
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A “Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica” impulsada pola Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia chega hoxe a Monforte de Lemos. Terá unha duración total de 8 horas, repartidas en catro sesións.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, achegáronse hoxe ata a aula CEMIT do concello para visitar ás participantes. En total, a iniciativa chegará durante os meses de setembro, outubro e novembro a oito concellos. Programáronse sesións, ademais de en Monforte de Lemos, na Estrada, Ordes, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Boiro, Monterroso e Moaña.
A escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego con fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.
Así, durante o obradoiro, as participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para exercer estes dereitos.
Montserrat Guardia, directora xeral do Consorcio Alastria Blockchain, explicou a súa visión sobre a presenza das mulleres nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no marco do programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, que impulsa a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a AMTEGA.
Nun encontro con case 300 rapazas e rapaces dos centros IES Monelos, IES Mugardos, IES Rafael Dieste (A Coruña), CPI Camiño de Santiago (O Pino) e IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Guardia apuntou algunhas claves necesarias para que as rapazas escollan libremente una carreira científica ou tecnolóxica, que son ámbitos nos que a presenza feminina tan só representa un 25% do total de estudantes, segundo o informe presentado o pasado mes pola Asociación Española para a Dixitalización, DigitalEs. «As mulleres non podemos deixar que os comentarios e opinións de outras persoas acerca das nosas capacidades, nos inflúan á hora de decidir cal é a nosa vocación», explicou a poñente a un auditorio de rapaces e rapazas de 14 anos que participaron na sesión comentando como enfocan os seus futuros e que nalgún caso manifestaron querer cursar estudios influídos pola opinión de familia e amigos.
Ante estas respostas, a poñente non dubidou en aconsellar que «hai que valorar as opinións que nos dan, pero debemos pensar se o que a xente espera de nós é o que nós queremos de verdade». Montserrat Guardia cre que é necesaria unha maior comprensión cara o papel que pode ter a muller en profesións técnicas e considera que as mulleres deben escoller libremente, sen ataduras sociais ou culturais. «Na miña época era raro estudar Enxeñería de Telecomunicacións. Estaba convencida de que a decisión tiña que ser miña, non dos meus pais nin das miñas amigas».
E engadiu que «o poder de decisión e acción non é unha capacidade masculina ou feminina, é unha capacidade de persoas» e apuntou que, no seu caso persoal tivo a sorte de que as súas parellas apoiaron sempre as decisións e postos de alta responsabilidade, algo que para ela foi fundamental «rodearse de xente que te apoia e evitar a quen non valora os teus desexos e capacidades».
Sobre as carreiras STEM, a directiva de Alastria apuntou que todas as comodidades e avances que melloran o noso día a día baséanse en cálculos matemáticos e operacións de enxeñería que non vemos pero que nos axudan a vivir nun mundo mellor; e dirixíndose ás mozas e mozos do auditorio afirmou «se vos gusta experimentar, cambiar e mellorar a vosa realidade, tedes corazón de enxeñeiras e enxeñeiros». Respecto da discriminación positiva, Guardia cre máis nas persoas que na segregación por xénero: «Necesitamos persoas que saiban traballar en equipo e os equipos teñen que ser inclusivos e representativos de toda unha sociedade para realmente facer achegas valiosas e desenvolver unha tecnoloxía ao servizo da humanidade».
O Espazo xove de Lalín acolle hoxe a primeira competición dentro torneo autonómico do videoxogo League of Legends (LOL). A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acudiu á celebración desta fase do campionato na que participan catro equipos formados por cinco persoas cada un. A Xunta de Galicia procura con esta iniciativa promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos.
Este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, terá lugar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Así, esta fin de semana, ademais da sesión celebrada en Lalín, tamén se celebrará outra en Noia, que terá lugar o sábado.
Da capital dezá clasificaranse para a final dous dos catro equipos participantes, mentres que da localidade coruñesa será tan só un. Cada equipo está conformado por cinco mozos/as, dos cales unha persoa actúa como capitán. Cómpre indicar que antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos.
Tras esta fase inicial nos diferentes Espazos Xove, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Xunta de Galicia.
A Fundación ONCE reúne ás youtubers Nia Cosplay (@LisRudy) e Ely Shuri (@elyshuri) no "Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade" que se celebra do 23 ao 25 de outubro en Málaga, onde realizarán unha demostración de videoxogos inclusivos.
A demostración terá lugar o mércores, 23 de outubro, ás 17.30 horas e tamén contará coa participación de Enrique García, técnico da dirección de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE. Na sesión xogará xunto con Ely Shuri e outras dúas persoas con discapacidade unhas partidas ao videoxogo Fornite, co obxectivo de demostrar a inclusión do colectivo neste sector.
A xornada concluirá co sorteo entre as persoas rexistradas dunha XBOX ONE X e algunhas copias do videoxogo FIFA 20 e Anthem para calquera plataforma.
Esta sesión estará patrocinada por EVAD formación, o maior centro de Andalucía adicado en exclusiva á formación en videoxogos, unha nova escola cunha ampla oferta formativa para todas as idades e niveis: desde obradoiros e cursos introductorios ata masters ou cursos de expertos.
O mesmo mércores, 23 de outubro, ás 13.30 horas, terá lugar unha mesa redonda coa presenza de Pablo Pérez, analista de normativa e certificación accesibilidade de Electronics Arts (EA); José María Moreno, director xeral da Asociación Española de Videoxogos (AEVI); Juan Aguado, investigador da Universidade de Alcalá de Henares, e Carlos de la Iglesia, director de Comunicación e Desenvolvemento Corporativo de Microsoft España. Nela os participantes analizarán os retos e oportunidades que os videoxogos supoñen para as persoas con discapacidade e para a propia industria.
Congreso Tecnoloxía e Turismo
Por segundo ano consecutivo, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña. Nesta terceira edición mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.
O Congreso estará aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo.
Expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de toda índole no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.
O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. "As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global".
Máis información sobre TTD-Congress 2019.
Vodafone ampliou a súa oferta de produtos conectados, a familia V by Vodafone, co localizador intelixente V-Multi Tracker, un pequeno dispositivo con tecnoloxía de xeolocalización pensado para manter localizados obxectos importantes, mascotas e tamén persoas que poidan ser vulnerables ou necesiten atención especial, como pode ser un neno ou algunhas persoas con discapacidade ou persoas maiores.
Trátase dun pequeno dispositivo redondo de só 20 gramos de peso que se pode colocar en case calquera lugar e que envía o sinal da súa localización, tanto en interiores como en exteriores, para axudar en caso de emerxencia ou para evitar situacións perigosas.
V-Multi Tracker incorpora unha tarxeta V-Sim para que o dispositivo poida enviar a súa localización sen necesidade dunha rede wifi ou o uso de tecnoloxía bluetooth.
Este novo produto de V by Vodafone esta formado polo Multi Tracker, a aplicación móbil Trackisafe para xestionar o seu uso e a app V by Vodafone para xestionar a subscrición mensual do servizo.
A combinación da app Trackisafe e o dispositivo localizador permite aos usuarios moitas opcións para incrementar a seguridade, como avisos de emerxencia cun botón SOS incorporado ao Multi Tracker ou avisos de proximidade por se o dispositivo se afastase da persoa que ten o smartphone coa aplicación.
Esta app tamén permite establecer zonas de seguridade que farán que o usuario reciba unha alerta se o localizador sae destas áreas; ou avisos de movemento e velocidade, para alertar se o dispositivo está a moverse ou se supera unha velocidade definida.
Este tipo de dispositivos teñen a vantaxe de que manteñen un control sobre as persoas que necesitan atención dunha maneira menos intrusiva que outros modelos, permitindo unha maior tranquilidade para os usuarios sen invadir a privacidade como fan outros produtos que incorporan cámaras ou outra tecnoloxía.
No fondo, estes dispositivos fomentan a autonomía de moitas persoas maiores ou con discapacidade mentres que ofrecen unha maior tranquilidade aos familiares ou ás persoas que lles asisten.