main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/05/202321:49
Imaxe abstracta.
Santiago de Compostela

A Xunta asina a constitución do consorcio europeo de goberno intelixente ‘Govtech4all’ xunto con outros 21 organismos de 15 países

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid e a Deputación Foral de Biscaia son os catro integrantes españois deste consorcio
  • Govtech4all é resultado dun acordo de asociación que desenvolverá proxectos piloto para fortalecer o mercado único europeo a través de novos modelos de innovación ao servizo das Administracións públicas
  • Galicia participa nunha das tres primeiras accións piloto, sobre seguridade na información en espazos de datos transfronteirizos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe en Bruxelas no acto de sinatura do acordo de asociación que pon en marcha o consorcio Govtech4all para experimentar novas formas para proporcionar innovación ao sector público a través da colaboración público-privada.

O proxecto permitirá a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxuntos nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Neste contexto, e segundo explican os promotores da iniciativa, “as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de ‘Govtech’ deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta”. Ademais, o consorcio terá tamén como obxectivo o de crear conciencia sobre os gobernos intelixentes, dispoñer dun mapa de situación sobre o desenvolvemento das administracións dixitais e compartir as leccións aprendidas entre os socios e outros actores da UE”.

No Acordo Marco de Asociación participan axencias e empresas de 15 países europeos: España, Bélxica, Portugal, Polonia, Países Baixos, Suecia, Grecia, Letonia, Luxemburgo, Alemaña, Estonia, Dinamarca, Lituania, Francia e Italia. Por parte de España, os asinantes son o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid, a Lantik (sociedade que participa en exclusiva pola Deputación Foral de Biscaia para a transformación dixital) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O acto desenvolvido hoxe en Bruxelas contou coa participación do comisario europeo de Orzamento e Administración, Johannes Hahn. Tamén participou como invitado o vice-primeiro ministro de Innovación de Ucraína, Mykhailo Fedorov, que acudiu á capital comunitaria para presentar o modelo ucraíno de goberno dixital e a importancia que ten a aplicación “O Estado no móbil” para manter unida á unha poboación que está a ser atacada.

Por parte da Xunta, participou na sinatura a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, que estivo acompañada pola coordinadora técnica de Políticas Europeas da Fundación Galicia Europa, Vanessa Lobo.

No acto de hoxe tamén foron presentados os tres proxectos piloto escollidos para a primeira fase de Govtech4all sobre “Desafío das startup”, “Axuda á cidadanía europea para obter beneficios sociais dos Asistentes Persoais de Regulación (PRA), e “Seguridade da información en espazos de datos transfronteirizos”. Nesta última participa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Contratación pública IA

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica tamén participou hoxe en Vigo na xornada sobre “O Marco Legal para a Contratación Pública de Intelixencia Artificial na Unión Europea”. Baixo o título “Contratación pública da Intelixencia Artificial: construíndo unha ponte entre a regulación europea e a necesidade rexional”, o director da Axencia autonómica, Julián Cerviño, avanzou os retos da Administración autonómica como usuario de Intelixencia Artificial, apuntando ao uso de compra pública innovadora e outras formas de colaboración para construír solucións a medida.

Neste ámbito avanzouse coa creación dun departamento de xestión de datos para establecer políticas e guías que garantan a calidade dos datos e o seu uso adecuado en futuras aplicacións de técnicas de IA. Ademais, está en vigor un Acordo Marco para a aplicación de tecnoloxías disruptivas no sector público autonómico.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destacou que Galicia aspira a converterse nunha rexión intelixente impulsando o desenvolvemento dunha intelixencia Artificial punteira, ética e segura que permita avanzar cara unha economía baseada no coñecemento.

Neste sentido, Cerviño destacou o papel da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial aprobada en xuño de 2021 e a creación do nodo galicIA, que impulsou a candidatura galega para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Ademais, o director da Axencia autonómica lembrou que Galicia é a primeira comunidade española que está a analizar o impacto ético da aplicación de tecnoloxías no seu territorio para poder adaptar a lexislación galega a esta nova realidade.

25/05/202308:38
Premiados e premiadas no ‘SuperReto DigiCraft’ en Galicia.
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone España e a Xunta dan a coñecer os gañadores do “Superreto Digicraft” de Galicia

  • Nesta final autonómica presentáronse os proxectos finalistas do concurso SuperReto DigiCraft, no que participan os centros educativos rexistrados no programa ‘DigiCraft no teu cole’ de Galicia
  • O CEIP Do Foxo alzouse como gañador na categoría de 6 a 8 anos e o CPR Plurilingüe A Encarnación na de 9 a 12 anos, obtendo cada centro un premio composto por un kit tecnolóxico valorado en 300 € e a oportunidade de participar na gran final nacional que se celebrará o 14 de xuño na sede de Vodafone en Madrid
  • Esta iniciativa complementa o esforzo da Administración autonómica e a comunidade educativa para consolidar unha educación dixital

A Fundación Vodafone España fixo entrega dos premios aos gañadores do ‘SuperReto DigiCraft’ en Galicia: O CEIP Do Foxo, na categoría de 6 a 8 anos; e o CPR Plurilingüe A Encarnación na categoría de 9 a 12 anos. O acto de entrega de premios tivo lugar no Edificio Fontán de Santiago de Compostela e contou coa participación da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; e a directora xeral da Fundación Vodafone España, Gloria Pracer.

O SuperReto consiste nun concurso no que estudantes de Primaria, que forman parte do programa ‘DigiCraft no teu cole’, participan a través dun proxecto tecnolóxico onde demostran as competencias dixitais adquiridas durante o ano e poñen de relevo outras competencias transversais traballadas como a creatividade, o pensamento crítico e a colaboración.

Nesta edición do SuperReto presentáronse 28 proxectos de 20 centros educativos da rexión, que se traduciu nunha participación total de 650 alumnos e alumnas e máis de 20 docentes galegos. Deles, chegaron á final celebrada hoxe 150 alumnos e alumnas de 7 centros. Os finalistas expuxeron os seus proxectos ante un xurado técnico que elixiu aos gañadores: o CEIP Do Foxo da Estrada, na categoría de 6 a 8 anos; e o CPR Plurilingüe A Encarnación de Caldas de Reis na categoría de 9 a 12 anos, que recibiron como premio un kit tecnolóxico valorado en 300 €, un trofeo conmemorativo para o centro e material promocional para a aula.

Así, este ano o ‘SuperReto DigiCraft’ vinculouse ao tema “Misión Espacial”. Todos os proxectos entregados tiñan como fin descubrir no espazo formas de vida máis sustentables, un obxectivo relacionado co propósito de sustentabilidade de Vodafone. As aulas tiveron que resolver o reto de forma grupal, de maneira que a clase enteira tivo que crear unha máquina exploradora ou un medio de transporte interplanetario. Ademais, para cumprir cos requisitos, o proxecto debía ser interactivo e integrar o uso, de maneira protagonista, de polo menos un material tecnolóxico dos incluídos nos kits DigiCraft.

Os centros educativos galegos que participaron na final do ‘SuperReto DigiCraft’ son: CPR Plurilingüe A Encarnación, de Caldas de Reis (Pontevedra); CPI Plurilingüe Virxe da Cela, de Monfero (A Coruña); CPI Plurilingüe O Cruzamento, de Cerceda (A Coruña); CEIP Nicolás do Río, de Cedeira (A Coruña); CPR O Castro, de Vigo (Pontevedra); CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei (Lugo); e CEIP Do Foxo, da Estrada (Pontevedra).

Os dous centros gañadores participarán na SuperFinal Nacional o 14 de xuño, que se celebrará na sede de Vodafone en Madrid e á que acudirán o resto dos equipos gañadores das diferentes Comunidades Autónomas. De entre eles, escolleranse aos dous equipos gañadores a nivel nacional, un na categoría de 6-8 anos e outro na categoría de 9-12 anos.

Gloria Pracer, directora xeral da Fundación Vodafone España, subliñou: “A terceira edición do SuperReto DigiCraft en Galicia pon de manifesto os froitos da colaboración da Xunta e a Fundación e o firme apoio de ambas as institucións pola innovación educativa, apostando pola adquisición de competencias dixitais a través do xogo e a experimentación desde idades temperás”.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, sinalou que “que fai máis de dez anos a Administración autonómica galega iniciou un proceso de transformación da educación para adaptala ás necesidades dun mundo dixital”. Cerviño subliñou que a iniciativa DigiCraft “complementa o esforzo de toda a comunidade educativa para consolidar a educación dixital que necesitamos”. 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa subliñou a importancia de programas coma o DigiCraft para potenciar “as competencias dixitais” entre os máis novos, de quen destacou “o alto nivel de creatividade, como comprobamos hoxe neste evento”. Judith Fernández ratificou o compromiso da Xunta co desenvolvemento das competencias STEM e o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas desde as aulas con iniciativas como os Polos Creativos.

Programa DigiCraft

O programa ‘DigiCraft no teu cole’ en Galicia leva xa tres anos en funcionamento, con presenza en 180 centros educativos da rexión, chegando este ano a 8.500 alumnos e alumnas e 400 docentes formados en competencias dixitais. A rexión foi pioneira en España na implantación deste programa no curso 2019-20 en 50 colexios, o que pon de manifesto o compromiso coa innovación educativa por parte da Xunta de Galicia e a súa sostida motivación en promover as competencias dixitais dos máis pequenos e pequenas.

DigiCraft é unha iniciativa da Fundación Vodafone España que, mediante a colaboración coas Consellerías e Departamentos de Educación das Comunidades Autónomas, preséntase nas aulas como ‘DigiCraft no teu cole’, un programa formativo que pretende dotar de competencias dixitais ao alumnado de Primaria e os seus docentes, espertando o interese polas tecnoloxías máis emerxentes, a través do xogo e a experimentación.

22/05/202307:57
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

O Nodo CIBER.gal leva a Ourense a xornada “Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro” o vindeiro 13 de xuño

  • O obxectivo da xornada é fomentar a creación de talento especializado, trasladar as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e dar a coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia
  • O Nodo, promovido pola Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, consolida a súa posición como referente galego no eido da ciberseguridade ao incorporar ao seu ecosistema as entidades Accenture, Ays Innova, Coren, Hijos de Rivera, Inditex, Microsoft Ibérica e SIA
  • O III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal celebrarase os días 8 e 9 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia e traerá consigo novas actividades singulares para chegar a todos os públicos

 

O Nodo CIBER.gal organiza, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, a xornada “Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro”, o vindeiro martes 13 de xuño. 

O CIBER.gal é un proxecto de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e afrontar os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo.  

A xornada, que terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, ten como obxectivo achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaborarán entidades e persoas referentes neste ámbito, como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros.  

Totalmente de balde, as persoas interesadas poderán inscribirse en modalidade online ou presencial en todas as actividades do programa. Entre elas, destacan unha mesa redonda na que se abordará a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos, obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade e, tamén, a presentación da Estratexia Galega de Ciberseguridade 2030, a cargo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Todas elas serán celebradas en horario de mañá o martes 13 de xuño.  

Nos vindeiros días, publicarase o detalle da xornada no novo espazo web do Nodo CIBER.gal, albergado en ciberseguridadegalicia.gal, e facilitaranse as indicacións para inscribirse á xornada. 

O Nodo CIBER.gal tamén anuncia a data de celebración do xa terceiro encontro CIBER.gal, os días 8 e 9 de novembro, na Cidade da Cultura de Galicia, agardando un éxito similar ao de anteriores edicións nas que se superou a participación de máis de 4.000 escolares en concursos de ciberseguridade e xerou preto de 2.000 inscricións.  

Ademais, recentemente aprobouse na VI Comisión de Seguimento do Nodo CIBER.gal a incorporación de sete novas entidades ao ecosistema de colaboración. Entre elas, atópanse Accenture, Ays Innova, Coren, Hijos de Rivera, Inditex, Microsoft Ibérica e SIA. Todas elas súmanse ao espazo de colaboración que agrupa a máis de 50 entidades públicas e privadas comprometidas coa sensibilización e capacitación en ciberseguridade de Galicia, a mellora do nivel de ciberseguridade na comunidade, e o fomento de talento especializado para salvar o desaxuste existente entre oferta e demanda laboral neste campo.

No seu marco, tamén se constituíu e puxo en marcha o grupo de traballo da cidadanía, que deseñará e executará iniciativas destinadas ás ANPAs de Galicia, clubes deportivos, menores e persoas maiores, entre outros. O fin de todas elas é común, facerlles ver a importancia de ser precavidos no emprego da rede e dotalos de boas prácticas e ferramentas para combater a ciberdelincuencia na nosa comunidade.

14/05/202309:58
Reunión da Comisión de Seguimento do nodo de intelixencia artificial de Galicia (nodo galicIA).
Santiago de Compostela

O nodo de intelixencia artificial crea áreas de traballo específicas para coordinar os recursos de Galicia nesta tecnoloxía

  • A Comisión de Seguimento do nodo galicIA reuniuse esta semana para aprobar o seu modelo operativo e consolidarse como organismo de referencia na intelixencia artificial en Galicia
  • Nesta sesión foron creados grupos de traballo sectoriais en materia de sanidade e competitividade e innovación
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coordinará un grupo de traballo transversal sobre ética e normativa que supervisará a elaboración de códigos de conducta, guías e manuais de boas prácticas para a adopción da intelixencia artificial en Galicia

A Comisión de Seguimento do nodo de intelixencia artificial de Galicia (nodo galicIA) reuniuse esta semana en Santiago de Compostela e acordou un modelo operativo baseado en capítulos sectoriais e capítulos transversais.

Entre os obxectivos deste modelo atópase o de coordinar esforzos para optimizar os recursos dispoñibles e lograr un maior alcance das accións desenvolvidas sobre intelixencia artificial na nosa comunidade. Ademais, centralizarán o coñecemento, fomentarán a colaboración público – privada e facilitarán a planificación.

Cada un dos capítulos disporá da súa propia comisión de seguimento. En concreto, nesta reunión foi aprobada a creación dos capítulos sectoriais de sanidade e competitividade e innovación. Tamén foi acordada a creación dun capítulo transversal sobre ética e normativa que será coordinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Os responsables do nodo acordaron tamén a creación dun comité de expertos que asesorará á Xunta para un desenvolvemento ético e fiable desta tecnoloxía.

O nodo galicIA está formado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación; a Consellería de Facenda e Administración Pública; a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; a Consellería de Sanidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como pola Comunidade de Traballo Galicia Norte de Portugal; a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

Este órgano, que se encarga de velar polo cumprimento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), foi o encargado de preparar a candidatura de Galicia para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).

Comité de expertos

O Comité de expertos asesores de IA estará formado por profesionais de prestixio internacional recoñecido nos ámbitos da economía, a filosofía e evolución humana, a socioloxía, a tecnoloxía aplicada e o dereito.

A súa función será a de asesorar, informar e formular recomendacións á Xunta de Galicia a través da incorporación do coñecemento, as boas prácticas identificadas e unha visión integral cara a deseñar accións en materia de IA. En concreto e, entre outras, a elaboración de recomendacións para proporcionar asesoramento sobre a aplicación ética no desenvolvemento e emprego da IA con respaldo da normativa europea; o asesoramento para o impulso de accións formativas e de concienciación; o asesoramento para o deseño dunha folla de ruta para a potenciación das competencias STEM vencelladas á IA; ou o asesoramento en materia de avaliación do impacto da IA nos sectores produtivos, a Administración pública e a sociedade.

Guías, manuais e códigos de conducta

O Comité de Expertos formará parte, xunto cos integrantes do nodo, do capítulo transversal sobre ética e normativa. Entre os obxectivos deste capítulo atópase o de velar pola preservación da privacidade dos datos, a explicabilidade do funcionamento dos sistemas de IA e a neutralización de prexuízos. Este grupo encargarase da supervisión de guías e manuais de boas prácticas por sectores; o marco ético para o desenvolvemento da IA nas Administracións públicas de Galicia e os códigos de conducta e guías de adopción da IA.

13/05/202310:50
Muller usando un microscopio.
Santiago de Compostela

O sector tecnolóxico galego supera a cifra das 3.000 empresas e crea máis de 1.000 novos postos de traballo no último ano

  • O emprego no sector TIC en Galicia medrou un 5,1 % no último ano, acadando os 21.803 traballadores en 2022
  • Galicia conta con 3.020 empresas tecnolóxicas, que representan o 4,5 % do total a nivel estatal
  • O valor engadido bruto do sector TIC galego supera os 1.740 millóns de euros e roza o 3 % do PIB galego

O sector tecnolóxico galego creou 1.063 postos de traballo en 2022, un 5,1 % máis que o ano anterior, acadando os 21.803 empregados. Ademais, a Comunidade supera a cifra das 3.000 empresas tecnolóxicas, o 4,5 % do total estatal, e ocupa novamente a quinta posición no conxunto do Estado por numero de empresas TIC. O peso do sector na economía galega reflíctese no seu Valor Engadido Bruto con máis de 1.740 millóns de euros, que supón o 2,97 % do PIB total de Galicia.

Son parte das cifras que analiza o estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2022”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa onde se recollen os indicadores asociados a este sector.

Actividades de I+D+i, Innovacións e Formación en TIC

O estudo sinala que catro de cada dez empresas TIC levaron a cabo actividades I+D+i durante o período 2019-2021, o que supón un 32,8 % máis que no período 2018-2020. Destas empresas o 76,3 % obtivo resultados comercializables.

No ano 2022, o 34,8 % das empresas tecnolóxicas galegas impartiu formación en tecnoloxías da información e comunicación ao seu persoal. A Ciberseguridade (40,3 %) e os Contornos de programación (38,6 %) son as dúas áreas de maior interese formativas nas empresas do sector.

Tecnoloxías disruptivas utilizadas nas empresas TIC galegas

A tecnoloxía disruptiva con máis presenza nas empresas TIC galegas é a Internet das Cousas (IoT) cunha porcentaxe do 36,5 %. O 31,9 % das empresas TIC galegas analizan Big Data, cun crecemento do 41,8 % respecto ao ano anterior.

O 29,9 % das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Business Intelligence e o 32,2 % emprega Chatbots. Respecto á IA, o 28,1 % das empresas TIC galegas utilizan Intelixencia Artificial o que supón un crecemento do 30,1 % no último ano.

Xestión Empresarial, Conectividade e Redes Sociais

A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas é a fibra óptica, co 72,6 % de cota de mercado. A velocidade de conexión continúa a mellorar e o 83,4 %, dispón dunha velocidade de conexión igual ou superior a 100 Mbps, cun crecemento do 2,2 % no último ano.

O 74,9 % das empresas TIC fixeron compras de bens ou servizos na rede en 2022, cun peso do 59,6 % sobre o total das compras das empresas que utilizan esa canle. O 26,9 % vende a través da rede, e o seu peso acada o 56,1 % do importe facturado por estas empresas. O 62,2 % das tecnolóxicas galegas emprega servizos de Cloud Computing, o que supón un crecemento do 6% respecto ao 2021.

Respecto á presenza en internet, no 2022 un 87,5 % das empresas TIC galegas conta con páxina web e o uso de redes sociais acadou o 48 %, cun crecemento do 12,4 % nos últimos dous anos.

Crece a porcentaxe de empresas do sector tecnolóxico que envían ou reciben facturas electrónicas. No 2022, o 67,8 % das empresas TIC galegas envían facturas electrónicas e o 38,9 % recíbenas, o que supón un 25,8 % e 13,7 % máis que o ano anterior.

Ciberseguridade

O 24,8 % das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano 2022. Os intentos de estafa e os ataques de virus foron os incidentes máis frecuentes entre as empresas que tiveron problemas coa ciberseguridade. O primeiro (intentos de estafa) creceu un 14 % no último ano.

Os resultados detallados do estudo están dispoñibles na web www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS