
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Yaiza Rubio, analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de protección tecnolóxica de Telefónica, participou onte nun encontro con estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, no que fixeron acto de presenza unhas 250 rapazas e rapaces, ao abeiro do programa Girl STEM: derrubando estereotipos, que impulsan AGASOL e AMTEGA. Rubio achegou datos que explican os porqués da presenza máis reducida de mulleres nos estudos e profesións científicas e tecnolóxicas.
A relatora recoñeceu que existe “un teito claro que se fai moi evidente nas direccións das empresas onde un 90% das persoas con postos de responsabilidade son homes”, pero animou ás rapazas a perseverar, non deixarse vencer por pequenos fracasos e traballar duro e sen complexos: “Ás veces, os impedimentos poñémolos nós mesmas sen darnos conta, temos que confiar nas nosas capacidades e pensar que este é un sector moi práctico, dá igual que sexas muller ou home, tes que pensar no valor diferencial que podes achegar a un traballo”.
A analista engadiu que “precisamos fomentar as carreiras tecnolóxicas nas mulleres, fan falta escolas que aposten por ensinar tecnoloxía; son habilidades que hai que ir incorporando dende moi cedo porque as profesións do futuro non se van parecer nada ás que coñecemos hoxe”, dixo, engadindo que agora, máis ca nunca, precísanse moitos perfís tecnolóxicos no ámbito da seguridade porque “a ameaza cibernética é mundial”.
Yaiza realizou co alumnado un xogo de simulación dun delito de suplantación de identidade a través dun dispositivo móbil. A experiencia serviu, por unha banda, para advertir a mozas e mozos dos perigos de instalar aplicacións que non sexan de confianza, aceptando condicións e permisos que poden ser usados para atentar contra a nosa privacidade e identidade. Por outra banda, a analista valeuse deste exemplo para facerlles ver o útil que pode ser a tecnoloxía como profesión para resolver situacións que supoñen un problema moi frecuente no noso día a día. Neste sentido, ofreceu un dato reflectido no informe que ven de publicar hai menos dun mes a Asociación Española para a Dixitalización, onde se asegura que hai máis de 10.000 empregos vacantes en España arredor das carreiras STEM que non poden cubrirse porque non existen perfís profesionais para realizar estes traballos.
O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura acollerá no segundo semestre do 2020 o Centro GaiásTech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas, que ofrecerá ao ecosistema dixital galego unha ampla carteira de servizos para facilitar o seu posicionamento nas tendencias tecnolóxicas da vindeira década.
O GaiásTech exercerá, ademais, o papel de coordinador da Rede de Nodos de especialización tecnolóxica de Galicia, a través dos que se desenvolverán modelos de colaboración público-privados para impulsar as tecnoloxías dixitais de máis impacto: 5G, Intelixencia Artificial, Big Data ou Ciberseguridade.
O centro, cuxa licitación se publica hoxe, é froito dun convenio entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega) e a Consellería de Cultura e Turismo, que suman un investimento de preto de 2 millóns de euros para a remodelación de ao redor de 1.500 metros cadrados do Centro de Emprendemento, a dotación de equipamento e a súa xestión.
Servizos
Desde o GaiásTech elaborarase e divulgarase o mapa de capacidades dixitais de Galicia e desenvolverase un servizo de vixilancia tecnolóxica, que permitirá identificar as tendencias dixitais nos mercados, así como as posibles oportunidades de posicionamento para o sector TIC.
Tamén ofrecerá soporte e asesoramento especializado aos diferentes sectores para que integren as novas tecnoloxías dixitais. Para facilitar o aliñamento da demanda e a oferta TIC o GaiásTech porá a disposición do sector espazos para a demostración e a experimentación de solucións tecnolóxicas.
Será, ademais, un escaparate do talento dixital galego, servindo como canle de divulgación de proxectos innovadores e de boas prácticas de dixitalización. Acollerá talleres, formación e foros de debate e reflexión multidisciplinares sobre o impacto da revolución dixital na sociedade e a economía.
O GaiásTech configúrase, tamén, como un centro de experimentación e creatividade dixital para facilitar o achegamento do coñecemento tecnolóxico a idades temperas, en liña coas actuacións do Plan DigiTalent da Xunta para promover as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.
Equipamento avanzado
O futuro centro GaiasTech contará co seu xemelgo dixital na rede, unha plataforma tecnolóxica que integrará a axenda tecnolóxica de Galicia; facilitará o traballo colaborativo dos axentes dixitais dende calquera lugar; permitirá o acceso aos recursos dixitais en rede; así como a retransmisión e participación en streaming en calquera actividade ou foro.
Os espazos de demostración e experimentación dixital disporán de equipamento avanzado, que permitirá a aplicación de técnicas de realidade aumentada e virtual para conseguir experiencias inmersivas.
Por outra banda, a segunda fase do Centro de Proceso de Datos Integral dotará de capacidade de almacenamento e procesamento ao GaiásTech para dar resposta ás necesidades de instalación de plataformas e solucións tecnolóxicas avanzadas.
As Bibliotecas Municipais da Coruña van poñer o foco este outono na formación tecnolóxica, mostrando como tirar o mellor partido posible das novas ferramentas dixitais. Estamos a falar de varios servizos de balde e actividades formativas entre os que se atopa o servizo de Atención Tecnolóxica Personalizada, activo xa en varias bibliotecas da cidade. Consiste, en liñas xerais, na presenza no horario e día indicados dunha persoa experta que axuda a resolver dúbidas puntuais: desde a configuración dun teléfono ata cuestións relacionadas co manexo de redes ou a seguridade dixital. Segundo informan dende Coruña Dixital, non é preciso pedir cita previa e, no caso de ser necesaria para resolver os problemas tecnolóxicos das usuarias e usuarios, é posible solicitar unha segunda cita.
Ademais desta atención personalizada, todas as bibliotecas da cidade ofrecen un servizo de Wi-Fi de balde a través dos equipos informáticos dos usuarios ou nos ordenadores do centro, que poden empregarse unha hora ao día. Estes equipos poden reservarse de maneira telemática, seguindo as instrucións que se detallan na web das bibliotecas. A maiores do devandito, a rede municipal de bibliotecas ofrece varios cursos en diferentes centros da cidade:
Rematou o verán e o traballo incansábel para acadarmos unha información e unhas comunicacións máis e mellor protexidas, ao tempo que accesibles, entra nun relevante pico de actividade. Neste pico insírese unha das novas iniciativas de Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, que organiza durante os meses de outubro e novembro a acción Eu♥Ciberseguridade, no marco da Semana Europea da Programación #CodeWeek, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea dentro do Plan de Acción de Educación Dixital e da estratexia para construír un mercado único dixital.
Ao abeira da adhesión de Europe Direct á campaña #CodeWeek, a entidade organizará unha serie de obradoiros e charlas de sensibilización sobre o uso seguro e responsable das TIC. Os obradoiros están dirixidos a un público novo, con idades comprendidas entre os 9 e os 14 anos, e terán dúas edicións. A primeira edición celebrarase os venres 18 e 25 de outubro en horario de 17:30 a 19:30 h. A segunda edición realizarase os venres 8 e 15 de novembro, no mesmo horario. A través desta actividade os mozos “aprenderán a identificar contidos falsos, coñecerán os ciberataques e estafas online máis empregadas na actualidade e saberán xestionar correctamente a privacidade e a súa reputación dixital”.
Pola súa banda, as charlas para adultos, diríxense a pais, nais ou outros familiares do alumnado participante, educadores e técnicos de información xuvenil, co obxectivo de que poidan acompañar aos menores no seu contacto diario coas tecnoloxías TIC. Así, informan a Deputación, “coñecerán ferramentas para o seguimento da actividade dos menores, métodos de defensa fronte a virus e fraudes, ou como reaccionar tras un ataque á seguridade”. A primeira celebrarase o 25 de outubro de 2019, en horario de 17:30 a 19:30 h, e a segunda xeira será o 15 de novembro de 2019. As actividades impartiranse na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña (Rúa Rego de Auga 37, A Coruña).
Yaiza Rubio, analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica, será a convidada hoxe do programa Girl STEM, a través dunha xornada de divulgación e debate co alumnado do Instituto Blanco Amor de Ourense (hoxe entre as 11.30 e as 13.00 horas).
Como lembraremos, o dito programa é unha iniciativa para derrubar estereotipos e falsas crenzas sobre a participación e a potencialidade das mulleres nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Do que se trata é de lembrarlles que existe unha ampla comunidade feminina de profesionais STEM e de que moitos dos grandes achados de investigación do noso tempo veñen da man de mulleres. O programa vén da man da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Yaiza Rubio impartirá a sesión que terá lugar hoy mércores, 9 de outubro, no IES Blanco Amor da Ourense. Participará alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Yaiza Rubio intentará desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Logo abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados. Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.
Quen é Yaiza Rubio
Yaiza Rubio é analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica. En 2017 converteuse na primeira muller hacker española en participar nas conferencias internacionais DefCON e BlackHat. Na actualidade, é a technical lead de Tokenización de Red, unidade de Telefónica destinada ao deseño de solucións centradas na transparencia sobre o uso dos datos persoais.