main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/09/201910:13
Robot TEO.
Málaga

PACA e TEO, os robots intelixentes convidados ao Congreso de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE

O Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade da Fundación ONCE contará entre os seus invitados cos robots PACA e TEO, que interactuarán cos asistentes durante os tres días que dura o evento.

 

PACA é un proxecto da Fundación ONCE desnvolvido por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, cuxas siglas en español significan Asistente Cognitivo Persoal e Accesible. Este robot estará na entrada do Congreso ofrecendo toda a información do evento.

Os que acudan a falar con PACA poderán preguntarlle con voz ou mediante texto na pantalla as dúbidas que teñan e o robot responderalles usando ambas as dúas canles, o que permitirá obter a información, tamén para as persoas con discapacidade auditiva.

 

Este robot ten a capacidade de interactuar con persoas a través da voz, texto e imaxes e ofrece información de maneira accesible para persoas xordas, cegas, con discapacidade visual, intelectual, e tamén para persoas maiores.

 

Así mesmo, PACA utiliza intelixencia artificial para axudar ás persoas con discapacidade en varios escenarios, xa sexa nunha viaxe, no traballo ou nun hospital. No futuro, PACA poderá guiar á xente para ir dun lugar a outro, e axudala na realización de tarefas diarias.

 

Pola súa banda, no Congreso tamén estará TEO (Task Environment Operator; Operador na Contorna das Tarefas), un robot desenvolvido polo Robotics Lab do departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da Universidade Carlos III de Madrid.

 

TEO manexa o alfabeto dactilolóxico, que é o abecedario da lingua de signos, ademais dun vocabulario moi básico que ten que ver cos labores do fogar. Un dos retos aos que se enfrontan para seguir desenvolvendo este sistema é a elaboración de xestos máis complexos, con frases completas. O obxectivo máis amplo é que este tipo de robots poidan converterse en asistentes do fogar, que poidan axudar a pasar o ferro, a dobrar a roupa, servir a comida e interactuar cos usuarios en ambientes domésticos.

 

Congreso Tecnoloxía e Turismo

Por segundo ano consecutivo, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña. Nesta terceira edición mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.

 

O Congreso estará aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo. 

 

Expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de toda índole no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.

 

O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. "As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen, son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global".

 

Máis información sobre TTD-Congress 2019.

30/09/201908:09
Invitación para a conferencia da AETG.
Santiago de Compostela

A Amtega e a AETG organizan a conferencia “A revolución da intelixencia artificial na medicina actual” con Humberto Bustince

  • O catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da University of Nottingham estará o 3 de outubro na Cidade da Cultura
  • O evento está dirixido tanto a profesionais do sector tecnolóxico como ao resto de sectores e por suposto á cidadanía en xeral e ás administracións públicas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan o vindeiro 3 de outubro a conferencia “A revolución da Intelixencia Artificial na medicina actual”, que forma parte do programa de transferencia de coñecemento sobre novas tendencias tecnolóxicas dentro do convenio de colaboración asinado ente ambas entidades.

O relatorio terá lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura ás 11.30 da mañá e será impartida polo catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da University of Nottingham (Reino Unido), Humberto Bustince. Responsable e fundador do grupo de investigación da UPNA sobre Intelixencia artificial e Razoamento Aproximado (GIARA), Bustince é autor de máis de 250 artigos científicos e foi recoñecido este ano co Premio Nacional de Informática.

No evento presentarase o efecto que a Ciencia dos Datos e o Big Data están a ter na medicina e analizarase o novo concepto de medicina personalizada, ou de precisión, á que están dando orixe. Ademais, Humberto Bustince detallará proxectos que xa foron realizados e algunhas liñas futuras, sen esquecer as súas implicacións éticas e técnicas.

Destinatarios e inscricións

A xornada está dirixida tanto a profesionais do sector tecnolóxico como ao resto de sectores e, por suposto, á cidadanía en xeral e ás administracións públicas. As persoas interesadas deberán confirmar a súa asistencia enviando un correo a comunicacion@aetg.gal

Servizo de asesoramento a concellos 

Esta conferencia nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco da súa colaboración coa Amtega.

A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.

27/09/201908:33
Unha parella de persoas maiores utiliza Internet cun computador portátil.
Santiago de Compostela

Google e OCU lanzan unha guía para que os maiores gocen da internet con seguridade

Google e a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) volvéronse a xuntar por segundo ano na campaña "Vive un Internet seguro", que nesta ocasión céntrase nas persoas maiores e os mozos, co obxectivo de que poidan gozar da tecnoloxía dunha forma segura e sen risco.

Con este fin, ambas as entidades elaboraron unha guía para persoas maiores na que recollen consellos para que a idade non se converta nun obstáculo que impida que poidan gozar da internet e das vantaxes que ofrece a tecnoloxía.

Sen dúbida as persoas maiores son un dos colectivos máis vulnerables no uso da internet, unha situación que tamén afecta a outras persoas como os nenos e os mozos, ou as persoas con discapacidade.

Para os nenos e novos, Google e a OCU elaboraron tamén unha guía dirixida aos pais e aos educadores para axudalos a ensinar aos máis pequenos como utilizar a tecnoloxía dunha forma segura.

O obxectivo desta guía é dar ferramentas a pais e educadores para que poidan explicar aos nenos e mozos como recoñecer e abordar os retos que presenta o uso da internet e da tecnoloxía dunha forma orixinal e dinámica.

Estas dúas guías enmárcanse na campaña "Vive un Internet seguro" coa que as dúas entidades tratan de dar aos internautas as ferramentas necesarias para asegurar a súa protección en materia de privacidade e seguridade na rede.

Nesta campaña colaboran tamén a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).

26/09/201912:54
Mans de muller sobre un teclado.
Bertamiráns

Bertamiráns e O Milladoiro acollerán obradoiros de empoderamento TIC para as mulleres

Bertamiráns e O Milladoiro (concello de Ames) van ser un fervedoiro de actividades formativas TIC, máis polo miúdo as aulas de informática das Casas da Cultura de cada unha das localidades. Trátase dun programa de capacitación que terá, ademais, o engadido extra de poñer o foco en incrementar a empregabilidade das mulleres. As accións, catro obradoiros, virán da man da asociación Otro Tiempo, baixo o título xenérico Manexa as novas tecnoloxías e a comunicación para a túa autonomía.
Partindo das ferramentas que facilitan as novas tecnoloxías, os obradoiros buscan o impulso laboral das participantes mediante a posta en marcha de estratexias para atopar emprego ou de desenvolvemento dos seus propios emprendementos. Segundo informa o Concello de Ames, nos diferentes cursos traballarase con dinámicas que axuden ao “empoderamento persoal para facilitar a procura de emprego”.

O principal obxectivo do programa é contribuír ao impulso social e económico das mulleres en situación de vulnerabilidade social, “para que participen plenamente na vida social, económica e cultural”. Así, os obradoiros pretenden “fomentar a redución da brecha dixital, facilitar o acceso das mulleres ás novas tecnoloxías como ferramenta de inserción socio-laboral, promover o autoemprego e construír alianzas e redes solidarias para o intercambio de recursos socio-laborais”. O programa contempla a realización de catro obradoiros. O primeiro, que leva por título Coñécete, valora as túas competencias, servirá para que as mulleres participantes identifiquen as súas capacidades, os medios e o camiño para “seren donas das súas eleccións vitais”. Definiranse os obxectivos persoais e profesionais e aprenderase a elaborar un currículo por competencias.

O segundo dos obradoiros, Receitas dixitais para acadar os teus obxectivos, buscará vencer as resistencias tecnolóxicas e a usar diferentes ferramentas online para atopar traballo e/ou poñer en marcha un plan de autoemprego: TIC imprescindibles, webs, aplicacións móbiles e redes sociais, recursos de procura laboral, como elaborar un currículo creativo, plataformas para dar a coñecer un proxecto de autoemprego e estratexias para ampliar a rede de contactos.

O obradoiro Máis que palabras, aprópiate da comunicación servirá para adestrar ás participantes en habilidades de comunicación precisas para resolver conflitos, falar en público con seguridade, encarar unha entrevista laboral ou contar un proxecto de emprendemento.

Por último, no obradoiro Iniciativas inspiradoras, proxectos liderados por mulleres coñeceranse diferentes opcións para a formación e a autonomía económica, afondando nas posibilidades que ofrece a economía social e solidaria para a incorporación ao mercado laboral con proxectos que dan prioridade ás necesidades das persoas na posta en marcha de proxectos de emprendemento colectivo.

26/09/201912:51
Cartel da iniciativa.
Ponteareas

A aula CeMIT de Ponteareas celebra con charlas tecnolóxicas o Día das Persoas Maiores

aula CeMIT de Ponteareas vén de anunciar un completo programa de actividades para conmemorar (tecnoloxicamente) a chegada do outono e, tamén, a celebración o vindeiro 1 de outubro do Día das Persoas Maiores. Así, o espazo local de formación TIC anuncia que o vindeiro mes haberá cursos de iniciación á informática, de procura de información na Rede, de DNI electrónico e certificados dixitais, de emprego do correo electrónico, de folla de cálculo, de aplicacións de Google, de edición de audio e vídeo e da ferramenta Google Drive.

Ademais, o día 1 de outubro con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, proxectaranse dúas charlas, unha ás 10:30 horas baixo o título Materia pendente do século XXI: formación ao longo da vida e a outra, ás 17:00 horas, Trucos Google para buscar por Internet.

A Concellería de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, que dirixe Benito Márquez, informa que para inscribirse tan só hai que achegarse ata a aula CeMIT no Centro Social que ten emprazamento na rúa Oriente ou ben contactar no número de teléfono 673 794 883 ou a través do enderezo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS