main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/09/201914:33
Momento da presentación.
Santiago de Compostela

A Xunta presenta ao seu persoal o funcionamento do sistema electrónico de atención á cidadanía

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou esta mañá na xornada explicativa para persoal da Xunta sobre o Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía (SIACI), á cal asistiron 100 traballadores da Presidencia, da Vicepresidencia e das Delegacións Territoriais. A mediados de outubro haberá outra xornada de formación na que se prevé a asistencia de 500 funcionarios do Goberno galego.

Segundo explicou Natalia Prieto, en base ao regulado na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e no Decreto 129/2016, do 15 de setembro, de atención á cidadanía no sector autonómico de Galicia, deseñase o Sistema Integrado de Atención á cidadanía, que recolle nun único punto a xestión relativa a todas aquelas queixas ou suxestións, así como as solicitudes de información xeral e particular e o acceso a información pública, que a cidadanía desexe presentar por distintos canles, xa sexa electrónico, presencial ou telefónico. O “Sistema Integrado de Atención á Cidadanía (SIACI)”, será a ferramenta cun sistema de xestión e tramitación electrónica integral de procedementos transversais de atención á cidadanía que permita a xestión e a medida da satisfacción respecto dos servizos prestados á cidadanía e da información facilitada, no ámbito da administración, contribuíndo á mellora continua dos mesmo. A implantación de solución tecnolóxica SIACI permitirá dispoñer dunha ferramenta transversal única para a Xunta de Galicia na que xestionar os procedementos específicos para a atención á cidadanía mediante a tramitación electrónica de principio a fin, optimizando as competencias e funcións do persoal empregado público, homoxeneizando a xestión da administración nos procedementos aos que dará cobertura, en canto a prazos e formas de actuación. Ademais de detectar e articular as posibles melloras, para aplicar as modificacións oportunas nos servizos e procedementos en relación á prestación de servizos á cidadanía.

Vantaxes para a cidadanía

Ser atendido a través dun sistema único e integral. Garantir a efectiva atención á cidadanía a través de un sistema integral. Sistema multicanle. Facilitar o acceso a través de distintos canles para presentar a solicitude de información e as queixas ou suxestións. Coñecer en que estado se encontra a súa solicitude en calquera momento. Facilitar información da situación (tramitación) do seu expediente. Seguimento da tramitación da queixas, suxestións, reclamacións ou peticións de información presentada por parte da cidadanía, desde un único punto a través da integración na Carpeta do Cidadán.

24/09/201914:15
Participantes na xornada.
Vigo

A directora da Axencia Galega de Innovación afirma que espertar o interese das nenas pola ciencia e a innovación é unha prioridade do seu departamento

  • Patricia Argerey fixo estas declaracións no marco do II Taller “Impulsando as futuras líderes en ciencia e tecnoloxía nuclear”, organizado pola asociación Women in Nuclear (WIN) España esta mañá en Vigo
  • No taller participaron rapazas de 12 a 15 anos co obxectivo de promover a ciencia e a tecnoloxía entre as mozas a través da interacción con mulleres profesionais
  • A directora de Gain achegou as actuacións de fomento das vocacións científicas da Axencia Galega de Innovación durante unha mesa redonda de presentación de casos de éxito

 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, comentou ante un público de rapazas de entre 12 e 15 anos que ten “unha obsesión e unha ocupación moi importante: traballar para que as nenas de Galicia sexan mellores profesionais o día de mañá naquelas áreas de futuro da nosa economía e da economía global e dixital”. Patricia Argerey achegaba así unha das prioridades do seu departamento, a de espertar o interese e a motivación das nenas pola ciencia e a innovación, no marco do II Taller “Impulsando as futuras líderes en ciencia e tecnoloxía nuclear” organizado por Women in Nuclear España esta mañá en Vigo, coincidindo coa 45º Reunión Anual da Sociedade Nuclear Española.

Argerey, que comezou explicando a súa propia traxectoria profesional e experiencia persoal, centrouse en explicar á audiencia as actuacións que leva a cabo o seu departamento para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade e, especialmente, entre as nenas e mozas. Neste ámbito, a directora de Gain puxo como exemplo das actividades encamiñadas a potenciar habilidades como a imaxinación, a creatividade e o espírito emprendedor como cualidades clave para o desenvolvemento dunha carreira profesional no eido científico-tecnolóxico, a feira Galiciencia, a maior feira científica para escolares que se celebra en Galicia, as Aulas Tecnópole, nas que os participantes desenvolven proxectos científico-tecnolóxicos ao longo do curso, ou os campamentos tecnolóxicos de verán -todas elas organizadas polo Parque Tecnolóxico de Ourense (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas; ou o Día Internacional das Rapazas nas TIC e as xornadas de portas abertas para centros de ensino secundario que organiza o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e as Aulas Parga Pondal, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal en Ponteceso.

Por último, a directora de Gain adiantou dous novos programas que se inician durante este curso 2019-2020 para fomentar vocacións científicas: o programa D´tec, para fomentar o Deseño, a Ciencia e a Tecnoloxía entre a mocidade e que incluirá espectáculos e talleres no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol, e o programa de vocacións da Civil UAVs Initiative, a acción estratéxica da Xunta de Galicia para desenvolver o sector aeroespacial en Galicia, a través de talleres, charlas e visitas principalmente na cidade de Lugo e no Aeródromo de Rozas (Castro de Rei).

24/09/201914:06
Inauguración do Curso Superior en Administración Electrónica.
Santiago de Compostela

A Xunta porá en marcha en 2020 un Plan de capacitación dixital do empregado

  • É un do obxectivos recollidos na recentemente aprobada Lei de Administración Dixital de Galicia
  • As directoras da Amtega e da EGAP xunto co presidente do CPEIG inauguraron hoxe unha nova edición do Curso Superior en Administración Electrónica
  • Un total de 80 profesionais da Administración galega participan neste itinerario formativo que rematará o 22 de outubro
  • A Amtega e a EGAP ofrecen este ano máis de 1.800 horas de formación para acompañar aos profesionais públicos no proceso de transformación dixital que se está a abordar

A Administración autonómica contará cun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. Así o adiantou esta mañá a directora da Amtega, Mar Pereira, na inauguración do Curso Superior de Administración Electrónica, na que tamén interviñeron a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez.

Máis formación, maiores niveis de uso

A responsable da estratexia dixital autonómica sinalou que se está a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, recollido na Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), e que se prevé que estea regulado no 2020. Neste sentido, destacou a importancia da formación no proceso da transformación dixital e lembrou que este ano, grazas á colaboración entre a EGAP e a Amtega, a oferta formativa supera as 1.800 horas en diferentes cursos sobre Administración electrónica e seguridade.

A directora da Amtega subliñou que o acceso dos empregados públicos á formación é clave para que poidan desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais.

O sistema de indicadores do Plan de Goberno e Administración Dixitais 2020 apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro coma fóra da Administración. A nivel interno no primeiro semestre do ano os empregados públicos realizaron 4,7 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, un 32% máis que en 2018; rexistráronse máis de 233.000 notificacións electrónicas, un 41% máis que no mesmo semestre de 2018 e asinaronse máis de 1,8 millóns de documentos electrónicamente, preto do dobre que o ano anterior. Por parte dos cidadáns mantense o incremento da xestións online coa Xunta fronte ás presenciais.

Por outra banda, a directora da EGAP sinalou a importancia da formación do empregado público para poder afrontar os retos tecnolóxicos e normativos que está a supoñer a administración dixital. Neste senso, destacou o proxecto Universo EGAP innova, unha nova iniciativa da Escola que ten como finalidade contribuír á implantación da administración electrónica a través dunha formación práctica, colaborativa e dinámica que implique ao alumnado. No marco deste proxecto, o pasado venres convocouse no DOG o primeiro dos E-martes, no que 50 persoas accederán a unha xornada práctica sobre o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Curso Superior de Administración Electrónica

Un total de 80 empregados públicos participarán ata o 22 de outubro no curso inaugurado hoxe, e que lles permitirá afondar na concepción da Administración electrónica desde unha perspectiva técnico-xurídica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da Comunidade. O curso ofrece 30 horas na modalidade semipresencial e 84 en teleformación. 

24/09/201908:08
Cartel do evento.
A Coruña

A FIC acolle este martes a fase de clasificación da I Liga Nacional de Retos no Ciberespazo

Facultade de Informática da Universidade da Coruña acolle este martes 24 a fase de clasificación da I Liga Nacional Interuniversitaria de Retos no Ciberespazo, que organiza a Dirección Xeral da Garda Civil e o Centro Universitario da Garda Civil. Segundo nos contan dende a FIC, a cita deste martes consiste nun campionato no que se porán a proba as habilidades técnicas do alumnado en distintos eidos da seguridade en Internet e as novas tecnoloxías.

O campionato artéllase dúas fases, a primeira, clasificatoria durante os meses de setembro e novembro que se desenvolverá en quince sedes universitarias en España e a segunda, a fase final, que terá lugar no Centro Universitario da Garda Civil.

A fase de clasificación da UDC comezará mañá ás 9:00 horas na aula 2.10 da Facultade de Informática coa participación de catro equipos. As sesións comezarán cunha conferencia dos coordinadores do campionato que dará paso aos retos. Os finalistas serán os que obteñan un maior número de puntos, elixíndose un representante de cada universidade, que pasarán á fase final na que terán que superar unha serie de desafíos de habilidade semellantes e complementarios aos da fase inicial. Os premios consistirán en material tecnolóxico, bolsas de estudo e períodos de prácticas en empresas. Para máis información sobre esta actividade, cómpre visitar a web da Liga Nacional.

24/09/201908:03
Cartel da iniciativa.
O Milladoiro

Abre o prazo de inscrición para participar nos cursos TIC da Aula de Informática do Milladoiro

Aula de Informática do Milladoiro abre hoxe o prazo para anotarse nos cursos TIC que organiza para este último trimestre do ano 2019. A oferta está formada por un obradoiro de mecanografía para adultos; outro de correo electrónico tamén para maiores de 16 anos; e un curso de iniciación á programación con Scratch, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos. Ao remate desta nova as e os asistentes poderán obter a solicitude de inscrición das diferentes accións formativas, que son de balde e que van dirixidos a persoas de máis de 16 anos (agás o de Scratch, que é para a rapazada de entre 9 e 12).

O curso sobre mecanografía, unha actividade de cinco horas de duración, desenvolverase os días 15, 17, 22, 24 e 29 de outubro. Achéganse 10 prazas por quenda (de 10:00h a 11:00h ou de 18:00h a 19:00 horas). Por outra banda, no mes de novembro está prevista a realización dun obradoiro de correo electrónico, pensado para persoas maiores de 16 anos que queiran sacar rendemento á ferramenta. Este obradoiro de catro horas e media de duración terá lugar os días 12, 14 e 19 de novembro, en horario de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10. Finalmente, a programación complétase coa realización dun curso de iniciación á programación con Scratch, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos, co obxectivo de elaborar tarxetas de Nadal. O curso ten unha duración de dúas horas e desenvolverase o 23 de decembro, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Hai dez prazas dispoñibles. 

O prazo de inscrición para estes obradoiros está aberto desde este luns, 23 de setembro, até que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas que confirmasen asistencia. As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS