main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/10/201914:15
Inauguración da 19 edición da Xuventude Galicia Net R Encounter.
Silleda

A Xuventude Galicia Net R reúne no Recinto Feiral Semana Verde a case un milleiro de afeccionados e profesionais da informática

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inauguraron esta mañá a maior “party” informática de Galicia
  • A 19 edición do encontro sobre novas tecnoloxías e ocio electrónico contará cun 12% máis de inscritos que o ano pasado
  • O Recinto Feiral Semana Verde será estes días o lugar mellor conectado de toda Galicia
  • Alfonso Rueda defende que a Xunta cumpre o compromiso de diversificar a actividade da Semana Verde coa combinación entre as actividades tradicionais e novos eventos

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inauguraron hoxe a 19 edición da Xuventude Galicia Net R Encounter que reunirá ata o domingo no Recinto Feiral Semana Verde a case un milleiro de afeccionados e profesionais da informática.

O número de inscritos medrou este ano máis dun 12% respecto á edición anterior e ratifica o evento informático como punto de encontro de referencia para a xuventude nun espazo adicado ás novas tecnoloxías e ao ocio electrónico. Tamén se duplicará a zona de realidade virtual e a velocidade de conexión convertendo estes días ao recinto feiral no lugar mellor conectado de Galicia.

Alfonso Rueda destacou que é o quinto ano consecutivo no que a maior party informática de Galicia se celebra no recinto feiral da Semana Verde, o que demostra a consolidación desta nova ubicación. Este encontro, no que se abordará a tecnoloxía desde todas as súas perspectivas, é un exemplo do compromiso da Xunta na diversificación da actividade da Fundación Semana Verde de Galicia.

Desta forma, o Goberno galego busca incluír cada ano novos eventos no calendario de feiras da Semana Verde que permitan abrir novas oportunidades e garantir a viabilidade do recinto e, ao mesmo tempo, manter as actividades tradicionais como o mercado gandeiro ou a feira multisectorial de mostras e ocio.

Á inauguración da Xuventude Galicia Net R Encounter tamén acudiron o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; ademais do conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, José Miguel García; o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente; e o director de Empresas R e Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle.

O evento informático este ano vólvese articular nas súas tres zonas habituais: a Intranet, dirixida en exclusiva para os inscritos; a zona Extranet, aberta tanto aos inscritos como aos visitantes; e o espazo expositivo para as empresas relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico.

Nas actividades da zona Intranet celebraranse os concursos de arte dixital nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Non falta tampouco o hardware, con modificación e personalización de equipos ou as granxas de impresoras 3D. Ademais, levaranse a cabo competicións para ordenador e videoconsola.

Entre os contidos da zona aberta destaca o programa de conferencias, nas que se abordarán temas como os negocios en internet, a seguridade e a privacidade na rede, os hackers ou as últimas novidades no desenvolvemento de software. Tamén terá lugar unha xornada de empresas organizada por R e obradoiros de robótica e de chovafoam ou accesorios para deseñar o vestiario de personaxes de ciencia ficción (cosplay).

A programación deste ano tamén inclúe outras alternativas de ocio, como xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, espazos de realidade virtual, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha zona de rol e outra de nerf ou unha exposición de figuras de ciencia ficción.

Galicia conta este mes de outubro con outros eventos deste tipo nos que se mesturan tecnoloxía e xuventude. Por unha parte, Mocidade, un encontro entre rapazas e rapaces de Galicia-Norte de Portugal que se celebrará do 25 ao 27 deste mes na Cidade da Cultura. Outra das citas é o primeiro torneo autonómico de League of Legends (LOL) que se está a desenvolver na rede de Espazos Xoves da Xunta de Galicia.

11/10/201910:38
Beatriz Martínez.
Lugo

Beatriz Martínez, enxeñeira de Red Hat, participa este venres en Lugo ao abeiro de Girl STEM

Beatriz Martínez, enxeñeira do equipo Solutions Architets da multinacional tecnolóxica Red Hat profesional especializada en crear sistemas para xestionar nubes de almacenamento de datos, será a protagonista do programa de actividades de Girl STEM este venres 11 de outubro. En virtude da súa participación no programa, impulsado por AGASOL e AMTEGA para derrubar muros en materia de vocacións TIC femininas, Beatriz Martínez falará ante o alumnado de Lugo a partir das 11.30, na sede de Afundación en Lugo (o 16 da praza Maior). Participarán mozas e mozos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato do IES Gregorio Fernández de Sarria e o CPI Ramón Piñeiro de Lugo.

Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Beatriz Martínez lanzarase a desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Logo, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados.

Con esta iniciativa conxunta entre AGASOL e AMTEGA, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola dita axencia.

Quen é Beatriz Martínez

Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de Red Hat para apoiar as áreas de Cloud e Infraestrutura, traballando con sistemas de almacenamento de datos para grandes empresas en todo o mundo. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, en diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os retos e necesidades arredor de distintos ámbitos relacionados coa enxeñería das telecomunicacións, tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.

10/10/201921:00
Dous mozos de compras pasan por diante dun escaparate.
Noia

A Xunta e a Federación Galega de Comercio informan en Noia sobre a nova plataforma para empregar o tícket dixital

  • A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou no encontro no que se afondou nesta iniciativa que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio
  • O tícket dixital achega aos clientes unha maior comodidade e garantía, ao tempo que serve para minimizar o uso do papel e os contaminantes da impresión
  • Esta medida enmárcase no programa Comercio 360, co que se busca mellorar a competitividade do comercio de proximidade poñendo ao consumidor no centro de todas as decisións

 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou esta tarde en Noia nunha xornada na que se informou aos comerciantes da nova plataforma de tícket díxital que a Xunta desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Tal e como se salientou na reunión, que se celebrou en colaboración co centro comercial aberto Noia Histórica, o tícket electrónico permite achegar unha maior comodidade e garantía aos clientes, evitando a perda ou deterioro do tícket en papel, ao tempo que minimizan o uso do papel e os contaminantes vinculados aos procesos de impresión.

Esta medida enmárcase no programa Comercio 360, unha iniciativa coa que se busca mellorar a competitividade do comercio de proximidade poñendo ao consumidor no centro de todas as decisións. Con 5,7 millóns de euros para este ano, búscase poñer en valor a aposta polo produto local, a sustentabilidade e a economía circular, a responsabilidade social e o deseño.

10/10/201917:27
Clausura do seminario sobre novas tecnoloxías no agro.
Lugo

A Xunta enxalza o uso das novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida e o traballo dos cidadáns das zonas rurais

  • A Consellería do Medio Rural, a través da iniciativa europea Leader, aposta pola alfabetización dixital para eliminar as disimetrías entre o urbano e o rural

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, participou esta mañá na clausura do seminario sobre novas tecnoloxías no agro onde destacou que o uso das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) permite mellorar a calidade de vida e traballo dos cidadáns das zonas rurais de Galicia, fortalecendo a creación de valor engadido na economía rural.

Neste senso, Pérez Dubois sinalou que o emprego das TIC é clave para conseguir unha cohesión territorial e reforzar a vertebración económica e social ao mellorar a competitividade das empresas e servizos ubicados no rural galego. Un obxectivo que tamén persegue a Consellería do Medio Rural e que incorpora ao agro a través da iniciativa europea Leader.

Así, Pérez Dubois salientou que a través deste programa europeo preténdese impulsar proxectos que equilibren as diferenzas entre o urbano e o rural, creando servizos que superen o illamento xeográfico e permitan aumentar a interacción social. Neste sentido, o director xeral agradeceu ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 4 Comarca de Lugo, organizador deste seminario, por apostar polo uso das TIC e puxo en valor diversos proxectos que recibirán axudas Leader a través deste grupo e que favorecerán o impulso e dinamización do rural de Galicia mediante o uso destas tecnoloxías.

10/10/201914:22
Participantes no IV Foro Autonómico TIC de Gartner.
Santiago de Compostela

Galicia acolle por primeira vez o Foro Autonómico Gartner, que reúne no Gaiás aos responsables TIC de oito comunidades autónomas

  • Abordan os retos da transformación dixital de cara a vindeira década da man desta consultora tecnolóxica internacional
  • A directora da Amtega abriu o encontro, ao que asisten os seus homógolos de Madrid, País Vasco, Navarra, Andalucía, Cataluña, Extremadura e Castilla-La Mancha

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, abriu esta mañá o IV Foro Autonómico TIC de Gartner, o primeiro que se celebra en Galicia. No encontro, no que participan os responsables da área de transformación tecnolóxica doutras sete comunidades autónomas, abordaranse os retos das administracións públicas para impulsar a transformación dixital no seus territorios de cara a vindeira década.

A responsable da Amtega expuxo no Foro a traxectoria do actual Goberno galego na dixitalización da Comunidade e avanzou as liñas da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, que fai foco no posicionamento do ecosistema dixital galego nas tecnoloxías disruptivas. En liña coas directrices da Unión Europea, o Goberno autonómico apostará na nova folla de ruta polo 5G, a Intelixencia Artificial, o Big Data ou a Ciberseguridade.

Os analistas de Gartner abordaron aspectos chave para as Administracións públicas como as estratexias para incluír as TIC na axenda política, os modelos de financiamento para a transformación dixital ou a evolución das infraestruturas tecnolóxicas para dar resposta ás demandas futuras derivadas da dixitalización.

A Amtega formalizou este ano un acordo con Gartner para compartir co sector tecnolóxico o coñecemento de expertos internacional de primeiro nivel en transformación dixital. A multinacional americana, referente para a toma de decisión en estratexias de investimento en tecnoloxía, tanto para empresas como para Administracións, está a colaborar coa Axencia autonómica na elaboración da Estratexia dixital galega 2030.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS