
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Onte celebrouse unha nova actividade do programa Girl STEM, o programa divulgativo de AGASOL e AMTEGA para mostrar ao mundo as importantes contribucións das mulleres ao ámbito científico-tecnolóxico (ao tempo que se espertan vocacións entre as novas xeracións da nosa terra). A actividade deste luns correu a cargo de Mar Capeáns, científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear), quen se xuntou no pazo da Cultura de Pontevedra co alumnado (250 rapazas e rapaces) do IES de Chapela, do CPI Toural de Vilaboa, do IES Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e dos IES A Xunqueira I e II.
Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Mar Capeáns botouse a desmontar os prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Amais, explicou á rapazada o traballo que desenvolve no CERN, o laboratorio mundial onde colaboran científicas e científicos de todo o mundo en investigacións arredor da enerxía nuclear e o acelerador de partículas que, segundo precisou, “é un anel de 10.000 imáns super-condutores de 27 km de lonxitude a 100 metros baixo terra”. Capeáns sinalou que “para alcanzar retos científicos necesitamos desenvolver moita tecnoloxía e para realizar ese traballo son necesarios perfís de diversas enxeñerías en diferentes ámbitos”. Ao fío disto, relatou o proceso do descubrimento do Bosón de Higgs, cualificándoo como “un dos achados máis importantes da física actual, un paso histórico para a humanidade, co que puidemos demostrar que non existe o baleiro no universo e que foi posible grazas á colaboración de miles de científicos e científicas traballando en equipo”.
Amais, convidou ás/aos estudantes “a participar dos cambios tecnolóxicos que nos agardan nun futuro moi próximo” e achegoulles consellos para descubrir cadanseus talentos, desenvolver unha visión propia sobre cada proxecto, defender o seu espazo e dicir sempre si a cada reto que se lles presente. Durante a súa intervención, Capeáns avogou por “construír un liderado feminino porque as mulleres podemos achegar á ciencia a nosa visión e o noso xeito de facer as cousas” e engadiu que é de lamentar o feito de que “só un 20% das persoas que traballan no CERN sexan mulleres”, unha porcentaxe moi semellante “á que atopamos no resto de institucións científicas e universidades arredor dos ámbitos científicos e tecnolóxicos”. Segundo fixo saber, “cando investimos en mulleres e lles damos oportunidades, os resultados son espectaculares, así que temos que ser xenerosas e inspiradoras para que outras se acheguen a estas profesións”
Coa charla de onte quíxose contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.
Quen é Mar Capeáns
Científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear) en Xenebra, Suíza, Mar Capeáns é doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe un MBA en Xestión de proxectos tecnolóxicos pola École Polytechnique Fédérale e Universidade de Lausanne (Suíza). Incorporouse ao CERN en 1992, para realizar o seu mestrado e doutoramento no grupo de desenvolvemento de detectores de Georges Charpak, premio Nobel de Física ese mesmo ano.
Tras seis anos traballando en proxectos de I+D para atopar as tecnoloxías de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron Collider ( LHC), en 1998 únese ao laboratorio Deutsches Elektronen- Synchrotron (DESY) en Alemaña e participa no deseño, a construción e posta a punto do detector do experimento HERA-B. No ano 2000 regresa ao CERN e en 2001 incorpórase como membro do persoal científico do CERN ao experimento ATLAS do LHC, onde desenvolve a súa actividade no deseño e construción do detector. Experta no deseño e construción de detectores de partículas e a xestión de grandes proxectos tecnolóxicos, lidera o grupo de Tecnoloxía de Detectores do CERN desde 2012 ata 2017. En 2017 a Doutora Capeáns lidera o grupo de xestión de proxectos do Departamento de Tecnoloxía do CERN. En 2019 é nomeada coordinadora técnica para liderar as melloras tecnolóxicas do experimento CMS para HL-LHC, a futura fase do proxecto LHC. A doutora Capeáns publicou máis de 450 artigos científicos no eido da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST), e serviu como asesora en consellos científicos e na avaliación de financiamento competitivo de programas de física de partículas para programas da Comisión Europea e tamén en proxectos internacionais.
A nova edición de XGN R Encounter, a celebrada esta fin de semana (a décimo novena edición) pasará á historia polo importante nivel de satisfacción mostrado, en materia de calidade e servizo, por parte dos 932 participantes na xuntanza informática xuvenil celebrada na Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda. Asemade, a organización de evento salientou o número obtido de persoas inscritas (123 participantes máis que o ano pasado, máis dun 15% de incremento) e os fitos logrados en conexión (unha velocidade de conexión a Internet que duplicou a da edición anterior, pasando de 10 a 20 Gbps) e en cantidade e variedade de actividades para participantes e visitantes. Por estes e outros motivos, destacaron os impulsores da quedada, avanzouse un pouco máis “no camiño de converter XGN R Encounter na segunda LAN party máis grande de España, por detrás da Euskal Encounter”.
En palabras de Ricardo Durán, o director xeral da Fundación Semana Verde, “as melloras introducidas na pasada edición, que buscaban incrementar o confort dos participantes, xunto á optimización da rede técnica, que permitiu duplicar a velocidade de conexión a Internet, de 10 a 20 Gbps, grazas á tecnoloxía de R, marcan o camiño para seguir, ao que cómpre engadir o alto grao de satisfacción dos participantes, segundo se desprende das primeiras valoracións recollidas”. A Feira de Galicia contou de novo con R como colaboradora e patrocinadora e tamén co respaldo da Consellería de Política Social, impulsora do evento. Finalmente, foron 932 os participantes neste evento, que tamén contou con miles de visitantes á Extranet, a zona aberta ao público que ofreceu actividades lúdicas e formativas, de balde, a quen se achegou ao recinto de Silleda (Pontevedra); preto de 2.000 persoas pasaron polo recinto para gozar das experiencias de realidade virtual, conferencias, xogos, exhibicións, talleres formativos e exposicións.
Os organizadores tamén destacaron “a altísima participación dos inscritos nas máis de 70 actividades”. En concreto, “resultou rechamante a calidade dos traballos presentados en arte dixital, o interese polas zonas de impresión 3D e realidade virtual e a asistencia ás conferencias e obradoiros formativos”. Entre estes últimos tiveron especial protagonistmo os talleres Crea R de robótica, financiados pola Fundación Euskaltel e dentro do plan DigiTalent da AMTEGA, onde as nenas e nenos puideron iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos. R tamén organizou durante o evento charlas dedicadas ás empresas, nas que, por exemplo, un experto en redes sociais ofreceu pautas e consellos ás PEME para “comunicar ben na internet” ou un emprendedor socio tecnolóxico de R expuxo como sacou adiante a súa aventura empresarial.
A idade media dos participantes foi de 28 anos, moitos deles son profesionais que acoden á XGN R Encounter como punto de encontro para intercambiar coñecementos e realizar contactos. En canto á súa procedencia, os rexistrados chegaron dende 23 provincias. A gran maioría deles son galegos, pero tamén acudiu un bo número desde Madrid e Asturias, e en menor medida, dende provincias como Toledo, Bizkaia, Cantabria, Burgos, Valladolid, Navarra, Barcelona, Sevilla, Córdoba, Málaga, Murcia e Baleares. A Extranet contou tamén con varios espazos adicados á Realidade Virtual que centraron boa parte do interese dos participantes e visitantes do evento, que puideron gozar da hiperrealidade, na que o usuario experimenta unha inmersión absoluta e interactúa co xogo co seu propio movemento. A XGN R Encounter está vinculada á rede de Encounters de Euskaltel que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai máis de 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, e a Araba Encounter, e na que tamén está integrada a Technium R Encounter (Ourense).
Google Maps anunciou unha importante actualización que axudará ás persoas cegas con deficiencia visual a orientarse dunha maneira máis eficiente mediante indicacións de voz.
Fixeron coincidir este lanzamento co 'Día Mundial da Vista', que se celebrou o pasado día 10. Grazas a esta actualización, Google Maps encargarase de lembrar continuamente ao usuario se está no roteiro correcto.
Unha voz que nos axuda a seguir no roteiro correcto
Ademais, a persoa que active esta función poderá saber canta distancia hai ata o próximo xiro, en que dirección está a camiñar, recibir advertencias cando se aproxime a grandes interseccións ou coñecer se abandonou accidentalmente o roteiro.
Mediante unha entrada no seu blogue, Google sinalou que estas indicacións poden ser útiles tamén para persoas que teñen unha visión normal: "Aínda que esta nova función pode ser de gran axuda para as persoas que teñen discapacidade visual, tamén pode ser de axuda a alguén que desexa unha experiencia sen pantalla na súa próxima viaxe a pé".
E ten moito sentido. Eu utilicei Google Maps camiñando en cidades ou zonas que non coñecía, e ter que ir mirando continuamente a pantalla faise un tanto incómodo. Se tes uns auriculares a man pode ser unha moi boa opción.
"Do mesmo xeito que os anuncios que se escoitan nos cruces peonís ou nos autobuses, todo o mundo pódese beneficiar deles. Non todo o mundo necesitará este nivel de asistencia, pero é fantástico saber que está dispoñible e a só un toque de distancia".
De momento, esta funcionalidade implementouse en inglés nos Estados Unidos e en xaponés en Xapón (tanto en Android como en iOS). Google afirma que pronto estará dispoñible para outros países e idiomas.
Esta semana, a partir de hoxe, celébrase na Coruña, Santiago e Vigo o encontro Cybersec@Gal o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade (materializada pola operadora galega de telecomunicacións en colaboración coas universidades da Coruña e de Vigo) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. O obxectivo das dúas entidades organizadoras é xuntar coñecemento e experiencia para que a nosa terra sexa un referente no eido da ciberseguridade. O evento comeza hoxe con dous obradoiros nas escolas de Informática e Telecomunicacións da UDC e a da UVigo, respectivamente.
O foro contará con importantes apoios da nosa terra e do ámbito estatal, como por exemplo a colaboración da axencia autonómica AMTEGA, de AtlantTIC, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) ou, tamén, do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC). Ás devanditas entidades únense o Centro Tecnolóxico Gradiant, Estrella Galicia, Emetel ou Abanca.
O congreso desenvolverase na sede da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (días 14 e 15 de outubro), na Biblioteca da Cidade da Cultura (o día 16) e no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e o Archivo de Galicia (o 17 de outubro). O evento consiste en catro xornadas de obradoiros, ciber-desafíos e charlas, nas que se falará de solucións, normativas, desafíos e ameazas para a seguridade na contorna dixital. Está dirixido, por unha banda, a estudantes e recentemente licenciados e, pola outra, ao ecosistema empresarial, da man de expertos estatais e internacionais que exporán diversos aspectos no terreo da seguridade TIC. Durante a xornada de clausura entregaranse un total de seis premios valorados en 2.600 euros en total: un premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade (700 euros), dous premios á Tese fin de Mestrado en Ciberseguridade na UDC e a UVigo(400 euros cada un), dous premios á Tese de Fin de Grao en Ciberseguridade na UDC e a UVigo (300 euros cada un) e un premio reto Gradiant - Hijos de Rivera (500 euros).
Axenda de actividades
Luns 14 de outubro (T214. Escola de enxeñería de Telecomunicación Univ. de Vigo) e (L2.02 Facultade de Informática Univ. A Coruña )
Martes 15 de outubro (T214. Escola de enxeñería de Telecomunicación Univ. de Vigo) e (L2.02 Facultade de Informática Univ. A Coruña)
Mércores 16 de outubro (Sala I Biblioteca, Gaiás)
Xoves 17 de outubro (Auditorio Neira Vilas, Cidade da Cultura)
Seguen adiante as actividades de impulso de vocacións tecnolóxicas femininas de Girl STEM, o programa divulgativo de AGASOL e AMTEGA. Hoxe pola mañá é a quenda de Mar Capeáns, científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear). A sesión coa rapazada será no Pazo da Cultura de Pontevedra entre as 11:30 e as 13:00. Participará alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Chapela, CPI Toural de Vilaboa, o IES Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e os IES A Xunqueira I e II.
Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Mar Capeáns intentará desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados. Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.
Quen é Mar Capeáns
Científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear) en Xenebra, Suíza, Mar Capeáns é doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe un MBA en Xestión de proxectos tecnolóxicos pola École Polytechnique Fédérale e Universidade de Lausanne (Suíza). Incorporouse ao CERN en 1992, para realizar o seu mestrado e doutoramento no grupo de desenvolvemento de detectores de Georges Charpak, premio Nobel de Física ese mesmo ano.
Tras seis anos traballando en proxectos de I+D para atopar as tecnoloxías de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron Collider ( LHC), en 1998 únese ao laboratorio Deutsches Elektronen- Synchrotron (DESY) en Alemaña e participa no deseño, a construción e posta a punto do detector do experimento HERA-B. No ano 2000 regresa ao CERN e en 2001 incorpórase como membro do persoal científico do CERN ao experimento ATLAS do LHC, onde desenvolve a súa actividade no deseño e construción do detector. Experta no deseño e construción de detectores de partículas e a xestión de grandes proxectos tecnolóxicos, lidera o grupo de Tecnoloxía de Detectores do CERN desde 2012 ata 2017.
En 2017 a Doutora Capeáns lidera o grupo de xestión de proxectos do Departamento de Tecnoloxía do CERN. En 2019 é nomeada coordinadora técnica para liderar as melloras tecnolóxicas do experimento CMS para HL- LHC, a futura fase do proxecto LHC. A doutora Capeáns publicou máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST), e serviu como asesora en consellos científicos e na avaliación de financiamento competitivo de programas de física de partículas para programas da Comisión Europea e tamén en proxectos internacionais.