que se desenvolverán en sesión de mañá, e será inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPETIG, Marcos Mata.
Intervirán como relatores Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro Dereito dos robots, que presentará o relatorio A Intelixencia Artificial ante o Dereito; e Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, que exporá Evolución da proba electrónica no ámbito xudicial: o presente e as perspectivas de futuro.
A xornada completarase cunha mesa redonda sobre As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos, moderada por Víctor Salgado, director técnico da xornada.
Como novidade, este ano o acceso a Iuristicgal é de balde, previa reserva da praza. Para recadar máis información e formalizar as inscricións cómpre visitar a web http://iuristicgal.cpetig.gal.
Oportunidade
Segundo informa o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, a novena edición de Iuristicgal será unha oportunidade para actualizar os nosos coñecementos sobre o cada vez máis rico e complexo escenario onde conflúen novas tecnoloxías, dereito e investigación policial. “Considerando a complexidade técnica e casuística destas tecnoloxías así como a innovadora lexislación aplicable, a xornada pretende dar resposta á necesidade de formación dos profesionais da xustiza, profesionais forenses e xuristas en xeral”, sinala o CPETIG, engadindo que un dos grandes piares do encontro é “favorecer que se coñeza esta lexislación e a nova realidade tecnolóxica que a orixina, así como as novas ferramentas dispoñibles para interpretala correctamente e aplicala ao caso concreto”.
A Intelixencia Artificial e a súas aplicacións á medicina actual centraron o relatorio que o catedrático de Ciencias dá Computación e Intelixencia artificial dá Universidade Pública de Navarra (UPN), Humberto Bustince, impartiu hoxe no Gaiás..
O responsable e fundador de grupo de investigación da UPN sobre Intelixencia artificial e Razoamento Aproximado Bustince e galardoado este ano co Premio Nacional de Informática, inaugurou o ciclo de charlas tecnolóxicas que organizan a Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
A directora da Axencia autonómica, Mar Pereira, que inaugurou o encontro xunto co presidente da AETG, Julio Agrelo, sinalou que o obxectivo destes encontros é compartir con expertos de primeiro nivel ideas e experiencias ao redor das tecnoloxías disruptivas, que centrarán as estratexias dixitais da próxima década e, loxicamente, a Estratexia Dixital de Galicia 2030.
Aposta polas tecnoloxías disruptivas
Neste sentido, Mar Pereira lembrou que a futura estratexia dixital galega, actualmente en fase de elaboración, fará foco nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía; na necesidade de atopar solucións para diminuír a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas, e no impulso ao emprendemento tecnolóxico.
Pereira sinalou que Galicia aspira a ser a segunda comunidade que elabore unha estratexia sobre intelixencia artificial e que se está a traballar na creación dunha rede de nodos de especialización tecnolóxica coordinados desde o Gaiás. Xa está en marcha o Nodo Galicia 5G e estase a traballar no de Blockchain e o de Intelixencia artificial.
A Estratexia Dixital de Galicia 2030, aprobada o pasado mes de maio polo Consello da Xunta, pivotará sobre catro vectores, aliñados coas directrices europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.
Este mes de outubro imos celebrar as novas tecnoloxías como se merecen: entre multitudes e contando cun amplo programa de actividades para intercambiar coñecemento, habilidades, recursos e confraternidade. Todo isto vén a conto porque a Feira Internacional de Galicia Abanca acolle do 11 ao 13 de outubro a décimo novena edición do histórico encontro informático xuvenil XGN R Encounter, que chega á súa terceira convocatoria con patrocinio e colaboración de R (19 edicións en total). A cita, que tamén contará co apoio da Consellería de Política Social, será unha ocasión de ouro para tomarmos o pulso ás tecnoloxías máis avanzadas.
Tal e como nos lembra a organización dende o Facebook de seu, a sección Hardware de XGN preséntase como unha oportunidade para que deixemos “voar a nosa imaxinación” na granxa de impresoras 3D (aberta dende o venres 11 a partir das 16.00 horas) ou, tamén, nos obradoiros de Realidade Virtual, que incluirán diversos kits para experimentar a fondo con eles (na Zona VR Experience, habilitada o venres e o sábado en horario de 10.00 a 22.00 horas, na que “teremos ao alcance da man sensacións únicas”, como por exemplo poñernos na pel dun sobrevivente dun apocalipse zombie, ou dun jedi manexando unha espada láser ao ritmo da música, ou dun artista da rúa debuxando cun spray sobre as paredes).
Nesta edición, a macro-quedada volve contar coas súas tres zonas: a Intranet, na que os inscritos poderán gozar dun posto con conexión á rede que lles permitirá navegar a 10 Gbps de velocidade e terán dereito tanto a acampar no interior do pavillón como a participar en torneos exclusivos; a Extranet, cun completo programa de actividades tanto para rexistrados como para visitantes, e a súa Zona Expositiva, con presenza de empresas relacionadas co material informático, novas tecnoloxías e lecer electrónico. A cita abrirá as súas portas de xeito non oficial o día 10 pola tarde. A apertura “oficial” será o día seguinte.
Haberá melloras e novidades, co obxectivo de situar o encontro entre os máis importantes de España: na cabeza da clasificación das partys estatais. Segundo informa R, para tal fin “serán determinantes” os vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.
A última edición da cita galega, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo “un gran paso nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa convocatoria anterior e que en 2018 destacou pola notable cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede”, sinalan as entidades organizadoras, que salientan tamén o alto número de inscritos na dita convocatoria, que ascendeu a preto de 900 (fronte aos 800 da cita anterior). Sinalar tamén que aínda está aberto o prazo para facermos a nosa reserva para participar en XGN, e que se pode formalizar rapidamente a través da web do encontro informático xuvenil.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) celebra esta mesma semana (estes 4 e 5 de outubro) o seu Curso de Tratamento e análise de evidencias dixitais. A actividade, que se desenvolve na Cidade da Cultura, na aula II, é un complemento formativo da nova xornada Iuristicgal, fixada para o 23 de outubro no mesmo escenario compostelán. O curso, organizado en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA, terá unha duración de doce horas e contará coa presenza activa de Víctor Salgado, Gonzalo Sotelo, Juan Luis Miguens e Miguel Abal.
A primeira sesión, o venres día 4 en horario de tarde, será impartida por Víctor Salgado, avogado-socio de Pintos&Salgado, que presentará un relatorio xurídico-práctico sobre informática pericial. O sábado día 5 a sesión matinal será impartida por Gonzalo Sotelo, policía xudicial especialista en eCrime, co relatorio Evidencias dixitais, valor probatorio. O contido formativo completarase coa sesión de tarde sobre Informe pericial: modelo normalizado do CPETIG, na que serán relatores Juan Luis Miguens e Miguel Abal, secretario e vicesecretario do Colexio.
As persoas asistentes a este curso poderán solicitar o acceso ao Corpo oficial de peritos do CPETIG, COP. Segundo informa o colexio galego, a oportunidade desta oferta formativa “entronca directamente co carácter determinante do axeitado estudo e análise das evidencias dixitais na informática pericial, consideradas como calquera rexistro xerado ou almacenado nun sistema dixital que poida ser utilizado como proba nun proceso legal”. En palabras do CPETIG, un bo manexo das evidencias é hoxe en día “un reto para os profesionais, peritos informáticos ou telemáticos”, na medida na que utilizar os medios e métodos idóneos resulta imprescindible para que non se malogre a finalidade procesal. O curso dará as claves para traballar de xeito eficaz coas evidencias dixitais, de xeito que sirvan como un instrumento de valor legal en procesos xudiciais ou en investigacións forenses, ofrecendo formación especializada dirixida á adquisición de competencias e coñecemento do catálogo de técnicas que poden ser combinadas para o estudo de casos concretos de evidencias dixitais.
A empresa tecnolóxica Aldaba, con sede principal na Coruña, vén de xuntar forzas coas universidades da Coruña e Vigo para crear unha iniciativa conxunta de formación TIC dende unha óptica feminina, tirar abaixo estereotipos de xénero na docencia dixital e fomentar a empregabilidade do alumnado galego. A Cátedra Aldaba WIB (Women, ICT and Business) foi presentada hoxe nos seus detalles polo reitor da UDC, Julio Abalde, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o director da devandita empresa TIC, Enrique Fernández Pérez.
Na súa reunión formalizaron o acordo para a constitución da cátedra, que ten o obxectivo de facilitar “a incorporación laboral dos estudantes da Facultade da Informática da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, así como mostrar a relevante presenza das mulleres no eido TIC”. Con isto último búscase espertar vocacións tecnolóxicas entre as mozas. Abalde e Reigosa salientaron “o carácter exemplar desta Cátedra interuniversitaria”, a segunda existente entre ambas as dúas entidades. Tamén destacaron a importancia da relación público-privada que se establece coa empresa Aldada, acabada de premiar polo Consello Social da UDC cun galardón que pon de manifesto o seu espírito innovador. Pola súa banda, o director da empresa explicou que esta Cátedra ten como “finalidade incentivar as vocacións tecnolóxicas femininas”, para o que están previstas unha serie de actividades en colexios e institutos. Neste punto, o reitor da UDC apuntou o dato de matrícula de mulleres en Informática que está no 12%, na liña doutras universidades españolas e do resto de Europa e “cunha tendencia á baixa”. Segundo fixo saber, combater estas cifras é hoxe en día un dos grandes desafíos, sobre todo polo importante talento feminino que a docencia e o empresariado TIC deixan de gañar.