
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, deron a coñecer esta mañá os contidos da 19ª edición de Xuventude Galicia Net (XGN) R Encounter, que reunirá a preto dun millar de afeccionados e profesionais da informática do 11 a 13 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca. Á presentación desta party informática tamén asistiron o director de Empresas de R e do grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, e o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente.
A directora de Xuventude, Cristina Pichel salientou que XGN R Encounter se ten consolidado coma unha cita de referencia para a mocidade de dentro e de fóra de comunidade, pois cada ano aumenta o número de participantes, o programa de actividades e a velocidade de conexión, que nesta edición se duplica ata chegar a 20 xigas. Tamén apuntou que o obxectivo é ofrecer un espazo de ocio ao redor da tecnoloxía, os videoxogos e a creación dixital, así como favorecer que a mocidade galega coñeza as opcións de empregabilidade deste sector. Neste sentido, desde este venres e ata o domingo, Galicia será o epicentro das novas tecnoloxías e a informática grazas a este encontro no que se conxunta a innovación, a formación e o ocio.
Pola súa banda, o responsable da Fundación Semana Verde de Galicia destacou que a XGN R Encounter é a terceira party más importante de España e que este ano consegue medrar máis dun 12% respecto o ano pasado, ratificándose como punto de encontro de todos os amantes das novas tecnoloxías e do ocio electrónico.
Espazos para inscritos e visitantes
A XGN R Encounter deste ano vólvese articular nas súas tres zonas habituais: a Intranet, orientada para os inscritos, que poderán acampar no interior do pavillón e participar en actividades exclusivas. A zona Extranet, cun amplo abano de propostas tanto para inscritos como para visitantes que acudan ao recinto; e o espazo expositivo para as empresas relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico.
Nas actividades da zona Intranet destacan os concursos de arte dixital nas súas tres vertentes: creación de imaxes, música e programación. Non falta tampouco o hardware, con modificación e personalización de equipos ou as granxas de impresoras 3D. Así mesmo, desenvolveranse competicións para PC e videoconsola.
Entre os contidos da zona aberta para todos aqueles que se acheguen ao recinto cómpre apuntar o programa de conferencias, que abordarán temas como os negocios en internet, a seguridade e a privacidade na rede, os hackers ou as últimas novidades no desenvolvemento de software. Tamén terá lugar unha xornada de empresas organizada por R e obradoiros de robótica e de chovafoam, material para o vestiario de cosplay (actividade consistente en empregar disfraces e accesorios para representar unha idea ou un personaxe dun videoxogo, cine, manga ou comic).
A programación deste ano tamén inclúe outras alterativas de ocio, como xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, espazos de realidade virtual, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha zona de rol e outra de nerf ou unha exposición de figuras de ciencia ficción.
Este mes de outubro celébrase na Coruña, Santiago e Vigo o encontro Cybersec@Gal, o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade (desenvolvida en colaboración coas universidades da Coruña e de Vigo) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. O foro contará con importantes apoios da nosa terra e do ámbito estatal, como por exemplo a colaboración da axencia autonómica AMTEGA, de AtlantTIC, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) ou, tamén, do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC). Ás devanditas entidades únense o Centro Tecnolóxico Gradiant, Estrella Galicia, Emetel ou Abanca.
O congreso desenvolverase na sede da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (días 14 e 15 de outubro), na Biblioteca da Cidade da Cultura (o día 16) e no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e o Archivo de Galicia (o 17 de outubro). O evento consiste en catro xornadas de obradoiros, ciber-desafíos e charlas, nas que se falará de solucións, normativas, desafíos e ameazas para a seguridade na contorna dixital. Está dirixido, por unha banda, a estudantes e recentemente licenciados e, pola outra, ao ecosistema empresarial, da man de expertos estatais e internacionais que exporán diversos aspectos no terreo da seguridade TIC. Durante a xornada de clausura entregaranse un total de seis premios valorados en 2.600 euros en total: un premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade (700 euros), dous premios á Tese fin de Mestrado en Ciberseguridade na UDC e a UVigo(400 euros cada un), dous premios á Tese de Fin de Grao en Ciberseguridade na UDC e a UVigo (300 euros cada un) e un premio reto Gradiant - Hijos de Rivera (500 euros).
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organiza xunto coa Facultade de Informática da UDC a IV Edición do Machine Learning Workshop Galicia (WGML2019). Tralo éxito obtido nas anteriores edicións en Santiago de Compostela (WGML2016 e WGML2017) e Vigo (WGML2018), o 17 de outubro celébrase a cuarta edición na Facultade de Informática da UDC. Este congreso acollerá múltiples conferencias con máis dun centenar de participantes.
A base do congreso, a súa razón de ser, está no máis que notable incremento, a longo dos últimos anos, do interese da industria e da comunidade investigadora polas tecnoloxías asociadas ao Aprendizaxe Máquina ou Machine Learning. Segundo lembran o CITIC e máis a FIC, coa irrupción das tecnoloxías Big Data (análise de datos a gran escala) a mellora dos algoritmos de aprendizaxe e a aparición do Deep Learning (aprendizaxe profunda), esta rama da Intelixencia Artificial estase a converter nun referente en practicamente calquera eido de coñecemento.
O comité científico do WGML2019 está integrado, entre outros, polos investigadores do CITIC Ricardo Cao Abad e Bertha Guijarro e polo CEO de Cinfo (empresa ubicada no CITIC), Antonio Rodríguez del Corral. Colaboran na organización o CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, o CESGA, e atlanTTic da Universidade de Vigo.
Programa
Outubro de 2019 vai pasar á historia como o mes no que, con toda probabilidade, máis e mellor se falou na nosa terra de emprendemento e as súas múltiples ramificacións. Un exemplo destacado disto é Talentia Summit 19, encontro impulsado polo Concello de Compostela e a Axencia Local de Colocación e programado para os días 21, 22 e 23 de outubro. Como dixemos en anteriores ocasións, o evento artellarase en dúas vertentes: a do 21 (co foro de relatorios estratéxicos e a xornada de apertura institucional no Auditorio de Galicia) e a vertente dos días 22 e 23 (coa Feira do Talento no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago). Os puntos en común de todo isto serán as capacidades que todas e todos atesouramos (para mellorar empresas e impulsar e renovar o sistema produtivo galego) e as oportunidades que nos brindan as novas ferramentas dixitais para dar o mellor de nós.
Este labor de optimización pode materializarse de moitas maneiras, pero está claro que a transformación dixital á que están abocadas as nosas empresas é un bo caldo de cultivo para exercitar o talento de cada quen. Cousas como automatizar procesos, minimizar custes, xerar fluidez e dinamismo nas tarefas e funcións da empresa, optimizar e mellorar a comunicación e romper barreiras a nivel internacional. En Talentia Summit porase o foco na necesidade de xuntar dous mundos: o das e dos profesionais que veñen empurrando coas súas ideas innovadoras, por unha banda, e as empresas que destacan con diversos casos de éxito en materia de transformación tecnolóxica, pola outra. “En Talentia queremos presentar un lugar especializado no impulso dixital con proxectos referentes en Galicia a nivel europeo”. Por este motivo, empresas e profesionais presentes no encontro abordarán os seguintes temas:
A Consellería de Educación publicou este 7 de outubro a relación dos novos centros que se incorporan ao programa Biblioteca Creativa, en concreto 25 centros. Deste xeito, un total de 79 escolas de infantil e primaria da nosa terra estarán adheridas ao longo do curso 2019/20 a esta iniciativa, que ten como finalidade estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación.
Segundo informa Educación, as dúas ducias de centros públicos acabados de incorporar recibirán os materiais precisos para a construción dun mínimo de catro Escornabots (robots galegos construídos sobre o hardware libre Arduino, a plataforma de enxeños intelixentes máis estendida a nivel docente e profesional), así como outros materiais tecnolóxicos de apoio. Educación salienta que a presenza dos Escornabots e as ligazóns destes con Arduino facilitarán a colaboración coa ampla comunidade de usuarios e desenvolvedores vencellados á placa libre, fornecedora dunha inxente base de documentación que ten un elevado potencial para os proxectos que se realicen nas bibliotecas. E todo isto, engade a Consellería, co engadido extra de tratarse tecnoloxías libres (o software, o hardware e o deseño do Escornabot). O programa realízase en colaboración cos integrantes do proxecto Escornabot, integrado en Bricolabs, asociación de fomento de investigación en tecnoloxías libres.
Os centros que se suman este curso ao programa son os seguintes: CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), CEIP Plurilingüe Graxal (Cambre), CEIP da Barqueira (Cerdido), CEIP Sofía Casanova (Culleredo), CEIP de Pazos (Ferrol), CPI Virxe da Cela (Monfero), CEIP Juana de Vega (Oleiros), CRA de Rianxo (Rianxo), CEIP Lamas de Abade (Santiago), CEIP Labarta Pose (Zas), CPI Luís Diaz Moreno (Baralla), CEIP de Foz número 1 (Foz), CEP Luís Tobío (Viveiro), CEIP Vistahermosa (Ourense), CEIP Plurilingüe Montemogos (Bueu), CEIP Antonio Palacios (O Porriño), CEIP Plurilingüe da Ribeira (O Porriño), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), CRA María Zambrano (O Rosal), CEIP Alfonso Rodríguez Castelao (Vigo), CEIP Escultor Acuña (Vigo), CEIP O Sello (Vigo), CEIP Seis do Nadal (Vigo), CEIP Virxe do Rocío (Vigo) e CEIP de Cerdeiriñas (Vila de Cruces).
Continuaciónb
Pola súa banda os 54 centros que renovan a súa participación recibirán unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo ao abeiro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou ben a través da formación do alumnado con obradoiros de creación audiovisual ou outros ámbitos.
Plan LÍA
Biblioteca Creativa é un programa enmarcado no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares da Consellería, que ten entre os seus obxectivos facilitar recursos e oportunidades para a incorporación de metodoloxías activas e para a integración nos centros das tecnoloxías emerxentes. Neste sentido, un dos desafíos do Plan é “o de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos”.