main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/06/202308:10
Dous rapaces montando un robot.
San Sadurniño

A Aula CeMIT de San Sadurniño ofrece dous obradoiros para que a rapazada experimente coa tecnoloxía

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organiza en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) dous obradoiros prácticos arredor da tecnoloxía no marco da iniciativa Girl STEAM. Trátase de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (acrónimo inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). Estes obradoiros desenvolveranse na Aula CeMIT de San Sadurniño os días 4 e 5 de xullo. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese contactar coa aula en cemit.sansadurnino@xunta.gal ou no teléfono 616 016 393. A proposta é gratuíta e só oferta 10 prazas para cada xornada.

A primeira das sesións, a que se desenvolverá o 4 de xullo de 10 a 13:00h, está pensada para nenas e nenos de 8 a 11 anos. Iniciarán a xornada cunha pequena introdución á técnica de animación stop-motion e, deseguido, poranse ao labor por equipos para produciren a súa propia peza, coa particularidade de que empregarán un circuíto de luces led deseñado por elas e eles mesmos.

O circuíto será a base para o guión e para a construción dunha historia visual contada fotograma a fotograma, igual que os debuxos animados, que cumprirá montar na parte final do obradoiro para ver o resultado e presentar o traballo. O segundo obradoiro tamén terá lugar na Aula CeMIT (no primeiro andar da Casa da Cultura) o 5 de xullo entre as 10:00 e as 13:00h. Neste caso vai dirixido a mozas e mozos de 12 a 15 anos coa misión de traballaren en grupos programando sensores Arduino. “Os dispositivos han de configurarse para que sexan capaces de reaccionar a cambios de distancia, luz e inclinación dunha prenda téxtil”, explícase dende o Concello. Ambas actividades encádranse no programa Girl STEAM da AMTEGA, que ten como obxectivo “motivar as vocacións tecnolóxicas entre a xuventude, tendo como guías a profesionais de recoñecido prestixio en cada eido e, neste caso, enxeñeiras e enxeñeiros que forman parte do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia”. Para participar nos obradoiros é necesario inscribirse na Aula CeMIT de San Sadurniño, a través do móbil/whatsapp 616 016 793 ou enviando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal. En cada un deles ofértanse un máximo de 10 prazas.

17/06/202312:30
Momento do pleno do Osimga.
Santiago de Compostela

O Observatorio da Sociedade da Información analizará o nivel de dixitalización das persoas maiores e o uso do galego nas TIC

  • Son os novos informes que publicará o OSIMGA ao longo desta anualidade
  • O director da Axencia para a Modernización tecnolóxica presidiu esta semana o pleno anual do Observatorio, no que se deu a coñecer o seu plan de traballo 2023
  • Ademais, o organismo contará con novas ferramentas dixitais e audiovisuais de consulta e difusión de datos

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) celebrou esta semana o seu pleno anual, onde se deu a coñecer o plan de traballo para esta anualidade, que inclúe dous novos estudos sobre a dixitalización das persoas maiores e uso do galego no eido dixital.

O pleno, presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, deu conta tamén dos avances impulsados tras os dous primeiros anos de desenvolvemento da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD 2030) para a transformación dixital da comunidade.

Novos informes

No plan de traballo 2023 o OSIMGA comprométese a publicar dous novos informes: “Seniors dixitais” e “O uso do galego nas TIC”, do que o IGE realizará a recollida de datos en 2023 e permitirá ao Observatorio elaborar o informe no ano seguinte.

Algúns informes temáticos que se estaban a elaborar de forma puntual, pasarán a partir deste ano a ser periódicos. Trátase dos informes “Rapaciñ@s dixitais”, “Competencias dixitais da poboación galega”, “Talento dixital, traxectoria laboral dos perfís STEM en Galicia”, “Tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia” e “Tecnoloxías disruptivas nas empresas TIC de Galicia”.

Ademais, no pleno anunciouse a renovación do proxecto técnico do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información, que serve para seleccionar e difundir periodicamente novos datos estatísticos sobre a dixitalización da sociedade galega. Tamén se despregarán novas ferramentas de comunicación dos datos mediante un cadro de mando interactivo de consulta de indicadores e a elaboración de vídeos divulgativos propios.

No pleno presentouse, tamén, o balance do compromisos adquiridos en 2022, como a realización dunha nova edición de estudos como “As Competencias Dixitais da Poboación Galega”, “Galicia Dixital: Tecnoloxías Disruptivas nas empresas”, o informe “Rapaciñ@s Dixitais” e o informe “Talento dixital: evolución da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia”. Así mesmo cumpriuse o compromiso de elaborar o primeiro informe sobre “Tecnoloxías disruptivas no sector TIC de Galicia”. Por último, executáronse as colaboracións previstas con Ciber.gal e o Consello Galego das Mulleres na realización dos respectivos estudos sobre ciberseguridade en Galicia e sobre a relación das galegas coas TIC.

Dous anos da Estratexia Galicia Dixital 2030

A sesión plenaria acolleu, ademais, a presentación do balance de actuacións dos dous primeiros anos da Estratexia Galicia Dixital 2030, afondando nas principais medidas postas en marcha no eido dos sete eixes estratéxicos que constitúen a folla de ruta para a transformación dixital de Galicia.

Nestes dous anos deuse continuidade ás actuacións enfocadas a consolidar unha administración intelixente e a prestación de servizos públicos dixitais; a fomentar a educación, capacitación e talento dixital da cidadanía; a impulsar a economía dixital para un territorio intelixente; e ao fortalecemento do ecosistema dixital e da especialización tecnolóxica de Galicia.

16/06/202320:26
Talentos Inclusivos.
A Coruña

A Xunta destaca o éxito da terceira edición do programa Talentos Inclusivos

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacaron hoxe o éxito do programa Talentos Inclusivos, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de persoas con Parálise Cerebral (Aspace). O museo Domus da cidade herculina acolleu hoxe a clausura da terceira edición deste programa.

Dez centros de ensino de Galicia participaron nesta iniciativa que ten un dobre obxectivo. Por un lado, achegar e fomentar o uso das novas tecnoloxías entre a mocidade e, por outro, dar a coñecer e sensibilizar sobre a realidade da discapacidade. As impresoras 3D, os videoxogos ou a xeolocalización, foron algúns dos campos nos que traballou o alumnado nesta edición de Talentos Inclusivos.

13/06/202313:47
Inauguración da xornada de Ciber.gal.
Ourense

A Xunta destaca a crecente demanda de perfís especializados en ciberseguridade e a necesidade de xerar e reter talento neste ámbito

  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño, inaugurou hoxe en Ourense unha xornada sobre as perspectivas de futuro desta tecnoloxía en Galicia
  • Lembrou que o 30% das pemes e grandes empresas galegas están a demandar estes perfís profesionais
  • Subliñou a importancia crecente da ciberseguridade, parella á universalización dos servizos dixitais
  • Destacou o esforzo da Comunidade para estar á vangarda neste ámbito

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, sinalou hoxe que Galicia precisa talento especializado en ciberseguridade para continuar afrontando os retos da dixitalización. O responsable autonómico inaugurou esta mañá a xornada Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) en Ourense, animando aos alumnos a explorar as oportunidades laborais que ofrece esta tecnoloxía.

O director da Axencia lembrou que en Galicia “o 30% das pemes e das grandes empresas están a demandar traballadores en ciberseguridade ou pensa facelo nun futuro”. Ademais, sinalou que en España prevese que “o mercado da ciberseguridade acade os 2.000 millóns de euros en 2024”, o que se traduce nunha alta demanda de profesionais do sector.

Cerviño incidiu en que a ciberseguridade é unha prioridade para os gobernos de todo o mundo e subliñou que “protexer a información na contorna dixital e frear a crecente ameaza da ciberdelincuencia non é unha opción, senón unha necesidade”. Por iso, destacou o esforzo da Comunidade para situarse á vangarda nesta tecnoloxía como unha das liñas de actuación da Estratexia Galicia Dixital 2030, que contempla a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en San Cibrao das Viñas.  

Preto de 200 inscritos

Preto de 200 persoas participan hoxe, de xeito presencial e online, nesta xornada organizada polo Nodo CIBER.gal en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, no campus de Ourense.  

O obxectivo do encontro é achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaboran entidades e persoas referentes neste ámbito como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros.  

Ao longo do encontro abordarase a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos. Tamén se analizará a evolución e futuro do Nodo Galego de Ciberseguridade, e terán lugar  obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade.  

Nodo CIBER.gal

O CIBER.gal é un proxecto de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e afrontar os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo.

06/06/202309:27
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

As tres primeiras ferramentas dispoñibles do Proxecto Nós posibilitarán a interacción en galego entre os usuarios e os dispositivos tecnolóxicos

  • O conselleiro de Cultura, o reitor da USC e o director da Amtega presentan os últimos avances deste proxecto que busca introducir o galego na vangarda tecnolóxica
  • Son un tradutor neuronal multilingüe, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego e o converte a texto e unha aplicación que a partir dun texto é quen de ler en galego
  • Estarán dispoñibles proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar
  • Estes avances “permitirán non só reforzar a proxección exterior da nosa lingua, senón tamén a expansión económica do galego como vehículo de comunicación nos mercados globais”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación das primeiras ferramentas resultantes do Proxecto Nós, a iniciativa que traballa en incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais. Trátase de tres aplicacións sen precedente en Galicia que permitirán a interacción en lingua galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos.

No acto, que tivo lugar no edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede do Proxecto Nós, tamén participaron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño e a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández.

O titular de Cultura referiuse en concreto ao primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, ao recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e á aplicación de síntese de voz que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega. Un exemplo das aplicacións desta última ferramenta xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta de Galicia lanzou polas Letras Galegas 2023, onde “presentamos a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desta iniciativa”, indicou Román Rodríguez.

Estes avances, do que o tradutor xa está dispoñible e os outros dous o estarán nun breve prazo de tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto os poida usar de xeito gratuíto, “permitirán non só reforzar a proxección exterior da nosa lingua, senón tamén a expansión económica do galego como vehículo de comunicación nos mercados globais”, engadiu o conselleiro.

Respecto aos próximos obxectivos, o representante autonómico sinalou que o Goberno galego e a Universidade de Santiago de Compostela “continuarán traballando na recompilación de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que existe por toda Galicia”, o que permitirá seguir mellorando os modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a Nós para o resto de linguas do Estado. Ademais, “queremos fortalecer as aplicacións que se farán en eidos como o sanitario, o educativo, o asistencial...” concluíu o titular de Cultura.

O galego, na vangarda tecnolóxica

Impulsado inicialmente pola Xunta e a Universidade de Santiago, o Proxecto Nós, que foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua, supón o maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia de Galicia.

A este traballo a prol da inclusión da lingua galega no mundo dixital e das tecnoloxías súmanse outras accións impulsadas ou apoiadas polo Goberno galego como son a opción de configurar en galego tanto a aplicación musical Spotify como o novo modelo de calculadoras ClassWiz de Casio, así como os acordos con plataformas audiovisuais como Netflix ou Amazon Prime para incluír títulos dobrados ou subtitulados nas linguas cooficiais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS