main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/05/202312:54
Materiais disruptivos da Rede CeMIT.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Rede CeMIT súmanse á celebración do Día de Internet

  • A Rede CeMIT participa na conmemoración do Día de Internet co webinar “Inclusión dixital: a tecnoloxía como ferramenta de accesibilidade para a cidadanía”
  • A programación formativa complementarase con iniciativas como o Escape Room “Cidadanía Dixital e Dereitos Dixitais na aula” e un ciclo de seminarios online gratuítos en colaboración coa Asociación Somos Digital
  • O obxectivo destas actividades é seguir impulsando o acceso e o uso das tecnoloxías na sociedade situando ás persoas no centro dun entorno cada vez máis dixital

A Rede CeMIT, liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, participa nos actos conmemorativos do Día de Internet, que se celebra o 17 de maio, baixo o lema “Cidadanía dixital dereitos e oportunidades”, organizados pola Asociación Somos Digital

CeMIT desenvolverá unha sesión online para responsables de centros de competencias dixitais, en colaboración co GaiásTech, sobre a “Inclusión dixital: a tecnoloxía como ferramenta de accesibilidade para a cidadanía”, que terá lugar mañá, 9 de maio, en horario de 10:00 a 12:00 horas.  

Durante esta xornada, dirixida pola mestra en pedagoxía terapéutica e psicopedagoga Sara García, trataranse temas como o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), piar fundamental para o cambio cara á inclusión na formación.

A través desta sesión, a Rede CeMIT da continuidade á súa labor de impulso e mellora das competencias dixitais da cidadanía, así como a súa autonomía á hora de empregar a tecnoloxía, poñendo en valor o traballo realizado polo persoal dinamizador das súas aulas. 

Actividades para celebrar o Día de Internet

A programación formativa compleméntase con outras dúas propostas impulsadas desde a Asociación Somos Digital. A primeira delas será o Escape Room “Cidadanía Dixital e Dereitos Dixitais na aula”, ao que se poderá acceder desde os centros de competencias dixitais de toda España entre o 16 e o 30 de maio. Trátase dunha actividade interactiva que permitirá realizar unha viaxe polo “Mundo Dixital”, realizando preguntas sobre que é a Cidadanía Dixital e cales son os dereitos dixitais que garanten o acceso, o uso responsable e a seguridade no uso diario da tecnoloxía.  

O ciclo de webinars terá lugar entre o 4 e o 19 de maio e agrúpase en 4 temáticas: cidadanía dixital inclusivacidadanía dixital seguracidadanía dixital e e-Administración e cidadanía dixital e dereitos, que responden á actividade de promoción e acompañamento aos distintos grupos de poboación que veñen realizando os centros de competencias dixitais.

#diadeinternet nos centros de competencias dixitais

O 17 de maio é a data designada pola ONU para a conmemoración a nivel mundial do proxecto de dinamización social que se constrúe ao redor das novas tecnoloxías. O Día Mundial da Sociedade da Información celébrase anualmente e serve para dar a coñecer mellor a importancia que ten este recurso mundial e, en especial, as posibilidades que poden ofrecer as TIC á sociedade e á economía e as diferentes formas de reducir a fenda dixital.  

07/05/202312:29
STEM.
Santiago de Compostela

Galicia incrementa a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e reter talento dixital

  • A porcentaxe de matriculados en carreiras STEM no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6 % en dous anos
  • Os titulados nestes estudos que optan por traballar fóra da Comunidade diminúe en máis de 4 puntos
  • Preto do 80% das persoas tituladas na área STEM seguen a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos e máis dun 90% volvería a cursar a mesma carreira

A porcentaxe de matriculados en carreiras STEM no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6% en dous anos e preto do 80% dos titulados neste área seguen a traballar en Galicia cinco anos despois de rematar os seus estudos. Así se desprende dos datos do estudo “Talento dixital: estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia. Edición 2023”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que analiza a evolución destes perfís profesionais durante o período 2019-2023.

Os datos sinalan que Galicia está a incrementar a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e tamén para reter talento. En dous anos o número de persoas matriculadas en carreiras STEM pasou de 12.996 matriculacións a 13.469. Ademais, preto do 80% das persoas tituladas en carreiras STEM está a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos. A porcentaxe de titulados neste área que optan por traballar fóra de Galicia nos cinco primeiros anos da súa traxectoria laboral pasou do 24,7% no 2019 ao 20,3% no 2021. Ademais, os egresados en STEM presentan un alto grao de satisfacción cos estudos universitarios e máis do 90% volvería a cursar a mesma titulación.

A fenda dixital de xénero segue presente nos estudos STEM e é especialmente acusada na FP, na que as mulleres só representan o 12,4% do alumnado. No bacharelato o 47,5% do alumnado de “Ciencias e tecnoloxía” son mulleres pero na universidade esta porcentaxe queda no 34% a pesares de que en ambas etapas formativas as mulleres son, globalmente, máis do 55% do alumnado.

Por titulacións, as mulleres son minoría nas carreiras de enxeñerías e tecnolóxicas (informática, industrial e telecomunicacións). Son maioría nas Ciencias Naturais e en Matemáticas partían dunha situación igualitaria pero van perdendo peso no alumnado a medida que neste grao é máis difundida a súa relación coas tecnoloxías da información.

Inserción laboral e sectores

Respecto ao nivel de inserción laboral, o estudo sinala que o 87% das persoas tituladas na área STEM en Galicia está traballando aos cinco anos de titularse, cun crecemento do 4,1% respecto a dous anos antes. Resulta salientable que a inserción laboral das mulleres acada o 87,3% e supera lixeiramente á dos homes 86,6%.

Por outra banda, o tempo para acadar un posto de traballo entre os universitarios STEM en traballos relacionados reduciuse en máis de mes e medio.

O estudo reflicte tamén a aceleración da dixitalización no tecido produtivo e o aumento da demanda de tecnólogos e científicos en todos os sectores. Con todo, o sector TIC é a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (23,8%) seguido pola industria non TIC (16%) e as empresas non TIC de enxeñaría e servizos a empresas (13%). En cuarto lugar o sector público (Administración xeral, educación e sanitaria) emprega ao 12,6% de egresados.

Funcións actuais

As principais tarefas relacionadas coas tecnolóxicas máis disruptivas que están a desenvolver titulados STEM son Mobilidade, Tecnoloxías Cloud, Big Data, Ciberseguridade, Intelixencia Artificial, Tecnoloxías verdes, Internet das Cousas e Biotecnoloxía.

A estes roles súmanse as ocupacións máis “tradicionais” de titulados STEM como estratexia e xestión do Negocio no sector TIC, programación, desenvolvemento web e administración de sistemas, mantemento e xestión de redes, webs e sistemas informáticos e docencia en materias STEM.

As ocupacións emerxentes ou relacionadas con tecnoloxías disruptivas que máis aparecen na descrición dos empregos dos STEM son nos campos de Análise e ciencia de datos, Biotecnoloxía e Medio ambiente.

Demanda de persoal con titulación STEM no sector TIC

O 81,1% das empresas TIC que ofertan emprego para titulados STEM, indican que cubrir estes postos é difícil ou moi difícil.

En canto aos perfís concretos do persoal que demanda o sector TIC, máis do 48% das empresas TIC de Galicia busca perfís relacionados coa programación, desenvolvemento de aplicacións e desarrolladores de software en xeral; máis do 20% busca profesionais relacionados coas Tecnoloxías Cloud, a Xestión do dato e a Ciberseguridade; e máis dun 18% das empresas tecnolóxicas están demandando na actualidade perfís con coñecementos en Intelixencia Artificial.

Os resultados detallados do informe están dispoñibles na web www.osimga.gal.

05/05/202321:21
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos durante a clausura do congreso Ecosystems.
A Coruña

A Xunta presenta Galicia como un escenario de oportunidades para profesionais e empresas tecnolóxicas

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou esta tarde o Congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 Summit

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, referiuse hoxe a Galicia como un escenario de oportunidades para profesionais e empresas tecnolóxicas durante a clausura do congreso Ecosystems, que reuniu na Coruña a expertos mundiais neste ámbito.

Corgos apelou á visión estratéxica e ao traballo conxunto e coordinado entre a Administración, o coñecemento –representado polas universidades e centros de investigación­­–­, a sociedade e os sectores privados para converter Galicia nun territorio especializado en tecnoloxía e con capacidade para crear, reter e atraer talento dixital. A especialización tecnolóxica constitúe o eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Nesta liña, referiuse aos nodos como exemplo dese traballo conxunto. E citou o nodo CIBER.gal, un espazo de intercambio e diálogo no que coinciden máis de 50 entidades, entre elas, a Xunta, como promotora da iniciativa, as catro deputacións provinciais e os concellos; ou o nodo galicIA de Intelixencia Artificial, cunha importante implicación do sistema universitario público de Galicia.

Así mesmo, salientou a importancia do traballo conxunto e coordinado no proceso de selección convocado polo Estado que vai permitir que Galicia acolla a primeira axencia nacional europea de supervisión da intelixencia artificial; unha colaboración, aseverou, construtiva e xenerosa por parte de todos que permitiu a elaboración dun proxecto de país.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou a súa intervención na clausura do Congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 Summit, para agradecer aos participantes a súa asistencia e a súa contribución para consolidar Galicia como lugar de concentración do coñecemento europeo sobre Intelixencia Artificial.

28/04/202307:53
Estudantes sentados en pupitres vistos de costas.
Santiago de Compostela

A Xunta reforza os currículos de ESO e bacharelato con tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e de intelixencia artificial

  • Rueda anuncia a incorporación para o próximo curso das optativas Cultura Financeira, Intelixencia Artificial para a Sociedade e Tecnoloxías Intelixentes
  • As dúas primeiras ofertaranse para a etapa de ensino secundario obrigatorio e a terceira na etapa de bacharelato
  • Destaca que o obxectivo é “ir un paso por diante” e preparar aos alumnos “nas necesidades formativas do mañá”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai incorporar o vindeiro curso tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e da intelixencia artificial, que contribuirán ao reforzo dos currículos académicos do ensino secundario obrigatorio (ESO) e de bacharelato. “A nosa intención e ir un paso por diante das necesidades do futuro e preparar aos alumnos nas necesidades formativas do mañá”, indicou.

Unha vez previstos todos os trámites administrativos, a maiores do abano de materias que xa existen actualmente, tal e como explicou Rueda introdúcense as optativas “Cultura Financeira e Intelixencia Artificial para a Sociedade” na etapa de ESO e “Tecnoloxías Intelixentes” na etapa de bacharelato, que se ofertarán o próximo curso.

Cultura Financeira

A introdución desta materia no sistema educativo galego responde ás recomendacións dos estudos a nivel mundial que salientan a necesidade de iniciar a formación e alfabetización financeira xa no ensino obrigatorio, cun enfoque baseado na sustentabilidade e a xestión responsable dos recursos individuais e colectivos. “O obxectivo é que os rapaces adquiran coñecementos financeiros e promover patróns de consumo sostibles no tempo”, resaltou Rueda.

Así pois, en Galicia ofertarase Cultura Financeira como optativa para 3º curso de ESO cunha carga horaria de tres sesións lectivas semanais.  Partindo do coñecemento e a comprensión dos conceptos e riscos financeiros, no currículo da materia abordarase o desenvolvemento de habilidades, motivación e confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais, non só enfocadas á mellora individual, senón tamén a lograr o benestar financeiro da sociedade a través do fomento de patróns de consumo sustentables no tempo.

No que atinxe aos contidos, a materia establécese en catro bloques temáticos: diñeiro e transaccións, planificación e orzamento, a xestión bancaria das finanzas persoais e educación ao consumidor.

Intelixencia Artificial

Esta materia, que se ofertará para 4º de ESO e tamén cunha carga lectiva de tres horas semanais, responde a un dos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, que é o de perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para acadar unha verdadeira transformación dixital.

No seu currículo introdúcense aspectos da Intelixencia Artificial para “formalos como futuros usuarios destes sistemas intelixentes”. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal, habilidades e coñecementos desta disciplina para que se familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.

Nesta liña, a materia estrutúrase en catro bloques: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (no que se abordarán cuestións como a ética, a sustentabilidade e os aspectos legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a internet das cousas).

Tecnoloxías Intelixentes

A terceira materia coa que se reforza o sistema educativo galego de cara ao vindeiro ano é Tecnoloxías Intelixentes, que se ofertará en 1º curso de bacharelato cunha carga horaria semanal de catro sesións lectivas.

Esta materia céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas, empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados obtidos por modelos automáticos.

Paralelamente os estudantes poderán adquirir outras competencias transversais como pode ser a resolución de problemas, a toma de decisións nun contorno tecnolóxico ou a programación en linguaxes de programación de alto nivel.

Estruturado en catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe), e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade).

25/04/202320:44
Inauguración do curso de ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Xunta forma o persoal das administracións para incrementar a seguridade dos sistemas informáticos

  • A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organizan, en colaboración co Centro Criptolóxico Nacional, un curso superior en ciberseguridade
  • As 70 persoas que participan nesta edición, procedentes das administracións autonómica, local e das universidades, súmanse ás 100 que recibiron a formación nas dúas anteriores
  • Galicia rexistrou en 2022 case 19.000 estafas informáticas, o que representou un de cada cinco delitos penais cometidos na nosa Comunidade

Un total de 70 persoas empregadas públicas nas administracións autonómica e locais e nas universidades de Galicia, participan dende hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na terceira edición do curso superior de ciberseguridade.

O curso foi inaugurado este serán pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o xefe da Área de Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional (CCN), Pablo López; e o director do curso, Gustavo Herva.

O programa formativo, de 99 horas lectivas, está organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co CCN e a EGAP. Como xa sucedera en edicións anteriores, a demanda de inscricións foi moi superior ao número de prazas ofertadas.

Neste sentido, Julián Cerviño destacou o alto grao de satisfacción amosado polas persoas que participaron nas edicións anteriores, que avaliaron as clases telepresenciais cun 4,62 sobre 5. O director da axencia autonómica destacou que os contidos do curso están aliñados coas necesidades actuais no ámbito da ciberseguridade en Galicia, en España e en Europa.

Pola súa banda, a directora da EGAP destacou a importancia da formación no eido dixital para o persoal público, xa que a pesar de que existen medidas de protección fronte ás ameazas cada día xorden novas vulnerabilidades que supoñen importantes retos de seguridade.

Ademais, a directora da Escola lembrou a necesidade de ofrecer unha formación específica ao persoal empregado público que realice funcións TIC ante a extensión da administración electrónica e o incremento dos ataques informáticos.

O curso proporcionará ás persoas empregadas públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso, ao tempo que ofrece unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.

Os últimos datos indican que do total de infraccións penais rexistradas ao longo de 2022, o 20 % foron estafas a través de medios telemáticos. Esta porcentaxe representa unha cifra da case 19.000 delitos deste tipo.

Estratexia de colaboración

Galicia ten en marcha dende decembro de 2021 un proxecto para a mellora da ciberseguridade en administración local e cidadanía, en colaboración coas deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Esta iniciativa ofrece á administración local un completo catálogo de servizos de ciberseguridade e apóiase tamén na implantación das ferramentas do CCN. Ademais das catro deputacións, participan a práctica totalidade dos concellos de máis de 20.000 habitantes.

No ámbito da cidadanía realízanse actividades de formación e concienciación, entre as que destaca o programa “Identidade dixital e xestión segura das redes sociais”, que este curso chegará a máis de 3.000 alumnos de 130 centros educativos. Desenvólvense tamén sesións sobre ciberseguridade para persoas maiores en aulas CeMIT de 17 concellos. A finais de 2022 púxose en marcha o portal web ciberseguridadegalicia.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS